O ENTROIDO EN GALICIA

Page 1

O ENTROIDO

EN GALICIA

Documento elaborado por alumnado de primeiro da ESO do IES Isaac DĂ­az Pardo de Sada, como proxecto de traballo para a materia de Lingua Galega e Literatura.

SADA, febreiro de 2013


AUTORES Nasr Eddine Akeb Daoud Alejandro Babío Prada Desirée Alejandra Balboa Vázquez Raúl Barcia Vázquez José Batalla Cobas Cristina Braña Machado Berta Cadaveira Regueiro Samaira Carracedo Joglar Xandre Carral Parrado Silvia Castro Caamaño Javier Cobas Silvestre Marcos Colón García Alba García Costoya Amanda Fernández Araico Martín Gómez Vázquez Alberto Herreras López Aritz Jiménez Ruíz

IES ISAAC DÍAZ PARDO Sada, febreiro de 2013


ORIXE E SIGNIFICADO

O

Entroido é unha festa de marcado carácter popular que ten a súa orixe probablemente na celebración da fin do inverno e o comezo da primavera. É a celebración máis irreverente do calendario festivo galego xa que estamos nunha época na que se poden romper as normas convencionais, cambiar de personalidade e criticar a calquera persoa ou institución sen sufrir castigo. Esta celebración festiva subsiste como una das máis populares precisamente debido a que é unha festa que invita á participación de todos, sen prexuízos nin distincións. Ademais o anonimato que proporcionan as máscaras e os disfraces é un dos seus principais atractivos, pois permítelle á xente facer máis cousas do que acostuma, ou que nunca faría. Hai quen di que o Entroido vén da tradición celta; outros que a súa orixe pérdese na noite dos tempos da antiga Grecia cando se adoraba o Deus do viño, Baco ou Dioniso. Coa chegada do cristianismo, moitas festas pagás foron cristianizadas, polo que á orixe tradicional se lle engadiu a cristiá, é dicir, a despedida da carne antes do período de abstinencia da Coresma, período de corenta días que se inicia o Mércores de Cinza e que remata xusto antes da Última Cea do Señor na tarde do Xoves Santo. O certo é que o termo “Entroido” deriva de “Introitum”, que significa “a entrada á Coresma”. As características comúns destes días son o comer, beber e cantar, rirse do máis sagrado, é dicir, as cousas que non se fan habitualmente. Popularmente fálase do triunfo de "don Carnal" sobre "dona Coresma", que reinará nos seguintes corenta días, ata a celebración do Xoves Santo.


O CICLO DO ENTROIDO

O

Entroido supón unhas pequenas vacacións dentro do calendario académico e unhas xornadas de lecer, sobre todo de tipo gastronómico, para todos os cidadáns. Porén, o ciclo de celebracións non se limita aos tres ou catro días finais, senón que xa empeza un par de semanas antes. Malia que este ciclo presenta variantes dependendo da zona, en termos xerais podemos trazar as seguintes celebracións: - Domingo Fareleiro ou Borrallento: Dous domingos antes do domingo de Entroido. O costume é que os veciños se manchen uns aos outros con “borralla” ou “farelo”, a fariña de peor calidade.

- Xoves de Compadres: O seguinte xoves é cando se dá esta tradicional pelexa entre sexos. As mozas do lugar fabrican un ou varios bonecos que representan os mozos e que queren queimar. Os mozos loitan por llelo roubar e prodúcese a entrada no corpo a corpo que provoca a ledicia de todos, os participantes e os visitantes.


- Domingo Corredoiro ou Oleiro: O domingo anterior ao do Entroido. Varía segundo o lugar de celebración. Tradicionalmente era cando se facía a corrida do galo. En Laza lánzanse formigas enriba da xente e faise a farrapada, loita con farrapos enchoupados en lama ou esterco. En Xinzo celébrase o xogo das olas, no que os participantes se pasan olas de barro, e a aquel que a rompa debe pagar unha rolda.

- Xoves de Comadres: O mesmo que o de Compadres, mais son os mozos os que fan os bonecos e as mozas as que loitan por llelo sacar. - Domingo de Entroido: É o día da festa maior. Celebración polas rúas, nas tabernas e culto ao xantar e á esmorga. O único límite pono o aguante do corpo. Practicamente en todos os lugares de Galicia se celebran desfiles de comparsas tocando “o folión”, ruído provocado por calquera artefacto creado para a ocasión ou a través da percusión de elementos diversos.


- Luns de Entroido: Continúa a festa e os desfiles amenizados por bandas de gaiteiros, etc. Nalgúns lugares celebran a “guerra dos farrapos”, farrapos enlamados, ou cheos de bosta que serven como arma na batalla campal que se forma. Xa pola noite é o momento dos “entremeses”, na Coruña “os Apropósitos” que son pequenas representacións dramáticas protagonizadas por personaxes populares nas que se critican persoas, institucións e acontecementos xurdidos na vila ou na cidade. Os da Coruña xurdiron como oración burlesca fúnebre previa ao enterro da sardiña o mércores de cinza. Pouco a pouco foron adquirindo máis relevancia e todos os anos se representan o luns e o martes de Entroido.

- Martes de Entroido: En moitos lugares celébranse os “Testamentos” do Entroido ou do Meco, uns textos irónicos cargados de crítica e burla dos personaxes, institucións e acontecementos máis importantes da localidade. Noutros quéimanse “os lardeiros”, os bonecos que representan os mozos e mozas da vila e que para a ocasión se enchen de petardos. Segue a festa rachada dos días anteriores.


- Mércores de Cinza: É o remate do Entroido. Quéimase o Meco ou representación do Entroido. Noutros lugares entérrase a “Sardiña”, ou guíndase ao mar ou ao río.


PERSONAXES DO ENTROIDO

O

verdadeiro protagonista do Entroido é por unha banda “o disfrace” e por outra, “o porco”. Das viandas xa nos preocuparemos máis adiante. Agora imos cos distintos personaxes que aparecen en Galicia.

- OS CIGARRÓNS.(VERÍN) Son os personaxes centrais do Entroido en Verín. Portan un traxe que pesa uns vinte e cinco quilos. A máscara, elaborada a partir de madeira de bidueiro, porta unha mitra de metal decorada na súa parte superior con motivos animais ou vexetais. Levan camisa branca con gravata e chaqueta con galóns e charreteiras. Na cintura o cinto coas chocas por detrás. Faixa, calzón curto e medias. Levan unha fusta coa que golpean as persoas que non manteñen a orde nos desfiles do Entroido. Existen varias teorías sobre a súa orixe. Uns sitúanos no século XVI cando o Conde de Monterrei exercía o seu poder na bisbarra e valíase de cobradores de tributos. Outros falan de levantadores da caza, por iso das chocas. Tamén a sitúan como reminiscencias de rituais prehistóricos. A tese máis actual fala dun personaxe relacionado con festividades relixiosas.


- OS PELIQUEIROS. (LAZA) Semellantes ao Cigarrón, reciben o seu nome da pel do animal (pelica) que colga da parte traseira da máscara a xeito de coleta. Os peliqueiros de Laza desprázanse en ringleira, correndo a pequenos brincos rúa arriba, rúa abaixo, abríndose paso coa “zamarra” (mallo, ou fusta) e o son das súas chocas. O Domingo de Entroido, pola mañá é cando ten lugar a chamada “Estrea dos peliqueiros” á saída da misa.


- AS PANTALLAS.(XINZO DE LIMIA) As Pantallas aledan o Entroido co son das campaíñas que rodean a súa cintura e ábrense paso entre a xente golpeando dúas vexigas de vaca secadas e infladas que levan nas mans. A súa misión é velar porque todo o mundo vaia disfrazado, e se te collen sen disfraz faranche pasar un momento incómodo e ademais terás que pagarlles uns viños. O seu nome vén dado pola carauta ou máscara (pantalla) que se confecciona de xeito artesanal con cartón, papel de periódico, feltro, engrudo de fariña, auga e pintura. Teñen cara de diaño con cornos e fanse dunha soa peza, decorada con motivos astrais, que se encasqueta na cabeza a xeito dun gorro ríxido. Visten de branco e levan unha capa vermella. Tamén levan faixa vermella e por riba dela o cinto coas campaíñas. As pantallas soamente poden saír de día e non poden tocar as persoas.


- OS XENERAIS DA ULLA. A bisbarra natural da Ulla posúe un orixinal Entroido. Os personaxes máis importantes son os xenerais e os correos a cabalo que percorren as parroquias ao longo do día dando vivas, acompañados dun exército de abandeirados, coros, comparsas e esmorgas. A súa orixe non está clara, se ben semella ter relación coa loita contra os franceses, ou coas guerras carlistas. No enfrontamento verbal que se pode dar entre dous exércitos (invasor e local) teñen cabida a crítica social e a retranca.Os correos son os encargados de anunciar coa súa presenza a chegada da comparsa. A sentinela é quen lle dá o alto e xa se produce o primeiro “atranque” verbal. Os xenerais son os auténticos protagonistas. Visten chaqueta azul con charreteiras e unha banda coa bandeira española ou galega. Pantalóns brancos ou azuis con bandas e faixa vermella. Un sombreiro engalanado (bi ou tricorne) e rematado con plumas de pavo real. Portan espada e bastón de mando. Os cabalos dos xenerais tamén son ataviados ricamente para a ocasión.


- OS BOTEIROS.(VIANA DO BOLO) En Manzaneda, Viana do Bolo e Vilariño de Conso o Entroido caracterízase por unhas comitivas chamadas “foliós” nas que participa todo o mundo, aínda que a figura máis importante é o Boteiro. Leva unha rechamante máscara negra, a chamada pantalla, e sobre a cabeza un ornamento de vivas cores. A súa vestimenta está composta por tres pezas: uns pantalóns de raso vermello, unhas polainas de coiro (leguis), e unha camisa confeccionada a partir dunha camiseta de felpa sobre a que se cosen cintas rizadas de seda ou raso que forman vistosos debuxos de moito colorido. O cinto porta axóuxeres que soan cando o boteiro brinca. Leva tamén unha pértega curta chamada “monca” que usa para dar grandes brincos.


- OS VOLANTES.(CHANTADA) Os Volantes dotan a celebración do Entroido chantadino dunha forte singularidade. Portan sobre a súa cabeza os “puchos”, enormes gorros que forman pesadas estruturas de madeira e vimbio sobre a que colgan cintas ou “colonias” de moita anchura e lonxitude profusamente coloradas. Tamén é frecuente que colguen sobre o pucho bonecas e flores. Nos ombreiros levan un pano chamado “portugués”. A vestimenta presenta unha serie de bandas de cores rechamantes. Portan un cinto feito en coiro sobre o que penden 24 campaíñas que se van alternando en función do seu son. As de timbre grave (machos) e as de timbre agudo (femias) que van anunciando a festa por todo canto sitio pasan.


- OS CHOQUEIROS. (A CORUÑA) Coa palabra choqueiro podémonos referir a unha persoa de pouca educación, que carece de instrución. Tamén a podemos utilizar para denominar á persoa que se dedica á pesca dos chocos. Pero no Entroido falamos dos choqueiros referíndonos ás persoas que se disfrazan con máscaras e roupas vellas. Disfraces de elaboración propia onde a imaxinación é o factor clave. Ademais do disfrace, a denuncia social e a transgresión das normas. Os homes vístense de mulleres e as mulleres de homes. A tradición dos choqueiros naceu antes do franquismo no entorno da rúa da Torre, na Coruña, e conseguiu manterse pese á censura e prohibicións da época. Iso si, o control era férreo e en todos os cruzamentos das rúas a policía impedía que os choqueiros se desprazasen a outras zonas da cidade.


O Loro Ravachol

Os Merdeiros

Os Troiteiros

A Mázcara

As Alpuxarradas

AS ALPUXARRADAS (Viveiro) OS CHOQUEIROS (A Coruña)

OS XENERAIS (A Ulla) MÁZCARA (Manzaneda)

O LORO RAVACHOL (Pontevedra) OS MERDEIROS (Vigo)

OS VOLANTES (Chantada)

TROITEIROS (Bande) AS PANTALLAS (Xinzo de Limia)

OS CIGARRÓNS (Verín)

OS PELIQUEIROS (Laza)

OS BOTEIROS (Viana do Bolo)


A GASTRONOMÍA Dentro da filosofía do Entroido está o comer e o beber ata o límite. O lacón con grelos, a cachucha, as orellas, os chourizos, a androlla…, e de sobremesa as filloas, a bica, as orellas… Para regar estas viandas, un bo tinto de Amandi e xa co café caña do Ribeiro. Velaí van as receitas tradicionais do cocido, das filloas e das orllas.

Cocido Ingredientes: - 300 g de lacón - 1 costela de porco - medio polo - media cachucha de porco - 4 chourizos - 100 g de touciño - unto - 400 g de patacas - 400 g de verdura (grelos, nabizas, repolo...) - 300 g de garavanzos - un dente de allo - 6-8 culleres de aceite - 1 chisco de pemento doce Elaboración: Colle unha ola grande e énchea ata o medio de auga. Cando ferva, bota o unto, co que se consegue aumentar o sabor do cocido. Unha vez que se vaia desfacendo o unto, engade o lacón, que precisará de dúas horas de cocción a medio lume. Despois bota a costela de porco, co touciño e o medio polo para que cozan durante uns dez minutos. Engade a seguir as verduras e os garavanzos (que xa estarían a remollo do día anterior). Deixa que coza todo durante uns minutos e engade as patacas. Cando as patacas case estean cocidas, só nos faltaría engadir os chourizos, que necesitan un cuarto de hora para facerse. Unha vez que estea o cocido, escórreo e sírveo nunha fonte grande, á que lle podes engadir un chisco de pemento doce. A auga do cocido podes aproveitala para faceres unha sopa.


Filloas Ingredientes: - 5 ovos - 2 litros de leite - 200 gramos de fariña - un cacho de touciño - sal - azucre Elaboración: Bate os ovos e mestúraos co leite e coa fariña, ata que quede feita unha crema líquida. Engade un chisco de sal. Colle despois o filloeiro ou unha tixola e úntaa con touciño ou graxa de porco. Reparte ben a crema líquida por toda a superficie, intentando que a filloa quede fina. Cando os bordos se despeguen sós, xa está dourada por un lado, así que dálle a volta ata que se doure polo outro. Se as queres doces, coloca as filloas nun prato e bótalles azucre por riba, ou mel.

Orellas Ingredientes: - 1 ovo enteiro - 2 xemas e 2 claras montadas - 1 vaso de leite - medio quilo de fariña - 100 g de azucre - 50 g de manteiga fundida - unhas pingas de anís - a rela dun limón Elaboración: Mestura todos os ingredientes nun recipiente ata conseguir unha pasta compacta que non se pegue nas mans. Tápaa e déixaa repousar unha hora. Despois colócaa nunha superficie con fariña e estira a masa o máximo posible, intentando que quede unha masa moi finiña. Córtaa en forma triangular ou de orella de porco e bótaa nunha tixola con abundante aceite quente (se é posible, de oliva). Cando estean douradas é que xa están listas. Retíraas a unha fonte e bótalle azucre por riba.


ENTROIDO EN SADA


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.