poesía necesaria
Literatura galega do século XX e da actualidade
IES Isaac Díaz Pardo. Sada XOSÉ SEOANE CAO
Introdución (in)necesaria A poesía vén perdendo cada vez máis espazo no mundo do ensino. O profesorado debe facer un esforzo extra para que isto non continúe xa que a lectura de poemas traerá consigo e de forma inmediata, ademais do goce persoal, novos termos e conceptos para escribir e expresarse mellor. As emocións están a flor de pel e debemos aprender a xestionalas e expresalas; aí a poesía xoga un papel fundamental. Escribimos o que sentimos e lemos o que escribimos e así reflexionamos sobre o sentido e reconfortámonos con todo iso. Realmente, a poesía posúe moitos valores, pero o principal é que enriquece a nosa visión do que percibimos. Non deixemos a poesía de lado, fomentemos a súa lectura, compartamos a súa experiencia, vivenciemos a súa estética, gocemos do seu contido…
Que é a poesía, cales son as súas características fundamentais? A poesía fai que poidamos expresar con poucas palabras e ademais dun xeito que lle confira beleza formal, unha estética non exenta de contido, os sentimentos, as vivencias, as experiencias difíciles de describir. Segundo a definición da Real Academia, a poesía é unha manifestación da beleza ou sentimento estético por medio da palabra en verso. A alma da poesía está baseada no sentimento de exaltación estética, xa sexa cara ás persoas, obxectos, paisaxes…, é dicir, cara a todo o que existe tanto no ámbito obxectivo como no subxectivo. As partes da poesía son: o verso, que pode ser unha palabra ou liñas de palabras; a estrofa, que é o conxunto de todos os versos, e o poema, que é a unidade maior con sentido completo. A través da poesía, a autora, o autor transmite un determinado estado de ánimo, é dicir, a poesía caracterízase pola introspección e a expresión dos sentimentos. Un poema non narra unha historia propiamente dita, nel non se desenvolve unha acción, senón que o poeta expresa, de maneira inmediata e directa, unha emoción determinada. A poesía esíxelle un esforzo de interpretación ao lector, que debe estar, cando menos, algo habituado a esta forma de expresión literaria. Adoita haber unha grande acumulación de imaxes e elementos con valor simbólico. A meirande parte dos poemas caracterízanse pola súa brevidade; non é frecuente que sobrepasen os cen versos. Un poema é a expresión directa do sentimento do poeta ao lector, isto é, debe ser considerado una especie de confidencia feita a soas. A poesía, ao ser eminentemente subxectiva e estar expresada, con grande frecuencia, en primeira persoa, convértese así, nun relato autobiográfico, aínda que non debemos confundir o eu poético co autor que hai detrás, xa que pode estar expresando sentimentos que non sente en realidade, co que o poema non sería máis que un exercicio estético.
2
Forma ou expresión A maneira en que se manifesta o texto, isto é, como se di o que se di ou o que se quere dicir. A nivel gráfico o característico é a disposición en verso. Aínda que tamén se pode organizar o texto en forma de debuxo (tipograma, mediante caracteres de imprenta, ou caligrama, mediante caracteres escritos á man). A disposición acróstica é aquela na que as letras inicias compoñen una palabra ou frase ao ser lidas verticalmente. A disposición en palíndromo é o conxunto de letras que pode ser lido igual de esquerda a dereita que de dereita a esquerda. O nivel fónico comprende os fenómenos perceptibles a través do son: Onomatopea: Imitación fónica de sons reais. Aliteración: Repetición dun ou varios fonemas. Paronomasia: Colocación próxima de dúas palabras fonicamente semellantes. Métrica: O número de sílabas fonolóxicas pode verse alterado polos seguintes fenómenos métricos: Final esdrúxulo, cando o verso remata en palabra esdrúxula compútase unha sílaba menos. Final agudo, cando o verso remata en palabra aguda, compútase unha sílaba máis. Sinalefa: Cando o remate dunha palabra e o comezo da seguinte son vocálicos, compútanse como unha soa sílaba. Hiato: Cando no mesmo caso anterior se computan dúas sílabas. Sinérese: Cando nunha palabra dúas vogais fortes –a,e,o- se pronuncian ditongadas compútanse como unha soa sílaba. Diérese: Cando dúas vogais ditongadas se pronuncian separadas compútanse como dúas sílabas. Aférese: Supresión dunha sílaba ao principio de palabra. Prótese: Adición dunha sílaba ao principio de palabra. Síncope: Supresión dunha sílaba no medio dunha palabra. Epéntese: Adición dunha sílaba no medio dunha palabra. Apócope: Supresión dunha sílaba á fin dunha palabra. Paragoxe: Adición dunha sílaba á fin de palabra. Segundo o cómputo silábico os versos poden ser simples (cando non sobrepasan as once sílabas) ou compostos (cando sobrepasan as once sílabas, contando entón cunha cesura interna que os divide en dous hemistiquios: isostiquios se son iguais e heterostiquios se non o son). Á súa vez os versos simples poden ser de arte menor (cando non sobrepasan as oito sílabas) ou de arte maior (cando sobrepasan as oito sílabas). Cada medida silábica proporciónalle un nome ao verso: bisílabo, trisílabo, tetrasílabo, pentasílabo, hexasílabo, heptasílabo, octosílabo, enneasílabo, decasílabo, hendecasílabo, dodecasílabo, tridecasílabo, alexandrino (14)… Todo verso simple leva un acento estrófico ou de intensidade na penúltima sílaba e, sendo composto, na penúltima sílaba de cada hemistiquio. Dentro de cada verso, os acentos coincidentes co acento estrófico denomínanse rítmicos; os non coincidentes, extrarrítmicos, e os situados ao lado daquel, antirrítmicos. A rima consiste na igualdade sónica de fonemas situados a partir da última vogal acentuada de cada verso. Polo seu timbre pode ser asonante (repítense as vogais) ou consonante (repítense as vogais e as consoantes). Pola súa disposición a rima pode ser continua (AAAA), xémea (AA,BB,CC), abrazada (ABBA), encadeada (ABAB). A estrofa é o conxunto de versos unidos por ter en común un ritmo, un sistema de rima e un cómputo silábico fixos. Pode ser isométrica (cando todos os seus versos teñen o mesmo número de sílabas) ou heterométricas (cando non o teñen). 3
Pareado: (aa ou AA) Terceto: (ABA BCB CDC…) rima variable Tercerilla: (a-a) rima consonante Soledad: (a-a) pero con rima asonante. Cuarteto: (ABBA) Sirventés: (ABAB) Cuarteto-lira: Catro versos hendecasílabos e heptasílabos con rima e combinación variable. Redondilla: (abba) Cuarteta: (abab) rima consonante Cuarteta asonantada ou tirana: (abab) rima asonante Seguidilla simple: Catro versos de arte menor, dos que os impares son heptasílabos e os pares pentasílabos con rima asonante. Caderna vía ou tetrástrofo monorrimo: Catro versos alexandrinos monorrimos (AAAA). Quinteto: Cinco versos de arte maior. Quintilla: Cinco versos de arte menor con rima variable. Lira: Cinco versos, dos que o segundo e quinto son hendecasílabos e o resto heptasílabos: (aBabB) Sexteto-lira: Tres heptasílabos e tres hendecasílabos alternados. (aBaBcC). Sexta rima: Seis hendecasílabos, substituído ás veces un deles por un verso de arte menor: (ABABCC) Sextilla: Seis versos de arte menor. Sétima: Sete versos de arte maior. Setina: Sete versos de arte menor. Seguidilla composta ou con bordón: Sete versos, dos que o primeiro, terceiro e sexto son heptasilábos e o resto pentasílabos, con rima asonante. Oitava real: Oito hendecasílabos. (ABABABCC) Oitava italiana: Oito hendecasílabos, dos que o cuarto e o oitavo son agudos e, ás veces, heptasílabos. (ABBCDEEC) Octavilla: Oito versos de arte menor, xeralmente octosílabos, con rima variable. Octavilla italiana ou aguda: Oito versos de arte menor, dos que o cuarto e o oitavo son agudos. Décima: Dez octosílabos. (abbaaccddc) O poema é un conxunto completo de versos que estar constituídos en estrofas (poemas monoestróficos ou poliestróficos). Glosa: texto breve comentado ou desenvolvido noutro máis extenso, que é denominado propiamente glosa, ás veces composta por tantas estrofas como versos ten o texto previo. Soneto: Dous cuartetos ou sirventeses máis dous tercetos de versos xeralmente hendecasílabos e de rima consonante. Soneto con estrambote: Soneto ao que se lle engade unha ou máis estrofas compostas xeralmente por un heptasílabo que rima co verso que lle precede e dous hendecasílabos que forman un pareado. Sonetillo: Dúas estrofas de catro versos máis dúas de tres, todos de arte menor. 4
Romance: Serie ilimitada de versos octosílabos, con rima asonante nos pares. Romancillo: Romance de versos con menos de oito sílabas. Romance heroico: Romance de versos de arte maior. Silva: Serie ilimitada de heptasílabos e hendecasílabos con rima consonante, na que ás veces se introducen versos soltos. Poema de versos soltos ou brancos: Serie ilimitada de versos de igual medida, pero sen rima. Poema de versos amétricos con rima: Serie ilimitada de versos sen metro, pero con rima. Poema de versos libres: Serie ilimitada de versos sen metro e sen rima. Algúns fenómenos gramaticais que se producen pola especial frecuencia, colocación ou relevancia no texto de elementos morfolóxicos e sintácticos son: Elipse: supresión de elementos da frase sen impedimento da comprensión. “Co luar escornado do San Martiño” (elídese o “tempo” ou o “mes” de San Martiño) Amplificación: Desenvolvemento dun motivo cun máximo de palabras para alongar o texto. Pódese valer de calquera tipo de fenómeno producido por acumulación ou recorrencia. Pleonasmo: Acumulación redundante de termos innecesarios para a comprensión denotativa. Epíteto: pleonasmo consistente nun adxectivo cualificativo, xeralmente anteposto ao substantivo, que non modifica nin a extensión nin a comprensión deste. Enumeración: Acumulación ordenada ou caótica de palabras sucesivas. Circunloquio: Expresión por medio dun rodeo de algo que podería designarse máis directa e economicamente. Epanalepse: Repetición dunha ou varias palabras en contacto. Anadiplose: Repetición do final dun grupo de palabras ao principio do grupo seguinte. Concatenación: Continuación progresiva da anadiplose. Anáfora: Repetición dunha ou máis palabras no inicio de grupos de palabras que se suceden consecutiva ou moi proximamente. Epífora: Repetición dunha ou máis palabras no final de grupos de palabras que se suceden. Complexión: Anáfora e epífora simultánea. Polisíndeto: Repetición de conxuncións.
5
Paralelismo: Estruturación de varios conxuntos seguindo o mesmo esquema gramatical de forma que os elementos equivalentes coincidan nos mesmos lugares das súas secuencias respectivas. O Hipérbato consiste na alteración do ordenamento lóxico da frase. Os tropos, que consisten no emprego dunha palabra en sentido distinto do habitual, soon: A imaxe é a identificación entre elementos expresos que teñen algunha relación: “O poeta é un mestre sen lira.” A imaxe visionaria é a identificación entre elementos sen relación lóxica: “Unxe o moucho a esperma árdiga que alcende a dubidosa chama amarela do recordo.” A metáfora é a substitución dun elemento por outro co que se relaciona por semellanza: “Dime onde vas, miña cerva ferida.” Metonimia: Substitución dun elemento por outro co que se relaciona por contigüidade xeralmente causal: causa polo efecto, efecto pola causa, abstracto polo concreto, concreto polo abstracto, continente polo contido, instrumento por quen o usa, lugar por produto, materia polo obxecto, autor pola obra, físico polo espiritual, símbolo polo simbolizado, etc. : “Mozo, non traias viños tristes de Hungría. Quero Burdeos, gracia de Aquitania, quero Marsala ardente…” Alegoría: Metáfora continuada: “Cando penso que te fuches, negra sombra que me asombras…” Hipérbole: Esaxeración desmesurada: “Sinto no peito uns afogos que parece que mo morden sete ducias de cans dogos.” Prosopopea: Atribución de características propias de seres animados ou humanos a elementos que non o son: Hoxe casan os paxaros.” Símil: Comparación entre dous termos expresos: Unha canción tan lonxana e lene como a sombra do aire sobre a herba.” Paradoxo: Unión de ideas aparentemente opostas ou inconciliables: “e nais que non teñen fillos e fillos que non teñen pais.” Ironía: Dar a entender burlescamente o contrario do que se di: “Que sorte e que ledicia vivir neste mundo tan ben feito, tan xusto e tan feliz!” O Sarcasmo sería a ironía cruel ou mordaz: “Viva a Santa Cruzada e viva a Cruz Gamada! Levarémo-la fe na punta da espada.”
6
Luís Benigno Vázquez Fernández (LUÍS PIMENTEL) naceu en Lugo o 18 de decembro de 1895 e morreu na mesma cidade o 13 de febreiro de 1958. A súa obra, encadrada nas vangardas e marcada por un clima de intimidade, sintetiza diversas correntes, especialmente o impresionismo e o simbolismo. Desde cedo, en Lugo, onde viviu case toda a súa vida, entrou en contacto con artistas, músicos e escritores. En 1914 desprazouse a Compostela, onde asinou os seus primeiros versos en español, para estudar Medicina. En 1922 trasladouse a Madrid para realizar o doutoramento e alí participou do ambiente cultural da cidade, sobre todo na Residencia de Estudantes, onde coincidiu con figuras da Xeración do 27 da literatura española: Lorca, Buñuel, Dalí ou Baroja compartiron tempo e espazo co noso homenaxeado. Xa en 1927, de regreso a Lugo, entrou a formar parte da directiva do Círculo das Artes da cidade e creou a sección "De mi Tagebuch", na revista Ronsel, onde publicou prosas e poemas en castelán. Uns anos despois, conseguiu a praza como médico no Hospital Municipal, pero continuou mantendo relación, por correspondencia, co mundo literario de Madrid: Dámaso Alonso ou Vicente Aleixandre compartían cartas con el. Ao mesmo tempo, coidou a súa amizade cos autores galegos, especialmente con Ánxel Fole, asistindo aos faladoiros e colaborando con publicacións como El Progreso, Garcilaso ou Espadaña. Aínda que moitos dos versos de Pimentel foron traducidos ao galego por amigos como Ramón Piñeiro ou Ánxel Fole, boa parte da súa obra foi escrita en castelán. No seu único libro publicado en vida, Triscos (1950) empregou, non obstante, a nosa lingua. A este seguiulle o poemario póstumo Sombra do aire na herba (1959), considerado a súa obra máis importante e, a seguir, a obra en castelán Barco sin luces (1960). Xa en 1981, o volume Poesía enteira recollería os seus traballos inéditos. É aí onde se encontra o poema galego "Cunetas", espello do horror e a crueldade da guerra, un momento da historia moi presente na obra do noso homenaxeado. 7
Cunetas. Luís Pimentel ¡Outra vez, outra vez o terror! Un día e outro día, sen campás, sen protesta. Galicia ametrallada nas cunetas dos seus camiños. Chéganos outro berro. Señor, ¿qué fixemos? -Non fales en voz alta¿Hasta cándo durará iste gran enterro? -Non chores que poden escoitarte. Hoxe non choran máis que os que aman a Galicia¡Os milleiros de horas, de séculos, que fixeron falla para faguer un home! Teñen que se encher aínda as cunetas con sangue de mestres o de obreiros. Lama, sangue e bágoas nos sulcos son semente.
Nos pazos onde se trama o crimen ondean bandeiras pingando anilina. Hai un aire de pombas mortas. Tremo outra vez de medo. Señor, isto é o home. Todas as portas están pechadas. Con ninguen podes trocar teu sorriso. Nos arrabás, bandeiras batidas i esfarrapadas. Deixa atrás a vila. Ti sabes que todos os días hai un home morto na cuneta, que ninguén coñece aínda. Unha muller sobre o cadáver do seu home chora. Chove. ¡Negra sombra, negra sombra! Eu ben sei que hai un misterio na nosa terra, máis alá da néboa, máis alá do mar, máis alá da chuvia, máis alá do bosque.
........................................... ------------------------ Lugo, marzo, 1937 Docemente chove. Enviso, arrodéame unha eterna noite. Xa non teréi palabras pra os meus versos. Desvelado, pola mañán cedo baixo por un camiño.
Herrero Figueroa, Araceli (1981): Luis Pimentel: Obra inédita o no recopilada. (Lugo: Ediciones Celta)
Penélope. X. M. Díaz Castro Un paso adiante i outro atrás, Galiza, i a tea dos teus sonos non se move. A espranza nos teus ollos se esperguiza. Aran os bois e chove. Un bruar de navíos moi lonxanos che estrolla o sono mól coma unha uva. Pro tí envólveste en sabas de mil anos, i en sonos volves a escoitar a chuva. Traguerán os camiños algún día a xente que levaron. Deus é o mesmo. Suco vai, suco vén, Xesús María!, e toda a cousa ha de pagar seu desmo. Desorballando os prados coma sono, o Tempo vai de Parga a Pastoriza. Vaise enterrando, suco a suco, o Outono. Un paso adiante i outro atrás, Galiza!
DÍAZ CASTRO, José María, Nimbos, Vigo, Editorial Galaxia, 1961.
Deitado frente ao mar... Celso Emilio Ferreiro Correlingua 2009 Lingoa proletaria do meu pobo eu fáloa porque sí, porque me gosta, porque me peta e quero e dame a gaña porque me sai de dentro, alá do fondo dunha tristura aceda que me abrangue ao ver tantos patufos desleigados, pequenos mequetrefes sin raíces que ao pór a garabata xa nan saben afirmarse no amor dos devanceiros, falar a fala nai, a fala dos abós que temos mortos, e ser, co rostro erguido, mariñeiros, labregos do lingoaxe, remo i arado, proa e rella sempre.
9
Eu fáloa porque sí, porque me gosta e quero estar cos meus, coa xente miña, perto dos homes bos que sofren longo unha historia contada noutra lingoa.
Non falo pra os soberbios, non falo pra os ruís e poderosos, non falo pra os finchados, non falo pra os valeiros, non falo pra os estúpidos, que falo pra os que agoantan rexamente mentiras e inxusticias de cotío; pra os que súan e choran un pranto cotidián de volvoretas, de lume e vento sobre os ollos núos. Eu non podo arredar as miñas verbas de tódolos que sofren neste mundo. E ti vives no mundo, terra miña, berce da miña estirpe, Galicia, doce mágoa das Españas, deitada rente ao mar, ise camiño... Celso Emilio Ferreiro (1978): Obra completa, I (Madrid: Akal editor)
Tiven medo de vogar. María Mariño Tiven medo de vogar, tiven medo da auga crara. Anque fora cuns bons remos anque fora na mar calma, non vogaba!, non vogaba! O medo xa non sei del. Xa secou aquel mar longo. E sin saber donde veu, si é doutro ou é meu, navego nun mar de fondo. María Mariño (1994), Palabra no tempo en Obra completa (Vigo:Xerais)
10
As ratas. Luís Seoane Luís Seoane (1910-1979)Na Galiza, ise vello pobo, carballo carcomido de raios e bestigos, loita, dende fai séculos, o home cas ratas. Coma nos castelos abandoados, onde xa caíron traves e brasós, escóitanse queixumes de gonzos ferruxentos. Dende fai séculos loitan en Galiza os homes cas ratas. Vencendo sempre as ratas. Ate que toda ela fique, coma ises castelos roiñentos e os mosteiros sin altares nin lembranzas de ritos, sendo soio rondada de morcegos e pantasmas. Coberta de edra, de Iabel. Morándoa soio as ratas. Somente as ratas. Seoane, Luís (1990), Poesía completa, 2. As cicatrices. A maior abondamento (Vigo: Edicións Xerais de Galicia)
Ule esta hora como cando regresas. Ana Romaní Ule esta hora como cando regresas e soño eguas agallopando na mar brava. Este sangue derrámase como auga sobre o cemento no outono e ule ó rastro que deixan os paxaros cando fuxen en solpores de espada. Así rasga a túa presencia, e fágome sal e pranto. Ule esta tarde como cando marchas e levas contigo as miradas brancas, as singraduras dos dedos na ternura. Así, sen ti, fica o mar tan tristemente en calma, e eu canto. Romaní, Ana (1994): Das últimas mareas. (A Coruña: Espiral Maior poesía) 11
Conto. X. L. Méndez Ferrín Era Galicia un puro val ou oco de densidade verde e fume morno. Era Galicia a chaira máis espida, inerte néboa sobre illó de lodo. Era Galicia esguío vento agudo encrequenando en si tódalas cousas. Era Galicia un arbre lentamente ensumíndose un pouco cada hora. Era Galicia cen avós de terra sen vengar, mudos ecos que nos moven. Era Galicia un mar perfectamente denso, sen luz e con sabor a homes. Era Galicia a patria do traballo de nunca terminar, pola boroa. Era Galicia un home sen cabeza. Era unha vez Galicia, espranza angosta. Méndez Ferrín, Xosé Luís (1999): Poesía enteira de Heriberto Bens. (Vigo: Edicións Xerais de Galicia, col. Biblioteca das Letras Galegas)
Verbas a un irmau. Manuel María Escoita, irmau, as miñas verbas: son sinxelas e impuras como as verbas feridas co coitelo dos beizos, cada día. Vouche decir tan só que teño a miña mau tendida, aberta, núa e viva como o mar. Que teño, irmau, maduro o corazón pra gardar nel as verbas túas. Que a vida é moi fermosa aínda que hai homes que teñen os beizos emporcados con verbas de falsía, 12
i o corazón podre polo odio, i as maus pingando sangue, i agachados, no fondo dos seus petos, en vixía, coitelos e pistolas asesinas. ¿Que importa, irmau, que morra o día si a súa morte abre en nós a espranza do mencer? Non temas. Aínda o paxaro ten canciós i as estrelas se alcenden cada noite. Manuel María, Mar Maior en Antoloxía Poética, edición de Camilo Gómez Torres, Vigo, AS-PG, 1997
Agora que regresa a primavera por riba de Seivane nas terras de Abadín e vai deixando sámago nos bimbios. Agora que retornan as floracións antigas e unha bris delicada fragmento de escritura vai liberando a alma. Agora me decato da presencia do amigo cando as aves concertan o equinoccio celeste e os bois en Lamanide levan na cornamenta unha roda solar. Atrás quedou a aldea a páxina purísima escrita en neve o principio da patria a pureza inocente que respiran os nenos e dá tempero a alma. ¿Lémbraste, meu amigo? A luz deixaba formas de saudade e a frescura das pedras podía modular os ámbitos do río lámina impresionista na mañá fuxidía. Era o tempo en que as rapazas novas apañaban nos fieitos. 13
Lembraraste ás vegadas da mudanza das follas dos espacios marcados por unha chuvia límpida da textura da frol rosada das silveiras da imprecisa distancia que vai da vida á morte aló por Vilarente. O serán descendía coma un palio sobre das terras de Mondoñedo no tempo dos hexámetros latinos. Era a consagración da primavera na materia das árbores na ledicia do vértigo na memoria das églogas: Silvestrem tenui Musam meditaris avena. Viña a palabra nova na fábula do amor no principio da música no esplendor imprevisto das maceiras. Chegaría unha carta de Virxilio: Sunt nobis mitia poma. Fuxían as escuras peonías lonxe do corazón adolescente: Aínda non entraras nos palafitos da morte. ( De Códice Calixtino,Luz Pozo Garza)
14