RECORDATORIO DE LÉXICO-SEMÁNTICA A orixe do galego está no latín. Del proceden a maior parte das nosas palabras. Pero, ademais de vocábulos de orixe latina, o galego –como calquera outra lingua románica- ten aportes léxicos doutros idiomas. Un neoloxismo é unha palabra ou expresión nova creada ou adaptada modernamente nunha lingua. Un anglicismo é unha forma lingüística inglesa incorporada a outra lingua. Os neoloxismos e os anglicismos convértense en préstamos léxicos necesarios cando temos necesidade de nomear un concepto ou un obxecto antes descoñecido para nós. Cando transcorre certo tempo a palabra adopta a fonética e a morfoloxía propias da lingua receptora. Ás veces os préstamos son innecesarios porque a lingua receptora posúe xa un termo axeitado para designar ese obxecto ou concepto. Nese caso o préstamo recibe o nome de barbarismo. Os barbarismos están rexeitados xa que debemos darlle preferencia á palabra galega (grifo por billa, escoba por vasoira, adiós por adeus...). Ademais as linguas posúen mecanismos para crear novas palabras como a composición, derivación e parasíntese. Do conxunto do léxico galego, hai unhas palabras que están na nosa lingua desde o primeiro momento da colonización romana e que sufriron todas as evolucións fonéticas características do paso do latín ao galego e tamén importantes cambios de significado. Estas palabras denomínanse populares ou patrimoniais. Son palabras patrimoniais, ademais das de orixe latina, aquelas que o latín tomou doutras linguas e que sufriron toda a evolución do idioma (as de substrato e superestrato). Pero o latín, despois da colonización, seguiu sendo fonte para a incorporación de palabras novas ao galego que sufriron soamente algunhas evolucións ou mantiveron a forma latina case inalterada. En función da época na que se introduciron estas palabras e, consecuentemente, da evolución parcial ou da case ausencia da mesma, temos os semicultismos ou os cultismos. A existencia destes tres tipos de palabras atendendo á súa evolución orixina as familias léxicas irregulares: aquelas que presentan unha mesma raíz con diferentes formas (patrimonial, culta, semiculta). Así, por exemplo, a palabra artello procede do latín articulu; esa mesma raíz está presente nas palabras artellar e desartellar, pero tamén en artigo, articular, articulación, articulatorio, articulista e articulado, entre outras. As normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, do ILG-RAG, de carácter rexeneracionista, publicadas no ano 1982 representan o galego estándar ou común que selecciona como correctas unhas determinadas características da lingua por medio dunha gramática e dun dicionario normativos. Malia iso e debido a múltiples circunstancias, constitúense as denominadas desviacións da lingua: Castelanismos: mencionados anteriormente, é un vocábulo propio da lingua castelá e adoptada (neste caso) polo galego en substitución dunha palabra propia. Baraxa por baralla, boda por voda, etc. Lusismos: Deben servirnos para recuperar a forma galega de palabras castelanizadas (liberdade – non libertade-, frouxo –non floxo-, xuño –non xunio- ...), para restituír formas galegas desaparecidas (alugar, avaliar, orzamento, grella, vacina...), aínda que debemos ter coidado de non introducir lusismos que substitúan formas propias do galego (frango por polo, comboio por tren, conteúdo por contido...). Arcaísmos: Substitución de palabras plenamente galegas por formas medievais (nacer, non nascer; dor, non door; conseguir, lograr, non conquerir; vez, non vegada; título, non tíduo...). Dialectalismos: Responden ás diversas variedades xeográficas do galego; aínda que aceptables na fala, deben evitarse na lingua escrita (iste, ghrande, ilusiós...) Vulgarismos: Afectan case sempre á fonética e son propios do galego oral, aínda que algúns chegan a aparecer na lingua escrita (polígano, marmurar, espranza, probe, apousar...). Pseudoevolucións ou inventos: Ocorren en palabras moi cultas, idénticas ao castelán, ás que se aplican as leis de evolución histórica do galego como se se tratase de vocábulos patrimoniais (cadeirádego –catedrático-, outura –altura- ...) Hiperenxebrismos ou hipergaleguismos: Formas creadas artificialmente por reacción diferencialista con relación ao castelán. Consisten en galeguizar aínda máis aquelas palabras que o galego comparte co castelán debido á común orixe latina (ambente –ambiente-, gasoliña – gasolina-, brilar -brillar-, labourar –laborar- ...).