REFRANEIRO POPULAR DE SADA

Page 1

REFRANEIRO POPULAR GALEGO RECOLLIDO EN SADA

Escolma realizada polo alumnado de 1º de bacharelato do IES Isaac Díaz Pardo de Sada, como proxecto de traballo para a materia de Lingua Galega e Literatura

Febreiro de 2013


2

Autores: Adrián Alonso Rebollo Daniela Castellucci Vera Alexandra Ferreira Tembrás Jacobo Fiaño Salinas Cristina García Mosquera Pablo Gómez López Eduardo Núñez Vázquez Adrián Paz Seijo Paloma Piot Pérez-Abadín Johan Rodríguez Núñez William Steven Silva Aguilar Jon Ander Tomé Vacas

IES ISAAC DÍAZ PARDO SADA, febrero de 2013


LIMIAR Un refrán é un dito popular e anónimo de carácter sentencioso. É unha forma de sabedoría popular que se emprega tanto na fala coloquial como na linguaxe literaria. Trátase dun enunciado breve que manifesta un consello útil sobre a vida cotiá. O termo refrán con este significado empezouse a utilizar no século XV, xa que con anterioridade referíase ao verso que se repetía ao final de cada estrofa dunha cantiga. Mentres noutras culturas o refrán xa é algo arcaico e que practicamente ninguén usa, en Galicia, sobre todo nos máis vellos, é algo que permanece e que resulta de grande utilidade. Cómpre ademais que non se perda, como tantas outras manifestacións do noso patrimonio cultural, e que se poña ao dispor da cidadanía xa que nos refráns concéntranse moitas experiencias e describen características da nosa tradición, da nosa forma de ser e de comportarnos ante a vida. Esta escolma do refraneiro galego realizada polos alumnos e alumnas de 1º de bacharelato non pretende ser exhaustiva nin rigorosa. Simplemente se recollen aqueles refráns que son máis populares no concello de Sada. En moitos casos os refráns son recollidos polos alumnos de fontes bibliográficas diversas para comprobar posteriormente se os informantes os coñecen ou recordan. É polo tanto tamén probable que se nos coasen algúns ditos procedentes doutras linguas que se foron traducindo e transformando co paso do tempo. Sada, febreiro de 2013

3


REFRÁNS REFERIDOS AOS MESES DO ANO

XANEIRO - En xaneiro, o mes é larpeiro. - Xaneiro quente, trae o demo no ventre. - En xaneiro, camiseiro. - En xaneiro un pouco ao sol, e outro pouco ao fumeiro. - En xaneiro planta o alleiro. - Quen ara en xaneiro, ara para o ano enteiro. - Xaneiro, santeiro. - Non hai lúa como en xaneiro, nin amor como o primeiro.

FEBREIRO - A xeada de febreiro, mata a vaca e mais o leiro. - Febreiro, xeada na leira e cachopo na lareira. - Neve en febreiro é un lobo no quinteiro. - Febreiro e as mulleres, no día teñen sete pareceres. - En febreiro sete mantas e un sombreiro. - A chuvia de febreiro fai o palleiro.

MARZO - Marzo, marzal, o que non empezou ben, remata mal. - Marzo, marzal, neve nos altos e chuvia no val. - Marzo, espigas catro; abril, espigas mil. - Marzo, marzoco; pola mañá cara de rosa e pola tarde cara de porco. - Entre marzo e abril sae o cuco do cubil. - Cobras en marzo, neves en maio.

ABRIL - En abril, augas mil. - Abril, abrileiro, auga na cara e no leiro. - Abril frío, moito pan e pouco viño. - En abril, cada pinga vale por mil. - En abril, abre a porta ao gando e déixao ir. - En abril déixame durmir, que en maio de seu me caio.

4


MAIO - Maio, maión, moitas flores e trebón. - As sardiñas en Maio, pingan no borrallo e polo San Xoán pingan no pan. - En maio, aínda a vella queima o tallo. - O percebe e o salmón, en maio están en sazón. - Ata o 40 de maio, non quites o saio.

XUÑO - No mes de San Xoán e San Pedro di o día: “máis non medro”. - Polo San Xoán xa a sardiña molla o pan. - A auga de San Xoán leva o viño e tolle o pan. - Polo San Xoán baila o sol no chan. - En San Xoán, as once con día dan.

XULLO - Se non segas no mes da sega, virá o Diaño e lévacha. - Para coller bos nabos, por Santiago sementalos. - Xullo arder e patacas coller. - Xullo andado, millo arrendado. - O que non aproveita xullo para se bañar, é que ten medo do río e do mar. - Por Santiago esconde o coello o rabo.

AGOSTO Agosto, agosto, vai preparando a boca para o mosto. - No agosto, queima o rostro. - Se chove en agosto, non gastes diñeiro en mosto. - Agosto ardenteiro, herba no palleiro. -Auga de agosto, mel e mosto. - A auga de agosto non fai Magosto.

SETEMBRO - Colle o viño no mes do San Miguel se todo o ano queres beber. - Setembro, ou seca as fontes ou leva as pontes. - Polo San Miguel, mete as uvas no tonel. - En setembro, á vendima correndo. - Outono a chegar e o porco a cebar.

5


OUTUBRO - Se as patacas non colles no outono, has pasar máis fame ca un mono. - Outono quente, inverno doente. - Neve en outubro, sete meses cubre. - Quen en San Miguel planta, un ano adianta. - San Miguel das uvas, tarde vés e pouco duras.

NOVEMBRO - No mes de Santos e Defuntos mata os teus porcos e vai facendo bo caldo con untos. - Polo San Martiño fai lume e quenta o fociño. - Polo San Martiño trompos ó camiño, polo San Amaro trompos ó fallado. - De Santos a Nadal é o inverno natural. - Pola Santa Catarina, deixa a túa campiña.

DECEMBRO - No mes do Nadal gárdate a carón do lar. - Por Santa Lucía, mingua a noite e medra o día. - Polo Nadal, frío cordial. - Nadal mollado, xaneiro xeado. - Tantos días de xeada en Nadal como días de sol en San Xoán. - Nadal sen porco, non veñan moitos.

6


REFRÁNS DOS HOMES E DAS MULLERES

DOS HOMES Home pequeno, fol de veleno. A confianza mata o home. A home frouxo, bebida forte. De homes sabedores é mudar de pareceres. Home bravo e mandón, para o meu amigo non. Home calado vale por cento. Home casado, muller é. Home casado, burro estragado. Home de moita verba, home de moita perda. Home peludo, home forzudo.

DAS MULLERES Saber escoller boa muller, é moito saber. A boa muller, a casa sabe encher. Coa muller e o diñeiro, non xogues compañeiro. Boa roupa e boa vida fan a vella garrida. Muller, reloxo e besta, non se empresta. Muller que sabe latín, non é para min. Muller que corre, seguida quere ser. Ao cabalo e á muller, a ningún has de ofender. A muller vella ou nova, se lle preguntan os anos, nunca se acorda. Muller e forno, con un hai abondo.

7


REFRANEIRO DO MAR Gaivotas en terra, mariñeiros á merda. O mar dá, o mar leva. Quen pasou a Marola, pasou a mar toda. O home e a pesca, aos tres días apesta. A faneca e a solla na caída da folla. A sardiña no maio que a parta un raio. Pescador de caña máis perde que gaña. Hóspede e pescada, aos tres día enfada. A muller e a sardiña, canto máis pequena máis fina. Cada sardiña ten a súa espiña. A navalla e o longueirón, no mes de marzo que bos son. Onde hai patrón, non manda mariñeiro. Norte escuro, vendaval seguro. Non hai mellor rede que a que colle peixe. A pouco vento, forza de remos. Pescado é o que está no cesto; o que anda no mar é peixe. Amiguiños si, pero as sardiñas polo que valen. No prato sentan mellor as do xeito que as da traíña. Bocado de mariñeiro, nin mastigalo moito, nin tragalo enteiro. Home de sombreiro, mal mariñeiro. Se queres aprender a rezar, métete no mar.

REFRANEIRO DOS OFICIOS Costureira sen dedal, cose pouco e cose mal. Na casa do carpinteiro séntanse no chan. Labrador de capa negra, pouco súa. Na casa do ferreiro, coitelo de pau. O escribán nunca escribe en van. Avogado novo, xustiza polas silveiras. Para o bo traballador non hai ferramenta mala. O labrador entre avogados está como o peixe entre dous gatos. Os erros do avogado os cartos os saca; os do médico, a terra os tapa. Vinte oficios ten Xan e con ningún gaña o pan. Non é mal xastre quen coñece o pano. Os bens do sancristán, por onde veñen, van. Un médico cura, dous dubidan e tres morte segura.

8


REFRÁNS DA AUGA, DAS FONTES… A auga de correr e a xente de falar, non se pode privar. Auga con vento, non vale un pemento. A mellor fonte, a que nace no monte. Auga que corre non mata home. Auga de Santa Mariña, cura a feridiña. Cando os regos teñen chea, nunca auga limpa levan. Auga sobre o mel, sabe mal e fai ben. Auga que non é de beber, déixaa correr. Lavandeira do amencer,nunca boa pode ser. O que con auga se cura, pouco dura. Auga de febreiro, fai o palleiro. Lugar que fonte non ten, non se vive ben. Os meses perderán a auga, pero o ano non a perde. Auga parada non move muíño. Xunto da fonte, non pares de noite. Ben boa é a auga, que non custa nada e non emborracha.

9

REFRANEIRO DO VIÑO A viña non quere máis sombra cá do amo. Do Carballiño, bo pan e bo viño. O mellor sinal de auga é non haber para viño. Mentres que auga teña o Miño, no Ribeiro non faltará o viño. A auga fai mal, e o viño fai cantar. Aceites, viños e amigos, cantos máis mellor. Bebín auga porque non houbo auga, que se auga houbera, viño bebera. A bo viño non hai mal bebedor. Auga para os peixes; para os homes, viño a feixes. A amizade corra, pero o viño a oito cartos. Con pan e viño xa se anda o camiño. Despois do San Martiño, deixa a auga e bebe o viño. O viño do Ribeiro fai andar ao mozo lixeiro. Viño ruín, para quen o queira, pero non para min. Quen é amigo do viño, de si mesmo é inimigo. Deus fixo a auga, o home o viño; respectemos a auga, bebamos o viño. Gasta en pan e viño o que lle has deixar aos sobriños.


REFRÁNS DAS RELACIÓNS FAMILIARES Dúas fillas e unha nai, tres diaños para o pai. Canto máis prima, máis se lle arrima. Sogra e nora, can e gato, non comen ben no mesmo prato. Estando nunha casa cuñada, sogra e xenro, só falta o demo para estar onde o inferno. Entre parentes non metas os dentes. Rifan as comadres porque din as verdades. Os fillos das miñas fillas, fillos da miña filla son; os fillos do meu fillo, serán fillos ou non. Vai onda a túa tía, e non vaias cada día. Á casa do teu irmán non vaias cada verán. Á filla pan e comida, á nora, pan e fóra. A pai gardador, fillo gastador. Dígocho filla, enténdeme nora. O que lonxe vai casar, trampa leva ou vai buscar. Entre irmán e irmán, dúas testemuñas e un escribán. O que se queixa da boa nai, aguanta a mala madrasta. Dos parentes gárdenos Deus, que dos inimigos gardámonos nós. Pai vello e chaqueta rota, non é deshonra.

10


REFRÁNS DE ANIMAIS Can vello non recibe enxeño. Cando a galiña canta como o galo, a morte está no tellado. Cada ovella coa súa parella. Cando a formiga traballa, viño na parra. Toda carne come o lobo, agás a súa que a lambe. Becerro de herba, becerro de merda. Besta grande, ande ou non ande. Nace o corvo na pena e sempre tira a ela. Besta vella non colle andadura, e se a colle, pouco lle dura. A cabra sempre tira ao monte. En can fraco todo son pulgas. A cabalo regalado non se lle mira o rabo. Onde hai galo, non canta galiña. Gárdate do can que non ladra e do home que non fala. Na terra dos lobos, ouvear como todos. Pitos serán, pero ulíronme a can. Quen cría corvos, sacaranlle os ollos. Quen porco nace, porco morre. A vaca que non come cando os bois, ou comeu antes ou come despois.

REFRÁNS SEN CLASIFICAR Comer e rañar, todo é empezar. Para dicir mentiras e comer pescado, hai que ter moito coidado. A vaca que non come canda os bois, ou comeu antes ou comerá despois. Hai que saber disimular o que non se pode remediar. A quen Deus non lle dá fillos, o Demo dálle sobriños. As vodas con foguetes sempre acaban a cachetes. Non hai peor cuña que a da mesma madeira. Brais, lávate e comerás; despois de lavado non comerás bocado. Vale máis un mal arranxo que un bo preito. A pedradas non se collen os paxaros. No país dos cegos, o chosco é rei. Faite ovella e comerante os lobos. Ola de moitos nunca ben coce.

11


Non por moito madrugar amence máis cedo. Xente nova e leña verde, todo é fume. Quen moito vai á misa, algunha ten feita. Soprar e sorber, non pode ser. Canto máis unto mellores verzas. O que ten maña ben apaña. O que non mata engorda. Non hai mal que cen anos dure. Traballo empezado, medio acabado. Do que non se ve, non se dá fe. Cen esmolas non fan un xantar. Facer e desfacer, chámase aprender. Cousa gabada, cousa cagada. Non hai cego que se vexa, nin coxo que se coñeza. Non hai atallo sen traballo. Quen moito dorme pouco aprende. Van as leis onde queren os reis. Do que é parvo e non o sabe, teña Deus piedade. Fai o que o crego dixer, non o que fixer. Fai ben e non mires a quen. Forza, de mozos, e consellos, de vellos. O falar non ten cancelas. Quen non chora non apaña. Hai que saber disimular o que non se pode remediar. Nunca chove a gusto de todos. Onde hai querer todo se fai ben. O barato sae caro. A vellez non ten cura, e a mocidade pouco dura. Non hai pouco que non chegue, nin moito que non se acabe. Antes a pobreza honrada que a riqueza roubada. Calar e falar, non caben no mesmo lugar. Onde hai lume, hai fume. Uns nacen de pé, e outros non saben para que.

12


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.