Regras xerais de acentuación O acento gráfico ou ortográfico é o signo (´) que se coloca sobre unha vogal para marcar o acento de intensidade. Non todas as sílabas tónicas o levan. Existen unhas regras establecidas que indican cales son os casos en que se utiliza. Levan acento gráfico:
LÉMBRATE! Para coñecer as regras de acentuación cómpre recordarmos os seguintes conceptos: Sílaba tónica: é a sílaba ou a vogal dunha palabra sobre a que recae o acento de intensidade. As outras, que non se pronuncian con tanta forza, chámanse átonas. As palabras agudas son aquelas nas que o acento recae sobre a última sílaba: mazá, cu-ller, ca-mión. As palabras graves son aquelas nas que o acento recae sobre a penúltima sílaba: pa-xa-ro, mó-bil. As palabras esdrúxulas son aquelas nas que o acento recae sobre a antepenúltima sílaba: có-ba-do.
As palabras agudas polisílabas que rematan en vogal, en vogal+n, en vogal+s ou en vogal+ns: ventá, canción, tabús, violíns. Non levan acento gráfico as palabras agudas polisílabas que levan un ditongo decrecente na última sílaba (seguido ou non de –n, ou –s): ademais, azuis, xersei, cantou. Non levan acento gráfico as palabras agudas polisílabas rematadas nunha consoante distinta de –n ou –s: anel, tambor, cariz, nin nun grupo consonántico distinto de – ns: robots, argots. Non levan acento gráfico as palabras monosílabas, agás nos casos de acento gráfico diacrítico (é, dá, pór…): leis, fun, man, bos. As palabras graves que rematan nunha consoante distinta de –n ou –s (mísil, cáliz), nun grupo consonántico que non sexa –ns (bíceps, cómics), ou que levan ditongo decrecente na última sílaba (posíbeis, culpábeis). As palabras esdrúxulas sempre levan acento gráfico: cómoda, árbore, básicos.
Acentuación de ditongos, tritongos e hiatos As palabras que levan ditongo seguen as normas xerais de acentuación. O acento gráfico, no caso de levalo, colócase sempre sobre a vogal forte (a, e, o), é dicir, sobre a vogal aberta tónica: (ái) tráiler, (áu) náutica, (éi) béisbol, (éu) éuscaro, (óu) axóuxere, (ói) cóidame, (iá) ancián, (ié) diérese, (ió) nación, (uá) acuático, (ué) pantagruélico, (uó) quórum.
Lémbrate que nunca levan acento gráfico cando van na última sílaba dunha palabra aguda: animais, despois.
Os tritongos, secuencias de tres vogais que se pronuncian na mesma sílaba nas que unha vogal aberta (a, e, o) vai entre dúas vogais pechadas átonas (i,u), levan acento gráfico cando lles corresponde segundo as normas xerais de acentuación. O acento, caso de levalo, sitúase sempre sobre a vogal aberta: cambiéillelo, abreviéivolo.
Non levan acento gráfico cando van na última sílaba dunha palabra aguda, do mesmo xeito que os ditongos decrecentes: sociais, abreviei, residuais, asistenciais.
Nas combinacións dunha vogal aberta (a, e, o) e dunha vogal pechada (i, u), as vogais i, u tónicas levan acento gráfico se forman hiato, é dicir, se pertencen a unha sílaba distinta que a vogal átona anterior ou posterior: aí, país, ataúde, saúdos, día, fría, súa, rúa.
Nos hiatos que concorren as dúas vogais pechadas (i, u), a vogal tónica vai en segundo lugar e deberemos acentuala: miúdo, ruído. Nalgunhas palabras poderemos atopar ditongos iu ou ui precedidos doutra vogal coa que forman un hiato. Neses casos acentuaremos graficamente a primeira vogal do ditongo iu ou ui (cando o acento fónico recaia sobre ela) para indicar o hiato anterior: oíu, construíu, baúis.
Diacríticos e acentuación ortográfica de formas verbais O acento gráfico utilízase tamén para distinguir na escrita unha serie de parellas de palabras con significados distintos que se escriben igual. Este acento gráfico diferencial denomínase acento diacrítico.