Departamentos de Lingua Galega e Literatura e Ciencias Sociais do IES RamĂłn Otero Pedrayo. A CoruĂąa, abril de 2010.
Ruta Rosaliana
A RUTA ROSALIANA Trátase dun itinerario que segue parte da vida de Rosalía de Castro, aínda que de xeito desordenado, dende o seu nacemento en Santiago de Compostela, o 24 de febreiro de 1837, ata o 15 de xullo de 1885 en que se produce a súa morte en Padrón. Unha sinxela ruta que percorre os camiños que ela percorreu, que fai meditar nos recantos nos que meditou. Un camiño que nos permite identificarnos intimamente con Rosalía e con Galicia, aínda que nos limitemos á cidade de Santiago de Compostela e á vila de Padrón.
ROSALÍA DE CASTRO: APUNTAMENTOS BÁSICOS O 24 de febreiro de 1837 nace en Santiago de Compostela María Rosalía Rita. É filla de Teresa de Castro Abadía, de familia fidalga rural vida a menos e de José Martínez Viojo, sacerdote nacido no Castro de Ortoño. A súa casa natal estaba situada entre a actual praza de Vigo (onde se inaugurou un monólito conmemorativo no 1982) e o Camiño Novo, hoxe rúa Rosalía de Castro. Foi bautizada na capela do antigo Hospital Real (Hostal dos Reis Católicos). Na partida bautismal figuran dúas apreciacións: Filla de padres incógnitos e No entró en la inclusa. Os anos de infancia pásaos coas súas tías paternas, Teresa e María Xosefa. Con elas vive, primeiro en Lestedo (aldea ao pé do Pico Sacro) e logo no Castro de Ortoño. En 1850 Rosalía vive en Santiago coa súa nai. Adquire coñecementos de música, debuxo e francés na Sociedade Económica de amigos do País, antigo colexio de San Clemente e hoxe instituto Rosalía de Castro. En 1853 acode á romaría da Virxe da Barca en Muxía e colle o tifos, a primeira manifestación dunha saúde fráxil, que tanto incidiu no seu carácter, provocando momentos de desalento e depresión. No Liceo de la Juventud de Santiago participa da vida cultural e entra en contacto con mozos intelectuais como Aurelio Aguirre ou Eduardo Pondal. En 1856 marcha a Madrid. Alí vive cunha familiar (hai unha placa que recorda a súa estadía na capital de España). En 1857 aparece La Flor, a súa primeira obra. Trátase dun breve conxunto poético de corte romántico escrito en castelán. Murguía fai unha crítica favorable no diario La Ibérica. En 1858 casa con Manuel Martínez Murguía na igrexa madrileña de San Ildefonso. Inicia unha longa peregrinación detrás do seu marido por mor dos distintos destinos na Coruña, Santiago, Lestrove, A Mancha, Murcia, Salamanca, Simancas... En 1959 aparece La hija del mar, primeira novela de Rosalía. No prólogo reivindica a capacidade estético-intelectual da muller e indica que se trata dunha obra escrita ao chou, sen tino e sen pretensións de ningunha clase. En 1859, en Santiago nace a súa primeira filla, Alexandra. Logo virían Aura, Gala e Ovidio (xemelgos), Amara, Adriano Honorato e Valentina. O seu fillo Adrián Honorato
morreu accidentalmente cando contaba un ano; Valentina naceu morta. Alexandra foi a encargada de destruír, antes de morrer Rosalía e por expreso mandado desta, algúns escritos inéditos. Ovidio despuntou como pintor, pero morreu novo. En 1861 publícase Flavio, a súa segunda achega narrativa ás letras españolas. Foi editado como folletín por entregas nun xornal madrileño. En 1862 morre a súa nai, Teresa, que vivía xunto dela na rúa do Vilar, en Santiago. Un ano máis tarde aparece A mi madre, breve conxunto de poemas de signo fúnebre e elexíaco. En 1863 aparece Cantares gallegos, primeiro grande título da lírica rosaliana. Na primeira edición eran 32 poemas, que se ampliaron a 36 na segunda (1872), e xa na terceira e póstuma 38 (1909). Leva unha dedicatoria en castelán á escritora Fernán Caballero e un prólogo da propia Rosalía. En 1866 aparece El cadiceño, un escrito en prosa, de carácter satírico-costumista e Ruinas, a súa terceira novela, escrita en castelán, como o resto da súa obra novelística. El caballero de las botas azules, a súa última novela, publícase en 1867. Un par de anos máis tarde reside en Simancas e Madrid. Segundo Murguía, compuxo os poemas que dez anos máis tarde se publicarían baixo o título Follas Novas. En 1870 Murguía é nomeado xefe do Arquivo Xeral de Galicia, na Coruña. Rosalía retorna a Galicia e xa non a abandonará nunca. Antes de se instalar definitivamente na súa casa da Matanza, pasará tempadas na Coruña, Santiago e Lestrove. En 1880 aparece Follas novas. O libro leva unhas palabras de agradecemento da autora á Sociedade de Beneficencia d’os naturales de Galicia n’Habana. O prólogo do político Emilio Castelar suprimiuse nas edicións modernas. Son moi interesantes as Dúas palabras da autora. En 1881 Rosalía séntese duramente criticada por un texto titulado Costumbres gallegas e decide non escribir máis en galego. En 1884 aparece En las orillas del Sar, último libro de poemas que escribiu. Antes de morrer en 1884, procura a brisa do mar e trasládase por uns días á vila mariñeira de Carril. Morre na súa casa da Matanza na mañá do 15 de xullo de 1885. Antes ordénalle a Alexandra a destrución dalgúns manuscritos inéditos. Abre esa ventana, que quiero ver el mar, foron as súas últimas palabras. É enterrada no cemiterio de Adina, cabo dos restos da súa nai. En 1891 son trasladados os seus restos ao Panteón de Galegos Ilustres na Capela do Convento de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela. En 1963, conmemóranse por vez primeira as Letras Galegas. Cumpríase o primeiro centenario da aparición do libro Cantares Gallegos. En 1971 a casa da Matanza convértese en Casa-Museo de Rosalía de Castro.
O PERCORRIDO 1. SANTIAGO DE COMPOSTELA Iniciamos a andaina no antigo convento de San Domingos de Bonaval, situado nun outeiro extramuros da cidade histórica, ao pé do camiño polo que os peregrinos chegaban a Compostela, acolle hoxe o Museo do Pobo Galego, que a través dun amplo e variado conxunto de pezas ofrece unha panorámica das manifestacións máis representativas da cultura propia de Galicia. Nas súas salas permanentes móstranse diversos aspectos do mundo do mar, os oficios tradicionais, o campo, a indumentaria e a arquitectura popular. Dispón, ademais, de seccións de arqueoloxía, pintura e escultura galegas. O Museo do Pobo Galego constituíuse baixo os auspicios dun Padroado integrado por entidades e persoas que traballan nas distintas áreas da cultura galega e por representacións de institucións públicas e académicas. Inaugurouse en outubro de 1977, no edificio cedido polo Concello de Santiago de Compostela. O antigo convento de Bonaval, fundado no século XIII por San Domingos de Guzmán, foi reconstruído en estilo Barroco nos séculos XVII e XVIII. A parte máis notable foi proxectada polo arquitecto Domingo de Andrade. No interior pódese admirar unha orixinal escaleira helicoidal triple. A igrexa data da época da fundación. É de estilo gótico, e sufriu diversas reformas e adicións ata o século XVI. Nela está situado o Panteón de Galegos Ilustres, no que repousan os restos da poetisa Rosalía de Castro, o político rexionalista Alfredo Brañas, o escultor Francisco Asorey, o poeta Ramón Cabanillas, o xeógrafo Domingo Fontán e o artista e político nacionalista Alfonso R. Castelao. Actividades para o alumnado: 1. Cita algunhas salas visitadas. 2. Peculiaridade dunhas escaleiras únicas. 3. Nome dos ilustres que repousan no Panteón da Igrexa de San Domingos de Bonaval. Saímos do Museo do Pobo Galego e de camiño para o antigo Hospital de San Roque, atopámonos co CGAC, Centro Galego de Arte Contemporánea, creado en 1993. No alto da Rúa das Rodas, onde comeza a Rúa de San Roque, encontrámonos co Antigo Hospital de San Roque, un edificio orixinario do século XVI e transformado no XVIII. Ergueuse con fins asistenciais debido as epidemias de peste do século XVI, dedicándose a San Roque por ser este un dos santos máis evocados para protexer contra esta enfermidade. Do século XVI conserva a fachada renacentista atribuída a Gaspar de Arce. A súa estrutura conta con planta rectangular e un claustro de dúas galerías. Trala súa recente rehabilitación funciona como sede provisional e exposición do proxecto de Peter Eisenman para a futura Cidade da Cultura e outras dependencias administrativas. Formando conxunto co hospital, está a Igrexa de San Roque, de planta tamén rectangular e de estilo barroco. No seu interior acolle un dos máis importantes retablos de Simón Rodríguez.
Baixamos pola rúa do Hospitaliño e pola rúa Porta da Pena e xa nos atopamos no casco histórico. Ä dereita atopámonos coa Igrexa e o Mosteiro de San Martiño Pinario. A igrexa, obra dos arquitectos o portugués Mateo López, que se encargou das primeiras trazas; o granadino Bartolomé Fernández Lechuga, que constrúe a magnífica cúpula nervada e organiza o espazo interior conseguindo unha grande maxestuosidade; o salmantino Peña y Toro, que se encarga das obras de contención pois cederan os muros e, finalmente, frei Tomás Alonso e frei Gabriel Casas, con distintas contribucións na fachada do mosteiro, claustros, campanario e dependencias monacais. Sobre a porta desprégase unha vistosa fachada plateresca. Presiden na parte central, entre a porta e o óculo, a Virxe, San Bieito e San Bernardo, mentres que no frontón que coroa a portada está San Martiño repartindo a súa capa cun pobre. As torres érguense só ata a altura da fachada, debido á oposición do cabido catedralicio, temeroso de que a basílica perdese visibilidade. Para vencer o desnivel do terreo, o beneditino Plácido Camiña construíu a fermosa escaleira de acceso á porta, sen dúbida inspirada na que dá acceso á catedral desde a fachada do Obradoiro. O templo posúe planta de cruz latina con tres naves no brazo principal e unha no transversal, percorridas por unha balconada. Emprégase a bóveda de canón na que se enmascaran os nervios a xeito de falsos casetóns. Varias capelas comunicadas entre si, ábrense a cada lado do brazo lonxitudinal. No interior chama poderosamente a atención o fastoso retablo maior de estilo barroco deseñado por F.de Casas e Novoa e executado por Romai. Pechando os frontispicios do cruceiro atopamos o Retablo de San Bieito no norte e o Retablo da Virxe Inglesa no sur. Ademais dos anteriores, tamén podemos contemplar o Retablo da capela do Socorro, o de Santa Escolástica, o do Cristo da Paciencia e o de Santa Xertrude. É preciso destacar así mesmo, o cadeirado do coro, realizado en nogueira por Mateo de Prado, e que é recoñecido como o máis importante dos realizados en Galicia e un dos principais a nivel peninsular. Na praza da Inmaculada érguese este mosteiro, fundado por un grupo de beneditinos que pouco despois do descubrimento dos restos do Apóstolo se estableceron no lugar chamado Pignario, próximo á capela da Corticela (hoxe integrada dentro da catedral), onde celebraban os seus oficios. O maior desenvolvemento comeza cando en 1494 pasa a depender da congregación bieita de Valladolid. A partir de aquí acadarán a riqueza que lles vai permitir sufragar as impoñentes obras da igrexa, que constitúe, xunto á catedral, o máis valioso conxunto do barroco galego. O mosteiro é de grande sinxeleza e frialdade de liñas, só interrompidas pola fachada, á que se accede por unha grande escalinata. A fachada divídese en tres partes cun eixe central flanqueado por dous grandes lenzos de catro pisos. A torre de cinco corpos contribúe a romper a monotonía da fachada. A portada enmarcada por severas columnas dóricas, acolle a San Bieito, rematando coa estrutura engadida por Fernando de Casas na que está o escudo de España entre vieiras e a figura de San Martiño de Tours. Dentro do mosteiro atópanse o claustro das oficinas, o máis primitivo e o claustro procesional. Deixou de ser mosteiro a mediados do século XIX. Debido ao seu tamaño (é o segundo mosteiro máis grande de España despois de "O Escorial"), o seu interior acolle distintos usos. Ademais de Seminario Maior e de aloxar a Escola de Traballo Social e os estudos de Teoloxía, é residencia universitaria durante o curso e hostal no verán. Tamén acolle o Arquivo Diocesano e diferentes dependencias administrativas relacionadas coa Igrexa. Continuamos pola rúa da Troia e atopámonos coa coñecida Casa da Troia. Este museo recrea o ambiente estudantil da afamada pensión rexentada por dona Generosa en Santiago de Compostela a finais do século XIX, e inmortalizada polo escritor don Alexandre Pérez Lugín na súa novela La Casa de la Troya. É unha típica construción do casco antigo da cidade, edificada a mediados do século XVIII e decorada ao gusto daquela época.
A
Catedral
de
Santiago,
concibida como unha pequena cidade de pedra en torno a unhas reliquias e dotada de vida propia, evolucionou con vitalidade ao longo dos anos, amosándose hoxe como un conxunto heteroxéneo de estilos e tendencias de diferente signo e cronoloxía que se foron superpoñendo sucesivamente. A Catedral románica, trazada seguindo o modelo francés das igrexas da peregrinación, ergueuse (1075-1211) sobre os restos das primitivas igrexas construídas no lugar onde apareceran as cinzas do Apóstolo, a última destruída por Almanzor no verán do ano 997. A auxe das peregrinacións e as riquezas dun dos señoríos feudais máis grandes da Península Ibérica permitiron o inicio da construción da Catedral baixo o episcopado de Diego Peláez. Organízase o espazo sobre a tradicional planta de cruz latina e tres naves. O deambulatorio rodea o altar maior coa finalidade de facilitar o acceso ás reliquias a través dun pequeno corredor transversal onde se atopan as cinzas apostólicas. As naves érguense sobre piares cruciformes con columnas anexas. Os volumes distribúense sobre elegantes arcos de medio punto. A tribuna constrúese sobre as naves laterais. O seu espazo percorre o tramo lonxitudinal do templo e continúa polos brazos do cruceiro e o deambulatorio. Na parte exterior ou triforio consta de arcadas con tramos que inscriben dous arcos máis pequenos. A tribuna é unha construción característica das igrexas de peregrinación, pola necesidade de ampliar o aforo para acoller moitos visitantes. A nave central de 97 m. de longo e 20 de alto, está cuberta por bóveda de canón e as laterais con bóvedas de aresta. O actual ciborio gótico substituíu a antiga torre románica que se erguía sobre o altar maior. Baixo o ciborio sitúase a estrutura deseñada no século XVI para accionar o botafumeiro, un grande incensario de latón prateado que voa de extremo a extremo do cruceiro, e que se usou para purificar o ambiente cando os peregrinos durmían dentro da Catedral. No conxunto ábrense tres portas: a da Acibecheira, a de Praterías e a que dá paso ao Pórtico da Gloria desde o Obradoiro. Ideouse un recorrido segundo o cal o acceso debía facerse desde a porta do norte antes coñecida como porta do Paraíso, continuando polo cruceiro ata a o altar maior e o deambulatorio para visitar a tumba do Apóstolo, desembocando no brazo leste con iconografía escultórica baseada no Novo Testamento. A porta oeste, na que se situou o Pórtico da Gloria, identificada como a do solpor, simboliza o remate dos tempos e o xuízo final. A porta norte foi reformada totalmente no século XVIII e na oeste levantouse a fachada do Obradoiro tamén no século XVIII. Na porta sur ou das Praterías, a única que se conserva das primitivas, debeu existir un programa iconográfico facilmente entendible, pero sucesivas reformas e alteracións fixeron que resulte incomprensible, pois nos cambios perdéronse figuras e encaixáronse outras da desaparecida porta románica do norte substituída pola da Acibecheira. Actividades para o alumnado: 4. Nome da praza na que se atopa situada a catedral. 5. Edificios que encadran esta praza. 6. Estilo arquitectónico da fachada da catedral. 7. Nome do pórtico de acceso á catedral. 8. Autor do pórtico. 9. Describe sinxelamente o que podemos observar no tímpano do pórtico. 10. ¿A quen representa o denominado “Santo dos Croques”? 11. ¿Cantas naves ten a catedral? 12. ¿Como é a súa planta? 13. ¿Cantas portas ou entradas ten a catedral? 14. ¿Cantas capelas hai na xirola ou deambulatorio? 15. ¿Con que nome son coñecidos as persoas que manexan o grandioso botafumeiro da catedral?
A Praza do Obradoiro está franqueada, ademais da catedral, por catro edificios importantes: O Hostal dos Reis Católicos. O actual edificio foi mandado construír en 1501 polos Reis Católicos para atender aos enfermos e peregrinos do divino Xacobe, segundo se pode ler na inscrición latina que percorre o friso superior da portada. A súa construción, non obstante, decidiuse xa en 1492 coincidindo co descubrimento de América. O proxecto das obras débese ao arquitecto real Enrique Egas. Diante da fachada podemos ver unha rexa cadea do século XVI sostida por piares esmeradamente tallados que delimita a propiedade do hospital e que ten a súa orixe nas disputas de propiedade entre o Concello e as autoridades do Hospital. Conta cunha fermosa portada plateresca obra dos mestres franceses Martín de Blas e Guillén de Colás. Nas pilastras desta portada podemos ver de abaixo a arriba, as figuras de Adán, Santa Catarina e San Xoán Bautista na esquerda e as de Eva, Santa Lucía e María Madalena na dereita. No friso da porta, estruturada a xeito de arco triunfal romano, aparecen aliñadas as figuras dos doce apóstolos. Nas pectinas sobre o arco podemos ver os medallóns que recollen os bustos dos reis Isabel e Fernando. Sobre o friso, no corpo superior, ábrese a ventá do apousento real, reservado para hospedar aos monarcas cando acudisen a Compostela e flanqueada polas imaxes de Cristo, a Virxe, Santiago, San Xoán Evanxelista, San Pedro e San Pablo. Dous grandes escudos, coas armas de Castela flanquean, así mesmo, a portada. Percorrendo toda a fronte do edificio vemos os balcóns deseñados por frei Tomás Alonso, apoiados en ménsulas moi traballadas que representan figuras fantasiosas. A cornixa decórase cunha minuciosa cadea na que sobresaen grotescas e obscenas gárgolas. O espazo interior está estruturado nunha planta rectangular con catro patios. O máis artístico destes patios é o primeiro que atopamos entrando á esquerda, no que destaca sobre todo, a porta que conduce á antiga sala de San Luís. O interior do Hostal alberga unha fermosa capela oxival, declarada Monumento Nacional en 1912. A parte máis interesante desta capela de planta de cruz latina, situada entre os catros patios, é o cruceiro ao que se accede a través dunha enreixada de ferro de fermosa factura, obra do cerralleiro francés Guillén. A bóveda do cruceiro, confeccionada en pedra litográfica de Coimbra, é dunha belísima filigrana. Pechando a Praza do Obradoiro e situado fronte á fachada oeste da Catedral, érguese o Pazo de Raxoi, mandado construír polo arcebispo Raxoi en 1766 para residencia dos nenos do coro e seminario. As obras foron executadas polo enxeñeiro francés Charles Lemaur. A longa fachada aberta cun elegante soportal, dota ao edificio dunha marcada horizontalidade. No centro da fachada pode verse un frontón con un relevo en mármore, no que se representa a batalla de Clavijo, obra de Gambino e Ferreiro, coroado pola estatua ecuestre de Santiago. No interior destaca a escaleira rococó deseñada tamén por Lemaur. Na actualidade é sede do Concello compostelán, do Consello da Cultura Galega e dalgunhas dependencias do Goberno da Xunta de Galicia, incluído o despacho do Presidente de Galicia.
O Colexio de San Xerome era o chamado Estudio Vello, establecido polo arcebispo Fonseca III para estudantes pobres, cerca do Convento de San Martiño. Cando os monxes de San Martiño Pinario o compraron para ampliar o convento, levantouse este novo edificio na praza do Obradoiro. Na súa entrada instalouse a portada románico-gótica do antigo colexio. No centro da arquivolta figura a Virxe co Neno rodeada de numerosos santos. O tímpano está presidido pola Inmaculada. Sobre
a portada atopamos o escudo do fundador, o arcebispo Fonseca. No interior, que na actualidade alberga o Reitorado da Universidade, hai un patio clasicista que hoxe vemos acristalado. Apoiado no costado norte da Catedral, e de cara á Praza do Obradoiro, érguese o Pazo Episcopal que mandou construír o arcebispo Diego Xelmírez para substituír a antiga residencia episcopal derrubada durante as revoltas. No século XVIII engadíuselle un novo andar sobre os dous inicias, que desentoa da primitiva construción románica, e que obrigou a reforzar os muros cunha nova fachada a modo de contraforte. Accédese ao interior deste edificio a través da porta que dá á praza do Obradoiro. Ao traspasar a porta podemos ver o primitivo pórtico románico que quedou oculto trala nova fachada do século XVIII. No segundo andar destacan a interesante cociña medieval e o salón de festas e comidas do século XIII. Destacan neste salón as ménsulas encol das que se apoian os nervios dos arcos que sustentan a bóveda de crucería, todas elas decoradas con escenas dun festín medieval. Imos agora pola rúa do Vilar, pasamos pola Praza do Toural e imos cara a Alameda e a carballeira de Santa Susana. Pasamos polo Colexio San Clemente de Pasantes, hoxe IES Rosalía de Castro. Fundouse en 1610 polo arcebispo Xoán de Sanclemente e Torquemada para ensinar teoloxía, e foi denominado San Clemente de Pasantes porque nel só se admitían doutores, é dicir, persoas que xa terminaran a carreira. Dende a súa fundación albergou numerosas institucións públicas e privadas tales como a Real Sociedad Económica de Amigos del País, o Museo Arqueolóxico, a facultade de Dereito, etc. Ten planta cuadrangular, en sillaría de granito, con dúas alturas e disposta en torno a un patio central clásico, acorde co seu destino universitario. Na fachada hai elementos decorativos innovadores no barroco galego de inicios do século XVII.
No paseo da Ferradura atopámonos con este monumento homenaxe a Rosalía de Castro. Actividades para o alumnado: 16. Descrición xeral do monumento. 17. Esculturas. 18. Inscricións e placas conmemorativas.
2. PADRÓN
O pazo de Arretén: A chamada “Casa Grande”, na aldea de Arretén, a 3 quilómetros de Padrón. É o pazo dos devanceiros maternos de Rosalía.
A rúa do Sol: A placa da Real Academia Galega recorda a curta estadía de Rosalía, xa coa súa nai, nesta casa antes de marchar para Santiago en 1850.
O monumento a Rosalía no Espolón:
Actividades para o alumnado: 19. Descrición xeral do monumento. 20. Inscricións. 21. Nome da igrexa que se atopa enfronte do monumento. ¿Que restos garda no seu interior? 22. Nome do río que pasa a carón do monumento.
Casa Museo de Rosalía: situada na aldea de A Matanza. Dende 1971 sede da Fundación Rosalía de Castro.
Actividades para o alumnado: 23. Cita o que se atopa en cada unha das salas visitadas. 24. Copia o texto dalgunha das placas de homenaxe a Rosalía que se atopan na fachada posterior da casa. 25. ¿Quen erixiu un monólito de homenaxe a Rosalía que se atopa no xardín da casa? 26. Nunha das camas hai unha rosa pousada sobre a colcha, ¿cal é o motivo? 27. Cita algún libro que estea nos andeis da biblioteca do despacho de Manuel Murguía. 28. Describe un dos cadros asinados polo fillo Ovidio. 29. ¿Que foi o que chamou máis a túa atención? 30. Faille unha pregunta orixinal, relacionada con Rosalía, ao noso guía.
Na segunda metade do século XIX, o lento agromar da conciencia nacional como resposta aos males do país – explotación, marxinación, atraso económico e emigraciónmedra parello á reivindicación lingüística, de xeito que o simple emprego do galego na literatura constitúe unha clara opción ideolóxica. Cantares Gallegos constitúe un canto colectivo, artisticamente logrado, que lle serviu de espello dignificante á comunidade galega. En Follas Novas, Rosalía creou unha poética de grande profundidade, unha poesía que revela a conflitividade do mundo no que non parecen existir valores eternos e verdades absolutas, e onde o ser humano está radicalmente só.
ACTIVIDADES PARA O ALUMNADO NOME EAPELIDOS:
CURSO:
TRINTA CUESTIÓNS BÁSICAS SOBRE ROSALÍA DE CASTRO 1. ¿En que ano naceu Rosalía de Castro? 2. ¿Como se chamaban os seus pais? 3. ¿Que outros dous nomes lle puxeron á nena Rosalía? 4. ¿Como se chamaba a aldea na que se criou de nena coas súas tías paternas? 5. ¿Que campás escoitaba tocar na aldea? 6. Antes de marchar a vivir a Santiago, ¿en que vila viviu de nena? 7. ¿Onde se formou academicamente? 8. ¿En que ano marchou a vivir para Madrid? 9. ¿Sabes o título do seu primeiro libro de poemas? 10. ¿En que lingua escribiu a súa primeira obra? 11. ¿Con quen casou? 12. Cita o nome de tres fillos. 13. ¿Cal é o título da súa primeira obra en galego? 14. ¿En que ano publicou a súa primeira obra en galego? 15. ¿A quen lle dedicou a súa primeira obra en galego? 16. Título do poema que publicou en “El Álbum de La Caridad” no ano 1962. 17. Cantos poemas ten a súa primeira obra en galego. 18. ¿En que ano publicou “Follas Novas”? 19. Título das cinco partes en que divide “Follas Novas”. 20. Nome co que coñecemos a época literaria que se corresponde co último terzo do século XIX. 21. Nome doutros dous poetas da mesma época de Rosalía de Castro. 22. ¿Escribiu algunha obra en prosa en lingua galega? En caso afirmativo, ¿sabes o título? 23. ¿Viviu Rosalía algún tempo na cidade da Coruña? No caso de ser así, ¿sabes o motivo? 24. ¿En que lugar viviu os seus últimos anos? 25. Título da súa última obra. 26. ¿En que ano morreu? 27. ¿Onde a enterraron? 28. ¿Dende que ano están os seus restos no Panteón de Galegos Ilustres? 29. ¿Onde se atopa o dito Panteón de Galegos Ilustres? 30. Di o nome doutros dous persoeiros que tamén estean enterrados aí.