12 temas de literatura galega do século XX e XXI.

Page 1

Por XoAnSeCa, IES ISAAC Dร AZ PARDO. SADA. 2ยบ DE BACHARELATO. CURSO 2014/2015


ESQUEMA BÁSICO DA HISTORIA DA LITERATURA GALEGA DO SÉCULO XX E COMEZOS DO XXI

DE 1916 A 1936

DE 1900 A 1916

 

Continúase coa estética decimonónica. Aparecen escritores e discursos de transición da literatura do século XIX ao XX: Antón Noriega Varela e Ramón Cabanillas.

Irmandades da Fala (1916)

 Conservatorio Nacional de Arte Galega, editoriais e revistas.  Ensaio político, novela, teatro...  Procura dunha lingua literaria e dunha normativa.

Xeración Nós (1920)

 Revista Nós (1920-1936).  Prosa moderna galega.  Otero Pedrayo, Castelao, Risco, Cuevillas...  Integración da cultura galega dentro da cultura europea.  Teorización do nacionalismo.

Vangardas poéticas

 Imaxinismo ou Hilozoísmo: Luís Amado Carballo.  Neotrobadorismo: Fermín Bouza Brei, Álvaro Cunqueiro.  Creacionismo: Manuel Antonio.

Prosa

Rafael Dieste González.

Xeración vangardista, do 22, do 25 ou novecentista

NARRATIVA DE POSGUERRA (ATA 1975)

A crónica da guerra e o tempo inmediatamente posterior A imaxinación como fuxida A indagación no conto popular

Crónica da guerra civil e anos posteriores: Silvio Santiago e Ramón de Valenzuela. Literatura de evasión. Álvaro Cunqueiro. O conto popular centra sempre o primeiro plano da actividade narradora: Ánxel Fole.

Continuadores da prosa da Xeración Nós

Ricardo Carvalho Calero, Otero Pedrayo...

A obra de Eduardo Blanco Amor

Novos recursos narrativos. Realismo social e compromiso. A Esmorga.

A Nova Narrativa Galega

Autores nados entre o 30 e o 40. Novidade técnica e temática: Gonzalo Mourullo, Méndez Ferrín, Carlos Casares, Camilo Suárez Llanos, María Xosé Queizán.

2


POESÍA DE POSGUERRA (ATA 1975) A poesía no exilio

A poesía civil, social, comprometida

A promoción de enlace

Xeración das Festas Minervais

Tres xeracións unidas nunha promoción poética que comeza a publicar a súa obra ao longo dos anos 50. Persisten ademais diversas correntes estéticas: o imaxinismo paisaxista de Aquilino Iglesia Alvariño, o neotrobadorismo con Cunqueiro, o clasicismo, o intimismo, o vitalismo existencial, o social realismo.

Luís Seoane, Emilio Pita, Lorenzo Varela. A corrente poética que máis éxito terá no exilio será a social realista.

É a xeración do 36. Destaca sobre todo Celso Emilio Ferreiro. Non é unha tradición nova xa que dende Curros e pasando por Cabanillas estivo presente na nosa poesía.

Son os autores nados nos anos vinte. Crecen no ambiente misérrimo da Guerra e son autodidactas. Antón Tovar, Luz Pozo, Cuña Novás...

A súa formación, a participación nas xustas poéticas, no diario compostelán La Noche e o Grupo Brais Pinto. Méndez Ferrín, Manuel María, Xohana Torres, Uxío Novoneyra...

A LITERATURA DENDE 1975 ATA HOXE A autonomía política e as súas consecuencias institucionais e sociais fixeron deste último cuarto de século un período fecundo, incorporándose á literatura galega moitos novos autores que aportan novos acentos á poesía e ao xénero narrativo. O teatro, aínda que menos, tamén está a coñecer unha etapa de desenvolvemento. O ensaio e outras formas de prosa non narrativa tamén se están a proxectar. Quizais o aspecto máis destacable e novidoso no noso panorama literario sexa o peso acadado pola literatura destinada ao público infantil e xuvenil. ALGÚNS NARRADORES DOS 80 Alfredo Conde, Xavier Alcalá, Paco Martín, Víctor Freixanes, Carlos G. Reigosa, Suso de Toro...

ALGÚNS POETAS DOS 80 Rodríguez Baixeras, Xavier Seoane, Miguel Anxo Fernán Vello, Darío Xohán Cabana, Xesús Rábade Paredes, Helena Villar, Manuel Forcadela, Pilar Pallarés...

ALGÚNS NARRADORES A PARTIR DOS 90 Darío Xohán Cabana, Xosé Cid Cabido, Manuel Rivas, Xosé Miranda, Marilar Aleixandre, Fran Alonso...

TEATRO Aparecen autores novos como Xesús Pisón, Joao Guisan Seijas, Miguel Anxo Fernán-Vello, Cándido Pazó, Miguel Anxo Murado e Inma A. Souto que van posibilitar a progresiva normalización da nova dramaturxia.

ALGÚNS POETAS A PARTIR DOS 90 Rafa Villar, Iolanda Castaño, Olga Novo, Chus Pato, María do Cebreiro...

LITERATURA INFANTIL E XUVENIL Frecuentemente premiada fóra das nosas fronteiras. Algúns dos seus autores, aínda que ningún deles se dedica en exclusiva a este xénero son: Paco Martín, Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey...

ENSAIO Aparecen autores especializados en Historia como Xosé Ramón Barreiro e Ramón Villares e tamén en temas de lingua, literatura e sociolingüística como Xesús Alonso Montero, Manuel Portas, Dolores Vilavedra...

3


Tema 1: A poesía das Irmandades da Fala. Características, autores e obras representativas. A literatura galega nas portas do século XX recolle a herdanza do Rexurdimento, pero as novas ideas e a nova situación social van modificando o panorama literario. A sociedade galega coñeceu nas primeiras décadas do século XX unha actividade sen precedentes dende había moito tempo e a nova literatura será reflexo da nova situación. Os poetas do tempo das Irmandades da Fala (1916) van superando os esquemas da literatura decimonónica e abrindo novos horizontes cunha clara apertura aos movementos literarios da época. Asistimos nos primeiros anos do século XX a profundos cambios sociais en Galicia: o derrube definitivo da fidalguía, a consolidación dunha pequena burguesía industrial e financeira e sobre todo, o movemento agrario, no que o campesiñado participou activamente a través das sociedades agrarias e dos sindicatos agrícolas. Basilio Álvarez, crego ourensán que en 1910 fundou Acción Gallega, vai estar relacionado directamente cos dous máximos representantes desta xeración que se move a cabalo entre dous séculos: Antón Noriega Varela e Ramón Cabanillas Por outra banda, as Irmandades da Fala constituíronse en 1916. Os irmáns Antón e Ramón Vilar Ponte foron dous dos seus líderes. A Nosa Terra, periódico voceiro das irmandades, espalla o ideario deste movemento que podemos resumir en dous grandes obxectivos: autonomía integral para Galicia no camiño dunha federación de pobos libres da Península Ibérica e oficialización da lingua galega no noso país. Neste contexto social e político xorden Antón Noriega Varela, Ramón Cabanillas Enríquez, Gonzalo López Abente e Xerardo Álvarez Limeses como os máis xenuínos representantes dos poetas que serven de ponte entre o legado decimonónico e a literatura galega do século XX, aínda que sen conciencia de grupo xeracional, illados e sen conexión. Quizais o único aglutinante foi o agrarismo de Basilio Álvarez. Antón Noriega Varela, mestre en Foz, faise amigo de Antón Vilar Ponte quen o pon en contacto co movemento agrarista. Compón poemas cívicos alentando á loita agraria e forma parte da redacción do periódico local Guau Guau, de carácter anticaciquil. Trasladado a Ourense, coñece a Otero Pedrayo quen o poñerá en contacto coa literatura portuguesa que deixará unha innegable pegada na súa produción poética. Posteriormente, Noriega reacciona contra o modernismo e reafirma a súa estética de lirismo paisaxístico renegando das novas tendencias poéticas ao tempo que se desvencella progresivamente do movemento agrarista. É autor dun único libro, que coñeceu sucesivas transformacións e que apareceu co título Montañesas (1904 e 1910) e logo co de Do ermo (1920, 1929 e 1946). Os aspectos máis salientables da súa obra son:

4


Poesía costumista. Composicións que se manteñen na liña do realismo costumista característico do século XIX a través das que expresa nun ton popular a dura vida dos labregos e tamén as alegrías festeiras da aldea.

Lirismo da natureza. A actitude dominante nestas breves composicións é a tenrura polas cousas humildes da paisaxe montesía. O poeta identifícase coa soidade do ermo, que alimenta a súa lírica de humildade franciscana. Nos sonetos, o poeta abandona a fala popular e introduce numerosos cultismos, moitos deles tirados do portugués, coidando a musicalidade do verso e cunha actitude esteticista e culturalista que os diferenza das composicións breves.

Ramón Cabanillas Enríquez, o poeta da raza, publica o seu primeiro libro na Habana, en 1913, co título No desterro. Dous anos máis tarde, pouco antes de volver a Galicia, publica o segundo: Vento mareiro. Na Habana mantivo contacto con Basilio Álvarez (quen escribe o prólogo de No desterro). De volta en Galicia colabora nas Irmandades da Fala e no seu periódico A Nosa Terra, converténdose na máis importante voz lírica do momento. En 1917 publica Da terra asoballada. Máis tarde chegarán Na noite estrelecida e A rosa de cen follas. Virán máis obras e recompilacións ata que finalmente aos oitenta e dous anos publica a súa derradeira obra: o poema extenso Samos, composto no mosteiro do mesmo nome. Na súa obra poética podemos diferenciar dúas grandes liñas: 

Poesía lírica. Dende o seu primeiro libro, No desterro, a poesía lírica de Cabanillas maniféstase en tres direccións principais: a poesía social ou combativa, de carácter agrarista e anticaciquil (o que lle vale o apelativo de sucesor de Curros); a poesía de tipo intimista (que pode lembrar a Rosalía), e a poesía costumista onde se poden observar as pegadas do Modernismo.

Poesía narrativa. Un dos aspectos máis significativos da poesía de Cabanillas é a súa épica. Xa publicara en 1925 O bendito San Amaro, un poema que narra brevemente a lenda dese santo galego, pero a súa contribución principal a este xénero son os libros titulados Na noite estrelecida e Samos. Na Noite estrelecida (1926) recolle temas da Materia de Bretaña. A espada Escalibur, o cabaleiro do Santo Grial e o sono do rei Artur son as tres sagas que conforman este poema. Cabanillas galeguiza esta tradición da Materia de Bretaña e insúflaa coas arelas de redención e liberdade da nosa Terra. Galicia convértese en protagonista da obra. O Poema Samos (1958) pode ser considerado épica, pero ten un carácter máis descritivo que narrativo, e moitas partes son puramente líricas.

5


A produción poética de Gonzalo López Abente, natural de Muxía, está constituída por seis libros que conteñen lírica amorosa, poemas de loita, con algúns elementos modernistas ao xeito da poesía de Cabanillas, e tamén poemas nos que o motivo principal é o mar e a paisaxe da súa terra. Xerardo Álvarez Limeses é autor de composicións de gran liberdade métrica, sumido nun lirismo agarimoso e superficial que fai gala dun galego rico e rexo. Posúe tamén unha alegre, viva e moderna visión da paisaxe. (935 palabras)

Tema 2: A prosa do primeiro terzo do século XX. As Irmandades e o Grupo Nós: narrativa, ensaio e xornalismo. A prosa galega acadou por obra dos homes da xeración das Irmandades un desenvolvemento que non tivera ata entón. Hai neste tempo unha abundante prosa didáctica ou propagandística: discursos, conferencias, ensaios, tratados de política…, como medio de expresión da ideoloxía nacionalista. A este labor desenvolvido polo movemento das Irmandades da Fala sumáronse varios grupos de intelectuais. O grupo ourensán deste grupo xeracional, composto por Vicente Risco, Otero Pedrayo e Florentino López Cuevillas, conferiulle á cultura galega unha altura que non tivera ata entón. Con eles a narrativa galega ábrese a horizontes novos, máis universais e, ao mesmo tempo, máis enraizados na nosa cultura. O Grupo Nós, así chamado polo título da revista que publicaron, son os representantes dunha xeración de “inadaptados” que descubrirían e se achegarían a Galicia despois dun período intelectual por culturas estrañas. En estreita relación con este grupo, chamado tamén cenáculo ourensán, sitúase a figura inmensa de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. A figura de Antón Villar Ponte (fundador no 1916 das Irmandades da Fala) cobra especial relevancia polo seu labor periodístico e por iniciar o ensaísmo político. Foi autor de numerosas prosas de propaganda nacionalista baixo a forma de discursos, conferencias e artigos, recollidos na escolma Pensamento e sementeira, 1971. Nesta liña debemos situar tamén a Lois Porteiro Garea, do que quedan sobre todo pezas oratorias sobre o galeguismo. Hai que sinalar a Xoán Vicente Viqueira, catedrático de filosofía e autor de numerosas prosas de carácter galeguista, ensaios, artigos e conferencias, como outro dos autores destacados deste tempo das Irmandades. O labor de creación das canles de expresión necesarias para a difusión literaria e cultural foi fundamental no proceso de modernización da narrativa galega que se desenvolveu neste período. A actividade editorial adquiriu un pulo sen precedentes. Ademais de A Nosa Terra (Idearium das Irmandades da Fala) e a Revista Nós “Revista mensual da cultura galega” (publicouse o seu primeiro 6


número en 1920, en Ourense. O último, o 144, en 1936 en Santiago; non se chegou a distribuír por causa da guerra), a prensa en castelán contaba con frecuentes seccións en galego. A máis importante, a sección “¡Terra a nosa!” do xornal coruñés El Noroeste. A revista Céltiga (creada por Xaime Quintanilla en Ferrol) e a editorial Lar (fundada en 1924 por Ánxel Casal e Leandro Carré) resultaron tamén decisivas para a consolidación da prosa. O Grupo Nós supuxo a consolidación e modernización da prosa galega nos seus máis variados rexistros (narrativa curta, novela, ensaio, discurso científico…). Con Nós, os inadaptados, Arredor de si e Dos nosos tempos, Risco, Otero e Cuevillas sintetizan a descuberta de Galicia e a súa xente como a máis apaixonante aventura intelectual destes individualistas que inician un traballo sistemático e colectivo de estudo, desenvolvemento e dignificación da realidade de Galicia, conectándoa directamente con Europa nun afán de modernización e de superación do illamento rural da cultura galega. Conxugan enxebrismo e europeización a través dun atlantismo celtista, como o amosa o interese prestado pola revista Nós á literatura irlandesa e á cultura bretoa. Vicente Martínez-Risco e Agüero, autor en 1920 de Teoría do Nacionalismo Galego, tivo unha evolución ideolóxica que o afastou do Partido Galeguista e o levou, despois da Guerra Civil, a mostrar o seu apoio ao réxime franquista. A súa produción narrativa ten un carácter intelectual que se vencella coa súa obra ensaística e vén ser unha continuación do seu pensamento filosófico: esoterismo, atlantismo, visión cíclica da historia…, todo articulado como materia prima dos relatos, que supoñen unha ruptura coa narración galega de tipo folclórico ou costumista. Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros (1919) foi a súa primeira novela, unha narración humorística con notas críticas referidas ás materias ocultistas tratadas no texto. O porco de pé (1928) é unha novela longa que supón o cume narrativo de Risco. Don Celidonio, comerciante de orixe castelá que chega a ser alcalde dunha cidade galega, configura a vulgaridade e o materialismo dunha familia da nova burguesía. A el contraponse o intelectual e espiritualista Doutor Alveiros. Ramón Otero Pedrayo, don Ramón, o Patriarca das Letras Galegas…, converteuse nun modelo ético e nun símbolo do galeguismo para as xeracións máis novas. As claves do seu pensamento, cristianismo –entendido como esencia da nosa identidade- e tradición –observada como sabedoría acumulada por sucesivas xeracións-, son fundamentais para entender a súa ampla obra literaria, na que reflicte a oposición a conceptos como materialismo e modernidade, rexeitando a penetración do capitalismo e mais do Estado como perturbadores das formas de vida tradicionais. A súa narrativa céntrase nos distintos aspectos da historia e da realidade de Galicia. Os camiños da vida (1928) está dividida en tres partes: “Os señores da terra”, “A maorazga” e “O estudante”, e amósanos a sociedade galega rural no transo da súa transformación durante o século XIX, dende os tempos da desamortización ata a revolución de 1868 que nos conduciría á I República. Arredor de si publicouse en 1930. Nesta obra Otero Pedrayo retrata a súa xeración e retrátase a si mesmo na figura do seu protagonista, o intelectual Adrián Solovio. Este, despois de debullar as súas inquedanzas pola cultura europea, escéptico e desacougado, vive unha crise que o leva ao encontro de Galicia e de si mesmo. Despois, unha serie de narracións realistas (Pantelas, 7


home libre, Contos do camiño e da rúa, O mesón dos ermos) que relatan a vida rural galega do século XIX e outras narracións culturalistas, nas que os personaxes perden relevancia en prol da exposición de ideas e referencias culturais (Escrito na néboa, Fra Vernero, A romaría de Xelmírez, Devalar). A narrativa oteriana revela a súa cosmovisión e o seu compromiso galeguista. Algúns temas recorrentes na súa obra son: a tradición, a fidalguía e a paisaxe. De entre a súa fecunda produción ensaística na que hai dende estudos xeográficos a biografías, guías, libros de viaxes, ensaios sobre a paisaxe, a aldea, a literatura, a arte…, destaca especialmente o seu Ensaio histórico sobre a cultura galega (1939), síntese do desenvolvemento histórico e cultural de Galicia dende os tempos prehistóricos ata os comezos do século XX. Alfonso Daniel Rodríguez Castelao é, en moitos aspectos, a figura máis relevante da historia da cultura galega do século XX. A súa biografía está intimamente vinculada aos acontecementos históricos que lle tocou vivir no plano político e cultural. A súa obra plural –debuxante, pintor, narrador, ensaísta e autor teatral- soubo conectar coa esencia máis profunda da forma de ser da poboación galega. A diferenza doutros autores da xeración Nós, Castelao non parte dun corpus ideolóxico para proxectalo na súa narrativa. Opta por mostrar a realidade daquel tempo amosando as diferentes facetas das clases populares, que son os protagonistas fundamentais das súas obras. A súa é unha prosa substantiva, depurada de adubos, na que se decanta pola sinxeleza. Xunto co humor, o lirismo constitúe outra das claves da súa obra. A técnica narrativa de Castelao maniféstase mediante uns trazos narrativos esenciais que denotan o fundamental da historia, deixando o resto da información suxerida dun xeito connotativo. Consegue deste xeito uns textos breves e sintéticos. A primeira obra narrativa de Castelao é Un ollo de vidro, publicada en 1922 na colección Céltiga co subtítulo de “Memorias dun esqueleto”. No prólogo diríxese ao lector o propio Castelao, que explica como atopou as memorias do esqueleto que veñen a continuación. O seu humor non é alleo á sátira social de carácter anticaciquil. Cousas é a fórmula literaria máis orixinal de Castelao. En 1926 apareceu o primeiro libro de Cousas: un conxunto de prosas con ilustracións publicadas con anterioridade na prensa. A editorial Nós, en 1929, publicou unha segunda colección, e en 1934 unha edición que recolle o contido dos libros precedentes. O libro Retrincos, publicado en 1934, é unha colección de cinco contos que se nos presentan como autobiográficos e ordenados cronoloxicamente. Os dous de sempre é a única novela de Castelao e consiste nunha sucesión de relatos que gardan unidade entre eles pola referencia a dous protagonistas constantes: Pedriño e Rañolas. O labor ensaístico de Castelao vén representado principalmente polo seu libro Sempre en Galiza. Nesta obra sintetiza o seu pensamento político, ademais de ofrecernos unhas memorias da actividade política durante os anos da República. Nel atopamos unha ollada anovadora sobre Galicia e as súas potencialidades, así como a crítica contra o modelo centralista do Estado e a proposta alternativa dun federalismo ibérico. Destacan tamén os seus traballos sobre a arte popular: As cruces de pedra na Bretaña e As cruces de pedra na Galiza.

8


Outro dos grupos xeracionais importantes anteriores á guerra Civil creouse arredor do Seminario de Estudos Galegos, fundado en 1923 por profesores e estudantes da Universidade de Santiago co obxecto de promover o estudo científico da realidade galega. Próximos a este grupo, aínda que sen constituír un grupo homoxéneo, están varios escritores nados en torno ao 1900 que son coñecidos cos nomes de Novecentistas ou Xeración de 1925. O máis destacado narrador é Rafael Dieste, rianxeiro como Castelao. Dos arquivos do trasno, libro publicado en 1926, contiña inicialmente oito relatos; dende a segunda edición, en 1962, Dieste ampliou o número a vinte. O libro ábrese cunha introdución que condensa unha moderna teoría do conto exposta en forma de proverbios. Dous son os principios que a gobernan: unidade emotiva e remate esencial. O eixo temático da narrativa de Dieste xira arredor da psicoloxía e das experiencias extraordinarias da xente galega. (1.573 palabras)

Tema 3: A poesía de vangarda. Características, autores e obras representativas. Os escritores nados arredor do 1900, que constitúen a xeración seguinte á xeración das Irmandades e do Grupo Nós, levaron a cabo a renovación das letras galegas. Coñecidos co nome de novecentistas, vangardistas ou xeración do 25 incorporaron á nosa literatura os principios estéticos e as novidades característicos dos principais movementos vangardistas europeos. As vangardas responden a unha reformulación teórica das artes. As diferentes solucións reciben o nome de ismos: futurismo, cubismo, dadaísmo, creacionismo, surrealismo… Todos teñen en común:   

A reivindicación da materia artística como algo autónomo, sen conexión co mundo real. Percepción simplemente intelectual da realidade e actitude antisentimental, tentando eludir calquera palpitación emocional na obra de arte. Innovación da linguaxe figurada: sintaxe e imaxes fanse irracionais, mesmo absurdas, por veces.

Os poetas galegos danse a coñecer contra o 1925, publicando ademais unha serie de revistas (Ronsel, Alfar, Resol, Papel de Color, Yunque, Cristal) que se constituíron como a súa principal canle de expresión. Esta xeración de autores incorporan as novidades das vangardas, mais sen renunciar ao sentimento, fornecido non soamente pola tradición senón tamén pola pegada do saudosismo de Teixeira de Pascoaes, poeta portugués que influíu decisivamente na mocidade intelectual de

9


principios do século XX. Pero ademais, tamén inflúen nas vangardas galegas o espírito nacionalista, herdado da xeración precedente e mais a descuberta dos Cancioneiros medievais. Deste xeito, e tendo en conta as circunstancias específicas de Galicia, podemos falar de varias correntes poéticas, aínda que non todas se poderían incluír dentro da denominación de vangardas. A vangarda plena está representada polo creacionismo de Manuel Antonio Pérez Sánchez, autor de De catro a catro (1928), único libro que chegou a publicar en vida. Antes, en 1922, asinara conxuntamente co artista plástico Álvaro Cebreiro o manifesto ¡Máis Alá! onde propoñía unha ruptura total coa literatura galega que se viñera facendo ata a data. En 1924, nas páxinas do xornal Galicia publicou un novo texto, Prólogo dun libro de poemas que ninguén escribiu, no que incide novamente nos afáns vangardistas. De catro a catro, composto durante a primeira navegación de Manuel Antonio, constitúe unha sorte de caderno de bitácora (follas sen data dun diario de abordo). Está composto por dezanove poemas e reflicte, seguindo unha liña temporal, a viaxe marítima que realizou. Principia con “Intencións”, o eu poético abandona a beiramar e lánzase ilusionado a unha nova experiencia. Continúan dezasete poemas nos que manifesta unha vivencia intensa do mar e unha experiencia íntima en contacto co cosmos que o rodea. No medio da navegación unha escala en terra, os poemas oito e nove. Rematando a viaxe coa volta a terra, o poema “Adeus”, unha despedida saudosa e o regreso á vila natal. No texto creacionista a xustaposición de imaxes é a auténtica creadora; unha imaxe baseada na prosopopea que nos presenta a realidade desde distintos puntos de vista, nunha completa fragmentación da perspectiva e reducindo o poema a unha superposición de visións. Álvaro Cunqueiro (1911-1981) será o poeta galego que conecte máis decididamente co surrealismo, corrente promovida por André Bretón, publicando dous libros de contido vangardista, Mar ao norde (1932) e Poemas do si e non (1933). A segunda vía seguida pola xeración novecentista é o chamado hilozoísmo, escola que ten como principal representante ao pontevedrés Luís Amado Carballo, autor de dous poemarios Proel e O Galo, quen tivo unha ampla aceptación e múltiples seguidores. Está claramente influenciado polas vangardas europeas e mestura imaxes de raíz vangardista con metros e ritmos populares para nos ofrecer unha visión plástica e animada da paisaxe. Na descrición que nos ofrece da paisaxe, o elemento humano case desaparece, humanizando en troques o inanimado. A terceira gran corrente, que se vén chamando tradicionalmente neotrobadorismo, xorde polo influxo da lectura dos Cancioneiros medievais. O abraio e conmoción que a lectura da lírica medieval provoca nos poetas novos, fai que viren os seus ollos cara á tradición, introducindo na súa poesía numerosos elementos estilísticos e temáticos medievais. Prodúcese, polo tanto, unha recreación e reformulación de estilos e temas, engadindo imaxes propias da poesía moderna. Os representantes sobranceiros desta corrente son Fermín Bouza Brey, que dá ao prelo Nao senlleira 10


en 1933, e Álvaro Cunqueiro, autor de Cantiga nova que se chama ribeira, editado o mesmo ano, e quizais o libro máis significativo do movemento. Outras voces poéticas importantes desta xeración vangardista son Manuel Luís Acuña, autor de Fírgoas e Roberto Blanco Torres coa obra Orballo da media noite. Finalmente, non se pode deixar de mencionar a figura de Luís Pimentel, presente nas iniciativas da vangarda galega dende a aparición da revista Ronsel (1924), aínda que autor de serodia difusión en libro; Triscos é de 1950 e Sombra do aire na herba aparece un ano despois da súa morte en 1959. (794 palabras)

Tema 4: O teatro do primeiro terzo do século XX: As Irmandades, o Grupo Nós e as vangardas. O teatro galego recibe no tempo das Irmandades un pulo extraordinario. No seo das Irmandades créase en 1919 o Conservatorio Nacional de Arte Galega coa intención de promover o teatro galego. O 22 de abril dese mesmo ano de 1919, o Conservatorio Nacional de Arte Galega ofrece a súa primeira función representando A man da Santiña de Ramón Cabanillas. A Man da Santiña (publicada en 1921) é unha comedia de asunto amoroso que se desenvolve nun ambiente de clase alta. Ricardo volve das Américas con fortuna, despois de sete anos. Marirrosa, que aínda lle conserva o antigo amor, coida que que el está namorado da súa curmá Santiña. O enredo resólvese finalmente co encontro de ambos. Cabanillas compuxo O Mariscal en 1926 a petición de Antón Vilar Ponte, que quería unha peza política coa lenda do mariscal Pardo de cela, mitificado como bandeirante da oposición galega ao centralismo, polo seu enfrontamento histórico cos Reis Católicos. Ademais de Cabanillas e Vilar Ponte, Leandro Carré, Armando Cotarelo e Xaime Quintanilla cultivaron o teatro. Os membros do Grupo Nós coinciden co afán xurdido nas Irmandades de crear unha dramaturxia galega capaz de ofrecer produtos de calidade e que puidesen interesar a un público culto, co ánimo de interesalos na causa galeguista. Vicente Risco foi o primeiro en presentar a obra O bufón d’El-Rei, editada en 1928 e estreada en Bos Aires en 1933. Trátase dun drama en catro pasos que desenvolve a súa acción na época 11


medieval, con mencións diversas á Materia de Bretaña. O bufón está definido como un ser deforme, que medita sobre a súa propia condición maléfica. Otero Pedrayo, consciente da importancia do teatro como elemento normalizador da cultura galega, cultivou tamén este xénero literario. A lagarada (1929) é a súa primeira peza dramática. Trátase dunha traxedia dionisíaca na que a vendima e o viño fan agromar a forza das paixóns máis elementais: a cobiza e a luxuria. Os personaxes son populares e están deseñados con gran realismo. O desengano do prioiro (1952) é unha peza humorística que ten como asunto a implantación da industria dos cadaleitos no Ribeiro. Na obra mestúranse vivos e mortos con diálogos satíricos en contra do novo comercio. Tamén escribiu Noite compostelana (1973) e dezaseis pezas breves que foron publicadas en 1975 co título Teatro de máscaras. A farsa Os vellos non deben de namorarse foi estreada en Bos Aires en 1941. Segundo o seu autor, Castelao, “é unha obra imaxinada por un pintor e non por un literato”, consideración que gaña importancia se temos en conta o relevantes que son na obra os artificios escenográficos. O motivo do vello namorado repítese tres veces en versións diferentes nos tres lances dos que consta a obra. A morte, que aparece como un personaxe, advirte en cada un dos lances ao vello do risco que leva consigo o seu namoramento serodio. A obra remata cun epílogo no que os tres vellos se encontran no cemiterio despois de mortos. Láianse do seu imprudente namoramento e coñecen grazas a un defunto chegado alí, noticias das súas mozas respectivas. Rafael Dieste ( Xeración do 22) contribuíu á historia do teatro galego coa obra A fiestra baldeira (1927), unha comedia de estrutura clásica en tres lances e de carácter simbólico. O personaxe principal, don Miguel, e un cadro onde aparece retratado este ollando a través dunha fiestra un fondo mariñeiro constitúen o centro da acción. Don Miguel é un indiano que fora mariñeiro e a súa muller e a súa filla opóñense a que no cadro aparezan motivos mariñeiros para ocultar a súa humilde orixe. O desenlace é feliz ao reconciliarse don Miguel co seu pasado e reivindicar os valores do pobo mariñeiro. (628 palabras)

Tema 5: A literatura do exilio entre 1936 e 1976: poesía, prosa e teatro. Como consecuencia da diáspora á que se viron obrigados unha boa parte dos intelectuais galegos por mor da represión iniciada no 36, o centro da actividade literaria galega trasládase a México e Bos Aires. Nesta última cidade entrarán en contacto cos emigrados antes da sublevación militar (E. Blanco Amor, Emilio Pita…) e comezarán a publicar revistas, libros e reimpresións, para establecer deste xeito a continuidade dunha cultura ameazada, gozando da simpatía dos

12


emigrantes galegos, situados a prol da liberdade e da República, que fixera posible o plebiscito do Estatuto de autonomía. Autores como Luís Seoane, Emilio Pita, Lorenzo Varela, Castelao, Blanco Amor, Rafael Dieste, Manuel Varela Buxán, etc. mantiveron acesa a chama da tradición literaria e cultivaron os máis diversos xéneros. Castelao escribe no exilio parte da súa obra Os vellos non deben de namorarse, que é estreada en Bos Aires en 1941. Publica tamén no exilio Sempre en Galiza, en 1944. Blanco Amor publica A esmorga no ano 1959 e Xosé Neira Vilas Memorias dun neno labrego, en 1961. Baixo o mecenado do exilio leváronse a cabo iniciativas como a Historia de Galicia (1963) dirixida por Otero Pedrayo e publicacións periódicas como Galicia emigrante (Bos Aires, 1954) e Vieiros (México, 1959). A poesía. Emilio Pita. Naceu na Coruña e emigrou de neno á Arxentina. A primeira obra publicada no exilio foi o seu libro de poemas Jacobusland (1942), ilustrado por Castelao. É un libro testemuña que pon de relevo a traxedia da guerra civil en Galicia en medio dunha nostálxica visión da natureza galega. Posteriormente publicaría Cantigas de nenos (1944), Os relembros (1959) e O ronsel verdegal (1964). Luís Seoane. Fillo de emigrantes galegos, naceu en Bos Aires, pero estudou na Coruña e Santiago. Exiliouse en Bos Aires no 36. Home polifacético, dedicouse ao debuxo, pintura, gravado, mural, poesía… Regresou á Coruña en 1963 fundando con Isaac Díaz Pardo o Laboratorio de Formas de Galicia. A súa obra poética iníciase coa publicación de Fardel de exiliado, unha visión moi persoal da epopea anónima da emigración galega. Posteriormente publica Na brétema, Sant-Iago (1955), As cicatrices (1959) e A maior abondamento (1972). Tres son as grandes preocupacións que inzan a súa poesía: a social e política, o coñecemento histórico e cultural e o reflexo do mundo artístico. Lorenzo Varela. Fillo de galegos emigrantes, naceu na Habana en 1917. Volveu a Galicia para cursar os seus estudos e exiliouse en México tras a guerra civil. Marcha posteriormente a Bos Aires, onde inicia a súa produción poética. En 1944 publica Catro poemas para catro gravados obra coñecida xeralmente co título de María Pita e tres retratos medievais (álbum de gravados de Luís Seoane ao que se lle engadiron os poemas de Lorenzo Varela). Contén a exaltación de María Pita e a súa fazaña no cerco inglés á Coruña en 1589; de Roi Xordo (dirixente fidalgo na guerra dos irmandiños); do bispo Adaúlfo, e de María Balteira (soldadeira referida no cancioneiro de escarnio e maldicir). En 1954 publica Lonxe, a súa obra máis importante. Unha obra marcada pola anguria do desterro, tinguida pola visión onírica da lonxanía de Galicia. A prosa. Ramón Valenzuela Otero. Naceu en Silleda e despois da guerra exiliouse en Bos Aires. Colaborou en Galicia emigrante con narracións que máis tarde se publicarían no libro O naranxo (1974). En 1957 publica a novela Non agardei por ninguén, narrada en primeira persoa por un fidalgo galeguista republicano. A acción desenvólvese nos anos da guerra civil. Esta temática continúa 13


tamén en Era tempo de apandar (1980). Constitúen ambas as dúas novelas un documento narrativo desta época e teñen moito de autobiográficas. Silvio Santiago. Ourensán. Foxe a Portugal a raíz da guerra e de alí a Venezuela. Escribiu no exilio unha novela que publicaría ao seu regreso a Galicia en 1961: Vilardevós. Escrita con sinxeleza técnica e con intención crítica e social. ë unha pintura de costumes na que exalta o popular, servíndose das súas lembranzas de neno e de mozo nun medio rural. Postumamente publicouse O silencio redimido (1976), novela autobiográfica na que relata a época da súa condena, fuxida e desterro. O teatro. Manuel Varela Buxán. Naceu en 1909 na Estrada. Emigrou á Arxentina en 1930 e alí foi onde se formou dun xeito autodidáctico. Fundou a compañía “Aires da Terra” que estreou a súa primeira obra Se o sei… non volvo a casa con grande éxito en 1938 en Bos Aires. Castelao confioulle a estrea de Os vellos non deben de namorarse, alternando a súa representación –cada dez días- con outra obra do propio Buxán: Taberna sen dono. En 1950 volta a Galicia. Dende aquela publicáronse tres tomos do seu teatro: O ferreiro de Santán-Taberna sen dono (1975) e O cego de Fornelos e outras comedias curtas, diálogos e monólogos (1981). O seu teatro caracterízase por ser un teatro directo, popular, de liña cómica e sentimental (sen refugar por iso o problema social de Galicia) e encadrado nun ambiente rural. (833 palabras)

Tema 6: A prosa entre 1936 e 1976. Os renovadores da prosa (Fole, Blanco Amor, Cunqueiro e Neira Vilas). Xa se ten comentado como a Guerra Civil puxo fin a unha das etapas políticas e culturais máis brillantes da nosa historia. A represión afectou a todos os ámbitos da cultura, dende a lingua ata as editoriais, prensa, institucións, etc. A produción literaria en galego desapareceu por completo. Unha boa parte da cultura subsistiu na Galicia exterior, especialmente en Bos Aires, onde houbo unha intensa actividade. Este estancamento vai prevalecer ata a década dos 50, ano da fundación da editorial Galaxia de man de persoas como Otero Pedrayo, Fernández del Riego, Ferro Couselo… Tamén en 1950 aparece a primeira novela escrita en galego, A xente da Barreira, de Ricardo Carballo Calero.

14


Neste contexto e para entendermos globalmente a narrativa galega deste período deberemos ter en conta as seguintes circunstancias: a) Mestura xeracional: Autores de distintas cronoloxías, biografía, formación, gustos estéticos… coinciden na construción dunha obra narrativa. b) Variación do rexistro literario: Característica da literatura deste período é unha especie de cambio de rexistro xa que autores que teñen realizado a súa actividade antes da guerra no campo da lírica ou do teatro, agora, despois da guerra, dedícanse preferentemente á narrativa. c) Presenza notable do conto e do relato curto. Soamente a partir dos anos 70 vaise afianzando a novela longa. d) Certa insularidade creativa. Os autores desta época non participan en tarefas colectivas e abordan a literatura dun xeito absolutamente solitario. e) A narrativa móvese pendularmente entre a tradición e a renovación: persisten os moldes narrativos anteriores (Otero); prodúcese unha aproximación ao mundo rural dende unha dobre perspectiva (Fole e Neira Vilas); recréase un mundo de ensoñacións máxicas (Cunqueiro); convértese en testemuño social dunha época (Blanco Amor) e por último prodúcese a renovación temática e técnica (Nova Narrativa Galega). En 1950, como dixemos, Galaxia abre unha nova etapa na literatura galega. A partir destes anos, a narrativa coñece vieiros novos. Baseándonos nas características anteriores, podemos delimitar entre 1950 e 1976 algunhas correntes narrativas:  Escritores procedentes da etapa anterior, como Otero Pedrayo e outros que continúan na liña da Xeración Nós, como o mencionado Ricardo Carballo Calero.  Un grupo de autores que fan literatura de circunstancias, tratando o tema da guerra e da posterior represión franquista. Autores como Ramón Valenzuela e Silvio Santiago que constrúen as súas novelas en clave documental e autobiográfica para dar testemuño histórico desta época.  Un grupo de narradores fundamentais nas nosas letras, caracterizados dende o punto de vista literario pola súa individualidade:  Eduardo Blanco Amor (1897-1979), escritor realista de marcado carácter social, autor de tres obras ambientadas no seu Ourense natal: A esmorga (1959), editada en Bos Aires e considerada obra cume da nosa literatura, que narra en clave de traxedia 15


o percorrido que fan tres esmorgantes marxinais polas rúas e arrabaldos de Ourense; Os biosbardos (1962), e Xente ao lonxe (1972).  Ánxel Fole (1903-1986), quen retomando a tradición da narrativa oral en Galicia nos amosa unha Galicia rural e misteriosa. A súa obra narrativa está formada por Á lus do candil (1953), Terra brava (1955), Contos da néboa (1973) e Historias que ninguén cre (1981).  Álvaro Cunqueiro (1911-1981). Na súa obra conxúganse os mundos mitolóxicos e literarios cos espazos galegos. Elabora unha literatura de grande orixinalidade, inzada de elementos fantásticos nos que se re formulan temas universais. Pon o lector nun mundo no que se combinan realidade e fantasía. As novelas son: Merlín e familia (1955), As crónicas do sochantre (1956) e Se o vello Sinbad volvese ás illas (1961). Os relatos breves están integrados por Escola de menciñeiros (1960), xente de aquí e de acolá (1971) e Os outros feirantes (1979), unha triloxía de retratos galegos que no seu conxunto perfilan o ser do rural galego.  Xosé Neira Vilas (1928-…), autor dunha grande produción que chega ata os nosos días. Dende un realismo que mantén sempre unha actitude crítica coa realidade social, reflectiu nas súas obras dunha maneira constante os temas da vida do neno rural e da emigración. É autor de Memorias dun neno labrego (1961), Camiño bretemoso (1967), Historias de emigrantes (1968), Cartas a Lelo (1971), Querido Tomás (1980)…  Un grupo de mozos que xorde en torno ao ano 1960, que integran o movemento coñecido como Nova Narrativa Galega, por incorporaren as innovacións técnicas que coñecera a novela europea. Trátase dunha xeración que supón a renovación total das estruturas da nosa narrativa. Os seus representantes son Gonzalo R. Mourullo, Xosé Luís Méndez Ferrín, Carlos Casares, Xohana Torres e María Xosé Queizán, fundamentalmente. Aínda que non existe unanimidade á hora de fixar os límites cronolóxicos finais da Nova Narrativa, adoita sinalarse o 1970. (787 palabras)

16


Tema 7: A poesía entre 1936 e 1976. Xeración do 36 e poesía do exilio. Promoción de enlace. Xeración das Festas Minervais. Xullo de 1936 supón unha creba histórica e cultural en Galicia. O galeguismo sobrevive na clandestinidade ata 1950 en que comeza unha nova xeira, abandonando a praxe política e centrándose na cultural. A literatura galega ficará amordazada ata que a fronte cultural Galaxia inicia en 1950 a recuperación das letras. No exilio, a pesar da distancia e das dificultades editoriais proseguiuse o labor político e cultural a prol de Galicia e da súa identidade. Bos Aires será durante moitos anos a capital espiritual de Galicia. Neste renacer do labor poético na posguerra é moi difícil establecer agrupamentos xeracionais, aínda así podemos establecer tres xeracións ou promocións poéticas:

· · ·

Xeración de 1936. Promoción de enlace ou xeración ponte. Xeración de 1950 ou das Festas Minervais.

Forman a Xeración de 1936 un grupo de autores nados entre 1910 e 1920, que viviron de cheo a guerra civil, formados no tempo da República e discípulos directos da Xeración Nós. A obra destes poetas callará definitivamente despois de 1936. Unha póla reverdecerá en América, onde cantan os poetas Luís Seoane, Emilio Pita e Lorenzo Varela. A outra farase evidente, aínda que serodiamente, arredor das novas revistas e sobre todo na colección Benito Soto, dirixida por Celso Emilio Ferreiro. Como consecuencia da diáspora á que se viron obrigados unha boa parte dos intelectuais galegos por mor da represión iniciada no 36, o centro da actividade literaria galega trasládase a México e Bos Aires. Aquí comezan a se publicar revistas, libros e reimpresións para establecer a continuidade dunha cultura ameazada. Destacan como poetas Luís Seoane, autor de Fardel de exiliado (1952), obra na que dende un punto de vista moi persoal canta a epopea anónima da emigración galega. Posteriormente publica Na brétema, Sant-Iago, As cicatrices e A maior abondamento. Tres son as preocupacións que inzan a súa poesía: a social e política, o coñecemento histórico e cultural e o reflexo do mundo artístico. Emilio Pita publicou en 1942 Jacobusland, ilustrado por Castelao, onde pon de manifesto a traxedia da guerra civil en Galicia en medio dunha nostálxica visión da natureza galega. Posteriormente publica Cantigas de nenos e O Ronsel verdegal. Lorenzo Varela, logo da súa estadía en México, trasládase a Bos Aires e inicia a súa produción poética galega. En 1944 publica Catro poemas para catro gravados.Poemas que conteñen a exaltación de María Pita e a súa fazaña no cerco inglés á Coruña en 1589; de Roi Xordo (dirixente fidalgo na guerra dos irmandiños); do bispo Adaúlfo e de María Balteira (soldadeira á que se fai referencia no cancioneiro de escarnio e maldicir). En 1954 publicou Lonxe, un libro dominado pola anguria do desterro, tinguido pola saudade e por unha visión onírica da distante Galicia.

17


A poesía dos anos de recuperación cultural do galego na posguerra maniféstase en diversas direccións: - A continuación da poesía da tradición paisaxística galega, ben seguindo a orientación hilozoísta ou ben nunha dirección máis clásica, humanista. - A continuación de certas manifestacións vangardistas propias como o Neotrobadorismo. - Unha poesía angustiada, existencial, de ton pesimista, que daría lugar ao que se denominou a “Escola da Tebra”. - A poesía de compromiso social que encheu o panorama poético dos anos sesenta e setenta e que tivo como principal representante a Celso Emilio Ferreiro. O silencio que seguiu á sublevación militar de 1936 rompeuno en 1947 Aquilino Iglesia Alvariño coa publicación de Cómaros verdes, libro onde aparecen poemas na liña do neotrobadorismo e do hilozoísmo e outros nos que o autor se mergulla na paisaxe natal e no mundo rural. É o xenuíno representante do paisaxismo iniciado por Antón Noriega Varela, pero a diferenza deste, o seu paisaxismo está cargado de humanismo. Por outra banda, a súa formación clásica deixou nel un pouso que se manifesta na grande perfección formal dos seus versos. Xosé María Díaz Castro é autor de Nimbos (1961) é o poeta do home, do home como individuo e dos seus problemas transcendentais: o amor, a vida e a morte, o tema relixioso, a paisaxe e Galicia constitúen o núcleo temático da súa poesía. Álvaro Cunqueiro publicara antes da guerra civil tres libros con pegadas vangardistas onde logra fundir as formas populares e a cantiga de amigo medieval coas atrevidas imaxes das vangardas: Mar ao norde (1932), Poemas do si e non(1933) e Cantiga nova que se chama riveira (1933). Dona do corpo delgado (1950) é unha das primeiras obras publicadas tras a paréntese da guerra civil. O libro incorpora composicións de corte clásico ademais de continuar explorando a liña neotrobadoresca. A súa derradeira obra Herba aquí ou acolá (1980) é a súa derradeira obra poética, un conxunto heteroxéneo de poemas, pertencentes a distintas épocas, onde aborda os temas transcendentais do ser humano a través dunha recreación persoal de mitos lendarios, personaxes históricos e figuras literarias. Na segunda parte do libro, o poeta reflexiona sobre o tempo, as mudanzas e a morte. Celso Emilio Ferreiro (Celanova, 1912- Vigo, 1979) é considerado o máximo representante en Galicia da poesía social. Rematada a guerra instálase en Pontevedra onde dirixe a colección de poesía Benito Soto. Realmente a súa primeira obra é de 1954, O soño sulagado. Aparece nesta obra unha voz persoal, inscrita na chamada Escola da Tebra, que ten en común certos aspectos temáticos: intimismo, desacougo, extravío existencial…, pero tamén alusións ao amor a súa nai e a súa muller, Moraima.

18


A publicación de Longa noite de pedra (1962) supuxo o grande acontecemento da poesía galega do século XX, pola resonancia que tivo. O título do poema inicial e do propio libro foi interpretado como un símbolo da situación de España durante a ditadura: a longa noite de pedra da opresión , insolidariedade e falta de liberdade. Conflúen nesta obra dúas liñas temáticas fundamentalmente: unha liña social, cívica, comunitaria de denuncia crítica, e outra, lírico-intimista, integrada por composicións na que o poeta canta os paraísos perdidos e volve a vista atrás para invocar a infancia e a mocidade, cando as cadeas e as inxustizas aínda non eran coñecidas. En 1966 emigrou a Venezuela en busca dunha Galicia máis libre e concienciada e volveu defraudado. Contra esta realidade escribiu o libro Viaxe ao país dos ananos(1968), enfocado dende o sarcasmo e a ironía. Froito da mesma experiencia persoal que motivou Viaxe ao país dos ananos, son os seus libros de poesía satírica: Cantigas de escarnio e maldicir e Paco Pixiñas. Tamén segue esta liña Cemiterio privado, unha serie de epitafios, a maior parte deles condenatorios, cos que fustiga aos “ananos”, aos asasinos fascistas, aos especuladores, aos indiferentes á inxustiza… En Onde o mundo se chama Celanova (1975) predominan os poemas dedicados á súa muller, Moraima e tamén a saudade provocada pola lembranza da súa vila natal. A chamada Promoción de enlace presenta as seguintes características: - Son poetas nados entre 1920-1930 que non constitúen un grupo homoxéneo e elaboran illadamente os seus discursos literarios nos anos máis negros da posguerra. - Formados na cultura castelá, comezan, polo xeral, publicando nesa lingua. Acusan as pegadas surrealistas da xeración do 27 española e das vangardas da literatura galega. - Colaboran nas mesmas revistas poéticas (Alba, Aturuxo, Posío, Cristal…)en que se dan a coñecer os autores das novas promocións de posguerra e do mesmo xeito ca eles a súa poesía caracterízase pola temática existencial e angustiada, sen que tampouco falte o compromiso social. Constitúen esta xeración Antón Tovar, autor de Calados esconxuros (1980), obra pola que recibiu o Premio da Crítica e no que predomina a temática intimista: a soidade, a ausencia dos seres queridos, o paso do tempo, a morte, a preocupación relixiosa…, e no que revela unha visión tráxica e resignada da realidade e da propia vida. Luz Pozo Garza, autora de O paxaro na boca (1952), Verbas derradeiras(1972), Códice calixtino (1986), Prometo a flor de loto (1992) e A vida secreta de Rosalía (1996). O amor, tratado dun xeito delicado e sensual, con expresivas imaxes eróticas nas súas primeiras obras, tórnase máis tarde nun amor marcado pola nostalxia e pola presenza da morte. Manteñen as súas obras unha certa unidade baixo diversos motivos simbólicos como a luz, a música, a natureza e a referencia a códigos estéticos de diferentes autores. Manuel Cuña Novás é quizais o poeta máis representativo da temática de angustia persoal, do que se deu en chamar “Escola da Tebra”. En Fabulario novo (1952), ofrece a súa persoal concepción poética, caracterizada polo sentimento de angustia e unha actitude desesperada, que se manifesta no emprego de motivos recorrentes: as tebras, a escuridade, o terror, o vougo, o desacougo, o espanto… Este libro tivo especial significación pois apareceu cando o hilozoísmo e o 19


neotrobadorismo eran correntes xa esgotadas e supuxo unha reacción fronte a elas, marcando novas liñas poéticas. A xeración de 1950 ou xeración das Festas Minervais, son os poetas nados entre 1930-1940. Son chamados con esta segunda denominación porque moitos deles foron premiados nestes certames restaurados en Santiago de Compostela a partir de 1953. Moitos deles participarán tamén no suplemento cultural do diario compostelán “La noche”. Empezan a publicar as súas obras na colección “Illa Nova”, creada pola editorial Galaxia. Adóitanse distinguir dous grupos ben definidos: Por unha banda, un grupo compostelán próximo ao proxecto cultural de Galaxia (Xosé Luís Franco Grande, Salvador García-Bodaño, Xohana Torres…), e por outra, o grupo Brais Pinto, constituído en Madrid en 1958 por universitarios e emigrantes que crean unha colección de poesía na que publican as súas creacións, caracterizadas pola “Escola da Tebra”. Deste grupo formaron parte Xosé Luís Méndez Ferrín, Bernardino Graña, Ramón Lorenzo e Alexandre Cribeiro. A nómina de poetas desta xeración é extensa, polo que destacaremos de entre todos a Xosé Luís Méndez Ferrín. Publicou en 1976 Con pólvora e magnolias, Premio Nacional da Crítica, obra que supuxo a renovación da poesía galega estancada no realismo crítico dos imitadores de Celso Emilio Ferreiro. Nesta obra alíanse a poesía revolucionaria –a pólvora- co lirismo persoal ( a lembranza do pasado, o tempo, o amor, a morte) e mais o luxo estético –as magnolias-. Os poemas discorren en versos libres, salferidos por diversas resonancias culturais: o celtismo, a poesía medieval, o surrealismo, o movemento beat, a lírica de Cunqueiro… O ton xeral é nostálxico mostrando a imposibilidade de recuperación do tempo e o triunfo da decadencia. Estirpe (1992) converteuse nun esforzo reivindicativo por restaurar o coñecemento da identidade nacional. Lévanos este poemario dende a poetización da paisaxe e a historiografía ao compromiso patriótico. Autores destacados desta xeración son tamén Manuel María, o primeiro e máis prolífico poeta novo da posguerra. Autor de Muiñeiro de brétemas (1950), Terra Chá (1954), Documentos persoais (1958), e Versos de lume e o vagalume (1982), onde amosa unha preocupación pola renovación da linguaxe poética sen deixar de ser unha lírica de evidente contido ideolóxico. Bernardino Graña, autor de Profecía do mar (1966), obra coa que rompe co pesimismo que caracterizara o seu libro inicial e co que adopta unha afirmación vitalista do home e do universo. Neste libro recrea o mar, os mareantes, as vilas e os ambientes mariñeiros, ofrecéndonos unha cosmovisión moi persoal e íntima, afastada do mero descritivismo. Uxío Novoneyra, autor de Os eidos (libro do Courel), caracterizado pola condensada expresión e a brevidade na procura de reflectir a natureza espida, esencial, do Courel, onde o ser humano é un elemento mínimo dentro desa inmensidade cósmica. Entre os seus recursos máis salientables destaca o fonosimbolismo, é dicir, a evocación de sensacións auditivas, visuais, tactís e anímicas mediante a combinación e repetición de fonemas. Xohana Torres ten en Do sulco (1957) unha poesía próxima á obra dos poetas do grupo Brais Pinto. Estacións ao mar(1980), premio da crítica española, é a súa obra de madurez na que reflicte a súa preocupación por Galicia, o paso do tempo, a memoria e a fugacidade das cousas. Avilés de Taramancos, autor de As moradías do vento (1955), obra que está 20


marcada polo antes da súa emigración a Colombia e O tempo no espello (1980), dende o punto de vista do emigrante retornado. Completarían esta nómina de autores nomes como: Salvador García Bodaño, Xosé Luís Franco Grande, Ramón Lourenzo, Alexandre Cribeiro e Manuel Álvarez Torneiro, entre outros. (2.049 palabras)

Tema 8: O teatro galego entre 1936 e 1976: a Xeración dos 50 e o Grupo de Ribadavia. O teatro galego anterior ao 36 non achega grandes novidades estilísticas. Pero, aínda que os autores andaban mergullados na tarefa de refacer a lingua, a xeración Nós xa supuxo un achegamento ao teatro europeo. Tras a suplantación da orde constitucional no ano 36, a cultura galega inicia unha vez máis unha nova travesía do deserto xa que as liberdades son secuestradas e a palabra silenciada. Ata mediados da década dos 50, a actividade teatral desprazouse ao exilio, onde conseguiu unha continuidade fundamental para a recuperación do discurso literario galego. Foi precisamente en Bos Aires onde se estrou, en 1941, a peza Os vellos non deben de namorarse, de Castelao, cun considerable éxito e cunha grande importancia simbólica. Entre os anos 1950-1970 aparece en Galicia un teatro que presenta como trazo común caracterizador o desexo de transcender a propia realidade física e social na que viven para presentar conflitos, situacións e personaxes cunha proxección universal, ben que ofrecendo unha visión escura e conflitiva do mundo e da existencia. Non hai lugar para o realismo, non existe un compromiso político de denuncia directa, senón un compromiso co home, con ese home que vive angustiado pola frustración dun presente cheo de acedume e dun futuro imposible. Trátase de teatro máis para ler que para ser representado, pois as posibilidades de seren plasmadas esas obras no escenario eran máis ben escasas. Os autores máis relevantes desta etapa son: - Álvaro Cunqueiro (1911-1981) recolleu parte da súa obra dramática no libro Don Hamlet e tres pezas máis (1974), onde se inclúen O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca (1959), A noite vai coma un río (1965), Palabras de víspera (1974) e Función de Romeo e Xulieta (1956). O seu teatro caracterízase polo clasicismo, sendo Shakespeare o autor preferido a partir do cal ofrece unha nova versión da historia de Hamlet. Estas obras amosan o xenio dramático dun autor que non chegou a desenvolver a súa evidente vocación dramática debido á escasa transcendencia escénica que suscitaron as súas pezas nun país no que o teatro era unha conquista social e política aínda por chegar.

21


- Ricardo Carballo Calero (1911-1990) compuxo diversas pezas que aparecen recollidas no volume Teatro Completo (1982) que contén: A sombra de Orfeu, A farsa das zocas, A árbore e Auto do prisioneiro, entre outras. A súa obra dramática é experimental e está composta por pezas próximas ao teatro do absurdo ou de orientación psicolóxica e existencial nas que predomina o simbolismo. - Xenaro Mariñas del Valle (1908-2000) serve de ponte entre esta xeración e a seguinte, pois é o verdadeiro iniciador do teatro social, co volume A revolta e outras farsas (1965), no que se inclúen A revolta, A obriga e un conxunto de pezas curtas. A súa creación dramática presenta catro ámbitos ben diferenciados: Por unha banda temos os dramas de carácter simbólico nos que se recrean os problemas transcendentais do home e da mesma existencia (A revolta, A obriga, Loucura e morte de Peregrino); da outra atopamos un grupo de pezas que posúen unha vertente máis social ( A chave na porta, Acurrados, A gaiola); logo ha que considerar as farsas (A serpe), para finalmente salientar textos máis experimentais e vangardistas (O triángulo ateo). - Outros autores que cómpre considerar son Ánxel Fole Sánchez, Ramón González-Alegre e Xosé Luís López Cid. A publicación do Don Hamlet de Cunqueiro constituíu unha proba incontestable de que era posible unha literatura dramática de calidade. O seu exemplo vai ser seguido por un importante grupo de escritores/as que dende diferentes ámbitos literarios, e tendo como referente as novas tendencias e correntes que triunfaban en Europa, inician a aventura no eido da dramática cuns resultados verdadeiramente salientables. O texto dramático serve para realizar unha reconstrución crítica da realidade, analizando aqueles factores que determinan e condicionan esa realidade, e convértese nun instrumento de loita, de intervención, mais procúrase non soamente un produto socialmente útil senón un produto literariamente válido. Esa é a transcendencia deste grupo de escritores entre os que debemos citar a Bernardino Graña (20 mil pesos crime, 1962), Tomás Barros (O dragón, 1972), Xohana Torres (A outra banda do Iberr, 1965) e Daniel Cortezón (Prisciliano, 1970). Ao remate dos anos sesenta empezan a constituírse en Galicia colectivos teatrais cunha clara actitude de ruptura respecto das prácticas escénicas que viñan desenvolvendo as agrupacións do teatro de cámara, as de carácter folclórico e recreativo e outras asociacións cunha maior proxección. Con estes grupos nace o que se chama “novo teatro”; novo canto aos principios estéticos que sustentan as súas montaxes, no seu posicionamento ideolóxico na defensa sen concesións da lingua e das liberdades e no seu devezo de proxección profesional. Este novo período iníciase arredor de 1969, ano no que Manuel Lourenzo estrea a súa primeira obra. Un feito de capital importancia, tanto dende o punto de vista literario como teatral, vai ser a celebración da Mostra de Teatro de Ribadavia que se inicia no 1973, baixo a organización da Organización Cultural Abrente, e que se prolongará ata o ano 1980. A actividade dinamizadora xurdida arredor da devandita Mostra foi fundamental para a recuperación do teatro nestes anos.

22


Foi tal a importancia destes encontros que se adoita empregar a denominación Xeración Abrente para agrupar autores que se deron a coñecer grazas ás distincións recibidas na Mostra: - Manuel Lourenzo (1943) é autor dunha extensa obra que podemos clasificar en tres grandes tendencias: ciclo mítico, composto por obras da tradición dramática grega; ciclo histórico, no que recupera determinadas figuras históricas, e ciclo da dramática urxente, máis numeroso e diversificado para o traballo diario cos actores e actrices. - Euloxio Rodríguez Ruibal (1945), autor de Zardigot, que dedicou parte da súa obra ao teatro infantil. - Roberto Vidal Bolaño (1950-2002), autor, director, actor e fundador do grupo Antroido. Autor, entre outras moitas, de Laudamuco, señor de ningures (1977),e Memoria de mortos e ausentes (1978). A súa obra podemos incluíla en dous grupos: no primeiro, os textos que destacan pola incorporación de personaxes, accións, elementos e técnicas da dramaturxia popular. No segundo, aqueles que amosan unha maior complexidade formal e temática e unha visión pesimista da existencia humana mesturada con aceda ironía e a aguda retranca da que sempre fixo gala. Outros autores que debemos citar son: Xosé Agrelo, Francisco Taxes, Camilo Valdehorras e Millán Picouto. A iniciativa da Mostra de Ribadavia estendeuse a outras cidades e vilas de Galicia, como A Coruña, cidade na que O Facho convoca o Concurso Nacional de Teatro Infantil, ou o Concurso de Teatro do Ateneo Ferrolán, en Ferrol. (1.088 palabras)

Tema 9: A Nova Narrativa Galega. Características, autores e obras representativas. Aplícase a imprecisa denominación de Nova Narrativa Galega a un grupo de escritores que comezan a escribir a fins dos anos 50 e na década dos 60. Mozos de formación universitaria que incorporan ás nosas letras novos modelos culturais e novos procedementos técnicos, nos que están presentes a asimilación de Joyce, Kafka, Faulkner… O ano 1954 en que sae do prelo o primeiro libro de relatos de Gonzalo R. Mourullo, Nasce unha árbore, aparece como a data de inicio do movemento da nova narrativa galega. Nestes textos iníciase unha nova forma de narrar, moi diferente da narrativa tradicional galega. A nova narrativa galega non se circunscribe a un feito único e concreto e non ten un mestre iniciador. O que une aos autores deste grupo é que todos eles teñen intención de aplicar nos seus textos novas formas narrativas e manifestan unha clara vontade de ruptura co que se viña facendo 23


na literatura galega anterior. Tratan de construír unha literatura artificial como recurso para fuxir do mundo hostil que os rodeaba. O mundo das carencias de todo: carencias de literatura, carencias de arte, mesmo carencias de alimentos. Esta xeración de novos narradores (nados entre a década dos trinta e os primeiros 40) está vinculada por catro acontecementos da cultura galega que tiveron lugar naquela etapa histórica: A celebración das Festas Minervais dende 1953 no Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela, a colaboración periodística no xornal “La Noche” de Santiago, a creación da colección “Illa Nova” da editorial Galaxia e a fundación do grupo “Brais Pinto” en Madrid, de carácter anarcoide e de pensamento nacionalista. As características literarias comúns fundamentalmente, nos seguintes aspectos:     

 

deste

grupo

de

narradores

maniféstanse,

Fuxida da localización concreta nos espazos narrativos. Creación de mundos literarios artificiais, evitando a descrición realista do agro galego, que caracterizaba a narrativa anterior. Emprego dos mesmos recursos técnicos: Monólogo interior, personaxes anónimos, diferentes voces narradoras nun mesmo relato e redución temporal. Tratamento intensivo do tema do absurdo existencial, intentando producir un sentimento de anguria no lector. Hai unha presenza reiterada da violencia. A tortura aparece como unha manifestación máis da xenreira que invade aos personaxes. As relacións humanas fanse tensas, rodeadas por unha forte agresividade ambiental. O tema sexual, tabú na literatura anterior, trátase aquí con liberdade. Fusión dos mundos real e fantástico ou sobrenatural, confundindo a realidade vivida polo protagonista coa ficción que este mesmo crea.

Os autores e obras que adoitan adscribirse a este movemento son: Camilo González Suárez-Llanos (Sarria, 1931 – Vigo, 2008). Publicou Lonxe de nós e dentro, libro de relatos nos que a angustia, a soidade e o absurdo están presentes, e Como calquer outro día, unha novela longa que transcorre en dous espazos e tempos distintos. Xohana Torres (Santiago de Compostela, 1931). A súa única novela Adiós, María amosa o enfrontamento entre o mundo rural e o urbano a través das experiencias dunha rapaza. Gonzalo Rodríguez Mourullo (Calo, Teo, 1935). Autor de Nasce unha árbore, obra que se ten considerado como a iniciadora deste cambio de rumbo na narrativa galega, e Memorias de Tains, relatos que aparecen baixo a forma de 7 cartas que o narrador dirixe a diferentes destinatarios, onde os personaxes actúan movidos por un destino tráxico que os atolda e crea un clima de angustia.

24


Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 1938). Autor de extensa obra, contribuíu á Nova Narrativa con obras como Percival e outras historias, catorce relatos nos que se atopan as características salientables da súa narrativa; O crepúsculo e as formigas, a súa segunda colección de relatos nos que insiste na recreación dun ambiente de terror, onde as persoas camiñan como formigas en fila, movidas por forzas cegas que impoñen un tráxico destino, e Arrabaldo do Norte, a súa primeira novela. María Xosé Queizán (Vigo, 1939). Figura destacada do feminismo galego e ligada ao nacionalismo, facetas ambas as dúas que van marcan boa parte da súa actividade. Iníciase na literatura galega coa novela A orella no buraco, única contribución da escritora a este movemento literario. Trátase dunha narración na que, con rupturas da secuencia temporal, se amosan tres situacións autobiográficas parellas do protagonista, desenvolvéndose en tres espazos fundamentais, París, un porto galego e unha pequena vila. Carlos Casares Mouriño (Ourense, 1941 – Vigo, 2002). A obra de Carlos Casares marca o punto de inflexión da Nova Narrativa, ata entón preocupada pola experimentación técnica para levar a cabo unha renovación dende presupostos afastados do realismo. Casares inicia un retorno ao país concreto sen deixar de incorporar os novos procedementos narrativos. Dentro deste período podemos destacar Vento ferido, libro de relatos nos que emprega as innovacións técnicas da nova narrativa inseríndoas nunhas realidades galegas. Cambio en tres é a súa primeira novela. Nela mestura experimentalismo e un certo realismo crítico. A novela articula os monólogos internos dun emigrante ourensán, que de volta na súa cidade natal lembra situacións do pasado enfiándoas coas vivencias presentes.Xoguetes para un tempo prohibido, xa do 1975, é unha novela baseada en datos autobiográficos e en experiencias persoais. Outros autores relacionados coa Nova Narrativa Galega son: Vicente Vázquez Diéguez, Xohán Casal e Xosé Fernández Ferreiro. (865 palabras)

Tema 10: A poesía de fins do XX e comezos do XXI. Temas e autores dos 80 e dos 90. Poetas e tendencias actuais máis relevantes. O mundo cultural galego vive, xa dende os últimos anos 70, un momento especialmente dinámico e emprendedor motivado en boa medida pola recuperación das liberdades cidadás e pola creación do novo marco administrativo autonómico. Nacen numerosas empresas editoriais e medra considerablemente a cantidade de títulos editados. Aparecen numerosas revistas culturais e de poesía nas que se dan a coñecer os novos escritores e as novas tendencias. Tamén van ser 25


innumerables os certames, os premios e os encontros de poesía que darán lugar a antoloxías e escolmas poéticas publicadas dende finais dos 70 ata hoxe. A poesía galega inicia una nova etapa a partir de Con pólvora e magnolias, que supuxo una ruptura co socialrealismo, movemento que comezaba a ser rexeitado como forma inoperante pola súa falta de rigor estético supeditado a una mensaxe social repetitiva. Vai ser nos anos 80 cando se poida considerar a nosa poesía máis universal e actual, una poesía caracterizada pola multiplicación temática e formal. Reivindícase a poetas esquecidos, tanto das nosas letras (Manuel Antonio e Cunqueiro) así como doutras universais. A poesía dos 80 presenta unas características que se determinan nos seguintes trazos: Culturalismo Empréganse referencias literarias, filosóficas, mitolóxicas, musicais, pictóricas, artísticas, etc. Experimentalismo Os poetas desta época céntranse na pescuda de novas formas rítmicas e retóricas e na investigación idiomática á procura dunha nova linguaxe poética de elaborado rexistro e nivel culto. Esteticismo Predomina a beleza construtiva sobre os aspectos morais, sociais ou de calquera outra índole. Extrema preocupación polas cuestión formais. Europeísmo e cosmopolitismo O espírito renovador e aperturista leva a estes poetas a mirar ao exterior e a interesarse por outros países e culturas. Prodúcese deste xeito un redescubrimento do espírito das vangardas e a incorporación dos movementos artísticos modernos, cunha inclinación cara á lírica anglosaxona e á de expresión portuguesa. Apertura temática Vanse multiplicando os temas. Os universais e ineludibles como o paso do tempo, a norte, o amor… son abordados dende perspectivas que van dende a intimista ata a metafísica ou existencial. Redescóbrese o erotismo e ofrécese una nova visión da paisaxe e da natureza. Moitos dos poetas dos 80, nados a partir da segunda metade dos 40 e de todo os 50, danse a coñecer no seo de determinados colectivos poéticos; trátase de movementos de vangarda na retagarda do século XX. Os principais son: Rompente (Vigo, 1976-1983): Alberto Avendaño, Manuel Romón, Antón Reixa e Alfonso Pexegueiro.

26


Cravo Fondo (Santiago, 1977): Ramiro Fonte, Xesús Rábade Paredes, Xavier Rodríguez Barrio, Xulio L. Valcárcel, Fiz Vergara Vilariño e Helena Villar Janeiro. Alén (Santiago, 1977): Miguel Anxo Mato Fondo, Francisco Salinas Portugalk e Xosé Ramón Pena. Revista Loia (Madrid 1977-1978): Manuel Rivas, Vicente Araguas, Lois Pereiro. A axitación creativa que caracteriza o ambiente poéticos dos anos 80 comeza a esmorecer a partir de 1987. A irrupción, a comezos dos 90, dunha nova promoción de autores procedentes de diferentes territorios literarios ou intelectuais que se estrean como poetas, devólvelle una certa vitalidade ao mundo da poesía galega, que, con todo, mantén as liñas básicas e os fundamentos poéticos iniciados na década precedente. Algúns dos factores que determinan a nova situación nos anos 90 son: aparición de novos premios literarios, creación de novas coleccións de poesía, recuperación de festivais e recitais poéticos, nacemento de novas publicacións literarias, notable nivel de competencia lingüística e de formación literaria e desenvolvemento dunha destacada creación poética feminina cun discurso feminista. A poesía dos 90 continúa en esencia a ruta creativa comezada polos poetas da Xeración dos 80, aínda que se tende a mostrar preferencia por una expresión máis directa e menos alambicada, rexeitando o excesivo culturalismo e procurando chegar máis sinxela e doadamente ao lector. Nesa mesma liña están o recurso ao ton coloquial, a maior carga narrativa e o aproveitamento poético do cotián. Obsérvase, por outra banda, un certo renacer da temática social, orientada agora cara ás actuais modas e modos de manifestar o compromiso: ecoloxismo, pacifismo, feminismo, causas solidarias… As tendencias máis salientables da última poesía galega son: Poética feminina-feminista. Chus Pato, Ana Romaní, Xela Arias, Marta Dacosta, Iolanda Castaño e Olga novo. Poética do cotián. Caracterizada polo uso dunha linguaxe directa. Fran Alonso, Enma Couceiro e Estevo Creus. Poética experimental. Antón Reixa (procedente dunha etapa anterior), Xavier Santiago e Arturo Regueiro. Poética do coñecemento. Elaboración formal e gravidade dos temas tratados. É a liña que máis se aproxima á anterior. Miro Villar, Martín Veiga, Arturo Casas… (755 palabras),

27


(Referencia a autores á parte) Aínda que é moi difícil facer unha selección dos autores máis importantes do momento (por non haber o suficiente distanciamento nin perspectiva histórica) nin unha clasificación dos mesmos, faremos unha selección utilizando un criterio moi subxectivo de gustos persoais e buscando non recargar a exposición de nomes e títulos. A cabalo aínda entre o social realismo e as novas tendencias está DARÍO XOHÁN CABANA (1952), moitas das súas poesías serán cantadas por grupos como Fuxan os Ventos; gran dominador do verso e a linguaxe, é tamén tradutor ao galego de Dante e Petrarca, ademais de nome recoñecido na narrativa actual. Os primeiros tanteos renovadores (1976-78) virán da man de varios colectivos poéticos de curta duración: Rompente (entre os seus membros Antón Reixa e Manuel Romón),Alén e Cravo Fondo. A partir de 1980 consolídase a renovación coas características antes citadas pero non compartidas por todos, non hai unha escola, son diferentes escollas estéticas e voces singulares. Entre eles están: - MANUEL VILANOVA (1944), mítico e simbolista, escribe E direivos eu do mester de cobras (1980), etc. - XOSÉ Mª ÁLVAREZ CÁCCAMO (1950), aberto á realidade a través de vivencias familiares, escribe Praia das furnas (1983), etc..... - MIGUEL ANXO FERNÁN-VELLO (1958): o amor, corpo, o desexo... e tamén a sombra e a ausencia son os seus temas poéticos. A partir dos anos noventa é máis difícil aínda falar de tendencias comúns, dado o carácter individualista de cada poeta. A pluralidade é a tónica dominante. Desde o punto de vista formal, achamos desde propostas clásicas (os sonetos de Miro Villar) ata o versolibrismo. Ao lado da expresión contida, o minimalismo e a depuración máxima atopamos poetas torrenciais, case narrativos. Ao lado da expresión directa e sinxela, a presenza do símbolo e o hermetismo. Desde o punto de vista temático, uns autores adoptan unha actitude desmitificadora, combativa ou provocadora (no sexual, no ideolóxico, no literario...), mentres outros teñen enfoques máis tradicionais (amor, desamor, soidade, morte...) Algunhas máis ou menos compartidas poderían ser: - Linguaxe máis directa e coloquial, que resulta máis próxima ao lector. - Predominio dos recitais, para producir un contacto entre o poeta e o ouvinte, máis que entre o poeta e o lector, nun intento de democratizar a poesía. - Tratamento de temas sociais con novas sensibilidades: Insubmisión, ecoloxismo, feminismo… - Algúns difunden tamén os seus versos a través de Internet, tanto en versión texto como en audio e vídeo. Prodúcese tamén unha importante incorporación da muller á poesía, xa iniciada na década precedente, que proporciona unha nova vertente feminina e feminista (deconstrución do universo 28


masculino-machista, erotismo e sexualidade femininos...): Luísa Villalta, Chus Pato, Iolanda Castaño, Lupe Gómez...Evidentemente, seguen publicando a maioría dos autores anteriores e xorden multitude de novos autores: Xosé Carlos Caneiro, Anxo Quintela, Millán Otero, Miro Villar, etc., etc. (462 palabras)

Tema 11: A prosa de fins do XX e comezos do XXI. Temas e autores dos 80 e dos 90. Prosistas e tendencias actuais máis relevantes.

O panorama social galego evolucionou ostensiblemente no período democrático respecto da etapa anterior, o cal se ve reflectido na nosa narrativa. Os autores tratarán temas que acadan especial relevancia nos últimos tempos como a corrupción, o narcotráfico, o paro, a delincuencia, etc. Polo que respecta ás técnicas empregadas, xa vimos que dende os anos cincuenta a nosa narrativa comezara a explorar novos camiños –influencias de de Kafka, J. Joyce, Faulkner, etc.proporcionados por outras literaturas. Estes novos modelos seguen a desenvolverse dende os anos oitenta e poden resumirse deste xeito:     

Ás veces pode chegar a desaparecer o argumento nunha obra. Os personaxes deixan de ser os heroes centrais arredor dos cales xira o relato. Prodúcense rupturas na presentación cronolóxica dos feitos. O narrador deixa de ser omnisciente. Emprégase o multiperspectivismo.

A novela sofre tamén importantes modificacións dende o punto de vista estilístico e formal:   

Desaparecen os seus límites e inclúense nela textos de diferentes tipos (anuncios, informes, textos xornalísticos, etc.). Suprímense os capítulos. Preséntanse varias historias combinadas (contrapunto).

Dende a década dos oitenta a nosa narrativa vai seguir dous camiños básicos, que ás veces se cruzan: por unha parte, a denominada literatura de “quiosco” na que se exploran novas modalidades narrativas; por outra, unha literatura “máis autóctona”, que entronca coa tradición galega. 29


Literatura “de quiosco” Xénero Policial: É un dos xéneros máis cultivados deste grupo. Crime en Compostela (1984), de Carlos G. Reigosa; O crime da rúa da moeda vella (1989), de Román Raña; As regras do xogo (1990), de Ramiro Fonte; Sangue sobre a neve(1991), de Manuel Forcadela, ou Un home xaceu aquí (1993), de Aníbal C. Malvar son algún exemplos. Ficción científica: Xénero iniciado na nosa literatura por Lois Diéguez en 1976 coa novela Galou Z-28. Destaca nesa fórmula Ramón Caride con Soños eléctricos (1992), Lumefrío (1994) e Perigo vexetal (1996). Outros exemplos:Reportaxe cósmico (1982), de Xosé Fernández Ferreiro; As flores radiactivas(1990), de Agustín Fernández Paz; Mutacións xenéticas (1991), de Fina Casalderrey, ou A sombra cazadora (1994), de Suso de Toro. Novela do oeste: Fórmula pouco empregada na nosa literatura. A morte de Frank González (1975), de Xosé Fernández Ferreiro; Os outros disparos de Billy (1991), de Carlos G. Reigosa, e –dende a parodia- Por unha presa de machacantes (1997), de Isidro Novo son as únicas obras publicadas. Relato erótico: O máis claro expoñente deste tipo de literatura é Anel de mel (1991) de Xulio López Valcárcel. Literatura “autóctona” Literatura realista: Pode centrar a acción no rural (Morrer en Castrelo de Miño, de Xosé fernández Ferreiro; Morrer en Vilaquinte, de Xesús Rábade Paredes e Helena Villar) ou no urbano (Froito das lembranzas, de Tucho Calvo). O realismo pode aparecer, así mesmo, baixo a forma de crónica (Mulleres, de Úrsula Heinze) ou de crónica novelada (Tráiler, de Francisco Alonso; Viaxes no país de Elal, de Xavier Alcalá). Novela histórica: Tivo o seu momento de auxe na primeira metade da década dos oitenta e foi cultivada por algúns dos máis notables autores da nosa literatura contemporánea. O triángulo inscrito na circunferencia (1982), de Víctor F. Freixanes; Beiramar (1983), de Xosé Manuel Martínez Oca; Xa vai o grifón no vento (1984), de Alfredo Conde, e Morte de rei (1996), de Darío Xohán Cabana son algunhas das obras máis relevantes. Novela de aventuras: Este tipo de fórmula é moi cultivada por Xavier Alcalá nas novelas en que a acción se sitúa en Sudamérica: Nos pagos de Huinca Loo(1981), Cárcere verde (1990) e Latitude austral (1991). Outras obras deste xénero son A expedición do pacífico (1994) de Marilar Aleixandre, ou A armada invencible(1996) de Manuel Forcadela. Novela feminina ou feminista: A muller exerce un case total protagonismo fronte ao home. O soño perdido de Elvira M. (1982), de Úrsula Heinze, e Amantia (1984), de Mª Xosé Queizán serven de mostra.

30


Narrativa intimista: Fórmula frecuentemente empregada por Marina Mayoral en novelas como Unha árbore, un adeus (1988), O reloxio da torre (1988) eQuerida amiga (1995), ou por Manuel Rivas en O lapis do carpinteiro (1998). Narrativa artúrica: Recupérase e recréanse os vellos mitos do ciclo Bretón.Amor de Artur (1982), de Xosé Luís Méndez Ferrín, ou Galván en Saor (1989), de Darío Xohán Cabana son os modelos máis característicos. Narrativa de misterio ou terror: En Tres historias para ler á noite (1992), de Paco Martín, A neve e a cadeira (1994) de Xosé Miranda, e O capitán Lobo Negro(1995) de Xesús Manuel Valcárcel, estes elementos teñen gran relevancia. Narrativa humorística: O humor é unha característica coa que nace a nosa literatura. Nos tempos modernos aparece moitas veces dende a ironía, a parodia ou o esperpento, e emprégase adoito para provocar o sorriso. Algunhas obras son As baleas de Eduardo Reinoso (1990), de Alfonso Álvarez Cáccamo; Amálgama de desquiciados (1992) de Xosé L. Martinez Pereiro, ou Eros e Tánatos (1996), de Gonzalo Navaza. Narrativa centrada no tema da Guerra Civil: Ademais dos autores de posguerra, retomaron este tema escritores como Ricardo Carballo Calero (Scórpio, 1987), Carlos Casares (Os mortos daquel verán, 1987) Francisco Fernández Naval (O bosque das antas, 1988) ou Xosé Fernández Ferreiro (Agosto do 36, 1991). Cunqueirismo: Trátase da literatura na que se mestura o fantástico e o real, ao estilo de Álvaro Cunqueiro. As obras de Paco Martín Muxicas no espello (1971),No cadeixo (1976) e Agora cun ceo de lama (1981); as de Darío Xohán Cabana Fortunato de Trasmundi (1990) e Libro dos moradores (1990); ou a novela Historia dun paraugas azul (1991), de Xosé Miranda son representativas deste estilo. Narrativa experimentalista: O afán de buscar novas fórmulas levou a moitos autores a escribir obras complexas e minoritarias, pero de gran transcendencia, como A semancia (1981), de Xoán Ignacio de Taibo ou Porta blindada (1990), de Margarita Ledo Andión, ambos precursores dunha xeración máis nova: Suso de Toro (Polaroid, 1986; Tic-Tac, 1993), Antón Reixa (Transporte de superficie, 1991), Xelís de Toro (Non hai misericordia, 1990; Terminal, 1995), Xosé Carlos Caneiro (O infortunio da soidade, 1992) ou Xurxo Borrazás (Criminal,1994). A implantación das materias de Lingua Galega e Literatura no ensino primario e secundario a comezos dos oitenta vai favorecer especialmente a proliferación de títulos destinados aos lectores máis novos. Os camiños seguidos polos autores son diversos e así van aparecendo obras de distinto signo:  

As que presentan un mundo fantástico (Das cousas de Ramón Lamote, de Paco Martín). Obras de carácter simbólico e alegórico (Arnoia, Arnoia, de X.L. Méndez Ferrín).

31


    

Novelas de aventuras (O misterio das badaladas, de Xabier P. Docampo; Todo a cen, de Santiago Jaureguizar). Obras de ficción científica (As flores radiactivas, de Agustín Fernández Paz; Mutacións xenéticas, de Fina Casalderrey). Obras pertencentes ao xénero detectivesco (Mambo negro, de Cristina Frasié; 091, de Pepe Carballude, Días de desterro, de Xavier López Rodríguez). Historias de amor (Anagnórise, de Mª Victoria Moreno). Novelas de viaxe (O dragón de Gondomil, de Xoán Babarro).

Polo que respecta aos autores, son maioría os que, dedicados a escribir para un público adulto, realizan esporádicas incursións na literatura infantil e xuvenil. Entre eles destacan Mª Victoria Moreno, Xabier Puente Docampo, Agustín Fernández Paz e Fina Casalderrey. En canto aos autores destacados destes últimos anos podemos diferencialos segundo a súa data de nacemento e o inicio da súa traxectoria como narradores. De acordo con isto podemos distinguir: Autores de longa traxectoria: Ferrín e Casares. Primeira promoción: Autores nados nas décadas dos trinta e dos corenta que comezan a publicar na década dos 70: Xosé Fernández Ferreiro, Paco Martín, Alfredo Conde, Xavier Alcalá, Manuel Riveiro Loureiro, Xoán Ignacio Taibo, Anxo Rei Ballesteros… Segunda promoción: Nados na década dos 40 e dos 50 que empezan a publicar a comezos dos oitenta: Xosé Manuel Martínez Oca, Xesús Rábade Paredes, Úrsula Heinze, Tucho Calvo, Víctor Freixanes, Margarita Ledo Andión, Xosé Ramón Pena, Darío Xohán Cabana, Suso de Toro, Marilar Aleixandre, Manuel Rivas… Terceira promoción: Conforman este grupo os autores nados na década dos cincuenta e sesenta que, ou ben comezan no mundo da narrativa nos anos noventa, ou achegan o mellor da súa produción nesta década: Xosé Miranda, Xesús Manuel Valcárcel, Manuel Forcadela, Xelís de Toro, Ramón Caride, Aníbal C. Malvar, Gonzalo Navaza, Antón Riveiro Coello, Xosé Cid Cabido, Xurxo Borrazás, Xosé Carlos Caneiro, Miguel Anxo Murado… (1.404 palabras)

(Sen ter en conta a referencia a autores) Neste período fecundo da nosa historia cultural, que corresponde co final da vida dos vellos mestres nados nas primeiras décadas do século (Blanco Amor, Cunqueiro...) e mais coa obra de madureza dos mozos que participaron na recuperación cultural dos anos 50 e 60 (Ferrín, Casares, Neira Vilas...) incorpóranse á literatura galega moitos novos narradores.

32


Aínda que é moi difícil facer unha selección dos autores actuais (por non haber o suficiente distanciamento nin perspectiva histórica) nin unha clasificación dos mesmos, citaremos algúns utilizando un criterio moi subxectivo de gustos persoais e buscando non recargar de nomes e títulos. CARLOS CASARES (Ourense, 1941-Vigo, 2002) comezou coa Nova Narrativa Galega, mais as súas mellores novelas son posteriores e de feitura moito máis clásica. A súa prosa é (tal como defendía Castelao) sinxela pero moi traballada, para resultar natural e interesar a un amplo número de lectores. Ilustrísima (1980) é unha breve novela na que un bispo de principios de século en Ourense se ve obrigado por unha sociedade retrógrada e fanática a condenar o cine contra a súa vontade. O sol de verán, publicada pouco despois da súa morte está narrada por unha muller, Helena, que lembra un amor imposíbel, afectada polo repentino suicidio de Carlos. XOSÉ MANUEL MARTÍNEZ OCA (A Estrada, 1942) é para moitos o mellor narrador desta xeración. Ten unha extensa obra de novelas e relatos curtos. Destacaremos Beiramar (1983), Premio Blanco Amor, na que combina realismo con elementos do mítico popular galego ALFREDO CONDE (Allariz, 1945), cunha ampla obra na que destacamos Xa vai o Griffón no vento (1984), premio Blanco Amor e Premio Nacional da Crítica (1ª vez que se lle concedía este último premio a unha obra en galego): narra alternativamente dúas historias; unha que acontece na Compostela do s. XVI, no ambiente da Inquisición, e outra na Provenza actual. XAVIER ALCALÁ (Miguelturra-Cidade Real, 1947): A novela que, ata o momento, gozou de maior éxito foi A nosa cinza (1980) na que nos ofrece unha visión da infancia e a mocidade da xeración da posguerra. Xa no s. XXI publicou unha triloxía sobre a historia das comunidades evanxélicas en Galicia. CARLOS G. REIGOSA (Pastoriza, 1948), coñecido principalmente polas súas novelas detectivescas: Crime en Compostela (1984), O misterio do barco perdido (1988) -sobre tráfico de armas-, A guerra do tabaco (1996) e Narcos (2001), as dúas sobre o narcotráfico. DARÍO XOHÁN CABANA (1952): O seu mundo narrativo está fortemente influenciado por Cunqueiro: construción sinxela, fusión de fantasía e realidade, reutilización da materia de Bretaña e da mitoloxía popular, Galván en Saor(1989) é a máis representativa. Morte de Rei (1996) é una ambiciosa e modélica novela histórica. SUSO DE TORO (1956): É, xunto con Manuel Rivas, o máis importante dos narradores actuais. Ten unha obra extensa e moi variada. As súas primeiras obras son libros fragmentarios, transgresores, con personaxes marxinais, múltiples voces narrativas (entre as que sobresae Nano, un personaxe esquizofrénico que reinterpreta vida e obras literarias), fragmentos de cadernos... Tic-Tac (1993) é o seu máximo expoñente e a que pon fin a esta tendencia. As súas obras posteriores son máis convencionais. A sombra cazadora (1994) é unha exitosa novela xuvenil 33


de ciencia-ficción, ao mesmo tempo que un relato iniciático e unha reflexión sobre o poder manipulador dos medios de comunicación. MANUEL RIVAS (1957): É o escritor actual con maior proxección editorial e mediática, dentro e fóra das nosas fronteiras. As súas primeiras obras no campo da narrativa foron libros de relatos, cheos de humor e lirismo -Que me queres, amor? (1995)-; entre as novelas sobresae O lapis do carpinteiro. (1998) onde narra unha historia de amor ambientada na guerra civil e na inmediata posguerra; ambas as dúas obras foron levadas con éxito ao cine. ANTÓN RIVEIRO COELLO (1964) cultiva unha temática moi variada (desde o xénero negro ata a evocación da infancia) nos moitos relatos e novelas publicados ata o momento. As rulas de Bakunin está protagonizada por un vello loitador anarquista e desenvólvese ao longo de case todo o s. XX. Nos últimos anos desta etapa está a producirse un boom de narrativa de mulleres (como sucedera pouco antes na poesía) que aínda sendo moi variada posúe algúns trazos comúns: protagonismo feminino, cuestionamento dos valores patriarcais e dos roles tradicionais, as relación entre mulleres... Os nomes máis destacados son ROSA ANEIROS (1976), TERESA MOURE (1969) con Herba moura ambientada no s. XVI en Suecia e Ámsterdam e MARÍA REIMÓNDEZ (1975), cuxa obra O club da calceta trata sobre a condición feminina na sociedade actual a través de seis protagonistas moi diferentes. Mención á parte merece a literatura infantil e xuvenil (frecuentemente premiada fóra das nosas fronteiras). Algúns dos seus autores, aínda que ningún deles se dedica en exclusiva a este xénero son: PACO MARTÍN (1940): A máis lida, premiada e traducida de toda a súa obra é Das cousas de Ramón Lamote (1985), humorística e fantástica, o seu protagonista fai cousas extraordinarias, como debuxar soños ou organizar carreiras nas nube sen contraste coa xente común coa que convive. Ultimamente publicou Das novas cousas de Ramón Lamote (2008). MARILAR ALEIXANDRE (Madrid, 1947): Incorporouse serodiamente á literatura galega coa publicación en 1989 de A formiga coxa, infantil; outra obra xuvenil, de aventuras é A expedición do Pacífico (1994). FINA CASALDERREY (Xeve, 1951): Mestra pontevedresa e autora de grande éxito con moitas das súas obras, desde nenos pequenos ata adolescentes, con multitude de premios e traducida a todas as linguas da península. ¡Asústate, Merche! (1994) O misterio dos fillos de Lúa (1995), Dúas bágoas por Máquina (1991) ... AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ (Vilalba, 1947): Entre os numerosos títulos que escribiu ata agora, atopamos unha ampla variedade temática: dende narracións de medo (Cartas de inverno, Aire negro) ata novelas de anticipación (O centro do labirinto), pasando por outros que recollen historias realistas (Trece anos de Branca, Rapazas). Unha característica presente nunha boa parte dos seus 34


libros é a irrupción dalgún elemento fantástico no mundo real (Cos pés no aire, As flores radioactivas, Amor dos quince anos, Marilyn, Avenida do Parque, 17, As fadas verdes), moitas veces adobada cunha abondosa carga de ironía e humor (O laboratorio do doutor Nogueira, Contos por palabras). Un dos seus últimos libros, polo de agora, é Noite de voraces sombras, unha novela onde aborda o qué significou a guerra civil desde os ollos dunha rapaza de hoxe. (1050 palabras)

Tema 12. O teatro de fins do XX e comezos do XXI. temas e autores dos 80 e dos 90. Dramaturgos, tendencias e compañías actuais máis relevantes. A importante recuperación do teatro galego a partir da década dos setenta vaise ver fortalecida nas seguintes. Ademais da consolidación de autores como Manuel Lourenzo, Roberto Vidal Bolaño ou Euloxio Ruibal, aparecen outros novos como Xesús Pisón, Joao Guisan Seijas, Miguel Anxo Fernán-Vello, Cándido Pazó, Miguel Anxo Murado e Inma A. Souto que van posibilitar a progresiva normalización da nova dramaturxia. Paralelamente, a produción escénica vai gozar dunha boa saúde mercé á gran diversidade de grupos que comezan a súa singradura a comezos dos oitenta (Uvegá Teatro, Teatro de Ningures, Tranvía teatro, Teatro do Morcego, Sarabela teatro, etc.) e ao mantemento en activo doutras compañías xa existentes (Antroido, Teatro do Noroeste…). Por outra banda, o Centro Dramático Galego vén desempeñando dende 1984 un labor esencial como centro artístico, posibilitando que diversos creadores e profesionais poidan desenvolver a súa actividade. Esta nova xeración dos oitenta vai ir abandonando paseniño o teatro de temática social da década anterior para abordar novos problemas dende perspectivas diferentes. A heteroxeneidade será, pois, o que defina a este grupo de autores que se caracterizan por presentar nas súas obras unha predominante vocación cultista, materializada nuns textos de alta densidade lírica e de forte contido simbólico. A isto pódenselle engadir outras características xerais como o emprego da ironía e o humor, a usual presenza da parodia, ou o anonimato que caracteriza os personaxes. Os autores desta xeración máis destacados son: 

Xesús Pisón (1954), un dos autores máis representados no ámbito do teatro para a infancia e a mocidade, deu ao prelo obras como O xigante don Gandulfo, señor de Tentequedo (1980); o pauto (1983) e O rei aborrecido (1984). A obra de pisón, que nas primeiras pezas se decantaba pola farsa satírica e esperpéntica, oriéntase na actualidade á recreación de conflitos máis complexos, que teñen que ver coas sempre difíciles relacións humanas. 35


Manuel Guede Oliva (1956). Tradutor e adaptador de autores clásicos (Molière, Shakespeare, Ibsen...) foi director do Centro Dramático Galego durante tres lustros, foi premio Álvaro Cunqueiro (o máis prestixioso en teatro) no ano 2006 cunha obra protagonizada por La Bella Otero. Joao Guisan Seijas (1957), actor, director, investigador etnoteatral, narrador e dramaturgo, escribiu Crónica dunha amante feia, premiada en ferrol en 1978, e Un cenário chamado Frederico (1985), peza esta última que constitúe un dos textos máis anovadores e interesantes da dramática galega máis contemporánea no que Guisan retoma técnicas e recursos propios do teatro de máscaras de Otero Pedrayo para elaborar unha situación dramática na que o propio escenario se converte no verdadeiro protagonista dun conflito imposible. Miguel Anxo Fernán-Vello (1958) desenvolve un intenso traballo como poeta, ensaísta e dramaturgo; publica A tertulia das máscaras, Cuarteto para unha noite de verao e A casa dos afogados, un drama fantástico no que o autor recrea a realidade sempre fronteiriza da fisterra, rexión poboada de brumas, pantasmas, seres enigmáticos da Galicia máxica.

Nos anos 90 o teatro galego caracterízase pola continuidade (e consolidación) de autores de promocións anteriores e pola presenza doutros máis novos que, a través dunha interesante traxectoria profesional, se preocupan por crear obras literarias de coidada estrutura, de fácil representación e cunha menor carga simbólica que as da xeración anterior. Unha característica fundamental desta xeración de novos autores vai ser a estreita vinculación coa práctica teatral de moitos deles, feito que porén non vai incidir nos trazos formais ou temáticos dos seus textos, xa que o texto dramático convértese nun produto literario cun valor propio, produto que para ser consumido xa non precisa do abeiro da escena. Ademais doutros autores, destacan neste período Cándido Pazó, que inicia a súa traxectoria como actor no grupo vigués A Farándula para logo, xa como director, crear Tranvía e posteriormente participar na aventura cooperativa de Ollomoltranvía, grupo co que puxo en escena Commedia, un xoguete para Goldoni,persoal adaptación dun guión dramático do autor italiano. Lino Braxe publica unha serie de textos nun volume que leva por título A promesa. Co monólogo A actriz gaña o XII Concurso de Teatro Breve da Escola Dramática Galega; un fermoso texto no que unha actriz, mentres realiza un exercicio de improvisación, crea situacións que dan conta dunha imaxinaria traxectoria vital e profesional. Miguel Anxo Murado ten publicadas dúas interesantes pezas nas que recrea vellos argumentos partindo da reelaboración das situacións e propondo novas solucións a conflitos coñecidos. Outros autores a ter en conta son Quico Cadaval, Raúl Dans e Inma António Souto. (721 palabras)

36


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.