TEMAS DE LITERATURA GALEGA RESUMIDOS

Page 1

Tema 1: A poesía das Irmandades da Fala. Características, autores e obras representativas. Asistimos nestes primeiros anos do século XX a profundos cambios sociais en Galicia que influirán definitivamente na obra de Ramón Cabanillas e Antón Noriega Varela, os máis xenuínos representantes dos poetas que serven de ponte entre o legado decimonónico e a literatura galega do século XX, aínda que sen conciencia de grupo xeracional, illados e sen conexión. Quizais o único aglutinante foi o agrarismo de Basilio Álvarez. Antón Noriega Varela, mestre en Foz, compón poemas cívicos alentando á loita agraria e forma parte da redacción do periódico local Guau Guau, de carácter anticaciquil. Trasladado a Ourense, coñece a Otero Pedrayo quen o poñerá en contacto coa literatura portuguesa que deixará unha innegable pegada na súa produción poética. Posteriormente, Noriega reacciona contra o modernismo e reafirma a súa estética de lirismo paisaxístico renegando das novas tendencias poéticas ao tempo que se desvencella progresivamente do movemento agrarista. É autor dun único libro, que coñeceu sucesivas transformacións e que apareceu co título Montañesas e logo co de Do ermo. Os aspectos máis salientables da súa obra son: Poesía costumista. Composicións que se manteñen na liña do realismo costumista característico do século XIX a través das que expresa nun ton popular a dura vida dos labregos e tamén as alegrías festeiras da aldea. Lirismo da natureza. O poeta identifícase coa soidade do ermo, aínda que nos sonetos, o poeta abandona a fala popular e introduce numerosos cultismos, moitos deles tirados do portugués, coidando a musicalidade do verso e cunha actitude esteticista e culturalista que os diferenza das composicións breves. Ramón Cabanillas Enríquez, o poeta da raza, publica o seu primeiro libro na Habana, en 1913, co título No desterro. Dous anos máis tarde, pouco antes de volver a Galicia, publica o segundo: Vento mareiro. De volta en Galicia colabora nas Irmandades da Fala e no seu periódico A Nosa Terra, converténdose na máis importante voz lírica do momento. Máis tarde chegan Da terra asoballada, Na noite estrelecida e A rosa de cen follas. Virán máis obras e recompilacións ata que finalmente aos oitenta e dous anos publica a súa derradeira obra: o poema extenso Samos, composto no mosteiro do mesmo nome. Na súa obra poética podemos diferenciar dúas grandes liñas: Poesía lírica. Maniféstase en tres direccións principais: a poesía social ou combativa, de carácter agrarista e anticaciquil (o que lle vale o apelativo de sucesor de Curros); a poesía de tipo intimista (que pode lembrar a Rosalía), e a poesía costumista onde se poden observar as pegadas do Modernismo. - Poesía narrativa. O bendito San Amaro, un poema que narra brevemente a lenda dese santo galego, Na Noite estrelecida recolle temas da Materia de Bretaña, galeguizándoa e insuflándoa coas arelas de redención e liberdade da nosa Terra. Galicia convértese en protagonista da obra. A obra Samos ten un carácter máis descritivo que narrativo, e moitas partes son puramente líricas. Outros poetas destacables deste período son Gonzalo López Abente, natural de Muxía, e Xerardo Álvarez Limeses, autor de composicións de gran liberdade métrica, sumido nun lirismo agarimoso e superficial que fai gala dun galego rico e rexo. (515 palabras) Tema 2: A prosa do primeiro terzo do século XX. As Irmandades e o Grupo Nós: narrativa, ensaio e xornalismo.

A prosa galega acadou por obra dos homes da xeración das Irmandades e do Grupo Nós unha abondosa produción de calidade que lle conferiu á cultura galega unha altura que non tivera ata entón. Con eles a narrativa galega ábrese a horizontes novos, máis universais e, ao mesmo tempo, máis enraizados na nosa cultura. Ademais a actividade editorial adquiriu un pulo sen precedentes.


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.
TEMAS DE LITERATURA GALEGA RESUMIDOS by xoan seca - Issuu