USO DAS MAIÚSCULAS E DAS MINÚSCULAS * O acento gráfico e mais a diérese utilízanse tanto nas letras minúsculas como nas maiúsculas. (lingüística, LINGÜÍSTICA). * Leva maiúscula a letra inicial do enunciado, en posición inicial ou despois de punto. (Recólleme á saída. Despois xa falaremos.) Ollo! Tras un signo de interrogación ou de exclamación de peche tamén se escribe a letra inicial maiúscula. (Onde vas? Vou á fonte.) * Escríbense con maiúscula inicial os nomes e apelidos, os hipocorísticos e os alcumes. (Xosé Seoane, Fuco, Moncho, o Che, Felipe o Fermoso.) * Exemplos de maiúsculas nos topónimos: España, A Rioxa, Os Pirineos, A Curota, Caldas de Reis, Ponteareas, provincia da Coruña. * Exemplos de minúsculas nas formas de cortesía: vostede, don Ramón Otero e o señor Antonio, naceron en Ourense. O actual presidente da Xunta de Galicia é da provincia de Lugo. O rei de España chegará hoxe a Lavacolla. * Exemplos de maiúsculas nas formas de tratamento: Cando se trata de fórmulas protocolarias (Ilustrísimo Señor Alcalde de Sada). Nas abreviacións dos tratamentos (D. Ramón Otero Pedrayo). Cando non aparece expreso o nome propio da persoa, lugar ou cargo, pero sabemos a quen se refire polo contexto e pola súa importancia e singularidade (O Rei visitará ao Papa axiña). * Exemplos de maiúscula inicial os nomes de entidades públicas e privadas: Estado, Administración, Monarquía, Dirección Xeral de Política Lingüística, Sindicato Labrego Galego, Universidade da Coruña, Museo do Pobo Galego, Cruz Vermella, Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo... * Exemplos de minúscula inicial nos nomes dos ciclos educativos: educación primaria, bacharelato... * Escribimos “graduado en ESO”, licenciado en Farmacia”, “departamento de Lingua Galega e Literatura”, pero cando nos referimos ás disciplinas científicas das materias académicas: a historia, a arqueoloxía, clase de matemáticas, especialista en educación física... * Leva inicial maiúscula a primeira palabra do título de obras científicas, literarias, pictóricas, escultóricas, cinematográficas, televisivas, musicais, etc. (Follas novas, Mareas vivas... * Levan maiúscula todos os substantivos e adxectivos que conforman o título de xornais, revistas e coleccións (Galicia Hoxe, A Nosa Terra, La Voz de Galicia, Faro de Vigo). * Nos documentos oficiais escríbese en maiúscula a primeira palabra do nome xenérico que designa o tipo de documento (Lei, Lei orgánica, Real decreto, Orde ministerial). * Maiúscula nos nomes de colectivos: Xeración Nós, Xeración das Festas Minervais, Luar na Lubre, Celta de Vigo, Real Club Deportivo da Coruña) * Levan maiúscula inicial e mais en todos os substantivos e adxectivos os nomes de: etapas históricas (Neolítico, Idade Media), acontecementos históricos (a Revolución Francesa, a segunda República), épocas marcadas por un acontecemento (a Contrarreforma, a Desamortización). * O nome das guerras escríbese con minúscula (guerra civil, primeira guerra mundial). Porén as que teñen un nome específico (guerra do Vietnam, guerra de Corea). * As correntes artísticas escríbense con maiúscula inicial (Barroco, Romanticismo), mais cando non aluden ao movemento senón que funcionan como adxectivos ou como substantivos comúns (a fachada barroca da catedral de Santiago de Compostela, é froito dun romanticismo trasnoitado.). * Maiúscula inicial nas festividades (Nadal, Corpus, Día das Letras Galegas) * Escríbense con minúscula o nome dos días da semana, dos meses e das estacións do ano. (luns, abril, primavera). * Escríbese con minúscula o nome das moedas (euro, dólar, libra esterlina). * Escríbese en minúscula o nome das linguas (galego, francés, catalán, castelán). * As siglas escríbense con todas as letras en maiúscula, e sen puntos. (IES, DOG, TSXG) * Os acrónimos pódense escribir de varias maneiras: UNESCO, FENOSA, Unesco, Fenosa. Con minúscula cando se converten en nomes comúns (ovni, láser, radar). * Os números romanos escríbense con todas as letras en maiúscula en calquera das súas funcións (século V, III Certame Literario, Paulo VI).