A AUTORA: María Gripe María Gripe naceu en Vaxholm, preto de Estocolmo, en 1923, e o seu pai era escritor. Estudou filosofía e tamén historia das rexións e relixións na Universidade de Estocolmo. Tras licenciarse, dedicouse ao ensino. casou co pintor e ilustrador Harald Gripe, que a animou a escribir e máis tarde ilustraría moitos dos seus contos. Aínda que comezou escribindo libros de tipo tradicional, xurdidos, como ela mesma di, das historias que contaba á súa filla Camila, pronto comezou a escribir outras nas que sacaba á luz o autoritarismo que se esconde na familia e na escola, o que a fai unha das representantes da tendencia antiautoritaria na literatura infantil. Cun estilo exquisito e unha linguaxe certeira e simple, afronta calquera tema realista, por moi perigoso que poida parecer, pero que preocupa á infancia: o fillo non desexado ou ignorado, o alcoholismo, o cárcere, o paro, a envexa, a inadaptación, a morte, a soidade, son feitos que forman parte da vida cotiá e cos que hai que aprender a vivir ou que hai que superar. En 1974, foille concedida a medalla Hans Christian Andersen. Morreu o 5 de abril de 2007.
Para reflexionar:
CLUB DE LECTURA “Laretiñas” IES POETA AÑÓN
Gustouche a combinación de elementos fantásticos cos elementos realistas? É unha historia verosímil? Chámanche a atención as casas vellas? Cres que hai algún misterio nelas? Por que? Puxécheste a pensar nas historias que gardan? Visitaches algunha? Que sensacións experimentaches ao percorrela? Cal é o papel da muller no século XVIII, representado no libro por Emilie?Pensas que cambiou na actualidade? Por que cres que Anika se enfada continuamente con David cando fala de Emilie e Andreas? Por que a escritora lle deu ó libro este título? Pensas que os escaravellos teñen un papel importante na novela? Realmente “todolos seres vivos están interrelacionados”? Pensas que os animais e as plantas teñen unha sensibilidade especial que capta as nosas intencións e estados de ánimo? Tes algunha experiencia persoal ó respecto? “Nesta profesión (xornalismo) interesa calquera novidade. Encántanos atopar calquera cousa que se poda vender” . Estás de acordo con esta afirmación de Hjärpe?
“Os escaravellos voan á tardiña” MARIA GRIPE 26 Novembro 2012