FAKTORIA K DE LIBROS
Texto: FABIEN VELHMANN Ilustracións: FRANTZ DUCHAZEAU Tradución: DAVID GIPPINI Encadernado en cartoné 84 páxinas en color. 23,5x31 cm. Dispoñible en: -Galego: “Os cinco narradores de Bagdad” ISBN 978-84-96957-31-2 -Castelán: “Los cinco narradores de Bagdad” ISBN 978-84-96957-32-9 Prezo: 18 €
OS CINCO NARRADORES
DE BAGDAD Achegádevos. Sei que estades aquí para escoitar unha historia. Unha historia da que algúns vos dixeron que era divertida, conmovedora, chea de furia... Namentres que outros vos aseguraron que non era gran cousa. Daquela, a quen hai que crer? Fixestes ben en vir onda min. Coñezo mellor que ninguén a terrible e edificante historia dos cinco narradores de Bagdad. Porque eu era un dos cinco. Este álbum de orixe francesa achegará o lector ás peripecias de cinco contadores de historias, afanados na procura do mellor conto do mundo, para gañar o reto proposto polo califa de Bagdad e con el, acadar sona e riquezas. Nazim, Tarek, Anouar, Wahid e Ahmed, o fillo do propio soberán, son os protagonistas desta particular odisea arredor do mundo.
■ Temática: cómic de aventuras ■ Idade recomendada: desde 9 anos ■ Aspectos destacables: a importancia da oralidade, os contos das ‘Mil e unha Noites’, diversidade de arquetipos
O rosmón, o filósofo, o perspicaz, o rebelde, o xentil... virtudes e defectos que adornan a personalidade de cada narrador e que representan un amplo abano de arquetipos humanos cos que xurdirá unha irremediable identificación. Nunha cidade, Bagdad, chea de contrastes, de pasado esplendoroso e presente escuro, a lenda está presente en cada recuncho; o exotismo de Oriente Medio e o ambiente envolvente de cada historia -ao estilo das ‘Mil e unha Noites’- transportará o lector a outra esfera da realidade, dominada pola arte dos contos. Velhmann e Duchazeau actúan como herdeiros da tradición oral e beben tamén de fontes como o Marqués de Anaon ou Gilgamesh, pero comparten a evolución que emprenderon Blain e Sfar no xénero da banda deseñada. Así, o lector poderá gozar das proezas narrativas do guión, a posta en escea, o debuxo hábil e sinxelo, o ambiente deslumbrante das paisaxes representadas, con cores cálidas que ofrecen unha atmosfera máxica e onírica.
FABIEN VEHLMANN (Mont de Marsan, Francia, 1972) Comezou a súa formación na Escola de Comercio de Nantes (Francia) e posteriormente dedicouse a traballar como guionista de cómic en editoriais como Dargaud, Dupuis ou Lombard. Entre outros galardóns, recibiu o Premio Elefante de Ouro en 2001.
FRANTZ DUCHAZEAU (Angoulême, Francia, 1971) Iniciou a súa traxectoria nos anos 90 en revistas do grupo Disney, como debuxante de historietas, series de cómic e anuncios publicitarios. A partir de 2002 comezou a traballar para editoriais como Dargaud, Dupuis e a revista Spirou. Participou en varios proxectos de cómic, entre os que destaca a serie ‘Igor et les Monstres’.