Menina e moça

Page 1

ELEMENTOS DE EDICIÓN E INTERPRETACIÓN DA MENINA E MOÇA

Margarita Dopico Cancela Traballo para a materia de Estudos Lusófonos I 2017-2018


INTRODUCIÓN Este traballo pretende amosar unha visión xeral dos elementos de edición e interpretación da Menina e Moça, de Bernardim Ribeiro. Esta obra renacentista, catalogada como novela bucólica, de cabalerías, etc.., ten suscitado gran interese pola propia historia, o ton en que é narrada, a voz narradora, os personaxes que nela aparecen ou se suceden, as relacións ou semellanzas que se dan entre eles, e outros aspectos. Tamén existen controversias en canto á extensión concreta da novela, pois nalgunha das edicións aparece acrecentada con respecto ás outras. Por iso pode resultar interesante a idea de efectuar un percorrido, aínda que sucinto, por varias destas cuestión.

SOBRE AUTOR E OBRA Bernardim Ribeiro foi un dos grandes autores do renacemento en Portugal. Descoñécense gran parte de datos sobre a súa biografía. O autor Herculano de Carvalho estimou que viviu aproximadamente entre 1498 e 1536. Sábese que frecuentou a Corte e tamén que colaborou no Cancioneiro Geral (1516) de García de Resende, o mesmo que Gil Vicente ou Sá de Miranda, do que foi amigo. É considerado como o introdutor do xénero bucólico en Portugal. Entre a bibliografía coñecida atopamos, ademais da novela Menina e moça, doce poesías menores incluídas no cancioneiro, cinco églogas, unha sextina (Ontem pôs-se o sol e a noute), o romance Ao longo de ua ribeira, dúas cantigas, e outras composicións curtas incluídas na edición coñecida como de Ferrara, da Menina e moça. Estas composicións son: Para todo houve remedio (vilancete), Pensándovos estou, filha (cantiga á maneira de solau) e o Romance de Avalor. O manuscrito orixinal non se conserva. Estímase que a historia foi moi coñecida dende un principio e circulou en copias manuscritas, sobre todo en ambientes palacianos, sendo rapidamente popularizada. Esta gran difusión continuou, como dan conta as numerosas edicións que se foron sucedendo ó longo do tempo, asegurando así tamén a continuación da súa popularidade. Infelizmente, coa Inquisición destruíronse moitos documentos, sobre todo do período que abrangue a primeira viaxe á India de Vasco de Gama (1498) e a batalla de Alcácer Quibir (1578). Este texto foi censurado.

HISTORIA DAS EDICIÓNS Manuscritos e edicións - Manuscrito de Eugenio Asensio (1543-1546). É a versión máis antiga. Intitulada Saudades de Bernardim Ribeiro. - Manuscrito da Real Academia da Historia de Madrid (fins do século XVI). - Edición de Ferrara (1554), de Abraão Usque. Historia da Menina e Moça. - Edición de Évora (1557), de André de Burgos. Livro chamado as saudades de Bernardim Ribeiro (1ª e 2ª parte). - Edición de Colonia (1559), de A. Birckmann (é unha copia da de Ferrara).


Reproducións da edición de Évora - Menina e Moça ou Saudades de Bernardim Ribeiro, Lisboa: 1645 - Menina e Moça ou Saudades de Bernardim Ribeiro, Lisboa: 1785 - Menina e Moça ou Saudades e Poesias, Lisboa: 1852 - Livro das Saudades de Bernardim Ribeiro (História da Menina e Moça e Declaração das Saudades). Porto: Ed. Teófilo Braga, 1971 - Menina e Moça, Porto: ed. José Pessanha, 1891 - Saudades (História da Menina e Moça), Lisboa: ed. Delfim Guimarães, 1905/1916/1930 - Bernardim Ribeiro. Obras completas (Vol I). Menina e Moça, Lisboa: ed. Aquilino Ribeiro e Marques Braga, Sá da Costa, 1949 (4ª edición 1982) Reproducións da edición de Ferrara - Bernardim Ribeiro e Cristovão Falcão. Obras. (Vol. II), Coimbra: ed. Anselmo Braancamp Freire e Carolina Michaelis de Vasconcelos, 1923 - História da Menina e Moça, Lisboa: ed. D.E. Grokenberger, 1947 (tamén utiliza as edicións de Évora, Colonia e Madrid) - Menina e Moça. Libros de Bolso/ Europa-América Antoloxías - Menina e Moça ou Saudades, Coimbra: ed. Herculano de Carvalho, Atlântida, 1960 (3ª ed. 1973). Baseada no manuscrito de Eugenio Asensio. Sobre as versións do século XVI O manuscrito de Madrid termina algunhas liñas antes que o de E. Asensio e a edición de Ferrara, que teñen a mesma extensión. Mentres que nestas versións o texto aparece sen divisións, na edición de Évora a obra aparece dividida en dúas partes, subdividida á súa vez en capítulos con longos títulos resumo. Dubídase da pretensión de autenticidade do texto excedente que aparece na edición de Évora: case un terzo do total, a partir do capítulo XVIII, disposto en corenta e un capítulos. É plausible que teña unha función explicativa, para esclarecer e completar as historias, que nas restantes versións acaban de forma brusca ou pouco verosímil (a este respecto téndese a pensar na posibilidade de que o autor colocara o fin noutro punto). Un punto a destacar e que parece claro é que o texto a maiores da edición de Évora contén trazos estilísticos e mesmo referencias que non concordan co xeito de escribir de Bernardim Ribeiro. Existen diversas interrogacións abertas en canto á historia e contido exacto da novela. Por exemplo, en tódalas versións acúsase un texto non revisto ou adulterado que fai pensar que o texto do autor (morto antes da primeira edición), sería outro: tal vez houbo reformulacións en borradores orixinais… Mais por outra banda, o “inacabado” do texto ben puidera ser algo acorde con o ton xeral ou tal vez coa intención da obra. En canto á palabra “saudade” –a excepción do manuscrito de Madrid e da edición de Ferrara-, estivo asociada ó título da novela desde que apareceu, cuestión que deu comezo a unha tradición paralela á das “saudades”, que acabou suplantándoa.


HISTORIA DAS INTERPRETACIÓNS A obra causou influencia e admiración, e se poden rastrear numerosos indicios de efectos das súas lecturas ó longo do tempo. S. XVI. A propia edición de Ferrara. Abraham Usque, xudeu portugués que emigrara a Italia, editou a obra na súa propia imprenta. O seu criterio principal para facelo debeu ser o interese (incluso preocupación) cultural e relixioso da comunidade xudaica, ademais da calidade literaria e pode que unha simpatía persoal polo modelo bucólico. Tamén catalogada como novela sentimental. Este xénero supón certas convencións nos planos de expresión –apártase do discurso deliberativo e aproxímase ó demostrativo-, e no plano de contido un feminismo de base idealizada ou antinaturalista. S. XVII. Interpretacións biográfico-anagramáticas (Faria e Sousa, etc.) Os personaxes representan persoas e historias reais de amores cortesáns secretos e malogrados. Clasificada como novela pastoril ou híbrido coa novela de cabalería, mais tamén contaminada coas convencións do xénero e a importancia do (auto) biografismo. S. XIX. Apoxeo do proceso de “banalización”. Teófilo Braga enriquece a tese biografista. Aínda así, tamén se recoñece o seu valor literario e histórico-literario. S. XX. Gran cantidade de autores que investigan a obra e achegan as súas aportacións. -

-

-

-

Carolina Michäelis. É autora do primeiro estudo baseado na edición de Ferrara (perdido no s.XVI e reencontrada por Bracaamp Freire a finais do s.XIX), con edición ultimada e prefaciada por ela en 1923. A súa hipótese é que a edición de Ferrara inclúe obras de Cristóvão Falcão e que o Cancionerito veu despois. Teixeira Rego. Lanza a hipótese do xudaísmo de Bernardim Ribeiro en 1931. Daquela probouse insostíbel, mais permaneceu a dúbida. Erasmo Buceta. Desígnaa como novela sentimental (1933). Compáraa con moitas novelas sentimentais españolas coas que ten parentesco e dá conta da amplitude deste, sen desatender a especificidade portuguesa e da propia obra. Salgado Junior. É o autor do primeiro estudo global da obra. Procura definir mellor o carácter e a orixinalidade da novela. Atende ós anteriores estudos e ás posicións e prexuízos que supoñen, desvalorizándoos. Expón dúas teses nucleares que conteñen todos os niveis de abordaxe: 1. Clasifícaa tamén como novela sentimental do Renacemento europeo, posterior ó romance cabaleiresco e paralela á novela pastoril. Posúe unidade na estrutura, ideoloxía e estilo. 2. A influencia italiana suplantou á española en Bernardim Ribeiro, especialmente a de Boccaccio, aínda que o estilo deste sexa realista, fronte ó estilo transfigurábel da Menina e Moça. Isto non implica que non sexa demostrábel a influencia das novelas de Diego de S. Pedro e outros autores españois. Herculano de Carvalho. Ve sinais evidentes do coñecemento de Petrarca e Dante, e posiblemente de Sannazaro. Antonio José Saraiva. Ensaio sobre a poesía de Bernardim Ribeiro (interse esencialmente estético). Considera que a linguaxe é a expresión do encontro persoal co mundo e


-

-

do sentimento que provoca; a realidade só se entende interiorizándoa. Considera ó autor coma o máis romántico dos portugueses. Hélder Macedo. Do significado oculto da “Menina e Moça”. Coincide con A. J. Saraiva en que é unha das obras máis notables da literatura portuguesa. Ademáis asegura que a súa interpretación segue unha operación de descifrado pola dificultade intrínseca e extrínseca ó texto. En canto á extrínseca refírese a: o A singularidade da novela con respecto ás contemporáneas. o A ausencia de datos certos sobre o autor. o A proximidade entre a primeira e a segunda edición e a súa desconcertante diferencia. A súa tese fundamental dilúe moitas destas limitacións: Bernardim Ribeiro foi un cristão-novo e a novela é unha obra de inspiración e intención relixiosas: “a indisputable tradición humanística en que B.R moldeou a súa obra servíulle para dar expresión poética e novelesca a unha tradición ideolóxica paralela” (Macedo 1990: 35-40). Sería unha alegoría novelística da doutrina do Zohar ou libro da Cábala, que exhorta á resistencia e á fidelidade; mostra significativas converxencias con el, no que se refire ó misterio do exilio da Chéquina (a autora aprecia na Cábala a suxestión da existencia dun exilio metafísico)… Mais hai enigmas que resisten e todo isto pertence ó dominio das hipóteses. De calquera maneira ela fai, axudándose de operacións de citación fragmentaria do texto, excelentes análises e comentarios, destacando pasaxes que nunca o tiñan sido, ademáis das relación literario-culturais tanto da obra en si mesma, como comparada con outras.

O que resulta evidente é a grande dificultade de interpretación global que presenta a obra, tanto con respecto ós seus elementos, como á hora de integrala nun cadro cultural definido. Moitas das hipóteses chaman a atención sobre o predominio do “estilo transfigurábel”(imaxe psíquica-espiritual do real e, inversamente, transformación dos obxectos espirituais en historia, persoas, cousas..), cuestión que podería tornar aínda máis complexa a análise e comprensión. As historias son probas retóricas –tanto intrínsecas como extrínsecas-, para unha doutrina da vida e do amor. A máis importante é de natureza final, está relacionada coa propia ontoloxía do amor e do tempo e ten un cariz pesimista.

ELEMENTOS DE INTERPRETACIÓN Contido Podería definirse como un romance psicolóxico e poético de amor; en calquera caso “unha das máis perturbadoras e enigmáticas obras literarias do século XVI” (M. de Lourdes Saraiva). Atopámonos co monólogo dunha “menina" (e moza) que suxire a disolución en prosa dunha cantiga de amigo: chora porque o destino separouna do seu amigo e da súa terra. A Menina fala como se fose contar a súa historia, mais logo acláranos que falará das cousas que veu e ouviu… Ela, que vive retirada do mundo nun lugar apartado, frecuenta un paraxe na foresta, nunha ribeira onde un día encontra unha señora (a Dona do tempo


antigo) que está de loito pola morte do seu fillo. Pola Dona a Menina revélasenos fermosa e nova (menina no tempo pasado en que é colocada; no tempo pleno a Dona xa lle chama moza). A historia que a Dona lle conta contén varias historias en si. A intermedia e máis completa e longa é a que transcorre despois de que a protagonista feminina morre tras parir. A pequena orfa que sobrevive medra e vai aprendendo da vida e do que a ama que a cría, que fai o papel de nai, lle conta. Máis tarde ela tamén terá amores, mais instruída xa, gardarase para destinos máis altos que o amor dun home, ou ben renuncia a un tipo de amor que fixo vítimas ós personaxes que a anteceden. Deste xeito e a través do relato que escoita, a Menina vai percorrendo pola man da Dona o ciclo Belisa- Aónia- Arima, é dicir, as historias de amor entre Lamentor e Belisa (quen morre no parto), Binmarder e Aónia (irmá de Belisa), e Avalor e Arima (filla de Belisa). Relación discursiva A Menina fala como se fose contar a súa historia, mais antes aínda de falar do momento en que decidiu escribir o libro, acláranos que falará das cousas que veu e ouviu, e é por medio destas que saberemos dela. Realmente será un “suxeito parcial de enunciación”, porque mediante os diálogos coa Dona narradora, as palabras palabras e os sentimentos que nos chegan son das dúas. Tanto Menina como Dona teñen un papel discursivo, pois non son protagonistas da acción. A Moza realiza a función de ouvinte ideal, que necesita a voz da experiencia; a Dona tornarase finalmente en narradora que monologa. Os personaxes Menina e Moza poden reflectir dous aspectos ou estadios da mesma persoa, cuestión que parece remitirnos tamén a outras dualidades temáticas presentes na obra como a de tempo-eternidade, corpo-espírito, vida-morte. Carácter fragmentario do texto O aspecto fragmentario do texto ten tido dispares interpretacións, mesmo que fose deliberado (previsto pola narradora). Por exemplo, a secuencia narrativa de Avalor e Arima podería ser o peche dunha etapa da estrutura retórica. Se ben é verdade que falta unha conclusión, a enumeración das consecuencias e os rexistros da omnisciencia narrativa acaban por suplir a omisión. Poderíase interpretar como unha explicación ó punto onde remata a obra o feito de que a Menina nos fale da súa familiaridade coas “cousas não acavadas” e a inclinación a non rematar de escribir o libro –como igualmente non acaban as historias segunda e terceira. Algúns estudosos do tema opinan que tampouco se pode descartar que a obra como a coñecemos hoxe en día sexa parte dunha obra de maior extensión que se perdeu, e que pode ter un paralelismo na súa estrutura con outras que conteñen diversos relatos, como pode ser o Decamerón de Boccacio. A saudade A comunicación entre Menina e Dona é favorecida polo feito de ter en común “serem tristes e gostarem de tristezas” (escenario da saudade). Teñen en común a memoria do amor (polo fillo, polo amigo..) en diferentes momentos da vida, amor que é traído ó presente polo discurso, mediante o cal o reviven e se entregan de novo a el. Ó revivilo tamén se fai máis consciente a ausencia, que redunda no sentimento de saudade. Por outra banda,


existe unha tradición da saudade como desexo dun pasado que non foi e que se proxecta no futuro. Relacionado coa saudade está o tema do exilio: todos os personaxes femininos sofren esta condición a excepción da Dona, que se sente impulsada a contar a historia en parte polo descoñecemento da terra e da vida que a Menina ten. O exilio espiritual é unha experiencia común en case todas as correntes místicas. A feminidade e o amor Preséntanse calidades da muller na novela sentimental: fermosa, sensible, fráxil, emotiva… A Dona, pola idade, ademáis de fermosa é digna e venerable e posúe un saber da historia, dos homes e da vida. A muller é considerada como unha especie universal distinta do home. Os personaxes masculinos son inferiores no autodominio e na capacidade de perfeccionamento. A maior parte da caracterización distintiva que se mostra ten lugar tomando como referencia a relación amorosa, escena por excelencia da confrontación masculino-feminina. Fáisenos ver que a paixón é unha cousa seria, mais humana e en certo sentido inevitable; carece de ser controlada pola forza do espírito ou polo bo xuízo da experiencia, do contrario será causa de sufrimento. Aínda así, a meirande parte dos amores son desventurados e non teñen un final feliz. Isto tamén nos remite á idea da non permanencia das cousas, tema literario xa presente no Cancioneiro Geral, en Sá de Miranda, Camões e no propio Bernardim: “mudança possui tudo”. Probablemente, Menina e Moça é o libro máis feminino da literatura portuguesa, e chama poderosamente a atención o feito de que estea escrito por un home (supostamente). Sumado a isto, Lamentor é posible que sexa o personaxe masculino –sen menoscabo algún da súa masculinidade-, con máis calidades ou características femeninas: “Lamentor expide consellos que máis se esperarían da boca da Ama do que da boca dun cavaleiro” (Cardoso Bernardes, J.A.:1991). O sufrimento A muller sofre porque así lle é dado, tanto “naturalmente” como por causa dos homes, feito polo que presenta ou tende a unha espiritualidade superior do que eles. Esta idea está presente xa en certas tradicións históricas precedentes, como no culto de María na doutrina cristiá, na doutrina espiritualista dos cátaros, no sufismo árabe, o franciscanismo, a cábala xudaica, o gnosticismo, etc.. e probablemente tamén estea relacionada co amor cortés. A aprendizaxe O diálogo dun co outro axuda a asimilar o común entre experiencias repetidas. A repetición destas historias (o pai da Dona, que ouviu unha historia que logo lle contou a ela, a cal ela lle contará á Menina) remite ó proceso de iniciación e aprendizaxe. Outro exemplo senón de repetición, de semellanza, pode ser a que se dá entre o pasado da Menina e o da ama de Arima, e tamén case totalmente entre Binmarder-Aquelísia e Avalor-Sra. Desherdada, (que así mesmo ten relación coa idea da mudanza das cousas).


A aprendizaxe axuda a entender e aceptar mellor o mundo, e ten un valor ademais de práctico, espiritual. Dende esta perspectiva a tristura podería incluso ser entendida como unha virtude, posto que implica unha maior consciencia e entendemento da vida. A relación entre amor e coñecemento –máis aínda, a identificación entre un e outro-, é tamén outro elemento máis propio de tradicións místicas.

CONCLUSIÓNS A Menina e Moça de Bernardím Ribeiro foi unha obra de gran importancia e repercusión no seu tempo. Posiblemente fose moi coñecida en determinados círculos antes xa de ser editada, pois se sospeita que circulou en copias e versións manuscritas en ambientes palacianos. Unha vez editada, houbo numerosas edicións en poucos anos e foi traducida a diferentes linguas ó longo do tempo, espertando un interese e admiración que non minguaron ó longo dos séculos e se manteñen na actualidade, como boa proba son os numerosos estudos por parte de especialistas na materia dos que a obra ten sido obxecto. Este feito non supón que se teñan esclarecido moitos dos interrogantes abertos, sequera a intención xeral da obra. Pola súa temática amorosa foi catalogada como novela sentimental ou bucólica, mais tamén de cabalería. A clasificación faise complicada polo carácter fragmentario da obra, polo estilo transfigurábel e o seu probable significado alegórico –aínda que non está probado, e tamén se descoñece, se de ser así, o sería relativamente á totalidade ou a parte do contido-. Ademais do amor (a través do cal vense abordadas cuestións como por exemplo a feminidade ou o contraste entre home e muller), outros temas principais son a saudade, o exilio, o sufrimento, o coñecemento da vida e a súa transmisión como vía para a aprendizaxe. Máis alá de a Menina e Moça ser unha obra complexa e intrigante que demostra unha considerable fondura psicolóxica, é tamén unha obra sumamente feminina, para aqueles tempos e en xeral, chegando ó punto de ser considerada a novela máis feminina da literatura portuguesa. Esta cuestión resulta aínda máis destacable polo feito de ter sido escrita por un home.

BIBLIOGRAFÍA AMADO, Teresa, 1984. “Apresentação crítica”, in Menina e Moça, de Bernardim Ribeiro (Lisboa: Comunicação). BALTRUSCH, Burghard. “Bernardim Ribeiro: História de Menina e Moça”. <https://cursos.faitic.uvigo.es/tema1718/claroline/document/goto/index.php/Cultur a_Portuguesa/Renascimento/Renascimento_em_Portugal.pdf?cidReq=V0> (última consulta 18/2/2018). CARDOSO, José Augusto, 1991. “A estrutura retórica de Menina e Moça”, in Biblos, Enciclopédia Verbo das Literaturas en Lingua Portuguesa, vol. LXVII. (Lisboa: Verbo, 255-261). MACEDO, Helder, 1990. “Introdução”, in Menina e Moça, de Bernardim Ribeiro (Lisboa: D. Quixote, 35-40). MACEDO, Helder,1991. “Sá de Miranda, Bernardim Ribeiro e a escola bernardiana” in Estudos Portugueses. Homenagem a Luciana Stegagno Picchio. (Lisboa: Difel, 624-627). SARAIVA, Mª de Lourdes: fixación do texto, actualización e comentario explicativo, in Menina e Moça de Bernardín Ribeiro (Mem Martins: Europa-América 1996, 4ª ed. anotada).


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.