AS NENAS E OS NENOS SEMPRE XOGARON O xogo forma parte da socialización das nenas e dos nenos: durante as primeiras idades, aprenden a identificar a realizade mediante cores, sons, movementos...Posteriormente, exploran o espazo e gustan de imitar á xente maior. Pero é cando participan nos xogos colectivos, cando se establece a maior relación tanto entre os seus iguais coma co seu entorno. É por iso que cando as nenas e nenos de 6º recolleron estes xogos déronse conta que a inmensa maioría se realizaban na rúa, e que cos elementos máis simples eran capaces de pasalo ben: bastaba un bote, un pau cunha forma determinada, unha pedra e unhas poucas liñas no chan... Pero existían normas de obrigado cumprimento. Tamén aprenderon que moitas das lerias para pandar, para botar sortes, para acompañar os xogos..., se dicían en castelán. E é que moitos dos xogos chegaron de fóra, como seguramente desde Galicia se levaron a outras terras. De feito, coñecemos que en Castela, en Italia, en Cuba ou en Paraguai, se practicaban xogos moi similares aos que tiñamos por aquí. Se cadra, a maneira de expresarse e de pasalo ben é inherente ao ser humano, e común a todas as nenas e nenos do mundo. Claro que entón, onde e cando comezan as diferenzas? Unha boa idea para debater...
O pilla pilla. Este xogo colectivo foi recollido por Álvaro Ares, quen nos explicou que os seus pais o xogaban pola Baña e por Santa Comba. Olimpia e Manuel tamén o recolleron, pero eles, que proceden da zona de Verín, coñéceno como gabilla. En calquera caso, practicábase no monte ou na rúa, e non era necesario ningún tipo de material, so unha calidade: saber correr. O grupo de xogadores ponse en círculo e bótase a sortes para saber a quen lle toca pillar de primeiro. Cando comeza o xogo, se colle alguén, pasa este a pillar, e así sucesivamente.
O potro Este xogo, practicado por varias persoas, recolleuno Aitana Mosquera. Tamén se facía no exterior e para iso os participantes tiñan que colocarse formando unha fila, co lombo dobrado e tentando chegar coas mans ás puntas dos pés. Outro xogador tiña que saltar por encima sen tocalos, soamente apoiando as mans no lombo do compañeiro. Cando acababa de saltalos, púñase tamén dobrado na fila, e saltaba outro. Así percorrían diversos espazos, e non lles facía falta ningún material, so habilidade para saltar.
Ovo pica araña. Segundo Daniel Moure, que foi quen nos trouxo este xogo, practicábase na rúa entre dous equipos formados por catros persoas, aínda que podían ser máis. Un dos membros do equipo colocábase apoiado na parede e a este chamábaselle "a nai". Os demais púñanse a continuación formando unha especie de verme. Logo, o outro equipo saltaba enriba de un a un; o primeiro dicía "ovo, pico, araña" formando unha das súas formas sobre o lombo do outro. Se acertaba, cambiaban as posicións, e se non, repetíase. Así que era un xogo de panda e de adiviñanzas.
7 pecados Este xogo exterior, recollido por Xacobo Zas, necesita dunha pelota para practicarse. No grupo de xogadores, cada un ou unha desígnase cun número. Entón o balón lánzase ao aire e dise un número aleatorio. O participante que teña o número será o encargado de recoller a pelota e nese momento berra "Pare!" aos demais que so poderán dar tres pasos en calquera dirección. A diversión vén cando o que tiña o balón llelo lanza, e os demais tentan esquivalo.
O bote Daniel Álvarez presentou un xogo da zona do Barbanza que se realizaba nas rúas ou nos parques, e para practicalo é necesario un bote cun pouco de area no interior. Primeiro o bote coa area colócase dentro dun círculo pintado no chan. O grupo que xoga elixe quen vai pandar , e tamén quen vai darlle a patada ao bote. Cando se lle dá a patada, quen panda vai buscar o bote, e volta para o círculo de cu, mentres os demais se esconden. Ao chegar ao círculo vai buscar aos membros do grupo, e cada vez que atopa a un xogador ten que golpear o bote e dicir o nome de quen atopou. Hai que facer isto ata ilos encontrando a todos. pero pode que un neno que non atopou chegue ata o bote; entón vólvese empezar. Perde o primeiro xogador atopado, despois de localizar a todos os nenos.
Marro da palmada Para facer este xogo traído por Juan Calvo da zona de Ordes, necesítanse dous equipos, un a cada lado do campo.O xogo consiste en correr ata o contrario, darlle unha palmada na man que el ofrece (pode ser calquera xogador a quen se lle dá a palmada), e a continuación corre para pillarte. Se te alcanza, quedas preso do lado do campo do teu inimigo ata que un dos teus te libere cunha palmada. Gaña o equipo que consiga máis presos.
A pita cega Este xogo foi seleccionado por varias persoas: Lucía, Olimpia, Vera, e Manuel. Segundo Vera, na zona de Lugo chamábase a
"cabra cega". Para practicalo, convén que o número de xogadores sexa de catro ou máis, e escóllese a un para ser a pita ou a cabra cega. Os ollos do xogador escollido véndanse cun pano e dánselle tres voltas sobre si mesmo. O resto brinca e corre polo campo de xogo, mentres a "pita ou cabra cega" tenta pillalos. Cando alguén é pillado, o xogador vendado terá que descubrir quen é esa persoa. Se acerta, deberá pasar a ser a próxima "pita ou
cabra cega".
O brilé Este xogo traído por Natalia Barreiro, practicábase na rúa e para iso era necesario unha pelota e dous equipos de nenos. As súas normas son moi sinxelas: - Márcase unha liña no centro do campo, e os equipos sitúanse a cada lado. - Hai que tocar coa pelota a un xogador do equipo contrario, e que lle caia ao chan. Se isto sucede, queda brilado. - O equipo que primeiro brile a todos os xogadores, será o gañador.
Os antecesores dos xoguetes. TamĂŠn se divertĂan con pequenos elementos, antecesores dos nosos xoguetes. E nunha vida na que se estaba en contacto directo coa natureza, sacaban dela os elementos con que pasar o tempo. Paus, ferros, pedras, herbas..., todo podĂa servir.
O aro Como o seu nome indica, tratábase dun aro de ferro, que se guiaba cun pau torcido na punta por terreos chans. Segundo Gabriela, que nolo presentou, había que facer rodar o aro co pau. Se os participantes eran varios, gañaba o que chegaba máis lonxe. Pero estaba prohibido frealo ou darlle velocidade.
Billarda ou estornela Uxía e Mariña presentaron este xogo. A segunda, ademais, informounos que seu pai practicábao tamén en Zamora, e que mesmo hai unha liga europea desta brinca (LNB). O lugar onde se realizaba era un sitio amplo, e facían falta dous paus: a billarda ou estornela, que era un pau pequeno coas esquinas en punta, e o marro ou palán. Debíanse estas normas:
seguir
- Colocar a estornela no chan e darlle co marro para elevala. - Cando estaba no aire, había que darlle outra ves co palán ou marro. - Este segundo golpe tiña como finalidade lanzar a estornela ou billarda o máis lonxe posible, que era o que determinaba o gañador. Así, podíase xogar individualmente, en parellas ou por equipos.
A buxaina Un anaco de madeira redondeado cunha punta, ao que se lle envolvía un cordel, formaba a buxaina, que en moitos sitios tamén se lle coñece como o trompo. Había que debuxar un círculo na terra e facer saltar alí as buxainas, ao tempo que se tentaba expulsar do círculo as dos contrincantes. Segundo Nuno, que nos amosou este enredo, había quen afiaba moito a punta e partía a do compañeiro. E logo, tamén había quen presumía da súa técnica, facendo bailar a buxaina na palma da man.
A corda Tan so era necesario un anaco de corda, algo que era moi habitual, xa que era un material co que se suxeitaba as vacas para levalas pacer.
Podíase practicar individualmente, pero o máis común era entre varias, xa que era un xogo esencialmente "feminino". Dúas persoas abaneaban a corda ao ritmo dunha canción; e a que se enleaba, pasaba a dar; e a que daba, a saltar. A Brais López, súa avoa díxolle estas cantigas: Cantos anos tes ti? Todavía non o sei, pero pronto o saberei: 1,2,3,4,5,6... (Gañaba quen acadase o número maior)
Al pasar la barca, me dijo el barquero las niñas bonitas no pagan dinero. Yo no soy bonita ni lo quiero ser. Arriba la barca 1,2 y 3.
A ra Para practicar este xogo necesitábase unha mesiña cun buracos que ademais debía ter un caixón (para recoller as pezas lanzadas), e sobre dela unha ra coa boca aberta para poder introducirlle sete pezas de ferro. Estas pezas tirábanse desde diferentes puntos, e se caían na boca da ra, valían cincocentos puntos; na roda, douscentos puntos; nas pontes cincuenta, e nos buracos, dez puntos. Ao lanzar sete veces, sumábanse todos os puntos, e unha vez que tiraran todos, comprobábase a ver quen conseguira máis. Tal e como está descrito, foi recollido por Cristina Ferreiro; pero é un xogo que tamén se levou a América, xa que a nai de John, que é arxentina, explicoulle que alí se lanzaban dez fichas, e que se caía na boca da ra, gritábase "sapo". Pola súa parte, o avó de Martín indicoulle que as ras coas que eles xogaban eran moi pequenas, xa que así era máis difícil introducir a peza. En calquera caso, tratábase dun xogo de precisión e o número de xogadores podía ser ilimitado. E de calquera idade!
As palletas Gael é o "músico oficial" da clase de 6º A, e interesouse por saber como eran aqueles instrumentos cos que os cativos reproducían sons e melodías. A información déullela o libro Os xoguetes esquecidos da editorial A
Nosa Terra. Así soubemos que coas canas fabricaban pitos e palletas: se o anaco de cana se lle facían varios buracos, podía dar varias notas ao tapar algúns cos dedos.
A mariola Segundo nos contaron Sabela, Marta e Sara, primeiro hai que debuxar o campo de xogo con casiñas que se numeran. Tamén é necesaria unha pedra para lanzala e xogar. Logo sortéase quen empeza; tírase a pedra á casiña 1 e sáltase á pata coxa; recóllese a pedra e sáese tamén á pata coxa. Vaise facendo así sucesivamente co resto dos recadros; pero se se tocan as liñas, ou a pedra sae fóra, pérdese a quenda e segue outra persoa a xogar. Nas últimas casiñas, hai que ir avanzando coa pedra empurrando a esta co pé. O importante é que non saia das liñas ou que a pedra quede superposta sobre elas.
Guerras de globos de auga. Este xogo pode parecer moi galego, pero explicóunolo Rafa, cuxa familia procede do Paraguai. Neste país era habitual practicar esta "guerra" durante o Entroido, xa que era unha maneira de refrescarse nunha festa que no hemisferio Sur coincide en pleno verán. Son necesarios globos pequenos, auga e un balde. Fórmanse dous grupos, sepáranse, e o equipo que dá máis veces sobre o outro é quen gaña o xogo. Para seleccionar os membros dos equipos, partíase unha póla en anaquiños: quen escollía o máis pequeno sería o primeiro capitán dun equipo, e o segundo que tiña o pau máis pequeno era o segundo capitán. Así cada líder elixía ao seu equipo.
Nascondino col baratolo Cando o papá de Valeria Ninni era pequeno, vivía cos tíos e os avós nun pequeno pobo de montaña no centro de Italia. Facían moitos xogos, pero a ela pareceulle moi orixinal e interesante este, que semella unha variante do tradicional escondite. Primeiro hai que sortear para saber quen ten que buscar. Ao acabar, este escolle a un compañeiro (normalmente o máis débil), para que tire a lata. Despois, a persoa elixida no sorteo, chamada buscador, debe ir por ela e nese tempo os demais escóndense. Entón chega o momento no que o buscador ten que tentar atopar aos xogadores: se ve alguén, corre cara a lata e grita o seu nome. Para salvarse, as persoas escondidas teñen que chegar á lata sen que o buscador as vexa, ou en caso de que xa as encontrara, chegar á lata antes que o buscador e tirala, para que vaia de novo por ela. Por último, se o buscador pillara a todos, excepto a un e este conseguira salvarse, o xogo volvería iniciarse coa mesma persoa como buscador.
Este xogo é moi parecido ao presentado por Daniel Álvarez, recollido na bisbarra do Barbanza, o que demostra que con lixeiras variacións, a maneira de brincar non entende de linguas, de razas e moitos menos de países.
Todos estes xogos se presentaron de xeito oral no IV Maratón de tradición oral , organizado pola biblioteca pública Ánxel Casal. As nenas e nenos citados, presentáronos, ademais, de forma escrita como se foron expoñendo. Pero houbo quen recolleu xogos e ensinounos tan so oralmente. Tal é o caso das nenas e nenos que deseguido se relacionan. En calquera caso, na bibliografía que se expón na páxina seguinte, pódense consultar as súas normas. - Javier Fontela Camba: " O fútbol sen balón". - Xoel Rodríguez: "As catro esquinas". - Laura Freire: "Os iaquis" (xogo procedente de Cuba), - Pablo García: "A roda xiratoria". - Brais Rodríguez: "As canicas". - Martín Serantes: "O xogo da ra" - Antón Cerdeira: "O aro" - Mario Moreira: "A goma".
Grazas a esta participación, cada clase de 6º foi agasallada cun diploma por parte da dirección da biblioteca Ánxel Casal, así como cun lote de libros para cadansúa titoría.
Bibliografía: - Lourenzo, Xaquín: Enredos. Ed. A Nosa Terra. - López García, Xosé Manuel: Os xoguetes esquecidos. Ed. A Nosa Terra. - Cortizas, Antón: ChirlosMirlos. enciclopedia dos xogos populares. Ed. Xerais. - López Picallo, Jaime (coord.). Xoguetes e sons da natureza. Santiago, Xunta de Galicia, 2000
Webgrafía: http://xotramu.blogspot.com.es/ http://enredoscampolongo.blogspot.com.es/ https://www.dicoruna.es/interea/intereavisual2/visual02_depo rte_art3.php?seccion=
Vídeos: https://youtu.be/L2BHt6OsVy4
Curso 2016-17