Monicrequeando

Page 1

RATOPINCHO NO MAGOSTO ADAPTACIÓN DA OBRA RATOPINCHO OU A VERDADEIRA HISTORIA DOS OURIZOS DE GLORIA SÁNCHEZ. PRIMEIRO ACTO. (Aparece o gato durmiñando nunha esquina do escenario. Tamén o ratiño que almorza, peitea o bigote, amaña o pelo...Canta a ritmo de rap mentres se amaña). RATOPINCHO.Hoxe hai festa no meu cole, de castañas, pan quentiño. Non hai deberes, dáme culleres, dáme quereres... (Deixa de cantar) Ponte guapo meu ratiño, acicala o bigotiño. Oi, xa me esquecía: teño que levar a landra para botar un partido de béisbol.(Cóllea). (Con voz melancólica). Ai, eu adoro a escola: nos recreos, polas festas, cando hai clase de ximnasia...Voume alá. Tan tarantán tarantán tarantiña, o que non come non ten barriguiña. Tan tarantán tarantán tarantolas, o que non come non ten barrigolas. GATO.- Rato que vai, rato que vén, Gato que te vai comer...Ahhhh! (Bótaselle enriba. Chega a agarralo polo rabo, pero este espernexa e záfase. Métese no tobo). RATOPINCHO.-Fiuu!!! Por un chisco! Oi como me bate o corazón, pompón-pompón. Pero que non pense este gato que me vai deixar sen Magosto. Vai listo! Agardarei un chisco. Hase cansar e marchará, digo eu ...(Séntase á beira do tobo e vai mirando un reloxo grande ao tempo que canta). Hoxe hai festa no meu cole de castañas, pan quentiño. Non hai deberes, dáme culleres, dáme quereres... Que tarde se me fixo! Marcho escopeteado! (Detense e pregunta ao público). Oi oi oi! Non vaia ser! Nenos!!! Ese gato fociñudo, rabudo e cachazudo, aínda anda por aí? NENOS.- Siiiiiiiiiiiii!


RATOPINCHO.-Ah, pero teño unha idea! Prepárate Gatoooooo! (Desaparece por un lateral. Só se oe a súa voz. O gato, de cando en vez, pachorrento, ergue a cabeza e mira a un lado e a outro). Tan tarantán tarantán tarantiña, o que non come non ten barriguiña. Tan tarantán tarantán tarantolas, o que non come non ten barrigolas. Porque son, son, son un vampiro malo; porque son, son, son un vampiro negro! (Sae con capa e cairos sobresaíntes; diríxese ao público) Nunca tiven gato nin falta que me fixo e o día que o teña farei con el chourizos. Porque son, son, son un vampiro malo.... A que son horroroso? Buuuuuuuuh! Nenos imos ensaiar, eu métovos un susto e vós...Ahhhhh! Tremedes e morredes de medo, estamos? (Ocúltase e irrompe de golpe, coas mans levantadas). Buuuuuuuuh! (Ten que lograr que o público pareza espantado). He, he, estás perdido, michiño! Aí che vai o Chupasangues! (Sae ao encontro do gato) Porque son, son, son un vampiro malo; porque son, son, son un vampiro negro! GATO.- (Erguéndose con parsimonia). Rato que vai, rato que vén, Gato que te vai comer...Ahhhh! (Bótaselle enriba. Chega a agarralo polo rabo, pero este espernexa e záfase; métese no tobo). RATOPINCHO.- Ai! Que sobresalto! Que sufocación! Gato tolo, gato feo, gato peideiro! (Pasea nervioso e fala para si). Xa deben estar a facer brasas no patio e os meus compañeiros na clase coa profe Venturiña, facendo cornetes cos periódicos. Non o entendo, o disfrace era boísimo. (Dirixíndose ao gato). Oes gato, por que me recoñeciches? GATO.- Porque cheiras a rato. RATOPINCHO.- Ah! Que fino o olfacto do gato. Pero teño outra idea; outra máis... É que son un rato moi ideoso! (Desaparece e canta mentres se disfraza). Ven bailar Carmiña, Carmiña, Carmela, co zapato alto coa media de seda, coa media de seda coa media calada, ven bailar Carmiña miña namorada. (Aparece cunha saia e zapatos de tacón). Os gatos adoran as señoras, seguro que me deixa pasar...Estou divina, preciosísima, a que si? Pero rato precavido vale por dous...Marchou o comellón? (Nenos: Nooooon!) Mellor, así vai quedar en ridículo diante de todos. Vai ser a rexouba de todos os gatos. GATO.- Rato que vai, rato que vén, Gato que te vai comer...Ahhhh! RATOPINCHO.-Fiuuuu! Por un pelo de piollo...Pero non pode ser. Que pode ter fallado agora? Oes gato, por que sabías que non era unha señoriña linda? GATO.-Polo rabo de rato. Tras da saia vai colgando. RATOPINCHO.-Caches (pesaroso).Os da miña clase seguro que xa teñen as castañas, e xas estarán comendo...Que ricas! Xa me chega o seu arrecendo! A miña profe quéreme moitísimo. E eu aquí metido. Nenos, marchou o refungón? (Nenos: Nooooon!) Ese larpeiro, egoísta, quitamerendas! ASí


inches que rebentes coma unha castaña ao lume sen picar, pun! Pero non, Ratopincho non se dá por vencido. (Desaparece e canta mentres se disfraza). Vai o gato metido nun saco, vai o gato á terra da Laxe, vai o gato metido nun saco, ai gatiño xa non volve máis. (Sae sobre unha vasoira con forma de cabalo). A ver se te atreves agora, gato! (Encárase a el). Ven por min. Eh,eh Touro, Touro! Deféndete farfantón! (O gato nun vira-vira tírao do cabalo e perségueo pola escena. Rato corre.) Ai, ai, ai...!!! Gato que non era de veras! Socorrooo!

SEGUNDO ACTO (O decorado presenta un souto en outono. A dereita, un groso castiñeiro). GATO.- Miauuu...! Miauuuuu! Rato que vai, rato que vén, Gato que te vai comer...Ahhhh! RATOPINCHO.- Ai mamasiña! Adeus mundo, que eu aquí, neste souto, afundo! (Gato bótalle a boca a Rato , pero de súpeto exhala un berro de dor. Unha espiña de ourizo de gran tamaño, aparece cravada na lingua do gato). Láiase e foxe.. . Hu-huru-hú. O gato marchou, facendo fiú! E agora á escola. E que veña por min, que veña! Gato que vén, rato que vai, Gato non te comerá...Ah!

TERCEIRO ACTO. (No escenario o patio dunha escola despois do magosto) RATOPINCHO.- Oh, a festa xa acabou. As nenas e os nenos xa celebraron o magosto. E a min quédanme as castañas con verme. Ninguén se lembrou de min. Eu queríalle contarlles as miñas aventuras co Gato Comellón, e nada..Sniff! Estou só, moi só; non lle importo a ninguén. Son peor ca unha pulga, un becho insignificante do que ninguén se acorda.(Choromica). VENTURIÑA.-Ratopincho! RATOPINCHO.- Profe!!! VENTURIÑA.-Pensei que non viñas ao Magosto. Pasouche algo? Mira gardeiche unhas poucas castañas. RATOPINCHO.- Acordácheste profe...


VENTURIÑA.- Claro que si. Anda, apura que arrefrían. Pero tes os ollos mollados! Que foi? Tanto ten. Veña unha aperta curamotodo... RATOPINCHO.-Ui, ui, ui, ui....!!!! Espera que che ensino unha canción, pero quero que tamén a canten as nenas e os nenos comigo. Vai o gato metido nun saco, vai o gato á terra da Laxe, vai o gato metido nun saco, ai gatiño xa non volve máis.

FIN


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.