A Gran Guerra As cartas da esperanza
Portada, ilustración de Cora Pereira Seda
A Gran Guerra As cartas da esperanza
Idea e organización: Alba Payo Coordinación: Alba Payo e Biblioteca
Desde as trincheiras: 1. Alba López Estévez 2. Alejandro García Calviño 3. Alejandro Lalín González 4. Amalia Taboada González 5. Antía Ferradás Gutiérrez 6. Aurora Couto Vidal 7. Belén García Méndez 8. Belén García Rodríguez 9. Carla Fernández Alvarellos 10.Claudia Novoa Mariño 11.Cora Pereira Seda 12.Inés Benito Pérez 13.Jinjing Wu 14.Josefina Miranda Buiturón 15.Lucía Arias Gómez 16.Lucía Gutiérrez Louzau 17.María García Ramos 18.María González Faílde 19.Martina Carral Ares 20.Noela Mato López 21.Noelia Iglesias Vázquez 22.Sandra González Dobarro
As cartas da esperanza, actividade desenvolvida polo alumnado de 4º da ESO, coordinado pola súa profesora Alba Payo, tivo como obxectivo achegar o alumnado ao coñecemento da traumática experiencia vivida por aqueles mozos que viron truncada a súa vida por mor da guerra. A exposición das cartas desenvolveuse o pasado mes de marzo no vestíbulo do instituto, da mesma achegamos na edición deste libro unha selección das Cartas da esperanza que a ninguén pode deixar indiferente. O realismo expresionista das cartas é verificable a través non só dunha ortografía popular, senón que tamén do deteriorado estado das mesmas, o que lles outorga ás Cartas da esperanza un alto grao de verosimilitude, co obxectivo de concienciármonos para non repetir os erros do pasado.
En tempos de guerra nós seguimos estudando historia e nesa historia outras guerras, e de guerras a primeira total; a Gran Guerra como a coñecían os do seu tempo. Unha guerra que como as de agora trouxo a morte, pero tamén a esperanza en forma de carta. Aqueles soldados na lama das trincheiras abrazaban as letras que os unían ao seu fogar, a unha nai, a unha filla, a unha muller. O alumnado púxose na pel destes soldados e escribiu esas cartas nas que transmitiron os sentimentos na fronte de batalla, o medo, a saudade, a morriña, o compañeirismo, o odio, a desilusión, a perda de esperanza… Alba Payo Froiz
As cartas da esperanza
Carta de Alba López Estévez James escríbelle a seu irmán, Thomas, agoirando unha fin tráxica e recordándolle que, caso de non volver, deberá ser el que coide da nai.
Carta de Alejandro García Calviño Carta dun voluntario galego na contenda, que reflexiona sobre o paradoxo da guerra e que colle folgos a través dos recordos da súa amada e dos seus fillos.
Carta de Alejandro Lalín González De novo, a nai é a destinataria a quen o fillo se dirixe con temor, polo feito de criticar a situación dolosa que están a vivir na trincheira. No entanto, o soldado, Alejandro, aínda conserva a esperanza de poder volver onda ela e onda a súa esposa.
Carta de Amalia Taboada González Massimo envíalle á súa querida Emilie unha sentida carta de desexo e de desacordo coa contenda, sentíndose unha especie de monicreque el, os compañeiros e o suposto inimigo. Ao final, amosa un frío pesimismo que asocia ao frío real.
Carta de Antía Ferradás Gutiérrez Entrañable misiva do pai á filla pequecha, na que, roto por dentro, tenta darlle folgos para que sexa feliz.
Carta de Aurora Couto Vidal Cartas á muller e ao pai do soldado Dean. A primeira, alimenta o ánimo no amor que sente pola fermosa Emma, de ollos azuis. A segunda, amosa a derrota do ser humano, sentíndose orfo nunha trincheira convertida en camposanto.
Carta de Belén García Méndez John diríxese á súa querida Ana confesándolle o malvivir nas trincheiras e o forte desexo de retornar.
Carta de Belén García Rodríguez Carta ás fillas, na que se fala dunha familia desfeita pola guerra, testemuñada coa morte dun seu irmán na fronte, e a depresiva presenza de se imaxinar se el será o seguinte.
Carta de Carla Fernández Alvarellos Carta de fondo contido lírico, no que Mark se mergulla, como alicerce para resistir a ausencia do seu amor e seus fillos.
Carta de Claudia Novoa Mariño Deprimente carta ensanguentada que unha soldado lle envía á familia dando conta dos combates e asumindo que poida que non regrese á casa con vida, malia desexalo con todas as súas forzas.
Carta de Cora Pereira Seda Arthur despídese da naiciña cun nó no corazón, pois non é quen de saber se poderá volver sentir a súa caloriña.
Carta de Inés Benito Pérez O soldado Thomas escríbelle á muller, Camille, dando fe de vida e coa dúbida de se poderá algún día reencontrase con ela e coa filla.
Carta de Jinjing Wu O fillo, voluntario na contenda, escríbelle á nai arrepentido, dando conta da cruenta realidade e despedíndose sen saber se, cando a carta chegue a mans da nai, el seguirá con vida.
Carta de Josefina Miranda Buiturón Carta moi crítica coa situación que están a vivir os soldados e co medo no corpo de que a misiva non chegue ao seu destino e coa esperanza de que a amizade xurdida nas trincheiras se erga como antídoto contra a desesperación.
Carta de Lucía Arias Gómez Dramática carta de Thiago á nai na que dá conta do inferno no que se atopa e do fillo que nunca vai coñecer.
Carta de Lucía Gutiérrez Louzau Misiva chea de cariño cara á muller e a filla, á que a guerra lle priva de vela medrar, e co forte desexo de poder regresar para ver nacer o segundo fillo.
Carta de María García Ramos Carta aos fillos e á muller, na que o remitente describe a dureza das trincheiras e o tufo a morte que o envolve todo. Por parte, pídelle á familia que transmita o falecemento de dous compañeiros veciños ás súas familias.
Carta de María González Faílde Jack diríxese a Anne confesándolle os horrores que está a vivir e que o único que o mantén con forza é pensar en regresar, amosando un espírito antibélico.
Carta de Martina Carral Ares Desde Verdún, Felip escríbelle á súa muller contándolle como a morte rolda todos os días, pero co ánimo de volver pronto á casa.
Carta de Noela Mato López Carta escrita co temor a ser descuberto, suponse que nun momento de garda, e na que con nostalxia dos fillos e do seu amor reflexiona sobre a dureza do momento.
Carta de Noelia Iglesias Vázquez O fillo escríbelle á nai unha misiva que abala entre a frustración e o patriotismo. Tamén informa sobre o uso de axentes químicos que en concreto acabaron coa vida de Alphonse, veciño da familia.
Carta de Sandra González Dobarro Carta enviada polo soldado Adam a Meredith que nos achega unha descrición apocalíptica da guerra nas trincheiras, nas que medra o desexo de que todo remate e poder volver á casa.
Edición e Maquetaxe: Biblioteca Mario Pereira Portada, ilustración : Cora Pereira Seda IES Ramón Mª Aller Ulloa (Lalín) Abril 2022
Biblioteca Mario Pereira do IES Ramón Mª Aller Ulloa (Lalín)