Carta rosiña proxecto cine

Page 1

Ola, rapaciños e rapaciñas! Que tal estades? Xa vexo que comezastes o curso sen agardar a que eu chegara... Menos mal, porque a aventura dos últimos días de vacacións fixo que non puidera vir polo cole ata esta fin de semana. Carai, non agardastes nin tan sequera para que vos botara unha man coas mochilas viaxeiras! O Sábado entrei no cole e só vin a de Infantil... Vides con moita enerxía, non si? Pois así me gusta! Eu tamén. Teño que contarvos... Non ides crer a última aventura que vivín. Agora si que creo esa frase da canción “la vida te da sorpresas, sorpresas te da la vida, ay, sí!” Pois si, claro que si!!! Escoitade ben, porque o mesmo vos pasa a vós ou a algún coñecido. Resulta que en agosto tiven unha voda. Eu non quería ir, pero a que casaba era unha curmá de miña nai que vive na Arxentina, e toda a familia estaba moi ilusionada polo casamento, xa que había unha chea de anos que non se xuntaban todos. Así que despois de escoitar moitos sermóns (”tes que coñecer á familia”, “os tíos teñen fillos da túa idade”, “a curmá Peggy é moi simpática, pasaralo fenomenal na festa”, “coñecendo a Peggy, a voda vai ser do máis orixinal”, e patatín- patatán), decidín: “Vale, irei á voda!” Así que toda a familia empezou a preparar o recibimento dos parentes que viñan de Latinoamérica, e organizarse un pouco para que uns quedaran nunhas casas e outros noutras... Bueno, o típico! E despois a roupa para a voda, os agasallos... Foi todo un non parar! Ata o 30 de agosto, que foi cando casaron a miña curmá e o que agora é o meu curmán, Gustavo. Fomos todos e todas, unha familia de porcos e porcas en caravana, tocando as bucinas dos nosos coches (que fan “oing, oing” coma nós), elegantísimos e contentísimos... Despois de xuntarnos todos, chegou Peggy, moi guapa (coma todas as noivas) e moi contenta. E logo apareceu Gustavo. Case caigo para atrás e rompo a cachola!!! Resulta que Gustavo é unha ra. Si, si, das que fan “croa, croa”!!! Desas mesmo. E Peggy, a miña curmá, é a famosa “Miss Peggy”! Claro, cando todos me viron cos ollos facendo cousas raras porque non podía crer o que vía, agarráronme e dixéronme: “Ai, Rosiña, ti non sabías que o mozo da curmá Peggy era unha ra?” Eu que ía saber! Pero é que non é unha ra calquera: é GUSTAVO!!! A famosa ra Gustavo!!! Claro, e a miña curmá é a famosa porquiña PEGGY!!! Vaia familia que teño: mirade que non termo contado!!! Vós xa sabedes que os tres porquiños son curmáns meus, non si? Por certo, tamén viñeron á voda de Peggy e Gustavo... O caso é que con este notición, os días seguintes ao casamento deume por investigar a miña árbore xenealóxica e mesmo a vida doutras actrices e actores moi coñecidos... E pensei que xa me podedes ir axudando, porque esto do cinema é un mundo moi grande para min soíña. Que pensades? E ao mellor algún de vós resulta ser sobriño/a de Superman! Ou coñece a alguén que viaxou en bicicleta con E.T.! Ou ten as orellas coma as de Shrek! Ou se mergullou no mar pensando que vira a Nemo! Ou ten unha espada coma a de Skywalker! Ou simplemente é fan de Charlot! Eu que sei... Tantas cousas poden suceder no mundo do cine... Dádelle ao “play” e... BIBLIOTECA, CÁMARA, ACCIÓN!!! Queda inaugurado o proxecto para este curso!!! Ánimo profes, rapaces, rapazas... O bo que ten esto de gravar é que se pode repetir as veces que sexa necesario. Comezamos: “TOMA Nº 1"...


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.