Concurso cabazas 2015 web

Page 1

CONCURSO DE CABAZAS 2015

EQUIPOS DE BIBLIOTECA E NORMALIZACIÓN E DINAMIZACIÓN DA LINGUA GALEGA -C.E.I.P. Víctor sáenz-mazaricos-


Apreciadas familias: A vindeira semana celebraremos o Samaín, e queremos invitarvos a todas a participar no Concurso de Cabazas 2015. Para iso, teredes que achegar ao centro unha cabaza tallada por vós da maneira que decidades. Trátase de facer algo en familia, así que é importante que participedes todos/as (nenos/as, nais/pais, avós/avoas...) os que poidades e/ou queirades. Lembrade tamén que este curso, a temática sobre a que imos elaborar os proxectos de investigación é os xogos olímpicos, por se vos inspira algunha idea. Unha vez preparada a cabaza, podedes traela ao colexio a partir do próximo luns 26. Expoñeranse no corredor ata o día 28, cando se realizará a votación para elixir as tres campioas. Os premios entregaranse o día 29. Ese día tamén se recollerá a exposición, así que as persoas que queiran poden levalas para casa. Pero para ese día tamén desenvolveremos outras actividades: -De 11 a 12, prepararemos no comedor uns petiscos terroríficos para degustar no recreo, así que non é preciso traer merenda. -Cantaremos unha canción sobre esta festa (“Que medo!”). -Entregaranse os premios ás persoas gañadoras do Concurso de Relatos de Medo e ás persoas que tallen as Cabazas que máis votos reciban. -Pola tarde, de 15 a 16:30, veremos filmes relacionados co Samaín. Ante a petición do alumnado solicitando asistir disfrazado para a ocasión, o claustro de mestres decidimos que se pode poñer algún complemento relacionado co Samaín (na roupa, pintado na cara, na cabeza, etc.), máis non vir totalmente disfrazado. E despois, despedirémonos ata o día 3 de novembro, xa que o 30 de outubro non é lectivo (Día do Ensino), e o 2 de novembro tampouco, ao coincidir o Día dos Defuntos en domingo. Desexamos que pasedes uns bós días!!! O equipo de mestres e mestras.


PARA SABER MÁIS... ORIXE DO SAMAÍN A noite do 31 de outubro comezaba o aninovo celta, como aínda se celebra na illa de Man. Nesta noite as ánimas dos finados voltan visitar ás súas familias e ás súas vellas casas para quentárense a carón do lume e comer dos alimentos que con agarimo lles teñen preparados os parentes. O cristianismo, adoptando o aninovo dos celtas e a súa festa á honra dos mortos, designaría o primeiro de novembro como Día de Todos os Santos, e no século XII, o día seguinte, estableceríao como Día dos Defuntos.

LENDA DAS CABAZAS

Chega o outono. Tempo de castañas, noces, vento, follas secas e días escuros. É o tempo de recoller o maínzo e as cabazas. É tamén o tempo en que a rapazada fai as caveiras na cortiza das cabazas, seguindo unha antiga tradición dos tempos dos celtas. Os celtas foron uns antigos habitantes de Galicia. Un dos seus costumes era poñer unha luz acesa dentro das caveiras dos inimigos mortos. Xa hai moitos séculos que tal costume se perdeu, máis hoxe en día aínda fica a tradición de tallar unha caveira na cortiza dos melóns e poñer no seu interior unha candea que escintile pola noite. Os celtas tiñan un grande respecto polos mortos. Nas súas caveiras poñían unha candea para que, ao escentilar pola noite, puxera medo no corazón da xente. Tal cousa facíana ao chegar os tempos escuros do ano, que ao andar o tempo, foise transformando na festa dos defuntos. Hoxe en día xa non se practican tales crenzas, máis ao longo do tempo mantívose un costume derivado destas: tallar caveiras na cortiza das cabazas e alumealas cunha candea no seu interior.


COMO TALLAR UNHA CABAZA 1

Escolle a túa cabaza. O tamaño non importa, pero procura que estea máis verde que madura. Aguantará máis tempo.

2 Coa axuda dun familiar maior corta a parte superior da cabaza e gárdaa. Servirache de tapa.

3 Colle unha culler e valeira o interior da cabaza. Límpaa moi ben para que quede só a tona dura do exterior.

4

Talla cun coitelo e coa axuda dunha persoa maior as partes que queiras: ollos, boca, nariz...

5 Decora a cabaza, colócalle unha candea no interior e xa está. Colócaa na fiestra, na terraza, nun valado, no camiño e..., a meter medo á veciñanza!!!


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.