Ola rapaces e rapazas! Como cada mes de outubro, mentras observamos como vai mudando a paisaxe do outono, queremos invitarvos a participar no primeiro concurso deste curso. E xa sabedes que, nestas datas, a temática non podía ser outra que a do medo, porque xa está a piques de chegar o Samaín!!! E entre castañas, noces, cogomelos, uvas, poden ir asomando sombreiros de meigas, pantasmas, sons extraños nas noites, sorrisos arrepiantes de cabazas que cobran vida... Eu que sei!!! Mesmo poden ocorrer cousas espectaculares dentro do vestiario dun equipo deportivo, ou no propio terreo de xogo, ou poden ter lugar unhas olimpíadas terroríficas... Xa calo, xa, que vós seguro que tedes un feixe de ideas moito máis creativas ca min! Dende hoxe queda inaugurado o VI Concurso Deportivo de Medo!!! Ai, que digo!!! Estaba pensando na Cabaciña (“corre, corre, cabaciña...”) e xa me emocionei pensando nas carreiras olimpíacas, e... Queda inaugurado o VI Concurso de Relatos de Medo!!! Lembrade que: -Estarán escritos en galego. -Entregaranse rotulados unha vez corrixidos. -Terase en conta a presentación: non é unha competición tipo “a ver quen acaba antes”, senón que se valorará moito a curiosidade do presentado. -Pódense realizar ilustracións que acompañen o texto, así conseguiredes que a vosa historia sexa máis atractiva!!! Lembrade rotulalas e pintalas... -Facédelle unha portada onde se poida ler o título da historia, o voso nome e, se queredes, unha ilustración. -E se as vosas historias teñen en conta o tema dos xogos olímpicos, xa nin vos conto o aplauso que vos dou! -Se estades en Educación Infantil ou en 1º e 2º de Primaria, podedes escribir unha historia colectiva entre todas e todos. -Para os que estades nos cursos de 3º a 6º, os traballos serán individuais. -Os traballos meteranse no meu buzón, á entrada da Biblioteca, pero comunicádello antes á vosa mestra, para metelos todos xuntiños, senón non sei como vou facer para ordealos todos, porque conto con que participedes todas e todos!!!! -O prazo de entrega remata o vindeiro mércores, 28 de outubro. -Entregarase un premio por ciclo, ademais dun especial do xurado, o día 29, cando terá lugar a celebración desta festa no cole.