BIBLIOGRAFIA: ? Cuba, X.R., Reigosa, A. e Miranda, X., diccionario dos seres míticos galegos; Edición Xerais, Vigo 1999. ? Cuba, X. R., Reigosa, A. e Miranda, X.,Pequena Mitoloxia de galicia; Edición Xerais, Vigo 2001. ? Reigosa, A. e Miranda, X.,Arrepios e otros medos: historias galegas de fantasmas e de terror; Edición Xerais, Vigo 2004.
EQUIPO DE BIBLIOTECA
C.E.I.P. VICTOR SÁENZ
O Tardo
Este ser perverso é da familia dos trasnos e temos del e das súas fechorias unha descrición detallada: O tardo é pequeno, dunhas tres cuartas de estatura máis ou meos, e moi peludo por todo o corpo. Entre as longas barbas que gasta, e que case lle ocultan a boca, deixa ver, cando ri, una dentamia ruín pero numerosa, pois seica ten moitos máis dentes dos que ten a xente común. De tez verdosa, na súa faciana rebolen uns ollos grandes e mouros coma o carbón. Non coida moito a súa vestimenta e adoita levar un traxe vello axustado ao corpo e loce na testa un pucho vermello que, en ocasións, pode levar axóuxeres no curuto. Este ser, que como se verá é malicioso e daniño, vai sempre armado cunha pequena espadiña e móvese axilmente dun lado a outro pegando chimpos e mesmo pinchacarneiros. Os tardos son covardes e ténñenlles moito medo aos cans e aos gatos, pois estes animais poden velos moito mellor ca nós, e foxen deles coma se os levase o demo. O tardo instálase nas casas das súas víctimas facendo entradas que nós non podemos ver. A diferencia do seu parente o trasno, gústalle deixar as cousas das casas tal e como as atopa. A súa maldade non é outra que causar pesadelos e angurias aos dormentes e niso consiste a súa principal actividade e diversión. Aínda que é anano, pesa coma o ferro e, cando a xente dorme, séntaselle no peito e causa opresión e soños moi, moi desagradables. Se algunha vez despertas sobresaltado dun mal soño e ao abrir o ollo ves que un anano barbudo está sentado enriba de ti, non collas medo, é o tardo. Xa che dixemos que era algo mexericas, cólleo polo pescozo e ameázao firmemente con esfachalo contra a parede. Seguro que non volve! Iso fixo fixo una amigo noso da Fonsagrada e nunca máis na vida outro pesadelo tivo.
Lendas
-Estaba eu maldurmindo na miña casa da aldea, na Fonsagrada, e espertei cun peso insoportable no peito, que me afogaba. Era o trasno, cabalgando sobre min. Non sei como, agarreino polos tirantes que lle terman do pantalón. Díxenlle: “se non me deixas, esfáchote”. Mais cando quixen darme conta xa brincara e oíno arrandeándose na porta do cuarto. Erguinme para collelo e desapareceu. Unha noite o señor Antonio, de San Lourenzo, na Gudiña, estaba no leito, esperto a iso das doce. de proviso púxoselle un peso enriba, coma se fose unha persoa, que non a deixaba bulir. “Pero que é isto? Isto é unha cousa do outro mundo!” dicía para si. Se fose outra cousa, podería bulir cun dedo dun pé ou coas mans, pero non!” Pasado un pouco, cando lle aliviou aquilo, sentiu pisar no chan, na alfombra. Colleu tal medo que non se atreveu a prender a luz, pero ao fin a curiosidade puido máis. Botou man da pera. Acendeu a bombilla. Alí non había ninguén! Ollou a porta, mais estaba pechada.