BIBLIOTECA, CÁMARA, ACCIÓN!!!
Rosiña films presenta
OS XÉNEROS CINEMATOGRÁFICOS (Parte II) CINE DO OESTE/”WESTERN” Tamén se lle coñece como “cine de vaqueiros”. É un dos xéneros máis cinematográficos, xa que non se atopa con anterioridade na literatura ou no teatro. Narra a conquista das terras do oeste dos actuais Estados Unidos de América, poboados entón por tribos indíxenas que os novos poboadores foron exterminando ao longo do século XIX. As loitas entre os indios e as tropas do exército da Unión, os enfrontamentos entre gandeiros, agricultores e mineiros e as accións de pistoleiros “fóra da lei” son algúns dos episodios deste xénero. Pero máis que polos temas, as películas do oeste caracterízanse pola imaxe: sombreiro texano, pistolas, chalecos, cabalos, deserto, ranchos, indios... Entre os filmes máis coñecidos están “Río Vermello” (Howard Hawks, 1948), “Centauros do deserto” (John Ford, 1956), ou “Río Bravo” (Howard Hawks, 1959).
CINE POLICIAL/DE SUSPENSE/DE INTRIGA/”THRILLER” Os personaxes destas películas son investigadores (policías, detectives privados, axentes secretos, periodistas) e falsos culpables, criminais, axentes inimigos, etc. Nestes filmes nárranse os enfrontamentos entre os seus protagonistas, ou a resolución dun suceso criminal. Dentro deste grupo tamén se atopan as películas de detectives (sobre mafias e crimes organizados) e as de cine negro (feitos cheos de ironía, desesperación e tensión). O gran renovador do suspense foi o director británico ALFRED HITCHCOCK.
PROXECTO DOCUMENTAL INTEGRADO
C.E.I.P. VÍCTOR SÁENZ - Curso 2014-15