Nesta época do ano en que millóns de persoas celebran coas súas familias un momento de paz e amor, convén lembrar a esoutros millóns de persoas que non teñen nada que celebrar porque non teñen nada: casa, país, propiedades, dereitos. En Europa, as repúblicas soviéticas do Cáucaso seguen sometidas ó férreo control do goberno ruso, quen manipula as eleccións e non permite unha democracia real. En África, a República Árabe Saharaui Democrática, Somalia, Congo, Sudán ou a República Centro Africana viven o xenocidio diario, ante a pasividade dos seus antigos colonizadores e actuais usufructuarios dos seus bens. En Asia, a pacífica poboación do Tíbet perdeu os seus dereitos hai 60 nos fronte ó exército chinés. O pobo Kurdistaní está dividido entre Turquía, Siria e Irak: cada día hai atropelos e asasinatos. En América, as tribus indíxenas sofren o abuso das grandes corporacións empresariais e morren de fame á porta das grandes cidades, mentres os seus territorios son expoliados. Os indíxenas australianos, aplastados e reducidos pola colonización británica. Os xitanos, parias de todas as sociedades, pobo desarmado e proscrito en todo o planeta.
Nadal Belén é o corazón da Palestina ocupada: unha cidade na que as cruces das igrexas conviven cos minaretes das mesquitas desde hai séculos, pero onde hoxe a dor da ocupación nos debe lembrar que é mesquiño pechar os ollos e mirar para outro lado ante o asoballamento por parte dos máis poderosos e a falta de xustiza no mundo.