7 minute read
entre músicas | Aitana Cuétara
from Revista Pincha 24
Xiana Lastra
Por Aitana Cuétara @xiana_lastra
Advertisement
NAitana é música, mestra, produtora e manager. esta ocasión, en ‘Entre músicas’, cambiamos un chisco as tornas e entrevistamos unha persoa cun perfil un pouco diferente ao que vos temos afeitos/as. O destino quixo que Aitana Foto: Rocío Cibes
Cuétara, capitá de Luneda Producións, mais eu, nos coñecésemos en terras compostelás, mais temos unha orixe compartida, pois as dúas nos criamos en Ferrol. Semella un detalle irrelevante, pero as orixes é certo que tecen fíos invisibles e desde sempre me sentín moi atraída polo traballo desta muller emprendedora e de personalidade forte e reivindicativa. Música, mestra, produtora, manager... Está a traballar nun proxecto interesantísimo ao redor da música tradicional galega, no que está acompañada polo prestixioso produtor catalán Raül Refree. Falamos con ela para coñecela mellor e que nos conte un pouco máis sobre o que ten entre mans.
Sempre estiveches moi relacionada coa nosa cultura tradicional. Es profesora de pandeireta na Gentalha do Pichel e incluso a túa actividade en Luneda Producións está moi vencellada ao noso patrimonio. Como comezou esa relación entre ti e a nosa música?
Sempre escoitei moita música, desde pequeniña, pero nunca me interesara pola música tradicional até os 13 ou 14 anos. Eu creo que antes nin sabía que existía. Apunteime a clases de gaita co mestre Lolete, en Ferrol, e a partir de aí foi todo o demais. Cando me mudei a Compostela, con vinte e poucos, comecei a facer algunha recolla, a interesarme polos arquivos... e até hoxe. E cada día que pasa paréceme máis flipante todo isto.
Desde hai un tempo estás desenvolvendo diferentes iniciativas vencelladas ao estudo das nosas orixes, mais tamén da evolución que está tendo a música tradicional nos últimos tempos. Fixéchelo por exemplo nas xornadas ‘O que non se escribe’, que se celebraron en Compostela en marzo, e continúas a facelo no teu último proxecto do que despois falaremos máis polo miúdo. Que é o que te empurra a afondar nesta temática? Cres que aínda a día de hoxe non sabemos ben de onde vimos? Eu sinto que a música tradicional condensa todo o que somos como pobo. Como pobos, calquera deles. Cada vez a música está menos presente dun xeito natural, refírome a que xa non se canta espontaneamente para traballar, camiñar ou calquera actividade da vida cotiá, como si que ocorría antes. Pero esa tradición está aí e é a base de todo. Supoño que se conseguísemos normalizar isto, toda a creación artística do país, ao final, sen pretendelo, estaría un pouco condicionada por estas orixes e sería marabillosamente identitaria.
E cara a onde imos? Esa é probablemente unha pregunta máis interesante a día de hoxe, no que hai moitas artistas facendo cousas moi diferentes baseándose na nosa música de raíz. Creo que se están deixando de lado moitos complexos e que cada vez máis artistas se atreven a facer o que lles peta coa música tradicional. A min evidentemente non todo o que se fai me gusta, pero sempre me alegra ver que saen cousas novas. Máis acertados ou menos, hai moitos proxectos abrindo camiños e iso hai que celebralo.
Nos últimos tempos andas metida nun experimento ben interesante, acompañada polo prestixioso produtor catalán Raül Refree, que afonda precisamente no presente da nosa cultura tradicional. En que consiste? Raül e mais eu coñecémonos o ano pasado, conectamos moi ben e pensamos que sería interesante facer algo xuntos. Despois de meses intercambiando ideas, fixemos unha primeira residencia artística respaldada polo Concello da Coruña, na que Raül tivo ocasión de coñecer algúns artistas, mestres e compiladores, como Quique Peón, Xurxo Fernandes, Pedro Lamas, FAIA ou as Bouba, entre outras. Con toda esta información preciosa que levamos esa semana fomos construíndo un novo plan de traballo que se materializou o pasado xuño no Pazo de Mariñán, nunha segunda residencia apoiada pola Deputación da Coruña. Aquí rematamos de conceptualizar o futuro disco e probamos todo o repertorio coa axuda da voz de Aida Tarrío. A experiencia en Mariñán rematámola cunha foliada, na que estiveron Oîma, Caldo, Tanxugueiras, Caamaño & Ameixeiras, Antonio Prado, Guitarricadelafuente e, por suposto, Raül Refree. Pronto a Deputación da Coruña lanzará nas redes uns pequenos vídeos sobre este encontro.
Que foi o que máis lle sorprendeu a Refree do que atopou en Galicia?
Pois sobre todo a enorme base que hai, a cantidade infinita de xente que vai a clases de pandeireta, de gaita ou de baile.
E cal é a finalidade do proxecto? Falabas dun “futuro disco”. Podes contarnos un pouco máis? Imos facer un disco. Temos o concepto e o repertorio xa claros e agora estamos vendo pouco a pouco que instrumentos, que voces e que músicos precisamos para completar o traballo de Raül. Deste disco sairá despois un espectáculo. Ademais todo o proceso está sendo documentado polo cineasta Fon Cortizo, pero sen unha idea clara aínda do que imos facer con ese material audiovisual. A verdade é que estamos traballando con bastante liberdade, deixando tamén que as experiencias nestas residencias creativas nos marquen o camiño.
Tiveron todas estas iniciativas que fuches configurando nos últimos tempos algo que ver coa pandemia? Fíxoche mirar máis cara a dentro ou cuestionar certas cousas? Non estou moi segura, pero o que si é certo é que tivemos moito máis tempo para sentar a pensar. O confinamento non foi moi produtivo para min, porque ademais coincidiume coa convalecencia dunha operación e recoñezo que o único que me apetecía facer era ver series (vinas todas). Pero todo o resto de 2020 no que non tiña moito que facer, aproveitei para darlles voltas ás ideas, escribir e centrarme no que realmente me interesa, que é isto.
E que me dis do panorama da música tradicional en Galicia? Parece máis de moda ca nunca, pero moitas veces fusionada con outros estilos que hoxe están moi de moda. Como ves a polémica que isto xera entre as persoas máis puristas? Eu creo que cada quen ten que facer o que lle apeteza, sempre con cariño, con respecto e sen mancar a ninguén. Hai mil
xeitos de sentir a música e non se pode pensar que un é mellor que outro. Pero pasa, todos critican o veciño, os dun lado e os do outro. É aburridísimo este debate.
Como produtora tamén estás moi especializada no management de grupos relacionados coa música de raíz. Como ves o mercado musical neste momento? Antes a música tradicional ou de raíz era a que máis posibilidades tiña de ser exportada internacionalmente e saír de Galicia. Segue a ser igual? Agora mesmo teño a sensación de que na Galiza todas as programacións son como unha especie de festival itinerante cos catro mesmos grupos. Entendo que estamos nunha situación anormal, pero isto é tremendamente frustrante para os grupos, para as axencias e tamén para o público, que non pode ver o mesmo concerto tantas veces seguidas. O noso mercado é pequeno, sobre todo agora que as programacións privadas o teñen moi difícil, e se dependemos das públicas, aí hai cero risco artístico. Para saír fóra é verdade que hai certo interese pola música tradicional, por esa diferenciación identitaria da que falabamos, pero en xeral son mercados moi precarios e poucas veces compensa. Nos últimos tempos, afortunadamente están chegando as músicas tradicionais a outros públicos e outras programacións, en parte grazas a varios dos proxectos que levou a cabo Raül Refree. Aí si pode haber un mercado máis profesional que ao final repercuta tamén na mellora das contratacións na Galiza, pero eu creo que aquí aínda non temos ningún proxecto que poida entrar de verdade con forza neste circuíto. Imos un chisco atrás, pero pouco a pouco.
Que dirías que fai falta para conseguir unha verdadeira industria musical en Galicia? O primeiro profesionalizar o sector. Non sei como se soluciona isto, pero está claro que falta moita formación específica, sobre todo entre os traballadores e traballadoras da administración pública. Tamén nos falta formación a nós, que a maioría comezamos por casualidade e imos aprendendo cos erros do día a día. Tampouco estaría de máis unha estratexia clara por parte da Xunta de Galicia, que van todo o tempo dando paus de cego. E conseguir un sector unido, pero a min isto xa me parece ciencia ficción. Pincha Revista de Gastronomía & Cultura
Pincha
Revista de Gastronomía & Cultura
Pincha
Revista de Gastronomía & Cultura
Nos últimos tempos, Aitana está inmersa nun proxecto co prestixioso produtor catalán Raül Refree. Foto: Rocío Cibes