7 minute read
pola gorxa | Masa follada 18 de libros con Ruth | 5 libros para agasallar este Nadal
from Revista Pincha 26
MASA FOLLADA
Advertisement
Chega o Nadal e con el moitas sobremesas (non ‘postres’) típicas destas festas: turróns, polvoróns, mazapáns, amendoados, panetones... Pero como se chama en galego ese doce elaborado con masa de fariña, aceite ou outra graxa e auga, caracterizado por formar numerosas capas delgadas superpostas? Podemos empregar follado, masa de follado ou masa follada. Nunca debes dicir ‘hojaldre’ ou ‘hoxaldre’.
Así que para rematar a cea de Noiteboa, podes elixir un pastel follado. Ou se o que queres é un doce de forma rectangular feito de dúas ou máis capas de masa de follado recubertas de crema ou merengue, debes pedir un milfollas. Unha palabra que na nosa lingua tamén pode referirse a unha planta herbácea da que se utilizan as follas e abrochos en infusión.
E un último apunte: segundo o dicionario da Real Academia Galega, o follado tamén é unha filloa grosa.
Curiosidades
O sabor do follado é neutro, nin salgado nin doce, polo que admite recheos de todo tipo: chocolate, atún, carne, cabelo de anxo, xamón, queixo, nata...
Por iso se utiliza en aperitivos, entrantes, pratos principais, sobremesas e doces diversos, tanto fríos como quentes.
A orixe do follado sitúase na repostería medieval nas zonas baixo influencia árabe, aínda que, moito antes, nas antigas civilizacións grega e romana puideron atoparse referencias a masas folladas.
Hai unha teoría que sitúa a súa orixe nun descoido dun aprendiz de cociñeiro francés do século XVII, que ao facer pasteis esqueceu engadir a materia graxa. Para corrixir o erro, estirou a masa e puxo manteiga entre capa e capa. Cando o seu xefe descubriu que se elevaba como se foran follas dun libro, felicitou ao seu axudante pola súa gran creación.
ONDE PROBALO?
As vilas galegas poñen en marcha neste mes diferentes Mercados de Nadal onde podemos adquirir doces e outras propostas culinarias propias destas festas. O de Santiago instalarase desde o día 3 ata ao 5 de xaneiro na rúa de Carreira do Conde, e no centro comercial Area Central, desde o 26 de decembro. Tamén en Compostela, podedes mercar os vosos doces de Nadal nas tendas de Pan da Moa (na rúa do Cubelo, 27; rúa de Madrid, 15; e rúa do Tambre, 3). Dirixida por Guillermo Moscoso, esta panadería está considerada unha das mellores de España. Na procura da conservación do tradicional, da calidade de materia prima, da recuperación de doces que se van perdendo e eran típicos destas datas; da creación e diferenciación en produtos con moita alternativa, como os turróns, fan elaboracións coas que non deixan indiferente a ninguén.
5 LIBROS
PARA AGASALLAR ESTE NADAL
Se tiveramos que facer un ranking do mellor en libros de 2021, dende logo que non sería un autor nin unha novela, senón unha sensación: a volta “relativa” á normalidade. Cando parecía que todas as presentacións estaban destinadas a facerse online, na primavera timidamente volveu a vida literaria á rúa: feiras do libro, presentacións con público… Aínda que con redución de capacidade e todas as medidas de seguridade anti-COVID imaxinables, regresamos á ledicia de tocar libros e falar en directo cos nosos autores favoritos. Algúns deles e delas xa visitaron esta sección e volveron felizmente neste 2021 con novela nova. Amosámosvos a continuación as novidades de 5 autores: Arantza Portabales, Berta Dávila, Javier Peña, Diego Ameixeiras e Francisco Castro. De paso, cóntannos as súas impresións deste ano que remata e o que desexan para o futuro.
5 LIBROS
PARA AGASALLAR ESTE NADAL
Ruth Ríos
Por
@ruthriosfernandez
Arantza Portabales “A vida secreta de Úrsula Bas”
De que trata o libro? Úrsula Bas é unha escritora de éxito que vive co seu marido e a súa filla en Santiago de Compostela. Un venres de febreiro sae da súa casa para dar unha charla e xa non volve. Os policías Abad e Barroso, consumidos por unha relación marcada pola desconfianza e a atracción que senten, deberán esforzarse máis que nunca en separar a súa vida persoal dos seus deberes profesionais para atopar a Úrsula nunha trepidante carreira contrarreloxo, que conectará a desaparición da escritora coa da pontevedresa Catalina Fiz hai máis de dous anos.
Cres que en 2021 comezou a superarse a crise do sector editorial? Non sei se superou a crise, pero o que si teño claro é que a pandemia puxo en valor
a literatura. Moita xente se reencontrou con ela e atopou acougo nos libros.
Como cres que será 2022? Agardemos que volvan escenas de normalidade. Feiras, presentacións, clubes de lecturas e actividades que propicien a interacción co lector e favoreza a promoción das nosas obras.
Berta Dávila
De que trata o libro? “Illa Decepción” é unha novela difícil de concretar. É un libro sobre a observación do mundo inmediato e do presente desde o doméstico, sobre buscar refuxio na literatura.
Cres que en 2021 empezouse a superar a crise do sector editorial? Teño a sensación de que a previsión era peor do que logo foi o ano. É difícil opinar sobre o que significan as cousas que van pasando en relación ao futuro, en todos os ámbitos.
Como cres que será 2022? Agardo que sexa un ano no que sexa máis doado facer plans que ata agora.
Javier Peña
De que trata o libro? O punto de partida de “Agnes” encaixa moi ben con estas datas, posto que a protagonista, Agnes, mete a pata co seu xefe nunha cea de Nadal. Por culpa diso, vese obrigada a escribir a biografía de Luis Foret, un autor moi exitoso e famoso... pero que ninguén sabe quen é. A medida que indague na vida deste escritor, irá descubrindo segredos que desexaría non ter descuberto. (Así que coidado nas ceas de Nadal!)
Cres que en 2021 empezouse a superar a crise do sector editorial? O sector editorial é un dos poucos do eido cultural que puido capear a crise da covid-19: semella que os libros están nun bo momento. A pregunta é se sucede o mesmo cos escritores e escritoras. Véndense máis libros, si, pero tamén publícanse moitos máis títulos, co cal, a parte do pastel para cada un é menor. Sería importante que se puidese traballar para profesionalizar un pouco máis a creación literaria.
Como cres que será 2022? Pois haberá que ver que sucede coa crise anunciada de desabastecemento e encarecemento das enerxías e materias primas, pode ser unha nova reválida para o sector. Pero máis aló diso, son optimista con respecto ao libro, que unha e outra vez nos amosa a súa resistencia. Os seres humanos contamos historias, é a nosa esencia, e creo que é difícil que iso vaia desaparecer. O libro está aquí para quedar.
Diego Ameixeiras “O cervo e a sombra”
De que trata o libro? Conta a historia de Mateo, un pequeno vendedor de droga que lembra os derradeiros días da súa vida e sobrevive con traballos de todo tipo. É unha novela sobre o perdón e a necesidade de abrazar unha esperanza.
Cres que en 2021 empezouse a superar a crise do sector editorial? Se te refires ás vendas do sector editorial en Galicia, penso que a situación nunca está para demasiadas celebracións. Pero supoño que, en comparación co sucedido en 2020, as cifras serán mellores.
Como cres que será 2022? Non sabería dicirche. Oxalá puidese facer predicións certeiras. Con que non haxa outra pandemia, a min xa me serve.
Francisco Castro
De que trata o libro? O libro trata dúas temáticas que están relacionadas coa trama: por unha banda, unha relación tóxica entre unha parella adolescente e por outra a cuestión, tan presente na miña obra, da memoria histórica. Os personaxes están vivindo unha historia de amor, por unha banda, tóxica, por outra, o descubrimento dun asunto do pasado que quedou sen resolver e que vai cambiarlles a vida, un tema da guerra civil, da represión que tivo que aturar o bando vencido.
Cres que en 2021 empezouse a superar a crise do sector editorial? Todas as cifras din que si. Non só en Galicia senón no conxunto do estado, as cifras son boas e anteriores á pandemia. Sen embargo, nós temos outra crise, que é a perda de falantes ano tras anos. Esa é a verdadeira crise.
Como cres que será 2022? Pois espero que sexa un ano tranquilo. Con iso xa me conformo. Logo da que nos caeu enriba, que sexa un ano calmo, para min xa é mel sobre filloas. Pincha Revista de Gastronomía & Cultura
Pincha