2 minute read
máis aló de Compostela
I Gala da Diversidade Cando?
2 de decembro ás 18.00 h
Advertisement
Onde?
Casa da Cultura de Bertamiráns
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, organiza a primeira Gala da diversidade, con dúas madriñas de excepción, a Fundación IgualArte e a Asociación Potenciemos. A gala, que terá lugar con motivo do Día Internacional das Persoas con Diversidade Funcional 2022, conmemorado o día 3 de decembro, estará protagonizada polos rapaces e rapazas que integran a asociación para persoas con diversidade funcional Arcea Adames, situada no Milladoiro.
A inauguración correrá a cargo da compañía Al Lío, que representará un espectáculo de danza clásica. Posteriormente, os integrantes de Arcea Adames estrearán a súa propia función teatral, ‘Historias’, que conta con poemas de Celso Emilio Ferreiro, Rosalía de Castro e Federico García Lorca, ademais de textos das persoas da asociación e unha performance guiada por Martha Franco. Para pechar a gala, Ricardo Pardo, da Asociación Potenciemos, pioneira na inclusión sociocultural das persoas con diversidade funcional, presentará o espectáculo de danza moderna ‘Radiant Killer Riddle’. Ao remate haberá tamén música e petiscos de balde para todas as persoas que se acheguen.
O Concello poñerá a disposición dos asistentes un servizo de autobús a demanda dende O Milladoiro, que sairá ás 17:15 da Casa dos Maiores e ás 17:30 da Casa da Cultura. Para reservar praza ou para pedir máis información pódese chamar ao número de teléfono 683 327 378.
A CORUÑA
Fanzine Fest 2022 Cando?
Do 5 ao 10 de decembro
Este festival de música electrónica de referencia no noroeste peninsular regresará no mes de decembro aos escenarios da Coruña para situar a cidade como o epicentro das principais propostas de vangarda no eido da experiencia sonora e visual.
Ed is Dead, Reka, Acoustic Trauma, Beyond&Pedro Maia, Truncate ou Komatssu, entre outros nomes, formarán parte do cartel da oitava edición do evento, impulsado por Fanzine Project e que conta co apoio do Concello da Coruña, Fundación Luís Seoane, SON Estrella Galicia, Absolut e We Sustainability.
A inauguración realizarase o día 5 no Planetario da Casa das Ciencias, e incluirá tamén distintas proxeccións como “Bromo”, que tras pasar por diferentes festivais de videocreación e experimentación sonora, chega á Coruña para propoñer unha singular reflexión sobre os estudos das grandes axencias aeroespaciais.
A sesión da Domus, que terá lugar o martes 6 de decembro, intégrase na sección de cine do festival, impulsada na edición de 2020 pola xestora cultural María Núñez e o creador audiovisual Juan Lesta.