1 minute read
ultramarinos | Pincha, finalista dos Premios da Crítica de Galicia 2022
PINCHA, FINALISTA DOS PREMIOS DA CRÍTICA DE GALICIA 2022 NA CATEGORÍA DE CULTURA GASTRONÓMICA
Omes de novembro foi moi intenso para Pincha!! Ademais de publicar o noso primeiro número na Coruña, fomos un dos proxectos finalistas da LVª edición dos Premios da Crítica de Galicia, que se entregaron o día 19 en Vigo. A nosa revista optaba ao galardón na categoría de Cultura Gastronómica, xunto coa Asociación de desenvolvemento rural Mariñas Betanzos, o chef Moncho Méndez do restaurante Millo Orzán, e a cociñeira María Varela de A parada das bestas. Finalmente o premio foi para esta última. O resto de gañadores foron Manuel Rivas, na categoría de Creación Literaria; Xavier Madriñán, na de Investigación; A cova de Eirós, na de Iniciativas Culturais e Científicas; Ugia Pedreia, en Música; Mónica Alonso, en Artes Plásticas; o espectáculo N.E. V.E.R.M.O.R.E., de Chévere, en Artes Escénicas; e Atalante, en Cine e Artes Audiovisuais.
Advertisement
NOVA EDICIÓN NA CORUÑA
Despois de cinco anos publicando a revista Pincha en Compostela, o proxecto chega á Coruña para amosarlles cada dous meses á veciñanza da cidade herculina as mellores ofertas gastronómicas, culturais e de ocio da urbe e dos seus arredores.
Para facelo contamos, ademais do noso equipo habitual de Pincha en Santiago, con tres persoas que se suman á nosa lista de colaboradores e colaboradoras: os xornalistas Javier Pereira Gasamáns e Ana Romero, e a autora do blog ‘Gente que cuenta’, Patricia Dopazo. A partir de agora a revista editará doce números ao ano. Seis deles repartiranse en Compostela e os outros seis, na Coruña; en meses alternos. Se queres recibir ambas edicións no teu correo electrónico, subscríbete á nosa newsletter a través do formulario que atoparás en revistapincha.gal
O LIBRO DE LILA DE LILITH
La ocupación
Nesta ocasión recomendámosvos ‘La ocupación’, libro da recente da Premio Nobel de Literatura, Annie Ernaux.
Incómodo, por veces sutil, lixeiro, impúdico. Cando ter tempo para entregarse aos sentimentos máis vergonzosos é un luxo vital.
Á venda na Libraría Lila de Lilith, na Rúa Travesa, 7.