20 minute read

666rpm | Lou Reyes 24 crusat & costas | Mix Branco 2020

César Varela plástico elástico Por plástico elásticoLOU REYES 666 rpm plasticoelastico.cat O Rei do Rock & Roll Compostelán

Corren malos tempos no mundo do Rock & Roll! Maldita racha levamos ultimamente! Aínda arrecenden os cadáveres de dous grandes clasicazos, que nos deixaron hai poucos días, o do mestre Robert Gordon e o de Jerry Lee Lewis. Dende logo, dúas grandes perdas para os amantes do mundo do tupé. Pero en fin, a vida continúa e sempre nos quedarán as súas maxistrais composicións, que xa forman parte do firmamento do Rock & Roll.

Advertisement

Por sorte, aínda nos quedan moitos clásicos dos que desfrutar, como é o caso do noso personaxe de hoxe, o Sr. Marcos Aurelio Tellería Couso, máis coñecido polo seu nome artístico ‘Lou Reyes’. De profesión Rocker! E usa o mesmo Modus Operandi que Robert e Jerry. Natural de Vitoria (Álava), pero picheleiro de toda a vida, xa que dende moi noviño os seus pais trasladárono a Compostela, de onde é natural a súa nai e familia materna.

Os seus primeiros pasos con bandas comezan na súa adolescencia, nos anos 70, e toman as súas primeiras formas nos 80, cando xa empeza a escribir as súas primeiras composicións, non só para el, senón tamén para bandas como Estados Hundidos (banda que formaron membros dos mitiquísimos N.H.U.).

A primeira vez que o vin sobre un escenario, foi a principios dos 90, na mítica Discoteca Fontana, acompañado duns moi noviños Clan Moriarty, que esa noite facían o seu concerto debut, e dende aí, non lle perdín a pista. Primeiro como Lou Compostela & Los Astros, logo xa como Lou Reyes & Los Astros, Lou Reyes & The Wild Bunch, Los Horizontes, Los Cuatro Ases e actualmente coma Lou Reyes & Los Rockin' Corsarios, o Gran Marquiños sempre estivo aí, dándoo todo! Dende logo, e desde o meu humilde criterio musical, se alguén se merece realmente o título de “Rey do Rock & Roll Compostelán”, sen dúbida, é el. Viva Lou Reyes! ‘Guitarras y Barras’ (1989), ‘Gamberro’ (1991), ‘Lou Reyes & The Wild Bunch’ (1999), ‘Ahí Voy’ (2003), ‘Los Cuatro Ases’ (2006), ‘Mujeres y Motores’ (2010), ‘Qué Tal’ (2014) e ‘Viva Lou Reyes’ (2021) son algúns dos traballos que forman parte da súa discografía. En decembro de 2021 presenta o seu último disco ‘Viva Lou Reyes’, un recopilatorio que inclúe 12 disparos de Rock & Roll, que compuxo nos últimos años. Algúns incluídos noutros discos, outros publicados en internet e varias composicións inéditas, nove delas propias e tres covers, adaptados polo propio Lou Reyes. Todo o disco está producido por el mesmo e gravado con distintas formacións, ademais dalgunhas colaboracións de prestixio (Tennesse, Jeff Espinosa, as coristas de Bertín Osborne, Esteban Yáñez R.I.P. e Alfonso Espiño). Entre os músicos de plantilla podemos atopar dende Steve Jordan (batería de Los Secretos ou Enrique Urquijo), Dave Gwynn, Hec Oliveira e os seus compañeiros de miles de aventuras: Los Rockin’ Corsarios (Héctor Rivero-Tellería, Germán Prieto e Fran Facal). Para min, o disco definitivo de Lou Reyes! Un disco redondo dende o primeiro ata o último corte.

Pero a cabeza non para, e Marcos xa está pensando en gravar de novo, xa que ten material suficiente para varios discos. Tempo ó tempo.

Estamos no mes de Nadal e toca facer agasallos, así que, se estás buscando algo que pague realmente a pena, non dubides en facerte con este artefacto sonoro e serás a envexa de tódolos Txungabillys do teu barrio. Onde? Pois a través do seu sitio web (loureyes.com), onde tamén podes escoitar o disco ao completo e incluso contratalo para calquera tipo de evento Rockabillesco. Desfrutade das Festas de Nadal e non esquecer que… “Ya viene Lou Reyes, con el aguinaldo…”. Saúde e Rock & Roll! Pincha Revista de Gastronomía & Cultura

MIX BRANCO 2020

José Crusat e Lorena Costas. Foto: Iván Barreiro

FICHA DO VIÑO:

Adegueiro: Gutier Seijo - Mixtura D.O.: Sen D.O. Variedades: 50% Treixadura e 50% Albariño Grao: 13º Colleita: 2020 Prezo: En torno aos 19€

A pureza está na MIXtura

Lorena Costas

Por

Ou, para sermos máis exactos, segundo o Dicionario da Real Academia Galega, na mestura, e parafraseando ao benquerido Pau Donés, “na pureza non hai futuro, a pureza está na mestura, na mestura do puro, que antes que puro foi mestura”. Así comezamos este artigo, para falarvos dun viño e dun elaborador que non pretenden encaixar en ningunha zona concreta, que non despreza as etiquetas de D.O. ou I.X.P. pero que prefire dar protagonismo ás parcelas, e máis concretamente ás parcelas ao redor da ribeira do río Miño. Deste xeito, os seus únicos lindes serán os das beiras do río, e non as fronteiras dos mapas ou das administracións. Estamos a falar de Gutier Seijo, anteriormente coñecido por ser enólogo da adega Dominio do Bibei, onde estivo ata o ano 2017 aproximadamente. Foi no 2019 cando comezou o seu proxecto persoal, establecéndose nunha adega en Esposende; mais como el mesmo di, “Mixtura non é unha adega, é un concepto”, que ten como obxectivo atopar os cinco grandes terroirs dentro das ribeiras do río Miño. Afirma Gutier que as variedades autóctonas da Galiza adáptanse de xeito impecable nas marxes dos ríos, conseguindo así viños de alta expresión; e por iso para el a súa adega é coma un pequeno taller onde interpretar eses terroirs, esas variedades que sendo as mellor adaptadas a esas zonas en todo o seu amplo sentido, vanlle dar un equilibrio, unha madurez e unha estrutura que non atoparían noutras parcelas. Se tivera que definir un fío condutor dos seus viños diría que a mineralidade, sen dúbida, e así mesmo mo dixo Gutier: “Os viños de Mixtura son moi minerais, porque a base do noso traballo son as parcelas en si, non as variedades por separado”. Por iso Mixtura é especial, porque aínda que as uvas proveñan de lugares diferentes, teñen un nexo de unión: o río, ben deste lado da fronteira, ou ben da outra beira, como sucede con MIX Branco 2020. Parte da uva, o 50%, neste caso Treixadura, provén do val do Avia, de chans ricos en xábrego. A outra metade, Albariño, provén da zona de Melgaço en Portugal, de chans de granito descomposto na meirande parte. Da súa elaboración falaravos o meu compañeiro Crusat con máis detalle, así que eu tan só direi que xa teño probado este viño en varias ocasións e vós non deberiades perder a oportunidade: mineral, profundo, con tensión e final persistente, seguiredes pedindo máis. Saúde!

Sexo nunha tinalla

Jose Crusat

Por

Este viño MIX e froito da unión para crear unha nova vida. Recordades a historia da flor e a abella? Ou de papá e máis mamá? Pois iso e este viño, dúas uvas que se xuntan, dous vals, dous tipos de chans, dando lugar a algo único e diferente.

O pensador e elaborador deste viño, Gutier Seijo, concibe o resultado final xa dende o comezo, xuntando un 50% treixadura e outro 50% albariño no mesmo momento da concepción do viño. O mosto das dúas uvas xúntase antes de fermentar. Fermenta pois xa mesturado en tinallas de barro (porque si, existen as tinallas de barro na elaboración de viños e hai que dicilo), e acaba a crianza nas mesmas tinallas. Trátase de tinallas de barro sen tratamento interior, que aportan o contacto coa terra, e a porosidade que permite una pequena oxixenación do viño na elaboración. Mesturando outra vez o río maila terra que miraron as uvas ó medrar. O viño que flúe coma o Miño por as terras aluviais do barro das tinallas. Na cata, visualmente é un viño limpo, de cor amarelo brillante, e ribete dourado. No nariz é un viño cunha intensidade media, froita de oso, ameixa, flores, froita branca madura, pera, e mineral. Na boca ten volume, pero con tensión, acidez moderada e final lixeiramente amargo. É, pois, un viño complexo que recolle o mellor das súas uvas e elaboracións. E se queredes saber máis sobre o seu proxecto, Gutier ten dúas liñas de traballo: a línea de Mixtura, que pretende mostrar o potencial de cada parcela por separado; e a liña de MIX, que busca outro tipo de matices; máis experimental e libre, onde encaixa este estupendo Mix Branco. Imos pensar que lle botamos enriba a este excelente viño. Coma estamos xa en tempos de outono e os cochos xa morreron polo San Martiño, propoño unha terrina de cachucha de porco cuns cogomelos guisados na propia graxa da mesma cacheira. E se non queremos tanta reviravolta dámoslle a cachucha nun cocido co bolo de pote incluído. Pincha Revista de Gastronomía & Cultura

María Lapido:

“Pinto para coñecer, para saber, para interpretar a realidade…”

Inés Silvalde

Por

As partículas da luz do outono guíanos por un longo corredor do centro de Santiago. Vexo pendurados nas súas paredes cadros de tres autoras diferentes. Todo faime pensar que nesta casa a inclinación pola arte atravesa varias xeracións.

Trasladámonos ao ano 1988 en Curtis. Alí é onde María Lapido pasa os primeiros anos da súa vida. Este pobo ve medrar tamén a María Antonia Dans, artista neoexpresionista que vive a meirande parte da súa vida en Madrid pero que nunca deixou de pintar a esencia galega.

1988, Antonia Dans morre en Madrid. Como unha forma de homenaxe á súa morte, espértase no círculo de mulleres rurais de Curtis un interese por aprender a técnica da pintura dentro das súas actividades lúdicas. No medio do bulicio de lenzos, maletíns de óleos e cabaletes está María, involucrada polas inquedanzas da súa avoa. Como testemuña: fotografías da infancia nas que María aparece debuxando nun segundo plano. A pequena atopa na arte un medio de expresión.

Pasa o tempo e movida pola inclinación de carreiras e disciplinas que auguran un futuro prometedor, proveitoso e “con saída”, transita por unha etapa dun enxeño ermo.

Chegando ao cumio dunha situación insostible, decide deslizarse por debaixo da porta “sen saída”, como un líquido viscoso e elástico, para darlle unha segunda oportunidade ás súas ansias creativas. Toma entón a decisión de matricularse na escola de artes e deseño Mestre Mateo na disciplina de Fotografía. Nese momento sinte que o seu mundo estoupa dándolle unha nova oportunidade á súa faceta artística. Na escola ten a sorte de experimentar momentos con grandes persoas e profesionais coas que debater, compartir e aprender. Ábrese daquela unha xanela a unha nova forma de vida.

Tras rematar o proxecto final, comeza unha etapa na que realiza intervencións pictóricas en fotografías. Unha escusa para volver a coller as témperas, as acuarelas e os rotuladores. Pero a pintura determina trazar o seu propio camiño independizándose do soporte fotográfico. Xorden así mulleres que miran ao fronte, confeccionadas con técnicas mixtas e rodeadas de elementos naturais. A beleza e a arte como ferramentas coas que poñer en tela de xuízo moitas das herdanzas da nosa sociedade. Mulleres que miran ós ollos buscando un diálogo na procura dun mundo máis xusto.

Podemos ver o seu traballo no Clem Café. María intervén cos seus cadros na decoración do espazo de forma integral, xerando un ambiente envolvente e cambiante. Fai pouco puidemos ver as pezas da exposición ‘Improdutivas’. Esta serie ten o fin de dignificar e reflexionar sobre figuras femininas que aparecen de forma pasiva en iconas pictóricos da arte. Agora mesmo vese somerxida en novas creacións a través de medios dixitais. Unha forma de traballo moi semellante á produción tradicional e que pronto poderemos ver neste local da rúa de San Pedro.

Cabe destacar que María é ilustradora de varios libros da editorial Belagua da man de Isabel Blanco por un lado cos libros ‘Galegas nas ciencias’ e ‘Galegas nas artes’; e con Concha Castroviejo, con ‘O xardín das sete portas’.

Volvemos á súa casa. Unha grande mesa de comedor iluminado por unha gran ventá de luz natural é o lugar onde a artista emprega as horas de traballo. Gústalle que o seu “taller” forme parte dos hábitos cotiáns nos que ela e súa nai (outra das autoras dos cadros do corredor) debaten sobre os resultados das pezas nas que está a traballar. Un lugar no que as acuarelas, o olor a café e o rumor do dia a día fan da experiencia de pintar unha forma de vida. Pincha Revista de Gastronomía & Cultura

CALÍGULA SALÓN TEATRO 1 DE DECEMBRO ÁS 20.00 H |

A compañía de teatro de Braga representa este texto de Albert Camus con dirección de Manuel Guede Oliva. ‘Calígula’ é o coche sen freos contra o destino, a revolta contra a condena á morte do home polo feito do ser, o desafío contra todo e contra todos dun ser humano que aínda non souben converter o absurdo do mundo en felicidade. Na escena nove do primeiro acto proclama Calígula a súa decisión de exercer un poder sen fronteiras, a que responde Cesónia con declarada tristeza “non sei se hai que alegrarse por iso”. Exactamente. Non ten que alegrarse por iso. E por iso as democracias do mundo construíron fórmulas para instalar fronteiras contra os desexos do poder sen fronteiras .

GABRIEL PESO TRÍO, AO VIVO BORRIQUITA DE BELÉM

1 DE DECEMBRO ÁS 21.30 H|

Concerto dentro da programación da Rede Galega de Música ao Vivo. Aos catro anos de idade o pontevedrés Gabriel Peso subíase ao Teatro Principal de Pontevedra xa en calidade de pianista. Posteriormente cursaría os estudos de Piano Clásico.

En 2011 licénciase na especialidade de Jazz no Conservatorio Superior de Música da Coruña con matrícula de honra. Desde entón demostrou non só ser un excelente pianista de Jazz, senón tamén un cobizado músico todoterreo: televisión, teatro, rock, pop... CONCERTOS DA REAL FILHARMONÍA DE GALICIA AUDITORIO DE GALICIA

1 E 15 DE DECEMBRO E 5, 19 E 26 DE XANEIRO | PREZO: DESDE 15€ A Real Filharmonía de Galicia ofrecerá nas próximas semanas os seguintes concertos: 1 DEC / 20.30 h - ‘Divertimento’, con Rubén

Gimeno (director) e Birgit Kolar (violín). 15 DEC / 20.30 h - ‘Serenatas’, con Paul

Daniel (director). 5 XAN / 21:00 h - ‘Concerto de Reis’, con Paul

Daniel (director). 19 XAN / 20.30 h - ‘Escoitando as estrelas’, con Paul Daniel (director) e Peter Moore (trombón). 26 XAN / 20.30 h - ‘Paisaxe barroca’, con

Jonathan Cohen (director).

LUCES E VOCES DA ALAMEDA COMPOSTELÁ PARQUE DA ALAMEDA

DO 2 DE DECEMBRO AO 8 DE XANEIRO|

Durante un mes completo, o noso parque máis insigne lucirá unha iluminación artística especial. Os personaxes senlleiros e outros fi tos da historia de Santiago e Galicia presentes na Alameda brillarán máis ca nunca. A partir das 18.00 h da tarde e ata entrar a noite, coincidindo co horario das luces de Nadal, atoparedes 14 puntos engalanados con luz e cor. CONCERTO DE VIVA SUECIA SALA CAPITOL

2 DE DECEMBRO ÁS 20.30 H | PREZO: ENTRADAS ESGOTADAS! Viva Suecia chega a Santiago co seu último disco “El amor de la clase que sea’, un novo álbum que publicaron tras ‘La voz del presidente”; lanzado a principios deste ano 2022.

MERCADO DE NADAL RÚA DA CARREIRA DO CONDE E ÁREA CENTRAL DO 2 DE DECEMBRO AO 5 DE XANEIRO|

Como cada ano, composteláns e visitantes poderán facer as súas compras de Nadal nos 70 postos de decoración, alimentación gourmet e artesanía (xoias, madeira, cerámica, vidro, coiro, xoguetes, téxtil, regalo orixinal, deseño...) do mercado da rúa da Carreira do Conde.

Do 23 de decembro ao 5 de xaneiro, tamén en Área Central. LOS JINETES DEL TRÓPICO, AO VIVO SALA SÓNAR

3 DE DECEMBRO ÁS 22.00 H | PREZO: DESDE 5 € Los jinetes del trópico e a súa cumbia, reggaeton antimachista e merengue en forma de verbena tropical chegan a Compostela para ofrecer un concerto na Sala Sónar.

HIJA DE LA LUNA. HOMENAXE A MECANO SALA CAPITOL

3 DE DECEMBRO ÁS 22.00 H | PREZO: 25 € ‘Hija de la Luna – El mejor homenaje a Mecano del mundo’ protagonizada por Robin Torres, volve despois de 6 anos de xira e con máis de 250 concertos por España e Latinoamérica, cun novo espectáculo baseado na xira máis importante da carreira de Mecano, DESCANSO DOMINICAL, que non só foi o seu disco máis vendido, senón que os consolidou como a lenda que son hoxe para tantas xeracións.

CONCERTO DE BARÓN ROJO SALA CAPITOL

4 DE DECEMBRO ÁS 20.30 H | PREZO: DESDE 28 € Barón Rojo realizará a súa última parada en Santiago nun concerto de case tres horas no que non faltará ningún clásico e no que os irmáns De Castro xunto a Rafa Díaz e José Luis Morán despregarán toda a súa emoción como veñen facendo desde que empezaron a xira ‘El último vuelo’ en xaneiro.

LA HOGUERA TRIBUTO A EXTREMODURO SALA SÓNAR

7 DE DECEMBRO ÁS 22.00 H | PREZO: 13 - 15 € Se deixaches de lado “La vereda de la puerta de atrás”, se coñeces a “Evaristo, el rey de la baraja”, ou se es de “salir, beber y el rollo de siempre”, non te podes perder o tributo de La Hoguera ao mítico grupo Extremoduro, unha banda que marcou un antes e un despois no rock en español.

CATUXA SALOM, EN DIRECTO CASA DAS CRECHAS

8 DE DECEMBRO ÁS 21.30 H|

Concerto dentro da programación da Rede Galega de Música ao Vivo. Nada en Galicia e con raices nativo-arxentinas, Catuxa Salom trae unha proposta innovadora para os nosos oídos. Cancións en galego e portugués con potentes ritmos tribais latino-americanos creados en directo na súa “Loop Station”. Unha mestura de electrónica e tradición galego-portuguesa que non deixará a ninguén indiferente.

DERBY MOTORETA´S BURRITO KACHIMBA SALA CAPITOL

9 DE DECEMBRO ÁS 21.00 H |

PREZO: DESDE 20 € En moi contadas ocasións irrompe con tanta forza en escena unha banda como o fi xo Derby Motoreta’s Burrito Kachimba. Desde que publicaron ‘O salto do xitano’ no 2018, os sevillanos creceron a pasos axigantados. Colaboracións con Rocío Márquez e Kiko Veneno, aparicións en platós como os de “La Resistencia” e “Late Motiv”, moitos festivais e o Premio Ruido ao Mellor Álbum Nacional.

INAUGURACIÓN DE SEQUITUR ZONA C 14 DE DECEMBRO ÁS 19.00 H |

‘Sequitur’ é un proxecto artístico que consiste na produción dunha serie de pezas bidimensionais e tridimensionais, de madeira e tecido, que proceden da observación e da manipulación que Julia Huete realiza sobre formas e materiais relacionados co vestido. A artista segue liñas de investigación de traballos anteriores e fai referencia no título a esta continuidade. MERCADO DA ESTRELA SAN MARTIÑO PINARIO, PRAZA 8 DE MARZO, CENTRO OBRA SOCIAL ABANCA E DON BOSCO DO 16 AO 18 DE DECEMBRO |

O Mercado da Estrela é un festival urbán de Nadal no que as persoas creadoras de Galicia amosan o froito do seu talento nas vésperas das festas para que os visitantes desfruten das súas creacións, pezas, produtos, elaboracións e composicións durante o evento ou as convirtan en orixinais e innovadores agasallos adquiridos baixo o selo de #talentogalego. A Feira Creativa poderá visitarse no 2º andar do Centro Social Abanca e no mosteiro de San Martiño Pinario. A zona Foodtruck con DJs e oferta de restauración instalarase na praza 8 de Marzo. Na pista cuberta do Centro Don Bosco haberá actuacións musicais, o Bingo de Nadal, o Fotomatón Estreleiro e a Cantina Gourmet.

NADAL NO GAIÁS CIDADE DA CULTURA DO 16 DE DECEMBRO AO 29 DE XANEIRO |

Este Nadal o Museo Centro Gaiás convértese nun Bosque de papel branco como a neve habitado por raposos, coellos, paxaros e fl ores de origami. Un espazo máxico onde gozar coa familia fabricando adornos par a Árbore de Nadal do Gaiás. O acendido da árbore será o 16 de decembro. Ademais, tanto en decembro como en xaneiro haberá un programa especial de visitas en familia á arquitectura do complexo e ás exposicións ‘De lugares e cousas’ e ‘Camiños Creativos’. O 29 de decembro a compañía Baobab Teatro representará a peza ‘Ás para Alex’, un espectáculo de marionetas para nenos e nenas a partir de 5 anos. E o 28 e 29 de xaneiro volverá o Pequefi lmes co mellor cine miúdo para a rapazada. O festival de curtametraxes infantil consolida a súa oferta e proxección internacional cunha ampla selección de fi lmes de animación e imaxe real no que teñen cabida todos os xéneros. XABIER DÍAZ & ADUFEIRAS DE SALITRE SALA CAPITOL

23 DE DECEMBRO ÁS 21.00 H | PREZO: DESDE 18 € O músico coruñés Xabier Díaz conclúe unha triloxía personalísima en compañía das Adufeiras de Salitre co seu álbum ‘As Catedrais Silenciadas’. Este traballo culmina un proceso que comezou no ano 2015 e no que o elemento diferencial son o conxunto de mulleres vocalistas e percusionistas.

CONCERTO DE MORGAN SALA CAPITOL

29 DE DECEMBRO ÁS 20.30 H | PREZO: 26 € Morgan continúan a presentación do seu último disco ‘The river and the stone’ (2021) cunha xira de salas, na que se inclúe a Sala Capitol de Santiago de Compostela.

LOS ZIGARROS, EN DIRECTO SALA CAPITOL

7 DE XANEIRO ÁS 20.30 H

| PREZO: 23 € Los Zigarros fi nalizan a xira de presentación do seu disco ‘Apaga la radio’ (2019) e do seu disco en directo desde o Teatro Circo Price titulado ‘Qué demonios hago yo aquí?’ (2020), cuns concertos por salas nas que se inclúe a Sala Capitol de Santiago de Compostela.

40 ANOS DE #ESTILOVERINO MUSEO DO POBO GALEGO

ATA O 8 DE XANEIRO |

Mostra fotográfi ca e audiovisual dentro da conmemoración de 40 anos da marca Roberto Verino. A exposición está composta por fotos que axudan a entender a esencia do #estiloverino: unha forma de entender a moda baseada en prendas de calidade que son fondos de armario e que son siempre un “musthave”. Dentro desta selección están imaxes de top models como Christy Turlington, Olatz, Helena Christensen e fotógrafos como Eloy Lozano, Javier Vallhonrat, Jacques Olivar ou Paco Navarro. A mostra contará con actividades paralelas nas que se porá en valor o empoderamento feminino, a importancia da vinculación moda e fotografía e moitas sorpresas máis.

CONCERTO ‘A VOZ HUMANA’ AUDITORIO DE GALICIA

12 DE XANEIRO ÁS 20.30 H | PREZO: 18€ Esta versión de ‘La voix humaine’ está protagonizada por Nicola Beller Carbone, soprano dramática presente nos principais coliseos operísticos de Europa, acompañada por Juan Pérez Floristán, un dos pianistas españois con máis proxección internacional -gañador do Premio Rubinstein e artista residente do Festival de Granada este verán- quen ademais debuta nesta proposta como actor intervindo en varios momentos. YOLY SAA, EN DIRECTO SALA SÓNAR

13 DE XANEIRO ÁS 22.00 H | PREZO: 15 € Esta nova artista galega destaca, entre outras moitas cousas, pola emoción que desprende nos seus directos, tan impecables como cada unha das súas letras. Yoly Saa chega a Santiago para presentar o seu primeiro disco, ‘A Golpes de fe’, unha delicia para os oídos máis esixentes.

LOS PUNSETES, AO VIVO SALA CAPITOL

14 DE XANEIRO ÁS 20.00 H | PREZO: 17 € Los Punsetes presentan en directo o seu novo e sétimo traballo ‘AFDTRQHOT’. Un título que augura xa o festín de estímulos sonoros que contén no seu interior. Esta vez mergulláronse en horizontes que ata o de agora a banda non explorara, para traernos novas intensidades, estruturas e sons que supoñen un paso máis aló na evolución da súa proposta. UTÓPICAS. ARTE E TERRITORIO AUDITORIO DE GALICIA

ATA O 15 DE XANEIRO |

Proxecto producido polo Auditorio de Galicia e deseñado e coordinado por 7H Cooperativa Cultural que reivindica a importancia da cultura para fomentar vínculos comunitarios seguindo o formato dos laboratorios cidadáns. O proxecto botou a andar o pasado mes de marzo propoñendo unha convocatoria de ideas aberta á cidadanía a que se presentaron trinta propostas das que foron cinco as seleccionadas: ‘Rúas da memoria’, ‘Corpos en Resistencia’, ‘Libros que fan barrio’, ‘Percorrendo a memoria’ e ‘Na procura dun bosque’.

CLAUDIO ZULIAN. VIDAS CGAC

ATA O 19 DE FEBREIRO |

No conxunto do traballo de Claudio Zulian (Campodarsego, Padua, Italia, 1960), director de cinema, videoartista, músico e escritor, distínguese unha produción propiamente cinematográfi ca destinada ao circuíto de cinemas, plataformas e festivais, e outra, máis especifi camente artística, formada por vídeos e videoinstalacións que son resultado de proxectos de investigación e diálogo con realidades sociais. A exposición desenvólvese como unha retrospectiva de proxectos e videoinstalacións de temática social que utilizan como ferramentas visuais e estilísticas o plano secuencia, o plano fi xo e a voz en off. Se programas algún evento gastronómico ou cultural en Santiago ou comarca que quixeras que apareza na nosa axenda, escribe a:

redaccion@revistapincha.gal Pincha

Axenda suxeita a posibles modificacións.

Consulta novidades en revistapincha.gal/ axenda-gastrocultural

This article is from: