11 minute read
reportaxe | Compostela, como por arte de maxia
Silvia Castiñeiras
Por
Advertisement
COMPOSTELA,
COMO POR ARTE DE MAXIA
Cando pensamos en escribir algo sobre a maxia en Compostela para a revista creo que o cerebro me sorriu case coa mesma intensidade que cando visualicei Santiago como unha cidade de película (reportaxe do número anterior de Pincha). É marabilloso poder enlazar este tipo de palabras co nome desta urbe – que ata raro se me fai usar un termo tan técnico – porque toda ela é pura maxia, como se estiveras nun escenario preparado expresamente para unha ficción ou semellara ser lugar encantado. O dos lugares, creados pola natureza ou pola man humana, é ben curioso en xeral e a min en particular esta contorna e estas rúas que me envolven cada día parécenme feitas como por arte de maxia. Por certo, será polas veces que se usa a expresión como por arte de maxia! Resultoume paradoxal que unha das primeiras puntualizacións que me fixo Kiko Pastur cando conversei con el no seu Museo dedicado a esta disciplina fora precisamente esta: “Os profesionais cremos que a maxia non é unha arte tan recoñecida coma outras e que necesita prestixiarse”. Agora si, imos deixar a maxia poética, a que inevitablemente inspira unha cidade tan feiticeira, e imos falar da maxia de verdade, do ilusionismo, da capacidade de crear ilusións mediante técnicas e trucos que fan que sucedan cousas aparentemente inexplicables. Santiago tamén se rende a esta arte.
Museo de Maxia Kiko Pastur
Non sei se hai que ser mago, por aquelo da capacidade de crear ilusións, para aventurarse a emprender con algo naquela época na que se puxo en marcha Kiko Pastur co seu Museo de Maxia. Era novembro de 2020, de sobra coñecido por ser o ano da pandemia. “Nacín na Coruña pero cando decidín facer realidade o Museo de Maxia tiven claro que tiña que ser Santiago. Para min era a cidade perfecta para isto, pensei na súa zona vella e en situar este espazo nese entorno máxico”, relata este mago profesional mentres penso que se empezamos así de primeiras con esta declaración de amor á arte non sei como seguirá a reunión. Ou si, agora xa podo dicir que… servindo a miña cabeza en bandexa de prata! Situámonos nun lugar especial de Compostela. “Cando descubrín que este local estaba baleiro, na Praza de San Martiño Pinario, unha das prazas máxicas da cidade, e aínda por enriba con todos estas ventas abertas á rúa, pensei que era o lugar”, prosigue Kiko Pastur. E tanto! Vaia marabilla de enclave e de espazo conectado con tan sublime exterior! Aínda estou por pensar que existe algo máis máxico que a propia maxia cando todo conflúe de tal maneira que alguén poida construír o seu soño case que antes de tempo o no lugar axeitado. “Toda a vida me dediquei a facer espectáculos de maxia profesional como oficio en todo tipo de eventos, privados e públicos, en teatros, colexios, celebracións… Viaxaba, escribín libros e din conferencias, pero ese ano co tema da pandemia todo desapareceu e quedeime sen saber que facer. Foi cando decidín definitivamente abrir este espazo, que en realidade era unha idea que tiña en mente de cara ao futuro, ao mellor cando estivera xubilado”. Para ledicia do público non fai falta esperar tanto e dende hai xusto dous anos xa se pode desfrutar deste punto de encontro que “funciona como museo, lugar expositivo, de demostracións e incluso como tenda” pero cun fondo, o de “contar cun espazo propio para poñer en valor a maxia e prestixiala como unha arte”, tal e como explica o seu creador.
A arte do ilusionismo
Está ben escoitar como alguén fala do seu oficio con esa paixón e coñecemento, máis alá dos trucos que a todos nos gusta ver por diversión. “A maxia ten unha historia incrible, grazas a ela xurdiu o cine de Meliès (con películas pioneiras na ciencia ficción), a propia literatura débelle moito á maxia. Eu creo que a historia da humanidade non tería sentido sen os magos e magas, pero referido á capacidade de crear ilusións con técnicas, non só xogar coa imaxinación, senón facelo realidade… xogar coa idea do imposible. Falo da estética do misterio, o concepto de cando algo é fascinante”. Esta é unha viaxe expresa pola importancia da arte do ilusionismo que nos fai Kiko Pastur sinalando unha boa cantidade de libros que forman parte do seu museo. E é que, apunta, “a xente coñece algún truco, pero descoñece a profundidade que ten a maxia, tanto filosófica como psicoloxicamente”. Santiago conta cunha proposta única en Galicia, segundo sostén o artífice do Museo de Maxia, engadindo que “tal e como está concibido, permanentemente aberto e sendo unha experiencia con magos interactuando co público, case creo que é un museo único en España”. Dou fe de que este é un lugar interactivo, aquí non hai eses carteliños de “Non tocar” (que mo digan a min e á miña compañeira Rebeca, que probamos todos os aparellos que atopamos a man). “O que nós propoñemos é que a xente interactúe, un pouco na liña dos museos científicos que son máis de tocar e descubrir… un museo moderno”, sentencia Kiko. As persoas que visiten este lugar en pleno corazón de pedra da cidade poden vivir unha experiencia entendida como unha visita guiada, pero participativa á vez, podendo xogar cos artefactos ou facerse fotos curiosas grazas a varias ilusións ópticas, así como ollar libros listos para coller e ser descubertos. Grazas aos magos que colaboran co propio Kiko Pastur (Iván Padín, Joshua Kenneth e o apoio de Kisenda), este convértese no punto idóneo para escoitar historias e anécdotas tales como que un dos primeiros xogos de maxia, o mítico dos tres gobeletes, ten máis de 4.000 anos. “Se hai xogos dese tempo que aínda perduran nos nosos días xa dá unha perspectiva do que estamos falando”, asegura Kiko. Pero como non todo vai ser entender a historia, e seguindo con esa idea esencial da participación, non
faltan os números de maxia en directo. Estou en condicións de asegurar que por máis cerca que te atopes non hai quen descifre o truco, nin cando aparecen na túa man unhas moedas antigas sen que notaras nin o máis mínimo movemento. Para quen queira indagar máis, o espazo conta cunha parte de tenda na que adquirir libros e artigos de maxia, incluso para iniciarse nestas habilidades. Aquí hai pequenos xogos automáticos para quen pense en levar un recordo simpático do museo ou facerse cun agasallo máxico de Santiago, máis alá da cuncha de vieira. Xa máis en serio, Kiko Pastur tamén ofrece cursos de iniciación para xente que desexe aprender maxia e introducirse neste mundo.
Sorpresa!
Eu son desas persoas que sempre me xiro a ver as cristaleiras deste local, tanto que calquera día aínda me hei poñer a falar con Houdini (recreación do famoso escapista) aínda que estea cabeza para abaixo metido nun tanque de auga fronte a San Martiño Pinario. Di Kiko que as reaccións da xente son moi divertidas. Normal, digo eu. E é que ir pola rúa empedrada vendo un monumento e ao outro lado atoparte cunha billa botando auga suspendida no aire é, cando menos, sorprendente. “Vemos durante todo o día á xente detrás do cristal facendo xestos… Algunhas persoas cando ven a Houdini de repente dan un paso atrás e ata se asustan. Non só nós vemos aos de fóra, tamén eles observan aos grupos que están rindo dentro” comenta quen ideou coidadosamente os escaparates. E con estas reaccións dáse por satisfeito Kiko Pastur na súa idea de “ofrecer unha proposta cultural diferente, para outro público, con outras inquedanzas. A maxia tamén ten a vantaxe de ser moi transversal para todo tipo de persoas, gústalle tanto aos nenos e nenas como ás persoas adultas, pode estar o avó aquí e os netos”.
Dado Dadá e festivais de maxia
Tan só uns pasos máis alá do Museo de Maxia, no Pub Atlántico, xa moi dado a programar diferentes propostas culturais e quizais pola influencia de tan ‘encantadores’ veciños, tamén podemos atopar funcións de maxia. “Unha maneira de vela de forma distendida, noutro formato”, apunta Kiko Pastur. Isto lévame a recordar a tradición coa maxia que durante anos medrou na cidade ao abeiro dun coñecido local, o Dado Dadá,
Magos como Juan Tamariz ou Pepe Carrol eran habituais do Dado Dadá
por onde pasaron recoñecidos rostros televisivos dalgunha época como o famoso Juan Tamariz ou Pepe Carrol… “E moitos que non eran tan coñecidos por non ser tan mediáticos, pero que eran auténticos cracks e que nos levaban a todos os magos de Galicia a peregrinar a Compostela ante a súa presenza”, subliña Kiko, que de feito, tamén conta con outra sala clandestina (que así a chaman) simulando un café teatro para que pequenos grupos poidan ver unha sesión de ilusionismo como se dunha obra teatral se tratase.
Non só os locais particulares se renderon á arte do ilusionismo en Santiago, tamén houbo tempos nos que se organizaron grandes encontros e espectáculos como foron varias edicións da Semana Internacional do Ilusionismo Compostela Máxica. Na trastenda de Kiko Pastur aínda se conserva na parede un cartel de gran tamaño dun deses eventos de hai uns cantos anos, que polo menos tivo cinco edicións e que logo se foi perdendo. Reunía na capital galega unha gran cantidade de funcións con magos e magas de Galicia e de nivel internacional, repartidos polas rúas, o Teatro Principal, centros socioculturais e ata no mesmo Dado Dadá.
“É unha pena que se perdera unha iniciativa coma esa”, reflexiona nostálxico Kiko Pastur, mentres recorda que “este ano houbo un festival a nivel de toda a comunidade, Galicia Ilusiona, dentro da programación do Xacobeo, que encheu o Auditorio aquí en Compostela, porque a maxia é moi agradecida”. Abofé que triunfan estas convocatorias, como o fixo a finais de outubro no Concello de Ames o FestiMax, un festival que celebrou a súa XVII edición e que durante tres días contou con varias funcións e obradoiros cun grande éxito de participación. Dende que entrei por aquela porta máxica fronte a San Martiño Pinario e comprobei que ata a miña propia cabeza podía estar solta nunha bandexa, aínda que fora unha ilusión, ou que o meu cerebro non foi quen de convencerme de que deixara de poñer cara de misterio, a min cada vez entusiásmame máis isto da maxia, que é cousa de magos e de magas sen necesidade de levar sombreiro de copa. Pincha Revista de Gastronomía & Cultura
A IGUALDADE NON TEN TRUCO
Sara Rodríguez : “Tratamos de romper algúns estereotipos como esa imaxe do mago de frac, de garabata e chistera”
Sara Rodríguez é viguesa pero o seu toque máxico esténdese a toda Galicia. Formou fai catro anos, xunto con outros compañeiros de profesión, a compañía “Magia en la Manga” coa que percorren o territorio con varios espectáculos, chamando a miña atención especialmente o que leva por título A igualdade non ten truco.
En que consiste ‘A igualdade non ten truco’?
É un dos espectáculos estrela da compañía que se fai sobre todo en centros educativos. É unha posta en escena a dúo, que xa de por si é pouco habitual porque os espectáculos de maxia adoitan ser unipersoais. Nós, o meu compañeiro e máis eu, estamos os dous en escena e todos os trucos que facemos son a dúo. Durante a función falamos das magas antigas ao longo da historia, visibilizando a presenza da muller na maxia e noutras artes. Tratamos de romper algúns estereotipos de xénero que aínda poidan persistir como esa imaxe do mago de frac, garabata e chistera.
Como reacciona o público ante o voso espectáculo?
Sorpréndense moito ao verme a min. Ademais, aínda que non quero desvelar a función, facemos un xogo para que os rapaces e rapazas se imaxinen quen é ou como pode ser unha persoa relacionada coa maxia á que non ven directamente… e sempre pensan nun home! Niso, no típico mago con sombreiro de copa. E hai que sinalar que non só se sorprenden os nenos e nenas, tamén o profesorado, porque en realidade facemos maxia para todos os públicos, non só para a cativada. E, a verdade, conseguir que tamén o público adulto se entusiasme é moi gratificante.
E ti como foi que comezaches neste mundo da maxia?
A min sempre me gustou, vin unha vez un mago na aldea… pero o certo é que comecei con isto xa de adulta. Merquei libros, barallas, fixen cursos de iniciación sinxelos… e a raíz diso entrei en contacto con outros magos, fun aprendendo máis con outros compañeiros e empecei a viaxar. Non imaxinaba que ía chegar ata onde estou, tendo ata unha compañía. Non pensaba que me fora dedicar profesionalmente a isto, pero é o que máis me apaixona no mundo.
Cres que calquera podería aprender a ser mago ou maga?
Penso que aprender pode calquera. Non require habilidades especiais pero hai que traballalo moito, poñer paixón polo que fas e dedicarlle moitas horas a ensaiar e a crear, como todo, canto máis esforzo, mellor saen as cousas. Pincha Revista de Gastronomía & Cultura