
2 minute read
ACEBE CCA estrea a súa nova App cun sorteo de 100 euros entre os clientes dos negocios asociados
Para participar haberá que descargar a aplicación Acebecca e rexistrar os tíckets das compras realizadas entre o 17 de abril e o 30 de maio ata un valor de 300 euros
REDACCIÓN / Betanzos
Advertisement
ACEBE CCA estreará a súa nova App cunha campaña de primavera que estará activa entre o 17 de abril e o 30 de maio e na que se sorteará un bono de 100 euros que poderá canxearse nos establecementos asociados.
Con esta nova iniciativa a asociación busca dar a coñecer a nova aplicación que a entidade ten activa dende o pasado mes de marzo e coa que busca dar o salto á modernización do sector coa incorporación de novas tecnoloxías e ferramentas informáticas.
E, por outro lado, busca premiar a fidelidade dos clientes do comercio de proximidade que realizan as súas compras en Betanzos e, máis en concreto, nos negocios asociados a ACEBE CCA, dando un valor engadido á pertenza a un colectivo que aglutina a máis de 170 negocios de diferentes sectores.
Sorteo de 100 euros
Para poder participar nesta nova acción promocional o cliente terá que descargar a aplicación

Acebecca (xa dispoñible para Android e Ios), darse de alta como usuario, entrar na campaña e rexistrar os tíckets de compra que reúna entre o 17 de abril e o 30 de maio ata sumar un valor de 300 euros. As compras deberán realizarse nos establecementos asociados a ACEBE CCA entre as datas indicadas para que teñan validez.

Os clientes poderán así participar no sorteo que se celebrará o 31 de maio mediante a aplicación que seleccionará ao gañador ao azar.
A organización comprobará que a persoa gañadora cumpre cos requisitos establecidos nas bases antes de entregarlle o seu premio. De non ser así, volverá a realizarse o sorteo.

O cliente que resulte premiado, recibirá un bono de 100 euros na App que poderá canxear nos establecementos asociados, tamén a través da aplicación, só con amosar o código QR da App no momento de efectuar o pago.
A directiva de ACEBE CCA anima tanto aos socios e socias como ás persoas que consumen nos establecementos asociados a que descarguen a aplicación para poder participar nesta primeira campaña que a entidade organiza a través da App.
De feito, os asociados e as persoas empregadas das diferentes empresas socias tamén poderán participar na campaña, se ben non poderán facelo con tíckets de compra dos establecementos dos que son titulares ou nos que traballan. Non poderán participar nin os membros da xunta directiva da asociación nin as persoas empregadas da entidade.
O premio só poderá canxearse mediante a aplicación polo que é moi importante que os socios e socias a teñan descargada.
Vantaxes para os socios e para os clientes
A aplicación ofrece vantaxes tanto para os clientes como para os asociados, que poderán participar nas campañas que se poñan en marcha a través da App como nas que organicen os diferentes negocios pola súa conta.
Así, os empresarios asociados a ACEBE CCA recibiron as súas claves de acceso para a área de xestión da App, o que lles permitirá realizar campañas de fidelización propias e sorteos ou xerar bonos desconto que só poderán gastarse nos seus negocios como premio á fidelidade dos seus clientes.
Esta é a primeira campaña que ACEBE CCA organiza mediante este novo sistema e a directiva da entidade, presidida por María Luisa Pérez Iglesias, anima á participación tanto dos clientes como dos empresarios: "Estamos muy ilusionadas con el estreno de la nueva App, creemos que es un paso importante para modernizar el sector, adaptándonos a los tiempos actuales y ofreciendo herramientas que faciliten la gestión a la asociación y que ofrezcan servicios y comodidades para los clientes y socios", explicou a presidenta.
A aplicación Acebecca, que conta con múltiples funcionalidades que a asociación irá activando proximamente, está financiada pola Xunta de Galicia e desenvolvida pola empresa BitNorte Consulting.
