
1 minute read
ACEBE CCA respalda a proposta de declaración dos Montes do Gato como Parque Natural
A directiva mantivo

Advertisement
REDACCIÓN / Betanzos
A directiva de ACEBE CCA mantivo unha xuntanza coas representantes das asociacións que promoven a declaración dos Montes do Gato como Parque Natural. No transcurso da reunión, Mónica Fernández Aceytuno, da asociación SOS Patrimonio Montes do Gato, debullou o proxecto polo miudo e pediu o apoio de ACEBE CCA á iniciativa.
Segundo explicaron, os Montes do Gato, ubicados dentro da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, cumpren varios dos requisitos que permitirían a súa declaración como Espazo Natural Protexido xa que alberga unha gran Necrópole Megalítica con máis de 107 túmulos funerarios catalogados, contén hábitats de interese comunitario e conta cunha singular riqueza de especies de anfibios así como algunhas incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas como vulnerables.
A iniciativa está liderada polas asociacións Aire Limpo nas Mariñas, A-Legre e SOS Patrimonio Montes do Gato, que lograron reunir máis de 40.000 sinaturas que respaldan a petición.
A proposta conta tamén con outros apoios, o máis recente o da Deputación da Coruña, que aprobou en Pleno instar á Xunta a iniciar o procedemento para declarar os Montes do Gato como Espazo Natural Protexido na categoría de Parque Natural. De prosperar, sería o primeiro que se declara por petición veciñal.