A música nas coleccións ABANCA e Afundación
SONORO EMPEÑO
Sombras, 1994. Acrílico sobre tea. Colección Afundación. © Menchu Lamas, VEGAP, Ferrol, 2017
Carlos Maño, La danza, 2002. Técnica mixta sobre papel/lenzo. Colección de Arte Afundación
A relación entre música e artes plásticas é unha constante que suscitou un enorme interese ao longo da historia. A pesar de tratarse de disciplinas distantes que se moven por diferentes canles sensitivas, na súa condición de artes temporais e artes espaciais son evidentes os puntos de encontro, non só en canto a obxectivos expresivos comúns, senón tamén no intercambio de conceptos propios de cada materia: ritmo, movemento, cromatismo ou variación son termos aplicables a unha linguaxe plástica ou sonora. Neste senso, foron moitas as formulacións á hora de establecer semellanzas ou sínteses. Desde o sistema pitagórico de relación de sons e cores ou o aforismo ut pictura musica, que a partir do Renacemento exemplifica a vontade de equiparar a condición social das artes, ata os actuais medios de creación audiovisual,
onde a hibridación entre música e imaxes constitúe unha linguaxe propia, pasando polas experimentacións plástico-sonoras de Kandinsky e Schönberg, a cuestión sobre as conexións e sínteses das artes foi motivo de reflexión, teorización e ensaio, dando lugar a vínculos de moi diversa natureza e a novas formas creativas. Sobre esta premisa, as coleccións de ABANCA e Afundación presentan unha selección de obras que trata de ilustrar estas confluencias. Para iso, establécese unha clasificación en catro seccións que abordan o tema desde diferentes perspectivas: a música como motivo iconográfico, as relacións sinestésicas entre cor e son, a representación plástica do mundo da danza e as implicacións da música na infancia.
Iconografía musical A plástica dos instrumentos
Sinestesia A pintura sonora
Unha das relacións máis evidentes entre artes plásticas e artes sonoras é a que atinxe á representación visual de escenas ou instrumentos musicais. A súa presenza invariable desde a antigüidade constitúe en ocasións unha ferramenta fundamental para o estudo da organoloxía e dos usos sociais da música. As pezas que aquí se expoñen ilustran tres temas de encadre básicos: o músico en solitario —con exemplos que varían desde o costumismo folclorista ata o academicismo de inspiración mitolóxica—, o instrumento musical como obxecto dunha natureza morta —unha presenza máis ou menos inadvertida e, incluso, contraditoria en tanto que representación estática e muda dun elemento sonoro— e a súa imaxe illada como única protagonista da obra, en ocasións, da man dun proceso de abstracción formal.
A utopía de formular unha pintura auditiva ou unha música visual, presente en toda a historia da arte, acada un desenvolvemento máis significativo a comezos do século XX. Non en van, a liberación da necesidade dunha linguaxe empírica naturalista que establecen os movementos de vangarda permite aplicar con maior decisión os principios de sinestesia e hibridación sensorial que materialicen a experiencia de ver os sons e escoitar as imaxes. Compositores como Scriabin, Schönberg ou Messiaen, e artistas como Klee ou Kandinsky afondan neste tipo de relacións, conscientes de perseguir un mesmo fin expresivo a través de diferentes recursos. Neste senso, Kandinsky afirmaba: «A cor é un medio para exercer unha influencia directa sobre a alma. A cor é a tecla. O ollo, o mazo. A alma é o piano con moitas cordas. O artista é a man que, por esta ou aquela tecla, fai vibrar axeitadamente a alma humana».
Festas e danzas A música subliminal
Música na infancia Harmonía e tenrura
Sen lugar a dúbidas, o mundo da danza presenta un dos terreos máis propicios para a relación entre música e plástica. As artes escénicas permiten conxugar gran variedade de recursos que traen como resultado unha verdadeira integración multidisciplinar: escenografía, música, moda ou coreografía son disciplinas que se conxugan neste sentido. Como motivo pictórico, o baile está presente desde as manifestacións artísticas máis temperás, dando boa mostra da importancia da arte como documento antropolóxico e de valor social. A aparente contradición que supón representar o movemento nun soporte plástico é precisamente o que explica a súa intencionalidade, ao permitir introducir nunha arte espacial os conceptos de dinamismo, ritmo e incluso sonoridade propios dunha arte temporal.
Entre as obras de temática musical das coleccións de ABANCA e Afundación son varias as que abordan o asunto relacionándoo co mundo da nenez. Como tema pictórico, a relación entre música e infancia conta cunha longa tradición, notable de xeito especial desde finais do século XVIII. A vinculación de imaxes de nenos e nenas a escenas ou instrumentos musicais, moitas veces reveladora dunha determinada condición ou usos sociais, leva tamén coligadas as ideas de inocencia, espontaneidade e candidez, ideas que se reflicten, ademais, no emprego consciente dunha tradición iconográfica que asocia instrumentos de timbre doce —violín, laúde, frauta, voz humana...— con escenas de carácter livián e arcádico.
Rafael ร beda, Arpegios, 2004. Tรกboa imprimada con vinilos e temple. Colecciรณn de Arte Afundaciรณn
Sede Afundación Ferrol Praza da Constitución, s/n Luns a venres 17.00 a 21.00 h Sábados 11.00 a 14.00 e 17.00 a 21.00 h Visitas comentadas e obradoiros infantís Información e reservas 981 330 280 Asesoría e textos: Diego Rodríguez Paz
coleccion.abanca.com afundacion.org
O papel deste folleto é 100 % reciclado e foi producido baixo unha xestión forestal responsable. Depósito legal C 1482-2017
Ata o 5 de xaneiro de 2018