VARI CARAMร S Ventรก ao insรณlito
Unha Voigtlander manual que o seu pai lle regalou, e aínda conserva, foi o comezo de todo. Con ela recibía o mandado de fotografar as pequenas esculturas e os obxectos, os inventos que, no seu tempo morto, este realizaba. Decontado a leva a todas as partes e descobre que a encomenda lle permite compor versos soltos, ensínalle a deter o misterio do tempo e somérxeo no poder evocador das imaxes. Son eses anos de probas, de erros e acertos, que o adestran na técnica e, sobre todo, o fornecen dunha arma que lle servirá para explicar o seu mundo, para captar a esencia do fuxidío en haikus de luz. Vari Caramés sente a fotografía coma a busca de algo, coa pulsión do cazador que se move por aproximación á súa presa. O seu Serengueti é a vida e as súas capturas son fragmentos defectuosos de cor, verdades torpes que nos marabillan, pinceladas abstractas do real. O seu é un xeito heterodoxo de ordenar o caos mediante o erro, o defecto,
a veladura, a metáfora. Por iso se sente cómodo revelándonos o excepcional que de forma natural se coa polas fendas, se atopa nas marxes, se produce ao convocar o azar: o que acontece ao se fiar das aparencias. «Ventá ao insólito» non é unha retrospectiva ao uso, senón máis ben un conxunto de pinceladas, un repaso, ao xeito dun mosaico, por algunhas das imaxes con que o artista ferrolán viaxa cara a ese lugar chamado interior e ante as que nos pide que imaxinemos as historias posibles de cada unha delas para, así, sentilas coma propias. É unha mostra concibida para xerar unha atmosfera, un clima neboento. Pretende ser unha ventá aberta ao extraordinario que se encontra, se un sabe ollar, no cotián que nos rodea, demostrando que o paraíso non está lonxe se nos atrevemos a soñar. Asunta Rodríguez
Sede Afundación Ferrol Praza da Constitución, s/n Luns a venres de 17.00 a 21.00 h Sábados de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 h Infórmate das visitas comentadas, obradoiros infantís e actividades complementarias areaeducativaferrol@afundacion.org / 981 330 280 © Vari Caramés, VEGAP, Ferrol, 2016.
Co mecenado de ABANCA. O papel deste folleto é 100 % reciclado e foi producido baixo unha xestión forestal responsable. DL C 2041-2016
DO 24 DE NOVEMBRO AO 25 DE FEBREIRO DE 2017