Dos arquivos xeometricos. Razón e realidade no pensamento de Rafael Dieste

Page 1


2ยก


Dos arquivos xeométricos

¡3


Xosé Díaz Díaz, Axóuxere, 2015 Axóuxere Editora Xens, 75. 15984 Rianxo. A Coruña info@axouxerestream.com / axouxerestream.com Fotografía da cuberta: Testamento (2014), de Lucía Romaní Deseño e edición: Axóuxere Editora Deseño da cuberta: Juan Gallego _ www.juangallegoestudio.com Impresión: Gráficas Sementeira. Noia Isbn: 978-84-941379-5-2 Dep. Legal: c 223-2015 O texto pode ser difundido, dado a coñecer e transmitido en calquera medio ou ámbito comunicativo e informacional. Porén, para facer un uso comercial do mesmo, mellor contactar primeiro con Axóuxere. Feito na Galiza 4¡


Dos arquivos xeométricos Razón e realidade no pensamento de Rafael Dieste

Xosé Díaz Díaz Prólogo de Arturo Casas

¡5


6ยก


O Euclides de Dieste, ou a xeometría irradiante Prólogo a un libro necesario Arturo Casas

P

arece improbábel a existencia de lectores que, experimentada nalgún momento unha atracción pola obra e a personalidade de Rafael Dieste, renunciasen co paso do tempo a frecuentar a súa palabra, as súas fabulacións, os seus modos tan específicos de sentir e defender a razón. No escritor rianxeiro danse algunhas notas que neses planos da produción literaria e do pensamento fan del unha referencia difícil de abandonar unha vez coñecida. Quen nalgún momento lese os seus ensaios, os seus relatos, o teatro, o epistolario… seguramente ha volver a eles co paso do tempo. E nesa volta terá a sensación de que sabe e non sabe con exactitude de que se está a falar, pois Dieste case nunca trata dun único asunto cando toma a palabra, nin sequera cando se trata do que el mesmo catalogaba como contos simples. Aprendemos, vivimos, ampliamos o noso mundo e lecturas, profundamos no coñecemento do nimio e do relevante e cando regresamos aos seus textos estes teñen aínda planos novos que amosar, fíos que pasaran desapercibidos, alegorías das que participamos sen nós advertilo. Algo así —a propósito da liberdade, do amor, da soidade, tamén do que con Ernst Bloch chamariamos principio esperanza— semellan ¡7


activar sempre que se volta a eles uns versos testemuñais que encabezan o poema vixésimo sexto dun libro de poemas, Rojo farol amante, publicado en 1933: Se esparcían confines, volaban horizontes tocando con sus alas la frente del amor, jinete desmayado en el espacio de su redonda libertad, esfera sin orillas, donde tú no estabas.

Dieste é adoito, acaba de verse, un autor apelativo, un escritor que, por empregar a súa propia terminoloxía, logra que nos sintamos aludidos unha e outra vez polo relato, pola indagación do conflito e das idas e voltas das conciencias que emerxen en cada páxina. Sexamos nós quen sexamos, saibamos o que saibamos sobre as leis do universo, sobre a condición humana, sobre os ritmos da historia. ¿Non é acaso este da alusión directa o vector latente naquela comedia de 1927, A fiestra valdeira, na que un retrato ao óleo, omnipresente desde o comezo para personaxes e público, promove o tratamento conxunto dos problemas da identidade persoal e colectiva e da representación nas artes? Nesa perspectiva Dieste é un clásico. Éo porque sempre di algo novo a quen le, algo que perderamos de vista ou se nos fora do entendemento a primeira vez. E dínolo ademais de forma tal que sabemos que o asunto desenvolvido nos incumbe. Como estudoso da súa obra, e xustamente por todo o anterior, afirmo que resulta temeraria a afirmación de que o coñecemento que temos sobre Dieste sexa en certos planos abondo.


Segundo demostra arreo Xosé Díaz Díaz neste libro, non o é. Con seguridade, non o será nunca. E iso é unha bendición, non debe verse doutro xeito. Entre outros motivos, porque lidas argumentacións como as que se desenvolven nos capítulos destes Arquivos xeométricos de Rafael Dieste é imposíbel seguirmos lendo igual que antes a triloxía teatral Viaje, duelo y perdición, relatos como “La peña y el pájaro” de Historias e invenciones de Félix Muriel, a comedia de remate ledo antes citada ou, loxicamente, ¿Qué es un axioma? e as demais publicacións matemáticas do autor. Sen abandonar esa mesma perspectiva, en Dieste configúrase algo do analizado polo sociólogo estadounidense Richard Sennett en The Craftsman, un libro de 2008. No autor de Dos arquivos do trasno comparece sempre iso que el mesmo describía como vontade de estilo e que en definitiva non é outra cousa que unha proximidade case íntima co que as mans, a ollada e a razón producen. O artesán como a persoa decidida a facer ben unha tarefa, sen que esta teña que delimitarse necesariamente ao eido do manual. O artesán como o mediador entre un problema e unha solución a través da destreza, a motivación, o xuízo, o hábito, a perseveranza, o ritual, a técnica. O artesán como quen logra a resposta máis sinxela (e eficaz) á complexidade que ás veces atoa o pensamento, a produción, a acción. Dieste, un artesán do discurso, e en pé de igualdade tamén da argumentación, posuía como poucos o dominio simultáneo do ourive e o do urbanista, o do apotegma e o do tratado. E ante todo foi sabedor das escalas todas que activa iso tan inaprensíbel que chamamos lectura. Por ser poeta e xeómetra, por coñecer as paixóns e saber administrar a elocuencia, sobre cada palabra súa cruzan unha ducia de sendeiros. Nada do anterior impide, naturalmente, que nesa práctica de artesán apareza o erro. De feito, Dieste pensaba que a per-

¡9


fección rotunda, sobre todo nas artes, constituía unha meta da que conviña afastarse. En carta a Gabriel Zaid datada o 4 de xuño de 1961, introduciu Carmen Muñoz unha expresión que agora vén ao caso. Xogando co significado da voz escaleno (do grego σκαληνός, oblicuo, desequilibrado, torto, coxo) aplicado a un triángulo, Dieste adoitaba recoñecer, segundo subliñaba a súa esposa, o interese particular dos que chamaba versos escalenos. Cito a partir dunha copia desa carta inédita dirixida a quen fora alumno de Dieste no Instituto Tecnológico de Monterrey nos primeiros anos 50 e a partir dese momento interlocutor permanente seu. Dicía Carmen Muñoz: “Según él todo poeta es y debe ser «un poco escaleno», para lo cual necesita gran conciencia de la gravitación natural, del equilibrio” (Arquivo Dieste). Admítaseme lembrar aquí unha conversa mínima, tamén nunha encrucillada, urbana esta, a comezos dos pasados anos 80. Unha tarde na Porta Faxeira de Compostela coincidín co profesor Enrique Vidal Abascal, catedrático de Xeometría diferencial. Non fora alumno directo seu pero si de varios dos seus discípulos naqueles primeiros anos universitarios. Coñecíao como académico e tamén como pintor. O caso é que decidín abordalo e tras unha mínima presentación, camiñando cara á Senra, saquei o asunto do Testamento geométrico de Dieste, publicado non había moito, no ano 1975. Don Enrique, creo que entón próximo á xubilación, foi categórico e non amosou maior interese por afondar naquel tema. Díxome só: “Dieste estaba equivocado”. E abofé que o estaba. Isto é algo que a análise de Xosé Díaz deixa claro cos razoamentos exactos que corresponden ao caso, aínda que como percibirá de inmediato quen abra estas páxinas esa do erro é só unha vertente, entre outras, das varias que ao respecto importan. Podería dicirse mesmo que nin sequera sexa a principal. Cando menos non o

10 ¡


é para quen non teña un interese apenas técnico polo Dieste xeómetra e para quen non se deixe obnubilar pola harmonía dos triángulos equiláteros e isósceles. Trato ao autor deste libro desde hai seis anos, cando detido tamén el noutro cruce de camiños —de tipo académico a primeira vista— chegoume a proposta de codirixir a súa tese de doutoramento xunto co meu vello amigo Rafael Martínez Castro, especialista en Zubiri e profesor de metafísica na Facultade de Filosofía compostelá. Xosé Díaz licenciárase en matemáticas e cursara un programa de doutoramento en Filosofía. Interesábase pola literatura (é tamén narrador e biógrafo) e sobre todo sentía particular atracción por Rafael Dieste e os seus mundos. En realidade, as pescudas que atraían a aquel matemático novo de formación rotundamente infrecuente semellaban ser dunha índole que tería fascinado ao propio Dieste. Nese ángulo formado polo epistemolóxico e o persoal, nese coñecer porque se fai inadiábel coñecer, tenteando igualmente confíns e horizontes de natureza diversa entre vida e ficción, entre as artes e as ciencias, o tanxíbel e a abstracción, a historia e os mitos. Confíns acaso homólogos na súa condición esencial de lugares para o encontro. Así que cando comecei a falar con Xosé foi inevitábel lembrar as primeiras páxinas que Dieste dedicara nunha revista madrileña, ano 1935, ao seu Félix Muriel, comparándoo cunha escultura pensante (e andante) de Donatello. Observarase que é complicado para este prologuista á hora de presentar este libro, resultado parcial e renovado dunha tese de doutoramento, esquivar algúns camiños propios. Abundaremos aínda un pouco máis neles, enseguida se verá por que. Ao longo do primeiro decenio deste século, tras unha serie de peripecias que non é preciso detallar agora, fanou de vez o proxecto de editar un terceiro volume da serie das Obras

¡ 11


Completas de Dieste, o que estaba previsto compilar como Ensaios reunidos, inicialmente adscrito ao coidado de Domingo García-Sabell por Isaac Díaz Pardo, como cabeza motora de Ediciós do Castro, e por Darío Villanueva, director da serie xa desde os tempos —finais dos anos 80— nos que a vella Editorial Aguilar asumira o proxecto de xuntar a totalidade da obra do autor. Tras o falecemento de García-Sabell en 2003 aquela responsabilidade reasignouse e correspondeume asumila. O volume debía conter, segundo fora pensado desde o principio, os ensaios de carácter filosófico, estético, hermenéutico, literario e matemático de Dieste. Consolidárase había tempo unha liña de comprensión da obra xeométrica diesteana na que este último sector da súa produción non se vía en absoluto como secundario, nin moito menos como superfluo, aínda que o seu encaixe como ensaística resultase unha decisión algo forzada. Aprendérannolo a todos en diversas e sucesivas análises, algunhas públicas e a maioría inicialmente privadas pero coñecidas despois mercé á publicación do epistolario do escritor, entre outros, Xosé Otero Espasandín, García-Sabell e sobre todo o enxeñeiro, ensaísta e poeta mexicano Gabriel Zaid, mencionado xa como interlocutor privilexiado de Dieste durante case trinta anos, e Eladio Dieste, un dos sobriños uruguaios do autor e persoa de enorme reputación internacional como enxeñeiro e arquitecto. O propio Xosé Díaz demostra ao longo deste libro que estética e xeometría constituíron, unha de par da outra, disciplinas envorcadas sobre a experiencia participativa dos seres humanos no que consideramos realidade de noso, a que percibimos, estruturamos e posuímos a fin de sentirnos no mundo; de aí que a xeometría fose para Dieste unha “experiencia obxectiva da posibilidade de construír, de anticipar ou de suscitar realidade”, ou tamén, a “forma patente da nosa condición de suxeitos participantes no mundo, na verdade e

12 ¡


na realidade”, como observa Díaz nestas páxinas. Pese a todo, a edición dese sector xeométrico revelouse axiña tarefa extremadamente complexa para os medios cos que se contaba, en particular no que atinxía á notación matemática e o seu rigor inescusábel en títulos como o Nuevo tratado del paralelismo e Testamento geométrico. Lembro aínda ben as moitas tardes dedicadas a avanzar na edición e o instante no que a imaxe de Sísifo comezou a facerse inaturábel. No camiño quedara para o meu pesar unha fina presentación dos tres libros matemáticos de Dieste que a petición miña escribira ad hoc Fernando Alcalde, profesor do departamento de Xeometría e Topoloxía da Universidade de Santiago. A concreción como proxecto desta monografía tampouco foi un camiño doado pero a constancia de Xosé Díaz venceu as dificultades para nos poder presentar agora, un ano despois da brillante defensa da súa tese de doutoramento, un estudo de gratísima e proveitosa lectura, intelixentemente escrito, no que as esixencias previas de coñecemento da historia das matemáticas e de aspectos epistemolóxicos correlativos fican moi aliviadas pola súa habelencia didáctica como administrador da información só estritamente necesaria a cada situación concreta e, non menos, polo seu probado oficio narrativo; ou, visto desde a outra aba, no que os lectores formados en matemáticas ou en ciencia básica non prenderán en exceso na silveira especulativa da razón histórica nin na argumentación específica das ciencias sociais e dos saberes humanísticos, podendo recoñecer de forma práctica o seguimento por Dieste do curso da matemática e da física dos séculos xix e xx (Lobachevski, Gauss, Riemann, Klein, Poincaré, Hilbert, Einstein…) e ao tempo o transfondo filosófico que acompañou a aquel, con Kant, Husserl e en xeral a fenomenoloxía, Bergson e Zubiri como as referencias máis recorrentes.

¡ 13


Así, sen que abroche a impresión de desorientación ou perda, Xosé Díaz é quen de conducirnos polos distintos ámbitos discursivos e textuais nos que Dieste proxectou a súa vida e intelixencia creadora, por suposto con principalísima atención aos tres libros matemáticos (ou matemático-filosóficos) da súa autoría —Nuevo tratado del paralelismo (1956), ¿Qué es un axioma? Movilidad y semejanza (1967) e Testamento geométrico (1975)—, forxados nas soidades do exilio americano e europeo e dun regreso ao país que nunca foi completo, e a un feixe de follas inéditas aínda que latentes no resto desa produción xeométrica titulado precisamente Teoría del espacio. Anima Díaz asemade a entrar, sempre con discreto empeño, nos distintos lugares textuais da obra diesteana nos que brille algunha luz para informarnos con garantías sobre a conceptualización do espazo, o movemento e a realidade no pensamento do autor. Con todo, a maior sorpresa que depara a lectura deste libro é a da consolidación certa e probada do que antes se apuntou sobre as correspondencias entre os problemas tratados polo Dieste fabulador e poeta, o Dieste que constrúe unha teoría do coñecemento e unha hermenéutica, o Dieste home de teatro (dramaturgo, teórico, mestre do guiñol, escenógrafo, director, xestor) e o Dieste científico e xeómetra; porque como sinala Díaz nas páxinas iniciais do seu estudo a disxuntiva situábase “entre xeometría euclidiana e non euclidianas como modelos lexítimos e definitivos de verdade e representación” sempre arredor do asunto da suposta (e real) indemostrabilidade do v Postulado de Euclides. Eis, en efecto, a cuestión fulcral da pertinaz preocupación ontolóxica e epistemolóxica de Dieste polo célebre postulado: ¿en que lugar deixan as xeometrías non euclidianas á intuición como ferramenta ao servizo da constitución do real e como “métrica do mundo”, á subxectividade como índice intencio-

14 ¡


nal da realidade?; como afectan esas xeometrías ao dito por Kant a propósito de espazo e tempo en tanto formas a priori da sensibilidade, intuicións puras?; de que maneira condicionan a funcionalidade epistemolóxica do axioma (unha “oportuna evidencia” no pensamento diesteano)? E tamén: cal é a forma do espazo?, cal a súa vinculación co tempo?, como funciona o movemento en termos entitativos e de individuación do real? Estas e outras preguntas converxentes configuran a fecunda materia de base que Xosé Díaz se atreveu a explorar, facilitando a quen lea cumprida, pormenorizada e sucesiva resposta para cada unha delas. Tanto é así que o seu libro constitúe con toda claridade como resultado o contributo máis sólido a unha teoría da realidade en Dieste de aplicabilidade non restrinxida ao campo da xeometría senón tamén —suxírese con modestia nas últimas páxinas— ao correspondente á poética en sentido amplo. Sería tarefa nova tratar de entendelo e de comprobalo. E estimo que se pode asegurar que quen o intente cos fundamentos precisos descubrirá un novo Dieste na dramaturxia e no resto das súas historias e invencións. Velaquí un outro agasallo que a todos ofrece o autor deste libro.

¡ 15


16 ยก


Para Belén, a quen atopo en todos os camiños

¡ 17


18 ยก


Le preguntamos, pues: ¿por qué siendo ante todo poeta (en prosa, en verso o diálogo dramático, es igual) le han preocupado las matemáticas? Fermín F. García Armesto «¿Qué es un axioma? de Rafael Dieste» La Voz de Galicia / 30 de xuño de 1968

Las matemáticas me parecen una cosa majestuosa, tan extraordinaria casi desde el principio de los tiempos, desde que se comienza a medir algo, desde el momento en que se empiezan a contar los días o a hacer marcas en unas piedras y en unos árboles para tener conciencia de la marcha rítmica del universo, o desde el momento en que se empieza a hacer los primeros calendarios... En fin, es algo tan distintivo del hombre como apasionante y majestuoso en sí mismo. Rafael Dieste nunha charla-coloquio celebrada na Sociedade de Cultura Valle-Inclán Ferrol / 4 de xuño de 1981

Y después miraba el libro de Dieste, el Testamento geométrico, que colgaba impávido del cordel, sujeto por dos pinzas, y le daban ganas de descolgarlo y limpiar el polvo ocre que se le había ido adhiriendo aquí y allá, pero no se atrevía. Roberto Bolaño «La parte de Amalfitano», 2666

¡ 19


Abreviaturas Para que a lectura sexa máis fluída, e se relacionen inmediatamente as citas coas obras das que estas foron extraídas, realizouse unha listaxe de abreviaturas que axilicen a asociación. dat Dos arquivos do trasno, Vigo, Galaxia, 1995. lvpm “La vieja piel del mundo”, en El alma y el espejo, Madrid, Alianza, 1981, pp. 201-280. Historias e invenciones de Félix Muriel, Madrid, Cátedra, 1985. hifm “Sobre la libertad contemplativa”, en El alma y el espejo, Madrid, slc Alianza, 1981, pp. 49-103. ntp Nuevo tratado del paralelismo, Bos Aires, Atlántida, 1956. “La Paloma Equis”, en El alma y el espejo, Madrid, Alianza, 1981, lpe pp. 145-160. qea ¿Qué es un axioma? Movilidad y semejanza, Vigo, Teseo, 1967. Testamento geométrico, A Coruña, Ediciones del Castro, 1975. tg “La Isla”, en La Isla / Tablas de un naufragio, Barcelona, Anthroli pos, 1985, pp. 27-84. ev Encontros e vieiros. Once charlas sobre plástica, teatro e literatura, Sada, Ediciós do Castro, 1990, edición de Arturo Casas. fi Fragua íntima. Aforismos (1926-1975), Ferrol, Sociedade de Cultura Valle-Inclán, 1991, edición de Arturo Casas. ep Epistolario, Sada, Ediciós do Castro, 1995, vol. v, edición de Xosé Luís Axeitos. ogc Obra galega completa, Vigo, Galaxia, 1995, edición de Xosé Luís Axeitos. oc Obras completas, 2 vols., Sada, Ediciós do Castro, 1995. Vol. i: Narrativa e Poesía, edición de Arturo Casas e Darío Villanueva. Vol. v: Epistolario. ad Arquivo Dieste. epcm Epistolario de Carmen Muñoz Manzano, Sada, Ediciós do Castro, 2005, edición de Xosé Luís Axeitos e Charo Portela Yáñez. 20 ¡


ยก 21


22 ยก


[ Introdución ]

A obra xeométrica de Rafael Dieste

A

dedicación plural de Rafael Dieste é unha característica ben coñecida da súa traxectoria vital e intelectual, unha diversidade que a miúdo se ten consignado como traza esencial do seu quefacer creativo. É lugar corrente dos traballos de lectura e interpretación da obra diesteana a constatación da súa dispersión xenérica e temática, extensiva tamén ás varias facianas do autor na súa praxe como ser social. Sen ser particularmente ampla no que a títulos editados se refire, a súa é unha obra de atencións múltiples en tránsito pola narrativa, o columnismo, o teatro, a poesía, o ensaio, o diálogo e o aforismo, se facemos conta de xéneros; e pola estética, a epistemoloxía, a hermenéutica e a teoría literaria, se atendemos ás preocupacións e principais texturas discursivas. Unha produción de perfís tan dispares non pode ser entendida sen facermos conta do propio devalo biográfico do autor. Non é a nosa intención ofrecermos un achegamento polo miúdo ás etapas e ámbitos na creación de Rafael Dieste, pero os propios itinerarios do rianxeiro a través do seu tempo permiten comprender e situar mellor o seu tecido creativo. Así pois, cómpre observar en Dieste as características dun dobre tránsito que determina o groso da súa produción: un tránsito externo, que o situará de moi novo na fronte da guerra de Marrocos (anos 1921-1923), máis tarde no periplo das Misións Pedagóxicas por España (1932-1936), en Europa como pen-

¡ 23


sionado da Xunta de Ampliación de Estudos (1935), axiña no exilio tras a Guerra Civil entre unha e outra marxe do Atlántico (1939-1961); e outro interno, un tránsito da propia creatividade fraguado paso a paso nas etapas e destinos vitais que afronta. O espazo de creación suxéitase aos treitos de maior ou menor adversidade, de menor ou maior comodidade, nos que o rianxeiro ten que vivir. Nin a vida do autor se entende á marxe da obra nin, por suposto, a obra debe ser disociada do pulso vital que a acompasa. Isto non constitúe, ben seguro, unha singularidade exclusiva do rianxeiro, unha fasquía propia do seu carácter intelectual que non poida merecer outro autor sometido a idénticos avatares. Porén, si implica unha maneira de ser da creación que debemos adiantar: ao noso ver, a obra de Dieste é, antes que calquera outra cousa, un proxecto vital en marcha, unha produción afectada e modulada polas circunstancias da vida e as demandas que esta vai interpoñendo. A obra diesteana é, así, obra-afeita-á-vida, obra-vivida en medio século de exilios, búsquedas e loitas íntimas. Xa pois, o estudo das vocacións creadoras de Dieste confróntanos ante un pensador que non sortea, por controvertidas, as demandas de reflexión e coñecemento que a propia vida achega. Non obstante, malia a amplitude de rexistros e asuntos abordados, existe un consenso xeneralizado entre os distintos intérpretes da obra diesteana á hora de recoñecer o espírito de cohesión creativa e reflexiva arredor do que se reúnen todas as súas ocupacións e traxectos vitais. Todas as súas dedicacións —aquí o narrador, o dramaturgo ou o xornalista; alí o poeta, o ensaísta ou o dinamizador social e cultural— veñen impulsadas por unha vocación iluminadora común, un desexo de apertura, contacto e ofrecemento ao home dos confíns do saber que alude a un dobre nivel, ético e gnoseolóxico, no que definir o paso de Dieste no mundo. Neste sentido, o vagar

24 ¡


autorial e intelectual de Dieste pode ser igualado, como moi graficamente viu Gabriel Zaid (1995a: 76), amigo e frecuente interlocutor do rianxeiro, cun “cristal de moitas facetas, pero dunha soa peza”. Por iso, non sorprende que un dos trazos principais da súa biografía autorial, do seu modo de estar e relacionarse co mundo, sexa o carácter especulativo e de reflexión de boa parte das súas direccións creativas. O contrato que Dieste asume coa indagación e coa meditación invade, con presenzas diversas, o común das súas obras. A angueira especulativa é unha pulsión que atravesa a súa produción, “un desexo de filosofía” (Sampedro 1995: 117) constatable nas primeiras colaboracións para o xornalismo liberal vigués1 pero aínda intensificada nos transos persoais máis adversos como reduto salvífico interior.2 Falamos dunha necesidade vital de indagación e intimidade con propósitos liberadores e de esclarecemento que deu ao cabo cunha serie de títulos ensaísticos, en boa parte escritos e editados no camiño permanente do exilio e que apenas gozaron de favor crítico e lector. Sen facer conta das reedicións de escritos literarios, de textos sobre lingüística3 nin de compilacións xornalísticas,4 o groso da súa produción a partir de mediados do decenio de 1940 refire un común impulso reflexivo que dirixirá a propia traxectoria autorial nos anos seguintes. Unha destas reaccións creativas e de indagación, cremos que a máis descoñecida da súa obra, é a investigación xeométrica. Na etapa de madurez, Dieste deu ao prelo tres tratados coas súas pesquisas sobre xeometría. Os textos, Nuevo tratado del paralelismo (Bos Aires, 1956), ¿Qué es un axioma? Movilidad y semejanza (Vigo, 1967) e Testamento geométrico (A Coruña, 1975), son, como dicimos, os momentos menos estudados da súa produción e constitúen, en palabras do propio autor, un “inesperado aspecto de mis aventuras es-

¡ 25


peculativas” (ep, carta 528, p. 784). Pretextan a cuestión da suposta demostrabilidade do v Postulado de Euclides e, en consecuencia, a disxuntiva entre xeometrías euclidiana e non euclidianas como modelos lexítimos e definitivos de verdade e representación. Os arquivos matemáticos de Dieste complétanse coa súa varia correspondencia sobre o tema, algunhas opinións espalladas en entrevistas e conferencias e un feixe de textos inéditos compilados baixo o título Teoría del espacio / Anotaciones cosmológicas, pertencentes ao Arquivo Dieste. Houbo en Dieste un gusto pola matemática e os seus mecanismos de determinación ao que non é allea a historia intelectual da humanidade. Apoia esta afirmación a nómina de pensadores, homes de letras e artistas que, de par das súas dedicacións principais, cultivaron esta disciplina: Goethe, Schopenhauer, Marx, Valéry ou Borges, entre varios.5 O interese de Dieste pola matemática non é, de ningún modo, algo puntual ou anecdótico, senón transversal e recorrente en diversos momentos da súa vida. Disto dá boa conta a súa correspondencia, na que o tema xeométrico recibe unha atención significativa no intercambio con diversos interlocutores. Nesta hai oco, entre aquela maioritaria na que se discute sobre teoremas e dificultades concretas das súas investigacións, para a resolución de acertixos matemáticos propostos aquén ou alén mar.6 Estes recreos matemáticos descobren unha non escasa bagaxe do rianxeiro no manexo e cálculo de expresións matemáticas abstractas, así como no rigor e limpeza da notación empregada e a economía da cadea de razonamentos.7 Dieste posuía unha formación matemática infrecuente fóra do ámbito académico, mellorada no autodidactismo durante toda a vida. En 1925, opositaría en Madrid a unha praza de auxiliar do corpo de Estatística —supoñemos que con pouca expectativa8— e, de sempre, alternou lecturas de temáti-

26 ¡


ca científica e matemática como parte do seu vital “degoiro analítico” (Rei Núñez 1995: 8). Nos seus textos xeométricos (tratados e correspondencia) recoñécese a un Dieste atento ao curso dos desenvolvementos e técnicas da nova ciencia, bo coñecedor dos nomes que ditaban a matemática e física do momento: Klein, Poincaré, Hadamard, Hilbert, Helmhöltz, Einstein... Se, como indica Irizarry (1985: 25), algo hai no Félix Muriel de exercicio de memoria e autocoñecemento, algún significado poden ter as seguintes liñas de “El quinqué color guinda” sobre unha precoz afección do autor pola matemática: Aquel rellano fue siempre lugar en que se dieron cita a la vez la gran franqueza y el dilatado misterio [...] Allí aprendí a amar los planos justos con que se define el espacio, la maravilla de los ángulos, las paredes blancas, el techo de cristal, los limpios escalones que pueden contarse, doce hasta allí desde el zaguán y tres después en ángulo recto hacia el pasillo; y luego, muy liso y veloz, el pasamanos sobre el cual puede uno dejarse resbalar, resumiendo todos los números posibles, los quince, los infinitos escalones (hifm, p. 85)

Pero malia o interese máis ou menos constante de Dieste pola matemática, as súas teses xeométricas padeceron unha significativa postración e trivialización crítica que as relegaron á case total desatención.9 É este, constatamos, un destino compartido por boa parte da súa produción, en especial pola súa xeira ensaística aínda que tamén, en distintos graos, pola súa obra lírica, dramática e narrativa en español. Con todo, neste rexistro de desleixos críticos e historiográficos que adoito padeceu a escrita diesteana e, especialmente, as súas obras de pensamento, a investigación xeométrica ocupa un lugar destacado. Malia o valor informativo que esta ten na ordenación

¡ 27


dos perfís autoriais, os escritos xeométricos son, sen dúbida, os exercicios do seu pensamento máis deixados pola crítica. Como ironicamente refire Rei Núñez (1995: 8), estas obras foron colocadas decontado no “arquivo dos intrusos, sección mirar dentro de cen anos”. Completa soidade autorial no antes e no despois dos textos, debido en parte ás circunstancias pouco propicias nas que estes foron publicados (o exilio, a España franquista), como á dificultade de obter atención da comunidade científica e do público lector perante o considerado como unha paréntese discursiva e temática na obra do autor. Desde o máis de medio século que media entre a redacción orixinal do primeiro dos textos xeométricos, apenas teñen sido estudados desde o punto de vista matemático para consignar as súas sombras dedutivas (que as ten, e moi principais) así como algún importante triunfo. Porén, sorprende o escaso interese comentarista por descubrir o entramado de relacións que a xeometría diesteana tece co resto do seu pensamento, excepción feita das lecturas esexéticas de Gabriel Zaid, Xosé Otero Espasandín, Domingo García-Sabell e do seu sobriño Eladio Dieste. Aos catro acáelle o non pouco meritorio título de intérpretes e divulgadores do Rafael Dieste xeómetra. Aos catro corresponden tamén tanto as revisións como as escasas recensións críticas do seu traballo xeométrico feitas sobre o pano de fondo da obra literaria e de reflexión, onde se trazan apuntamentos básicos para unha ecdótica xeométrica futura. Varios son os motivos que explican esta marxinación crítica da obra matemática de Dieste: en primeiro termo, as condicións pouco favorables para o intercambio, a difusión e o estudo nas que os volumes foron publicados, xunto ás características precarias das súas edicións.10 Non son estas razóns exclusivas que afecten ás publicacións xeométricas; antes ao contrario, atinxen tamén a boa parte da súa obra de reflexión.

28 ¡


En efecto, a maior parte da obra ensaística de Dieste viu a luz en transos pouco propicios para a súa visibilidade. A edición orixinal de La vieja piel del mundo (1936) desapareceu na súa práctica totalidade baixo as primeiras vagas de bombas nacionais sobre Madrid, no inicio da Guerra Civil española. Luchas con el desconfiado (1948), froito do exercicio reflexivo que Dieste consolida no exilio, apareceu nun contexto igualmente contrario para o seu recoñecemento, cando os republicanos españois perderan parte do favor da clase política e intelectual arxentina que os acollera en inicio (nun escenario, o do exilio arxentino de finais dos 40, determinado polo cada vez máis presente e activo cooperacionismo entre os réximes peronista e franquista). Algunhas das súas outras obras de pensamento publicadas ao regreso a España, como Diálogo de Manuel y David (1965), aqueixaron edicións e distribucións deficientes en boa parte autofinanciadas polos Dieste, e outra parte do seu íntimo recollemento quedou inédito na gabeta ata moito despois da súa redacción, caso senlleiro de Tablas de un naufragio (que cumpre, ao noso entender, unha función matriz na comprensión do seu pensamento) cuxa edición póstuma xunto a La Isla, ditada á súa dona en 1955, tivo que agardar ata 1985. Como dicimos, as teses xeométricas de Dieste foron editadas en circunstancias análogas ás que vimos de detallar para a obra ensaística, o que dá algunha razón da súa invisibilidade na distribución e comentario. Nuevo tratado del paralelismo publicarase no exilio arxentino, mentres que ¿Qué es un axioma? e Testamento geométrico serán momentos editoriais do Dieste regresado. Os tres son o resultado, en tempos e contextos pouco favorables, de edicións e tiraxes humildes: de feito, o Testamento geométrico publicarase mercé a unha xestión conxunta de varios intelectuais galegos feita con carácter de homenaxe,11 sen cuxo mecenazgo talvez tería corrido un rum-

¡ 29


bo editorial diferente. Por outra banda, máis de trinta anos despois da morte do autor, outra parte da súa obra xeométrica, a colección de ensaios Teoría del espacio / Anotaciones cosmológicas,12 permanece inédita no Arquivo Dieste. Pero, xunto ás circunstancias pouco propicias e as edicións deficientes, é evidente que na escasa acollida dos tratados xeométricos interviu como razón destacada a súa aridez formal, que o afastaba do público lector en xeral, e as consecuencias obtidas, que o enfrontaban abertamente co canon académico. Dieste prometía demostración do v Postulado de Euclides, un afán que quedara proscrito para a comunidade matemática máis dun século atrás cos traballos de Gauss, Riemann, Bolyai e Lobatchevsky, e que achamos como razón substantiva do escepticismo académico suscitado. Durante vinte séculos, a historia da xeometría estivo dirixida polo impulso de determinación do estatuto lóxico do v Postulado de Euclides, ben como postulado efectivo, isto é, como axioma independente dos catro anteriores, ben como teorema deducible daqueles: V Postulado (de Euclides ou das Paralelas). Se unha recta ao incidir en dúas rectas fai os ángulos do interior e do mesmo lado menores que dous ángulos rectos, as dúas rectas, prolongadas ao infinito, atópanse no lado no que están os ángulos menores que dous rectos.13

O estatuto do v Postulado ou Postulado das Paralelas, enunciado no Libro i dos Elementos de Euclides,14 deu para unha milenaria controversia xeométrica que animou o propio curso da disciplina. Se os catro postulados previos establecen propiedades evidentes para a nosa intuición xeométrica (sobre a ontoloxía de entidades xeométricas básicas como punto, recta, circunferencia e ángulo; sobre a posibilidade de trazar

30 ¡


rectas ou circunferencias; ou sobre a igualdade de dous ángulos rectos calquera15), o v é o de arquitectura máis complexa. A versión clásica deste enunciado que transcribimos arriba artella dous niveis enunciativos principais: en primeiro termo, un ontolóxico, ao esixir a existencia de puntos de intersección de rectas; e, en segundo lugar, un procedimental, que fixa o criterio de paralelismo. Da aceptación deste enunciado derívase a xeometría euclidiana, que serviu como modelo de representación con ambición absoluta vixente durante a Modernidade. Dito modelo permite describir o mundo con arranxo á nosa intuición, un mundo subtendido polas tres dimensións espaciais nas que habitualmente nos manexamos, de entidade global uniforme, continua e homoxénea.16 A sombra incerta do v Postulado roldou desde o momento no que os primeiros xeómetras clásicos opuxeron obxeccións á sistematización euclídea. A súa menor evidencia intuitiva levou a Proclo a solicitar a súa eliminación do rexistro de postulados. O feito de que nos Elementos se retrase a súa utilización ata a demostración da proposición 29 do Libro i levantou suspicacias entre diversos intérpretes. Estas reservas motivaron un profundo debate xeométrico que guiou a propia evolución da disciplina durante vinte séculos: ¿debe o v Postulado ocupar un posto no rexistro de postulados como enunciado independente dos anteriores? Ou, por acaso, é posible obter unha demostración a partir deles e, por tanto, afirmar a súa condición de teorema? Os esforzos máis denodados centráronse en atopar unha demostración definitiva do v Postulado. Haberá que agardar ata o s. xix para poder desbotar esta posibilidade e confirmar de vez a súa natureza postulacional. En efecto, será no s. xix cando se propoñan varios modelos xeométricos loxicamente consistentes derivados ben da negación do enunciado das paralelas,

¡ 31


ben da súa exclusión. A descuberta de xeometrías non contraditorias á marxe do v Postulado concertou a independencia do mesmo respecto dos outros catro (isto é, a súa indemostrabilidade a partir deles, o seu carácter postulacional certo) así como a pertinencia dun marco de coexistencia lóxica das estruturas euclidiana e non euclidianas e, niso, de diferentes nocións de espazo que desprazaban de vez a concepción absoluta do espazo euclídeo mantida durante a Modernidade.17 Asemade, esta variedade lóxica e ontolóxica de xeometrías e espazos contrapostos provocou o desprazamento da intuición como instrumento de validez, ao manexaren as xeometrías non euclidianas nocións de rectitude e paralelismo que erguen estruturas con propiedades incapaces para o esquema intuitivo “usual” que caracteriza a xeometría euclidiana. Isto implicou unha diversificación dos estándares de obxectividade descoñecida ata entón. Este é o momento da quebra definitiva das concepcións absolutas de verdade e causalidade dominantes durante a Modernidade, favorecendo unha presentación pendular da ciencia que alterna verdades contrapostas enunciadas en vocabularios e teorías igualmente (des) privilexiadas. A nova empiría científica desterrou a pretensión de absolutidade veritativa e invariabilidade ontolóxica e, niso, a posibilidade de dar unha fundamentación monista do saber, en favor dunha estratexia de fundamentación do coñecemento suxeita á coexistencia de cadros de hipóteses con idéntica validez e consistencia. Por outra banda, a aplicación exitosa de resultados de xeometría non euclidiana á teoría da relatividade ou á mecánica cuántica cuestionou a tese kantiana que ubicaba a xeometría euclidiana e o principio de causalidade determinística no estamento de verdade necesaria. A xeometría deixa de ser considerada unha construción na intuición pura para pasar a ser observada como unha ciencia formal ou analítica sen ningunha relación necesaria coa experiencia. 32 ¡


Dieste chega a este problema desde unha motivación filosófica e de teoría de coñecemento. O autor reacciona contra a situación de convivencia de teorías xeométricas rivais que especifican modelos incompatibles pero que contan coa mesma lexitimidade formal e a mesma posibilidade teórica de correspondencia e verificación fenoménica. Para Dieste, o escenario múltiple de verdade, obxectividade e representación propiciado tras a aparición das xeometrías non euclidianas e o conseguinte desprazamento da intuición como instrumento competente na descrición do mundo, encobre unha relación de subordinación da realidade ás marxes concisas dun certo dominio de validez ou dun convenio establecido entre os suxeitos activos dunha teoría. Desde este punto de vista, Dieste non pon en cuestión a validez lóxica dos sistemas xeométricos non euclidianos, é dicir, non somete a exame a súa consistencia como modelos loxicamente constituídos. O que, en cambio, si indaga Dieste é a pertinencia da estratexia filosófica que as realizou como posibilidades lóxicas: ¿cal é a lexitimidade dunha ontoepistemoloxía18 aberta a un rexistro múltiple de verdades, obxectividades e representacións? Cal a dun marco filosófico suxeito aos rigores dun dominio de validez establecido? E, o que é máis importante, onde cabe a realidade en dita estratexia? É deste punto desde o que intervén Dieste en xeometría, no propósito da obtención dun sistema xeométrico consistente que demostre o v Postulado e afirme a súa preeminencia lóxica e ontolóxica como modelo de representación fronte ás alternativas non euclidianas. Xa comentamos que, sen apenas atopar interlocutor para a discusión dos textos, as reservas e silencio académico anatematizaron a proposta xeométrica de Dieste nunha lectura exclusivamente matemática, extirpada do corpus do rianxeiro e, por tanto, renitente a establecer conexións co seu pensamento estético e epistemolóxico. É evi¡ 33


dente que, desde un punto de vista xeométrico, Dieste non consegue culminar con éxito o propósito de erguer un sistema dedutivo consistente, á vista de certos erros e inadecuadas presuncións que basean as súas “demostracións” do v Postulado. A natureza postulacional do v enunciado de Euclides concerta a imposibilidade da súa demostración, de xeito que as varias “demostracións” que Dieste ofrece do v Postulado son, por forza, incorrectas con arranxo á lóxica e aos fundamentos da xeometría. Isto xustifica en boa medida a desatención crítica que sempre recibiron os tres tratados, ao se propoñeren alí conclusións abertamente enfrontadas co pensamento matemático vixente.19 Porén, á marxe de certas eivas de tipo técnico e dedutivo,20 o interese desta parte da produción diesteana reside sobre todo no seu rendemento filosófico. O restablecemento do carácter preferente da xeometría euclidiana como modelo de verdade e representación que o Dieste xeómetra ensaia, así como a revalidación da intuición como instrumento competente nos procesos de coñecemento implícita nese obxectivo, alude de seu a unha empresa de proxecto racional que cómpre destacar. Do punto de vista filosófico, os tratados xeométricos de Dieste dispoñen un discurso aberto á ampliación ou extensión da razón teórica de xeito correspondente coas nosas demandas internas, percepcións e representacións intuitivas da realidade. O obxectivo de restauración da concepción preferente da xeometría euclidiana como estándar de verdade e representación a que vimos aludindo refire, de base, a ambición dunha razón non modulada en exclusiva por efectos de razón teórica, senón aberta ás nosas impresións, intuicións e anticipacións de realidade. Dieste observa na xeometría euclidiana un caso de aplicación canónica dunha concepción racional como a que se demanda, afecta a esixencias de coherencia, normatividade

34 ¡


e sistematicidade formais e rigor e competencia na descrición de contidos de realidade, á vez que compatible cos ditados da intuición. Advírtase, ademais, que este cometido de restablecemento do carácter preferente da xeometría euclidiana como modelo de verdade e representación que Dieste practica, así como a revalidación da intuición como instrumento competente nos procesos de descrición do mundo, non debe ser considerado unha excentricidade intelectual do autor maduro, senón unha achega a unha liña de pensamento (o certo estatus preeminente do espazo euclídeo fronte ás alternativas non euclidianas) que suscitou o interese de pensadores como Poincaré, Hilbert, Carnap, Weyl e outros. Aquí debe ser situada a obra xeométrica de Dieste, con esta liña debe ser confrontada. Non é un feito illado no pensamento do s. xx a intención de revalidar filosoficamente o espazo euclídeo, pegado á nosa intuición, fronte ás vertentes xurdidas coas xeometrías non euclidianas. Por outra banda, esta preocupación naturalmente engasta co crecente interese de Dieste polo tema do espazo no teatro e nas artes desde finais da década de 1930. Neste camiño, cómpre destacar tres elos discursivos principais que moi logo se descobren nas bases do seu argumento e concepcións. Ditos motivos confiren aos textos xeométricos de Dieste intencións máis amplas que as dun mero tratado sobre xeometría, nos pasos dun proxecto racional específico consonte a estrutura da realidade, capaz na descrición desta como ámbito no que se dá a nosa experiencia, intuición e existencia. Son os seguintes: a) O espazo, entendido como índice referente de realidade coextensivo ao tempo, no cal e a través do cal configuramos o mundo.

¡ 35


b) A xeometría como experiencia participativa na realidade, nunha función análoga á que a estética ou a poética cumpren no resto do seu pensamento. c) O movemento como razón de comparecencia ontolóxica e conciencial da realidade. Ao inicio de Nuevo tratado del paralelismo (p. 9), o autor advirte sobre o que agarda nas páxinas que seguen: o problema das paralelas, sinala, alude en realidade ao problema ontolóxico da “forma do espazo”. Dieste parece apuntar, nestas primeiras páxinas da súa investigación xeométrica, a unha pesquisa sobre a natureza e experiencia do espazo como estrutura propia da realidade anterior á formalización da xeometría. Como veremos, na perspectiva diesteana o espazo non é outra cousa que unha estrutura obxectiva invariante da realidade que suxeita a nosa vivencia, intuición e experiencia. O termo índice escollido arriba para a caracterización do espazo debe ser ben entendido neste sentido que apuntamos: como aquilo que o atravesa de parte a parte para dar conta, para indicar, a súa estrutura e disposición de contidos, da mesma maneira que funciona o “índice” que normalmente encabeza un libro. Por outra banda, a afirmación dunha fasquía de tempo anexa ao espazo constitúe un dos puntos de maior importancia das teses xeométricas do autor. Dieste concibirá espazo e tempo como faccións incardinadas de realidade en relación de “subordinación recíproca” (ev, p. 229): o espazo como ámbito de distribución de contidos obxectuais de realidade e o tempo como valor de permanencia e continuidade de ditos contidos. Secasí, sobre o movemento recae a razón ontolóxica e conciencial de disposición de contidos de realidade na súa referencia espazo-temporal. Cumpre, pois, unha función esencial, en

36 ¡


canto lle corresponde a tarefa de comparecencia, lexitimación e individuación dos obxectos da realidade. O movemento determina deste xeito as características principais da nosa forma de participación na realidade, por canto descubrirá unha orde de homoxeneidade e permanencia na disposición dos obxectos sobre o fondo espazo-temporal da realidade. O movemento permítelle a Dieste culminar o programa xeométrico coa grande conclusión que resume os tres tratados: a afirmación da disposición dos obxectos da realidade de acordo a propiedades de homoxeneidade, continuidade e permanencia. Esta razón subxacerá ao feito incontestable para Dieste de que sexamos quen de intuír de maneira euclídea, é dicir, o feito de que a métrica do mundo que se dá á nosa intuición usual encaixe naturalmente coas cualidades estables da métrica euclídea. Con este libro, pretendemos achegar os contidos e significados principais dos tratados xeométricos de Dieste, desde as claves de referencia filosófica que vimos anunciar. Deste xeito, é a nosa intención demostrar de que maneira o filosofema das paralelas promove en Dieste unha investigación sobre asuntos propios da natureza esencial do mundo e do ser humano, no camiño de vertebración dunha cosmodicea coextensa co resto da súa obra. Como veremos, a xeometría non constitúe unha sección pechada da produción diesteana, senón en aberta confluencia con algúns puntos de referencia do seu pensamento. A xeometría, así o drama e a poesía, acode á creación diesteana para dar “testimonio de una luz y de un orden” (qea, p. 5), consagrada á apertura do mundo e á ampliación e totalización do horizonte da realidade desde a mesma vocación ética, espiritual e vital que mediatiza o resto da súa produción. A “inesperada” triloxía xeométrica non debe ser vista como un excurso ancilar no conxunto da súa obra nin tampouco como aséptico recreo matemático, senón parte dunha preocupación

¡ 37


íntegra de raíz común a outros escritos, o que singulariza a figura autorial no seu paradigma xeracional ou, se se prefire, periodolóxico.21 A xeometría, pois, é algo máis que unha veleidade contrapuntística e estética do autor maduro. Antes que unha “manía extemporánea”, é expresión clara dunha necesidade raciovital do autor común ao resto da súa produción (Casas 1995a: 8), unha variación da empresa de coñecemento que o autor emprende noutros textos de especulación filosófica como Luchas con el desconfiado, Diálogo de Manuel y David ou Tablas de un naufragio ou mesmo nos de reflexión estética ou teatral. A aporía das paralelas concita no autor unha pesquisa sobre a natureza ontolóxica do espazo, como preocupación nuclear, e as súas relacións coa realidade, a verdade e a experiencia, asemade que, a par, convoca unha reflexión respecto da delimitación dos perfís poético e gnoseolóxico do ser humano. Por este motivo, no presente traballo procuraremos non só abordar os eixos temáticos principais que capitalizan e ordenan os significados da obra xeométrica diesteana, senón que tamén se buscará o establecemento de canles de comunicación co resto da súa produción ensaística e literaria. Con isto queremos evitar a posibilidade de cinguir a lectura dos tres tratados ao atrevemento das “demostracións” do v Postulado de Euclides que Dieste chega a dar. Os traballos xeométricos cumpren unha función fulcral no todo dos seus textos, nunha persoal cosmovisión na que a xeometría recibe igual peso que a estética, a poética ou a dramática. Contra a torsión temática que parece supoñer, a aventura xeométrica implica, como souberon ver Otero Espasandín, Zaid ou García-Sabell, un exercicio unitario co resto da súa obra, unha nova faceta que de ningún modo refunda ao pensador, senón que convoca baixo o signo xeométrico as mesmas coordenadas que acaen para o conxun-

38 ¡


to da súa escrita. A xeometría como vivencia e como empresa especulativa non é allea ao logos actuante e comprometido que define a maneira intelectual de Dieste, senón que acode como reacción autorial e creativa no camiño da obtención dunha delimitación precisa do mundo e do lugar que nela ocupa o ser humano. Pretendemos amosar de que maneira a obra xeométrica, a cal permaneceu sen un estudo mínimo sobre as súas significacións e contidos, encaixa no resto das dedicacións autoriais de Dieste, de que xeito valida argumentos doutros momentos creativos e como é que complementa o rastro do seu pensamento. Buscamos, en definitiva, indagar no tecido común de Rafael Dieste, exerza como xeómetra, como poeta ou como dramaturgo e, ao cabo, dar conta da súa forma propia, heteroxénea pero urdida e unitaria. Observouno así Gabriel Zaid tras a publicación de Nuevo tratado del paralelismo (nº 29 de Galicia emigrante, 1957), ao declarar: Acaba de aparecer el Nuevo tratado del paralelismo, que da un rumbo imprevisto —aunque tal vez sólo en apariencia— a la múltiple obra de Rafael Dieste [...] no ha de extrañar, a quien conozca el ámbito de su obra, y la refiera no a esquemas categóricos sino a la fiel unidad de un proceso íntimo, vital, comunicativo [...] He aquí un poeta que va cantando siempre lo de siempre, ya con versos o apólogos, ya con farsas, relatos o discursos, ya con figuras lógicas o geométricas. (Zaid 1957, 1991: 177)

¡ 39


40 ยก


A

xóuxere é un proxecto baseado na resistencia creativa e no entendemento do comunitario como proceso substancial de interligazón humana. Non obstante, para poder seguir editando precisamos uns recursos difíciles de atopar hoxe en día. Por esa razón (fieis aos nosos principios) se alguén está interesado en ter o pdf completo deste libro, e non dispón de recursos para mercar un exemplar nunha libraría ou no nosa tenda on-line, que nos escriba ao enderezo info@axouxerestream.com; sen problema enviaremos un pdf a quen o precise e non teña medios para conseguir o libro físico. Non embargantes, se podedes axudar a que o proceso Axóuxere siga funcionando, estarémosvos agradecidos de que mercásedes un exemplar. Só así outros libros coma este poderán chegar a ser editados por nós. Obrigad@s. Rianxo / Compostela, 2015

¡ 41



Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.