Lapsus. A comedia de existir saca todo o seu valor –o lume da súa intelixencia ou racionalidade– de ser unha reflexión da vida sobre a propia vida que tende nervios e ligamentos cara á carne do lector, integrándoo na grande ferida que o texto conforma e convidándoo a rexenerala mediante un tomar conciencia do rol que ten na por veces pantanosa división entre vítimas, culpables e –se tal cousa existe– cidadáns á marxe. Un dos puntos máis importantes da súa axenda pasa por denunciar o asedio que a infancia vive: esquecida, convertida en período de non representatividade, en incubadora de frustracións persoais alleas, a infancia non se atopa tan só factualmente desprovista de dereitos senón que é amordazada e reprimida por unha implacable lei de silencio que lle fai ter que asimilar a violencia exercida sobre ela como un mal menor necesario.