REENCONTRO NA RÚA
Reencontreite onte na rúa. Había moito tempo que non te vía e case non te recoñecín. Estabas moi cambiado. Pero ó mirarche dentro do peito, coma quen mira por unha fiestra, souben que eras ti. Ese truco non me falla nunca; por dentro todos sodes únicos, aínda que por fóra vos empeñedes en ser todos iguais. Por dentro segues sendo o mesmo. Aquel neno que de pequeno me afastaba a man cun sorriso cando tentaba levarte a dar un paseo. Recordas? Lembras aquela vez?
Si. No enterro do teu pai. Entón fuches ti o que me pediu que te levase e eu non quixen. Non podía. Non era o momento.
Pero non penses que me esquecín de ti nestes anos. O que ocorre é que estaba moi ocupada. Así é o meu traballo, xa sabes, sempre de aquí para alá carretando. Pero eu sabía de ti aínda que non te vise. Contáronme dos golpes que viñeron despois do noso último encontro. Das verbas ferintes no patio. Das noites de choros sobre a almofada en silencio. Contáronme que construíches unha cuncha que che escondía os sentimentos, pero non os hematomas. Eses agochábalos baixo as mangas longas no mes de maio para que non lle doesen á túa nai. Ela xa tiña dabondo, certo?
Eu sabía que che faltaba o aire, ata tal punto que nalgunha ocasión estiven a piques de saír correndo na túa procura. Porque eu sabía que pensabas en min. Que me soñabas coma o náufrago soña cun barco. Eu sabía que o teu corazón se desfacía en migallas de dor cada mañá cando suplicabas por non ir á escola. Que no recreo aprendiches a ir á biblioteca para non saír ó patio. Que a volta á casa era unha película de terror diaria contigo de protagonista, mirando sempre cara ás costas por se alguén te seguía. Que lle pediches mil veces á túa nai que deixase o traballo para ir agardarte ó saír do colexio.
E que con pesar entendías logo que ela non podía facelo.
Ás veces os contos non son o que parecen, como ser nena ou neno non é tan doado. A través destes tres (des)contos, veremos o bullying desde tres puntos de vista diferentes: vítima, acosador/a e espectador/a.
El gato ‘’león’’