A Praia dos afogados e as s煤as localizaci贸ns Club de lectura As mil e unha
historias
A praia dos afogados: lugares xeográficos UN BAR, UN PORTO, UN FARO… Panxón, vila mariñeira. Xusto Castelo e as súas nasas; o seu barquiño; a súa casiña. Panxón; unhas praias, uns bares e un porto que fan del o mellor. Ás veces, casas como a de Valverde poden chegar a estragar a paisaxe. Panxón, o lugar do crime, da historia. Aguiño, lugar de asasinato. Aquel bar gardando historias. Unha muller desexada. Uns homes co afán de desexar. A lonxa, o licitador. Peixe fresco. “Cincuenta e cinco, cincuenta e catro..”Ata o licitador sabía do Rubio. As viñas. A clave. A clave do misterio. Do crime. Monteferro, o faro. Ninguén sabía daquel lugar agochado entre as rochas. Vigo, os turistas. Leo Caldas e os seus bares. As costas. Para arriba, para abaixo: Vigo. As Illas Cíes ao lonxe, sempre coa súa brétema. Todo comeza por Panxón. Un home aparece nunha praia. Unha praia fermosa. As Illas Estelas, Monteferro, Praia América, a illa de Toralla fan de Panxón o incrible. O fermoso. Gardan o porto de Panxón. Un porto pequeniño, cos seus barquiños e cada un coas súas nasas. As praias fermosas. A brisiña do mar. A area fina. No porto, a lonxa. Levar o peixe fresco e poñelo á venda. O Rubio, coa súa casa. Casa de mariñeiro. Aguiño gardaba un bar cunha gran historia. Os catro mariñeiros tiñan parado alí para comer algo. Un pobo mariñeiro co seu porto e as casiñas acollidas. As viñas, propias da zona. O pai de Caldas coas súas viñas. Valverde e as súas viñas. Bridas que deron a clave. Viñedos costentos, que necesitan sol e calor. Parte da historia ocorre polo faro de Monteferro. O barco do Rubio aparece por alí. Por que? O faro está situado nunha punta, pero sen vistas arredor. Hai un sitio para agocharse que só os mellores mariñeiros daquela zona coñecen. Cando a marea baixa as penas aparecen, pero cando sobe desaparecen. A cámara de seguridade nas casas caras dos veraneantes. Casas ao redor da costa, todas cos seus xardíns e ben decoradas. As súas piscinas. A costa. Todos os lugares da novela están centrados en pobos mariñeiros moi semellantes. Todos teñen o seu porto (algúns máis miúdos ca outros), a súa lonxa, as súas casiñas mariñeiras e os seus bares. Os bares. O inspector Caldas é moito de cear ou parar nalgún bar. A súa soidade é o que lle permite facer. Tanto Panxón como Aguiño son dous pobos moi similares. Cada un co seu porto e as súas praias. A Illa de Sálvora. O lugar do naufraxio. O barco saía de Aguiño, do porto. A toda présa. O día tampouco axudaba. O Xurelo acabou afundido no Atlántico. A ría de Arousa, a ría máis grande do conxunto das illas das Rías Baixas, garda bonitos pobos como A Pobra do Caramiñal, Vilagarcía de Arousa e O Grove. O inspector móvese polas rías, dende Aguiño ata Panxón. Sempre se ve nun ambiente mariñeiro. Olor a mar. Olor a peixe. Dende faros ata portos. Dende bares mariñeiros ata lonxas. Pero sempre dentro do mar. Ningunha paisaxe da novela se distancia do mar. Como moito as viñas. O viño. Tanto Valverde como o pai do inspector o producían. Zonas de calor, onde a maior parte do verán dá o sol. Viñas costentas. Sempre acabando no fondo da ría. A ría de Vigo. Caldas camiñando polo paseo marítimo. E os transatlánticos desembarcando no gran porto de Vigo. Un porto a onde chegan os maiores barcos do mundo. E as Illas Cíes ao fondo. Sempre cubertas pola brétema que lle deixa o mar Atlántico. Na outra banda da ría de Vigo, Cangas e Moaña. Leo Caldas ensina o mundo do mar ao tempo que terma da historia. Xana Rodríguez , 3º A
O VIÑO NA PRAIA DOS AFOGADOS… Leo era un gran amante do viño branco. Sempre que podía ía tomar unha copa ao ``Refuxio do Pescador´´ ou ao ``Elixio´´. Claro está, o viño non asentaba ben no corpo sen unha peza de carne, uns berberechos… Caldas adoitaba sentarse nas mesas pequenas do fondo mentres gozaba do seu descanso laboral . Ao mesmo tempo que o viño se ía esgotando, a Caldas víñanselle á cabeza ideas, cousas do traballo, Alba… Todo un barullo de pensamentos que aturaba na súa cabeza. A miúdo, estas reflexións eran interrompidas por berros de persoas que xogaban á baralla ou ao dominó, ou, simplemente, polo taberneiro que lle ofrecía aquela tapa que conseguía que a Caldas lle soubese mellor cada grolo de viño que bebía. Aínda que algunhas veces non probaba bocado debido á inmersión nos seus pensamentos que non deixaban de rebulir na súa inqueda cabeza… Ás veces, neses descansos, estaba acompañado polo seu grande e fiel axudante que non vía outra solución para os problemas e os malentendidos que a forza e a agresividade, cousa que non era do gusto de Caldas. Sempre tiña que ser el o encargado de frear os impulsos do seu forte compañeiro, pois cría que a violencia só traía máis violencia; todo o contrario que Rafael. Cando se poñían a conversar mentres o viño ía reducindo o seu volume grolo a grolo, ambos miraban pola fiestra, non o mar nin o vento, simplemente como miro isto eu ou ti, para atopar solución a todas esas dúbidas que asaltaban as súas mentes xusto no intre antes de adormecer. Onde Caldas atopaba máis solucións era neses lugares, neses recunchos nos que Leo se esquecía deste mundo, saía del e entraba noutro moito máis confuso no que os pensamentos o atacaban mentres el pensaba en cousas que ao mellor, pensándoas un pouco, eran totalmente ilóxicas; pero a el isto éralle igual: simplemente buscaba a saída mais rápida para poder deixar o cárcere que nese momento era a súa cabeza e poder regresar ao mundo real. Seu pai tiña viñas, das que estaba moi orgulloso. Na finca que rodeaba a casa que estaba preto delas había un can. Segundo o pai, aquel can non era seu pero sempre andaba vagando por alí. Caldas dubidábao. Ao fin e ao cabo gran parte das súas investigacións debíallas a ese viño que tanto ben lle facía. …E O MAR A Leo Caldas o mar tamén lle axudaba a resolver dúbidas. Miralo relaxábao e aclaráballe as ideas. Aínda así, non lle gustaba moito navegar. Un día, o seu vello amigo Manuel Trabazo convidouno a saír pescar canda el. Manuel tiña un sitio perfecto para pescar robalizas que ninguén coñecía. A Leo deulle mal e tivo que desembarcar nunha pequena praia porque non se atopaba en condicións para emprender a viaxe de volta en barco. O mar para Caldas era unha forma de tranquilizarse, sempre e cando o vise desde terra firme. Pasaba moito tempo preto do mar, pois o mar rodea todos os espazos onde se desenvolve esta historia. O mar ten nela unha importancia fundamental, xa que o caso do asasinato de Xusto Castelo está relacionado con el: O Xurelo, os mariñeiros que o tripulaban… Pablo Otero, 3ºB
Bares, que lugares! Dos bares que aparecen nesta obra os máis importantes son O Elixio e O Refuxio do Pescador, que non gardan entre eles moito parecido. O Elixio O Elixio é un bar situado en Vigo, na Rúa do Príncipe. Fundouse no ano 1920 e foi un centro cultural e artístico. Nas súas paredes encóntranse pinturas de pintores tan famosos coma Laxeiro ou Lodeiro... Nel paran catedráticos, escritores, pintores. Pero tamén obreiros. En relación coa obra, O Elixio é un lugar importante da trama xa que, despois da comisaría, é o lugar en que Leo Caldas pasa a maior parte do seu tempo e reflexiona nos seus casos con Carlos, o taberneiro, que tamén ten o seu papel na obra por lle axudar a Leo Caldas a resolver o caso. Outra axuda que encontra neste bar é a dos catedráticos, que lle achegan datos de importancia para poder avanzar. É posible que O Elixio apareza na novela como homenaxe do seu autor a esa taberna de Vigo que apoiou artistas e intelectuais galegos e, moi probablemente, tamén a el mesmo. O Refuxio do Pescador O Refuxio do Pescador é un bar que se encontra na vila mariñeira de Panxón. É de tradición distinta do Elixio: nel non se reúnen artistas e escritores, senón mariñeiros e xente da vila. O Refuxio do Pescador é importante na novela, xa que é un dos lugares en que Leo Caldas obtén información sobre a morte de Xusto Castelo, no que tamén queda cos mariñeiros que vai entrevistar e onde coñece a historia do Xurelo, información que desata toda a trama. Tamén coñece alí ata que punto as supersticións inflúen na vida dos mariñeiros. Co Refuxio do Pescador, o autor encaixa a obra no ambiente mariñeiro necesario para a historia e tamén nolo fai chegar aos lectores, moitas veces cheo de medo e de supersticións. Outros bares que aparecen na obra: - O bar de Aguiño no que os tripulantes do Xurelo coñecen a Rebeca Neira. O bar de Terranova no que o Capitán Sousa ten unha pelexa cun home e emprega a macana. Iván Seco, 3ºA
A praia dos afogados Esta novela xira arredor de Vigo e tamén de Panxón, que é onde acontece a morte dun mariñeiro que vai investigar Leo Caldas. De Vigo cítanse varios lugares, entre eles: Hospital: alí está ingresado o tío do inspector Caldas, Alberte, irmán de seu pai. Aparece descrito como un hospital de cor verde. Comisaría: é o lugar de traballo de Leo Caldas. Alí ten o seu despacho, no que lle deixan un papel encima da mesa cando hai algunha nova. Alameda: nela hai nenos xogando cando Leo Caldas mira pola fiestra da emisora de radio. Rúa do Areal: está preto da Alameda, e por ela pasa algunhas veces o protagonista. Emisora: Leo Caldas, xunto con Santiago Losada e outros, realizan un programa de radio que se chama Patrulla nas Ondas. Leo é coñecido como O Patrulleiro; moita xente escoita o programa, que é moi popular. Edificios do concello: neles están os municipais, aos que Leo Caldas deixa as consultas que o público lle fai no programa de radio. UIDC: Alí investíganse as causas da morte dos mariñeiros e doutras vítimas de mortes tráxicas. Taberna de Elixio: A ela vai moitas veces Leo Caldas. Carlos, o dono, preparáballe os seus famosos garavanzos. Praza de abastos municipal: nela está a lonxa. De Panxón tamén se citan moitos lugares. Entre eles: Lonxa de Panxón: alí o licitador fai as poxas do peixe recollido polos mariñeiros: Xosé Arias, Xusto Castelo... Praia de Panxón: nesta praia aparece o corpo do mariñeiro Xusto Castelo, coñecido como O Rubio. Deste suceso nace a trama principal da novela. O Refuxio do Pescador: é un bar do porto de Panxón, ao que van moitas veces os mariñeiros, sobre todo para abeirarse os días que non poden ir ao mar. Aparecen aínda outros espazos nos que tamén se desenvolven acontecementos: Aguiño, Monteferro, praia de Madorra, illa de Toralla, Bar Puerto... Ana García, 3ºA
Bares, que lugares! Os bares e as tabernas, unha das cousas máis características da cultura galega. Lugar para degustar algúns dos manxares máis deliciosos de Galicia ou beber os magníficos viños da nosa terra. Aínda que non só serven para iso. Dende sempre, os bares en xeral serven para xuntarse e gozar dunha boa conversa cos amigos, familia, vellas amizades... Especialmente en Galicia os bares son lugar de reunión, onde se xunta xente de todas as clases sociais, dende o mariñeiro ou obreiro ata o banqueiro traxeado ou o avogado. Pero hai unha clase de persoas moi típicas dos bares galegos: “os filósofos da baralla”, aqueles homes ben entrados nos setenta anos que se dedican a xogar ás cartas e a dar leccións desa universidade que é a vida. Xente que non necesita unha carreira ou máster para falarche de política, economía ou da súa especialidade, o tempo, que especialmente en Galicia non é doado de saber se choverá ou haberá sol. Os bares galegos son unha forma máis da nosa cultura. Na novela A praia dos afogados aparecen tres bares moi característicos de Galicia que aínda estando nunha novela están tan ben descritos que parece que es ti o que está nese momento no bar. Son o Puerto e o Elixio, que se encontran no centro de Vigo e onde Leo Caldas e o seu axudante van comer; neles, o aragonés Estévez queda abraiado moitas veces polo xeito de ser dos galegos. O terceiro bar é O refuxio do pescador, de Panxón e onde os protagonistas van pescudar sobre o caso no que traballan. Os bares da novela poden perfectamente ser calquera bar galego ao que irías tomar ou comer algo, ademais de buscar, por suposto, unha boa conversa. Iván Barro, 3ºA
Están e non están: Alba, o capitán Sousa Alba, por exemplo, é unha desas personaxes que non están pero que inflúe moito na vida do protagonista da novela, o investigador Leo Caldas. Por ela (ou por falta dela) Leo Caldas traballa incluso nos días libres porque non quere chegar á casa e sentirse só. Cada vez que ve algo que fora dela recórdaa con saudade, como se lamentase non poder estar con Alba. Outro personaxe que está e non está é o capitán Sousa. Tamén el ten influencias negativas sobre personaxes como O Rubio, Valverde e Ares, pois colléronlle medo ao mar desde a súa morte, e nela vai estar a clave para resolver o crime que investiga Leo Caldas. Marcos Lozano, 3B