Reflexi贸ns sobre a novela e as sensaci贸ns que produce en n贸s
Cabalos e lobos Iván Barro 3º ESO
Cabalos e lobos é unha novela emocionante que conta un dos momentos máis importantes e, á súa vez, chocantes da nosa historia e que tanto marcaron o mundo actual: o franquismo e o nazismo. Estes acontecementos marcan a liña xeral da novela e engádenlle un valor historiográfico, mais tamén lle dificultan a lectura a quen non coñeza profundamente este período. Como pasou no meu caso, a lectura debe ir acompañada da investigación por conta allea desta etapa histórica tan complexa e intrigante. Na novela aparece aquela sociedade franquista, as atrocidades daquel tempo e a submisión masiva da sociedade. En xeral, trátase dunha obra ben escrita por un autor novo a quen a formación como periodista lle permite imprimir o seu propio selo, xuntando na novela trazos moi distintos como poden ser sentimentos, historia ou asasinatos, que a fan en certo sentido innovadora e intrigante. Aínda que nalgún momento pareza que a acción é moi lenta e pesada, é a maneira de prepararnos o autor para un final emocionante, onde solta “ a gran bomba” do asasinato do pai de Paula e da historia que este agochaba como asasino do réxime franquista. En definitiva: resultou unha lectura diferente e entretida que me agradou, quitando a necesidade de buscar información complementaria… Recomendaríalla a aquelas persoas ás que, como é o meu caso, lles guste a historia que nos rodea e as novelas de misterio e crime.
Cabalos e lobos Ana García 3º ESO Cabalos e lobos é unha novela que segundo teño entendido gustou bastante á xente que tivo a oportunidade de lela. Para min non é unha das miñas novelas preferidas, quizais debido a que iniciei a lectura pouco despois do falecemento dun tío avó meu. Igual foi por isto que non lle dei co xeito, aínda que a lin ata o final. Estando a piques de chegar á metade da novela chamoume a atención a comparación de Paula cunha poldra. Eu interpreteino como que aínda lle quedaba moito para ser egua en canto ao tema familiar: aínda lle quedaba moito por descubrir. Especialmente en relación ao pai, de quen pensaba que era un bo home; e tamén da Noite da Caída, que tanta importancia ten na obra, e da que el parecera unha vítima. Mais non o fora. Resultoume dura a lectura, polo seu contido e tamén porque coincidiu a lectura cos exames. Foron días de estrés. Véxoa agora como unha novela de contido bastante forte e moi claro. O autor conta as cousas dun xeito moi peculiar. Sorprendeume bastante a importancia da sexualidade e da violencia, que teñen moita relevancia durante toda a historia. Tamén chama a atención a cantidade de homosexuais masculinos que aparecen (Thomas, o tío Albert…), que naquela época padecían moito máis ca hoxe. Sorprendeume a linguaxe que empregan os personaxes en moitas ocasións, termos como maricón, merda… A violencia tamén caracteriza a novela; apréciase por exemplo na maneira en que actuou Ramón Costa na Noite de Caída e na maneira en que rematou esa noite, empurrando Gloria a Ramón pola fiestra despois de que Ramón estivera baixo os efectos do alcohol. Conforme eu entendín hai moitos segredos, sobre todo en canto aos temas familiares. A guerra, que é outro tema recorrente, precisa de información previa da que a maioría de nós carece. Por iso me parece moi pesado. En conxunto, Cabalos e lobos é unha novela demasiado forte en canto ao vocabulario e bastante complexa tanto para lela como para, en certo modo, comprendela.
Iván Seco 3º ESO Rodea a novela un ambiente de violencia que se manifesta tanto nas relacións persoais como nas sexuais, nas que se observan actos violentos como o encontro entre Álvaro e Ramón. Neste aspecto, predominan as relacións homosexuais, e penso que o autor intenta denunciar o trato que recibían na época en que se ambienta a obra. A violencia tamén se manifesta no trato que recibía a xente de Vigo por parte dos falanxistas, como os “paseos”, que eran en realidade o camiño cara á morte. Un punto interesante da historia é a mestura de dúas tramas distintas: a da familia Beckmann intentando ascender socialmente nun Vigo en continuo desenvolvemento, e a de Skov e a súa familia loitando por non ser descubertos e así manter a súa vida. Quedei con ganas de saber como acaba a historia de Skov e os seus fillos… Sobre a historia da familia de Paula, pareceume interesante o recurso que emprega o autor de contar a historia da familia a través dunha carta, como no caso da que lle manda Skov aos, ou a de Beckmann Álvaro a Thomas, onde descubrimos que Álvaro tamén é homosexual… Seguramente, o feito de que Thomas sexa homosexual impulsa a Álvaro a escribir a carta para axudarlle a que non cometa os mesmos erros que el cometera e o levaran a vida triste que tiña. A parte máis complexa da novela foi para min a continua incorporación de datos históricos que, ao meu ver, non resultan necesarios para a trama. Interesoume moito, en cambio, o complexo personaxe que é Gloria Beckmann. A súa maneira de actuar explícase ao final da historia coa morte de Ramón, que cambiou a súa forma de ser. Tamén Bruno me parece un personaxe relevante, pois sen el a obra sería completamente diferente. Sen Bruno posiblemente ninguén chegaría a coñecer a homosexualidade de Álvaro, e Ramón Costa non tería ese final tráxico.
Sobre Cabalos e lobos Claudia Mangas Alvite 3º ESO Penso que esta obra pode ser interpretada de moitas maneiras. Eu enténdoa como un relato da vida da familia Beckmann, a través da que se conta a conflitiva situación política do país, de forma que se fai referencia ao exterior; pero á vez afonda nas vidas de cada membro da familia, facendo alusión ós momentos de intimidade e sexualidade, o que chama moi especialmente a atención do lector mozo. Houbo unha cousa que me fixo, quizais, máis pesada a lectura: ás veces o autor é excesivamente minucioso, cando non faría falta escarvar tanto nin alongar as descricións nalgúns momentos… Entre tanta explicación podes chegar a perder o fío da lectura. Tampouco me gustou moito o inicio da novela, xa falando do suicidio do pai de Paula cando ela era tan só unha nena, porque se trata dun momento moi traumático e aínda non se sabe nada do ocorrido realmente no incidente. O que me gustou moito foi o misterio que lle dá en moitas ocasións á trama, como por exemplo no momento en que se fala da foto familiar, na que ninguén está mirando á cámara, como se ninguén da familia tivese existido xamais. É moi curioso tamén que a protagonista non coñeza para nada o pasado da súa familia por parte de nai. É unha novela difícil, pero á vez moi interesante, polo menos para min, porque me gusta ter información sobre a situación política de hai uns anos. Chamáronme moito a atención as citas en diversos idiomas que aparecen continuamente na obra. Recomendaría esta novela a outras persoas; iso si, con algúns anos is ca min para a súa mellor comprensión.
LER CABALOS E LOBOS Marcos Lozano 3º ESO
Chovía aquel domingo 10 de maio, e eu buscaba con que pasar o tempo. Decidín poñerme con Cabalos e lobos, novela recomendada pola nosa profesora do club de lectura. O caso é que xa desde as primeiras páxinas me causou gran expectación: era moi triste como aquela cativa quedara orfa de pai… Cando levaba lidas unhas dez páxinas, chamoume meu pai para que lle fose axudar. Deixei a lectura e fun para xunto del. Todo o día lle estiven dando voltas á historia daquela cativa que quedara sen pai. Pensaba en como sería que a min me faltasen os meus, e agradecía telos ao meu carón. Como aquela semana tiña moitos exames, decidín deixar a lectura para poñerme a estudar; foi ao final da semana seguinte cando retomei a lectura, pois estaba máis libre e dispoñía de tempo para ler. A novela era interesante e facía que un non parase de lela para saber máis e máis da vida da familia protagonista. Pouco a pouco fun sabendo como realmente fora a morte de Ramón, e souben tamén que realmente aquel home non era o que parecía e que así non daba tanta pena a súa morte. Fun sabendo cousas sobre a mai daquela cativa que incluso ela mesma descoñecía; ao mesmo tempo eu pensaba se miña mai tería comigo segredos así, como Gloria os tiña con Paula, aínda que descartei tal posibilidade. Sentín moita pena por Thomas, por como a xente se ría del por lle gustaren os homes, e por ter que ocultar os seus sentimentos, así que me agradou saber que seu tío tamén era homosexual e que o apoiaba. Na carta que o tío lle manda a Thomas desvélanse moitas cousas sobre a súa familia. Deume por pensar se a miña tamén gardaría segredos sobre o meu pasado; pero non me pareceu oportuno preguntar nada, xa que igual que lle pasou a Thomas, tamén a min me ha chegar o tempo de saber o que haxa que saber. Rematei esa semana a lectura da novela. Recoméndoa. Eu lereina outra vez con máis calma para entender mellor os detalles da familia Beckmann.
Cabalos e Lobos Xana Rodríguez 3º ESO Abraiada. Impactada. Como sentir un choque no medio dos meus pulmóns; coma Paula, protagonista desta novela de historias verdadeiras sobre a cidade de Vigo, sobre a Alemaña da guerra, sobre verdadeiros criminais que deixaron marcas en grandes familias. Como Fran P. Lorenzo pode chegar a meterse no teu interior, a buscarche una cavidade dentro do teu corazón que nin ti sabías da súa existencia? Como sabe enlazar historias, onde unhas sen as outras xa non terían sentido… Un estilo narrativo que chega a deixarte sen alento, que che fai levantarte por un vaso de auga. Esta novela ensina o dito “os pequenos detalles marcan a diferenza”. E Cabalos e lobos recrea o dito. Unha novela na que todos os detalles se encadran uns nos outros, que ti mesmo descobres o significado real da palabra sufrir. Temas da novela que causan impacto. O autor intenta facerche ver as duras condicións da época, o verdadeiro sufrir, o medo. Parécenos que nestes tempos algo pequeno e sinxelo xa nos pode provocar receo. Nas épocas de agora receo? Riría Álvaro de escoitar estas palabras. Aquilo si que era medo. Ter que gardarse en sitios que nin sequera tiñan existencia. Inmensos desprezos. Cheguei á casa e dixen: “Avó, todo isto era real?” Conteille a meu avó o argumento da novela, a fuxida a América, situacións como a de Thomas na época. Dixo meu avó: “Non me contes máis, que ben sei como acaba. Estaban agochados. Non saían ao mundo por medo.” En dous ou tres anos quero ler outra vez Cabalos e lobos. Terei xa máis información, e con ela hei descubrir os pequenos detalles que Fran P. Lorenzo deixou escritos para rapazas coma min. Un libro que quedará gardado nun recuncho do meu corazón, que marca historia.
Cabalos e lobos Pablo Otero, 3º ESO Cabalos e lobos é unha novela que deixará unha marca na miña memoria. Produce sorpresa nun grao moi elevado, que fai que o lector páxina a páxina se vaia metendo dentro da obra. Ensínanos que as cousas non sucederán como se cre, que a caixa do futuro ten no seu interior unha morea se sorpresas que, desde logo, poden cambiar a nosa vida para sempre. Non se trata dunha novela doada de ler, porque contén moitos datos difíciles de analizar que van introducindo a historia; pero eu xa lin neste club de lectura outros libros que fixeron que me acostumase aínda que só fose un pouquiño a esa literatura que non len nenos de menos de doce anos, literatura complicada que fai que un ás veces se desespere. Lina tranquilo e relaxado na miña cadeira, arredor das nove da noite, xusto antes da cea. Necesitaba que non houbese ningún ruído para poder poñer o meu cerebro a funcionar ao 110% para poder ir descifrando e esmigallando pouco a pouco os datos que Fran P. Lorenzo decidiu introducir nesa complexa historia. Comezaba a ler, e axiña sentía que me transformaba nun personaxe da novela. Un personaxe que ve a preocupación de Paula, a mocidade de Thomas e as escenas homosexuais que transcorren durante a obra… Coma se eu fose quen de dominar os personaxes e de facerlles sentir unhas cousas ou outras. Eu era un rapaz que podía ver a novela en primeira liña, que sentía o que os personaxes sentían. Mentres lía, miraba pola fiestra do meu salón, intentando debuxar nunha nube as súas caras. Lía unha páxina, entendíaa… Pero o medo apoderábase de min; o medo que desde fóra non ves que o é , pero que unha vez che entra na cabeza sabes que en realidade aí está: medo a non entender a seguinte palabra, a seguinte liña, o seguinte parágrafo... Un medo que aprendían a superar a medida que avanzaba a lectura, xa que me decatei de que moitos datos que ían aparecendo e que non entendía se completaban máis adiante. Por iso non lles hai que ter medo, hai que deixarse levar e agardar as sorpresas que as páxinas agochan. Así que simplemente agardaba; agardaba con ansia a páxina que me explicaba o por que de moitas cousas: do suicidio, de toda a novela. A historia comeza dun xeito e remata doutro totalmente diferente; moito me agradou e me sorprendeu a habilidade do autor para logralo. A lectura de Cabalos e lobos fixo que aprendese a sentir unha novela. Para min, gozar desta obra consiste máis en deixarse levar e imaxinar as posibles solucións que teñen os problemas que aparecen que en intentar descifrar pouco e pouco os datos. Non se hai que obsesionar con entender todo polo miúdo, simplemente se debe fluír coas palabras e entrar no mundo imaxinario que temos e do que só nós somos donos. Decateime destas cousas cando xa remataba a lectura… Cabalos e lobos, fermosa e complexa novela.
Cabalos e lobos Nadia Lorigados, 3º ESO Comecei a ler esta novela poucos días antes da reunión do club de lectura; un sábado, se ben me acordo. Era noitiña; para min, o momento de inspiración do día. Lin e lin ata que cheguei á páxina 100, onde remata uns dos capítulos desta historia da familia Beckmann. Aí adormecín. Mentres lía aquelas páxinas decateime de que ao comezo a novela é como unha pequena introdución que avanza de forma resumida o que vai acontecer máis adiante. Despois, cando retomei a lectura, xa me introducín capítulo a capítulo nos segredos da cada membro da familia: o pai fuxitivo de Thomas, o xeito da nai de tocar o piano en coiro… E tamén na historia dos avós de Paula, alemáns que chegaron á costa de Vigo para lles poder dar unha vida digna aos descendentes. E rematei imaxinando a arquitectura do edificio no que vivían, construído ao gusto dos Beckmann por un dos mellores arquitectos do momento. O domingo, xa tarde e como non adormecía, acordeime do libro e de que ao outro día tiña lugar a reunión do club, así que me puxen a ler outra vez. Empecei a ler un capítulo, e logo outro e outro… e non puiden parar ata rematalo. Desta volta, o irmán de Paula relátalle a Thomas con puntos e sinais a ¨historia oficial”; a historia que tanto quería dicirlle Paula ao seu fillo, pero que súa nai e seu irmán se negaban a contar. Mesmo lle conta a súa sexualidade. Nese relato, decateime de que o lido anteriormente non contiña os maiores segredos da familia Beckmann: estaban aquí. Todos estes segredos foran ocultados debido á seguridade, xa que de saíren á luz, algúns deles non poderían contar esta historia.