A casa dos Lucarios

Page 1

A casa dos Lucarios e as historias familiares


A casa de Zoñán Pablo Maseda Todo empezou, como ben di o título, en Zoñán. Alí miña bisavoa tiña unha casa; unha casa que aínda hoxe se segue mantendo. Alí naceu, alí se criou, alí morreu. De pequena, gustáballe ir visitar o castro e xogar cos nenos que vivían por alí. Cando xa foi medrando, ía aos mozos; pero non á discoteca, máis que nada porque daquela non as había. Logo encontrou a meu bisavó. Un home aposto, forte e, como non, guapo. Non tardaron moito en ter o primeiro fillo, nin o segundo, nin o terceiro... Eu sempre pensei que antes moito se aburrían! Claro, ao non haber nin televisións nin móbiles, algo terían que facer, non si? Á primeira filla chamáronlle Algira, e nun principio, foi a que quedou coa casa. O segundo, Juan, quedou alí ata os trinta anos, que foi cando marchou para Barcelona; como non, foi buscar a vida. E a terceira filla foi Isabel, que co tempo se converteu en miña avoa. Algira non casou, así que quedou en Zoñán coidando o gando e as pitas; pero agarimo non lle faltou, xa que miña avoa ía visitala todas as semanas. O meu tío avó, o pobre, tivo que marchar en busca de traballo, e tamén de muller. Viña a Zoñán todos os anos, case sempre polo verán, facerlles unha visita a Algira e a Isabel. Sempre marchaba moi triste porque sabía que fóra non encontraría o amor que lle daban alí as dúas irmás. Agora imos ao importante: miña avoa. Isabel ía á praza de abastos para vender o que lle sobrara da semana: patacas, ovos, algún froito seco que recollía polas mañás cando ía traballar... Todo para levar diñeiro á casa; ela aforraba, xa que sabía que algún día encontraría a súa media laranxa. O que non sabía, era que a encontraría máis cedo do que pensaba. Coma un domingo calquera, estaba no mercado vendendo as colleitas cando por alí se achegou o home que quedaría na súa casa e que estaría con ela no bo e tamén no malo. Chamábase Ramón. Estiveron falando un bo anaco, pero ela seguía sen decatarse de que sería o seu home, o meu avó. Cando por fin se coñeceron mellor, xa foron amigos; pero como todo o mundo sabe, o roce fai o amor. Cando se quixeron dar conta, xa estaban vivindo os dous na mesma casa, en Zoñán, tendo xa todo planificado para seu futuro e para o dos seus fillos. Non tardaron moito en teren o primeiro, pasoulles como a miña bisavoa, e puxéronlle Juan. Este primeiro fillo ía converterse en meu pai. Á segunda, chamáronlle Marisol; á terceira, Margarita; á cuarta, Mónica; á quinta, Rocío; as


sextas, eran xemelgas e chamáronlles Teresa e Ana; e, ao sétimo e último, Jesús. Hai que ter boa gana. Agora xa sabedes de onde lle vén o alcume de Zoñán ao meu avó... Chegou un momento en que non cabían todos na casa e tiveron que mudarse aos Remedios. Xa alí, decidiron instalarse nunha casa que había en venda, que era bastante grande para meter dez persoas. Calquera se acorda do nome de dez fillos, así que meus avós decidiron poñerlles alcumes: Tó, Maca, Marmota, Pan, Pez, Lupa e Jesu. Meu pai non deixou, pois xa era mozo e non lle gustaba andar con xogos de pequenos. Os nenos pasaron de ir xogar ao “campo da festa” a ir ás mozas e aos mozos. Meu pai, loxicamente, por ser o maior encontrouna primeiro. Coñecéronse nun bar de Mondoñedo, no que traballaba miña nai, Elvira. Meu pai ía ao final da semana tomar un viño cos amigos. Fóronse vendo máis a miúdo, e decidiron dar o gran paso: formar unha familia. Compraron casa e casaron; despois de nove meses, nacín eu. Viviamos na Rúa do Pomar, pero cando cumprín os tres anos, mudámonos ao barrio dos Muíños de Abaixo, onde actualmente estamos. Foron casando as miñas tías e nacendo os meus primos: Diego, Carolina e Ainoa. Eu sentíame un pouco o xefe, ao ser o maior, pero tamén era un pouco mandón. Tres anos despois naceu miña irmá, a quen lle chamamos Zaira. Foi unha leria escoller o nome, xa que non nos dabamos posto de acordo. Despois dela aínda naceron outros dous primos: Amaya e Hugo. Zaira lévase moi ben con eles, xa que son os máis pequenos. Antes non o dixen pero xa o imaxinaredes: se a meu avó lle chaman “Zoñán”, a min como me chamarán? “Zoñán pequeno”; exacto. Xuntámonos toda a familia polo menos unha vez ao mes e facemos unha gran comida. Tamén nos xuntamos nas festas, xa que meus avós viven case ao lado do Campo dos Paxariños, que é o lugar onde se celebran as festas. Somos case trinta para comer, meu deus! Pero a familia que teño encántame, non a cambio por nada. Aínda que estean todo o día berrando e discutindo, son a miña familia: miña, só miña.


A VIDA DOS OTERO Xoel Otero Xesús Otero e mais Xosefa viviron en Condomiña (Lourenzá) dende que casaron aló polo ano 1925, e dedicaron a súa vida á labranza e a criar os seus cinco fillos; ser foran seis, pero Suso morreulles aos quince anos de leucemia. A vida non lles foi doada para sacar adiante tanto cativo; entre eles estaba meu avó Rosendo Otero, que era o máis novo. Todos foron moi emprendedores. Tres emigraron a Suíza e a Inglaterra, aínda que cos anos volveron ao seu país. Meu avó foi un dos que non emigrou e primeiro dedicouse a recoller leite polas casas, despois foi transportista e, xa por último, puxo unha panadería. Coñeceu a Remedios, miña avoa. Casaron e tiveron tamén cinco fillos; un deles vén sendo meu pai, Xosé Otero. Dende moi novo traballou na panadería de meu avó, que hoxe rexenta xunto cos meus tíos Suso e Mino. Un día pola festa dos Remedios de Mondoñedo coñeceu a Sandra, unha rapaza de Arante que había ser miña nai. Namoráronse e foron mozos varios anos, mentres ela estudaba en Santiago. Cando Sandra rematou a carreira decidiron casar e vivir en Lourenzá, onde tiña casa meu pai. Uns anos despois cheguei eu a este mundo para darlles guerra e acabarlles coa tranquilidade, xa que o primeiro ano non souberon o que era durmir dúas horas seguidas. Aquí vos deixo unha parte da historia do que foi e é unha parte da miña familia.


Os Artiaga Miguel Hermida Meus bisavós, Ramón Artiaga e Consuelo Barro, emigraron a Arxentina sendo moi novos. Alí, en Bos Aires, montaron unha panadería que chamaron “Panadería Artiaga”, que aínda hoxe conserva o nome. Alí naceu meu avó, Pedro Ramón Artiaga Barro. En canto puideron, regresaron a Mondoñedo e meu avó, con 16 anos, viuse obrigado a participar na Guerra Civil, que lle deixou como recordo unha bala no peito. Pasou a súa vida a cabalo entre Bos Aires e Mondoñedo, pois o seu traballo estaba en Arxentina e a súa familia aquí. Nunha das súas viaxes a Galicia, coñeceu a miña avoa, Mercedes, coa que casou e marchou de novo para Arxentina. Foron en barco dende Vigo, onde almorzaron con Alvaro Cunqueiro, veciño e amigo deles, que traballaba naquela época no Faro de Vigo, onde publicou nas noticias de sociedade: ”Mi amigo Moncho Artiaga y su encantadora esposa embarcaron hoy hacia Buenos Aires”. Meus avós só viviron uns meses en Arxentina, pois a empresa na que traballaba el propúxolle ir de delegado para Río de Xaneiro. Alí se instalaron e viviron seis anos, e alí naceron meu tío Ramón e miña nai Merche. En 1966 en Río de Xaneiro había moitos conflitos e violencia nas rúas. Miña avoa, con dous nenos pequenos e outro por nacer, tiña moito medo, decidiron voltar. En Mondoñedo quedou miña avoa cos seus fillos, pero meu avó aquí non tiña traballo. De novo volveu a Bos Aires, onde morreu sendo miña nai e meus tíos moi pequenos. Foi enterrado alí.


De onde veño? Itziar Verdes Esta historia comeza cunha muller chamada Rosita, que tivo cinco fillos: Adolfina, Rosiña, Anita, Maruxa e Eladio. Rosita criou os seus fillos xunto co seu marido. El era mariñeiro, así que podía ser que se fose da casa e non puidese volver ata moitos meses despois. Non tiñan moito, pero o que tiñan dáballes para vivir. Os seus fillos foron medrando, casando e tendo os seus propios fillos. O tempo pasaba para todos, e Rosita tamén ía envellecendo. Cando xa precisou axuda, atendeuna a filla que levaba o seu nome, Rosiña. Ela e mais Cristino coidaron de Rosita ata o día da súa morte, en 1982. Faleceu dun infarto ao corazón con 102 anos. Mentres, a súa filla Adolfina casara con Manuel aos 17 anos. Con 18 tiveron a primeira filla, María Isabel, Maribel para seu pai. Dous anos despois naceron cunha hora de diferenza Manolo e Rosa, xemelgos. Maribel recibiu os novos e pequenos inquilinos cos brazos abertos. Pasou un ano ata que naceu Pilar, que desde moi pequena mostrou un gran talento e devoción pola lectura. Os irmáns xogaban con ela coma se fose unha boneca. Que sabían eles dos bebés! Pasaron tres anos ata o nacemento de Fina, a máis pequena dos cinco irmáns. Fina e Maribel estiveron moi unidas ata a súa adolescencia. Os irmáns foron medrando, tiveron fillos. Pero Rosa tivo unha vida especialmente dura. O home co que casou tamén se chamaba Manuel, e marchaba da casa seguido dicindo que ía buscar traballo. Pasaba días e meses sen pasar pola casa. Rosa sentía un gran baleiro no seu interior. Dous anos despois de casaren tiveron a súa primeira filla, que chamaron Begoña polas flores que medraban no seu xardín. Cando Begoña cumpría un ano, Rosa soubo que estaba embarazada de novo. Ela e mais Manuel quedaron moi contentos. Houbo complicacións, e cando a Rosa lle chegou o momento de dar a luz, o seu pequeno bebé naceu morto. A Rosa colleu depresión: o seu fillo nacera morto e o seu marido volvera marchar da casa. Non chorou, non o abandonou todo. Saíu adiante coa súa filla.


Un ano despois volvía estar embarazada, pero non estaba segura de querer ter outro fillo. Os meses pasaron e Rosa deu a luz. Era unha preciosa nena co pelo da cor do trigo, os ollos coma o mel e a pel tan branca que parecía de porcelana. A nena tamén se chamou Rosa, como era tradición na familia. Cando tiña 7 anos, o seu pai volveu desaparecer. A ela non lle importou moito, pois xa estaba afeita a que se fose durante meses. Pero daquela vez non volveu. Rosa era unha nena moi travesa e impaciente, e súa irmá Begoña moi tranquila e pausada. Á mai das pequenas afectoulle moito a marcha de Manuel e volveu a depresión. Pasaron os anos, Rosa e Begoña casaron. Rosa foise da casa co seu marido Miguel, e Begoña quedou nela. Rosa tivo unha filla pouco despois de casar, e a súa nai púxolle o nome: chamoulle Tamara. Canda ela naceu a súa prima Sara. As dúas nenas parecíanse moito: tiñan o cabelo castaño, a pel da cor da oliva e os ollos negros coma a noite. Dous anos despois a Begoña tivo un neno que naceu prematuro. Puxéronlle Alex, que tiña a pel branca e era de pelo negro coma o carbón; os seus ollos tiñan a cor do mel, coma os de súa tía. Tamara e Sara xogaban con Alex coma xogaban Maribel, Rosa e Manolo coa Pilar. A Begoña un ano despois enxendrou outro pequeno a quen chamaron Héctor. Parecíase moito a seu irmán, pero este tiña os ollos castaños, grandes e profundos. Os dous irmáns levábanse especialmente ben. Tres anos despois Begoña tivo outra filla, Paula, unha meniña fermosa, co cabelo da cor do sol, a pel morena e os ollos escuros. Alex e Héctor, os seus irmáns maiores pelexaban por xogar con ela. Mentres Begoña tivo os fillos, á súa irmá Rosa pasáronlle unha serie de acontecementos. Cando Tamara tiña dous anos, Rosa e Miguel separáronse. Miguel desapareceu e Rosa foi vivir con súa mai. Meses despois, Rosa encontrou un amor da adolescencia. Víronse, saudáronse e foron tomar algo pola Coruña. Coñecéronse máis de cada vez; namoráronse máis de cada vez. Sete anos despois, Rosa quedou embarazada. Un día, encinta de sete meses, encontrouse co pai, a quen non vía dende había vinte e tres anos. Este suceso contoullo a súa mai, e ela calmouna. Non o viu máis. Cando Rosa tivo a pequena todos quedaron algo sorprendidos, porque tiña o pelo roxo, os ollos castaños e a pel branca. Nacera Itziar. Catro meses despois, Rosa e Checho foron vivir a Abadín. Tamara e Itziar medraron. Cando Tamara tiña vinte e un anos e Itziar doce, a mai colleu unha depresión que vai superando pouquiño a pouco, coa axuda do seu marido e das súas fillas...


HUGO RODRÍGUEZ PARDO 1º ESO B Chámome Hugo Rodríguez Pardo, vivo en Lourenzá e quero saber quen foron os meus devanceiros máis próximos. Para iso falei con miña avoa paterna e con miña nai. Miña nai é Josefa María Pardo Torres, Josiña, que naceu en Mondoñedo. É a terceira filla de Carmen Torres Loureiro, Carmiña de Chaparrita, e de José Manuel Pardo Gil, Manolo de Xampardo, ambos de Mondoñedo tamén. Carmiña naceu no barrio da Fonte Vella e era filla de Josefa Loureiro Piñeiroa e de Ricardo Torres Fernández, que tiveran 9 fillos. Josefa tiña un comercio de ultramarinos e mais taberna, e Ricardo era tratante de gando, coñecido en toda a bisbarra como Chaparrita. O alcume víñalle dunha canción que cantaba despois de vir de Cuba, onde estivera emigrado, e por ese nome se segue coñecendo toda a familia. Meu avó Manolo era fillo de Adoración Gil López, Arón de Chiras, e de José Ramón Pardo Cabanas, José Ramón de Xampardo, tamén de Mondoñedo. Dedicábanse á venda ambulante de froitas e de verduras, e cando non tiñan mercados utilizaban o camión para faceren viaxes para outra xente. Viñeron anos duros e meus avós tiveron que emigrar a Suíza para axudar á economía familiar. Botaron aló sete anos, e cando volveron miña avoa traballou de cociñeira no colexio e meu avó exerceu de policía municipal. Meu pai é Martín Rodríguez Gasalla, fillo de Amanda Gasalla Gasalla e de Donato Rodríguez Loredo, Sinio de Cabaleiros.


Amanda naceu en Bretoña e é filla de Felicitas de Estevo e de Juan da Grandela. Felicitas era filla de Flora e de Ramón de Estevo, e Juan era fillo de Antonio e de Remedios. Exerceu de mestra nos colexios de Lourido (Galegos), Fórnea (Trabada), Cabarcos (Barreiros) e Lourenzá. Actualmente está xubilada. Donato naceu en Lourenzá, no lugar coñecido como Cabaleiros, de aí o seu alcume. Era fillo de Ánxela e de Juan Antonio. Ánxela atendía a casa e tamén o muíño cando faltaba o seu home. Donato dedicouse sempre ao cultivo de árbores froiteiras e ornamentais, seguindo co negocio que empezara o pai. Continuando a tradición, meus pais teñen un centro de xardinería en Lourenzá no que venden todo tipo de plantas e todo o necesario para facer un xardín. Ata aquí conseguín datos da historia da familia.


A CASA DE RIBAZO Celia Reino – 1º ESO Vou visitar os meus devanceiros no diminuto barrio de Condomiña. Iniciareino leriando na casa de Bernardo do Penedo, que seguro que me divirte co seu abrigoso carácter de gaiteiro e, se coincide, tamén me presentará a filla que acaba de casar. Porque Susa non foi lonxe buscar rapaz, senón que foi dar co de ao carón: é Xesús, o fillo de Pedro do Manco. Como eran veciños, xa se botaran o ollo. Nesta casa naceu a filla da nova parella, á que chamaron Nati. Nati pasou alí os seus primeiros aniños ata que, pola falta de espazo, a familia tivo que deixar atrás o lugar no que residían para faceren vida nunha descoidada casa preto da antiga. Este novo fogar foi mellorando. As reformas foron posibles grazas ao traballo co que resistía o home da casa, que andaba de aquí para acolá repartindo graos de café, aínda que isto non quere dicir que Susa pasase o día rascando o bandullo: coidaba as galiñas, os cochos e a Paloma (a besta), e tamén realizaba as tarefas do fogar. Xunto coas remodelacións chegou tamén a última e a máis nova rapaza da familia, Pepita. As dúas irmás medraban coma as outras nenas: ían á escola, xogaban, bailaban e cantaban... Ata aprendían a coser dirixidas por María, a veciña máis próxima e máis agarimosa. Co paso do tempo, Nati e Pepita casaron cos seus correspondentes noivos (Manolo de Patán e Manolo de Ribazo), e cada parella foi para un lugar: Pepita e Manolo foron para máis lonxe, pois instaláronse en Ferrol; e Nati e Manolo achegáronse ao centro da vila. Logo das mudanzas, viñeron os fillos: Chus, Ana e Manoliño. Chus, a única descendente da filla maior, ía ao colexio primeiramente na escola de Lourenzá, ata que seus pais decidiron que continuase os seus estudos en Foz; Nati traballaba nunha tenda que a xente coñecía como O Bazar. O Bazar chegou ao seu fin, a Boutique Nati aos seus comezos. Logo chegou un rapaz cun forasteiro acento que volvía a terras galegas, xa que era descendente de galegos que tiveran que marchar para Bos Aires. O mozo chamábase Fabián e axudáballe no traballo a Xesús. Chus non tardou moito en ser conquistada polo seu estrafalario acento arxentino. Casaron e foron vivir a un novo edificio que mandara construír Manolo de Ribazo; alí naceu Fátima, e cinco anos despois chegou Celia, que viña coas ganas de quitarlle o posto da pequena da casa...


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.