2 minute read

a gorida do artista José Ramón Morquecho

José Ramón Morquecho: “É indispensable que a pintura, ademais de ter calidade, emocione aos que a contemplan”

@oscatrogatos Por Marisa Calderón

Advertisement

Hoxe ábrenos as portas da súa gorida un gran pintor, un home que leva toda a vida entregado á arte, á cultura e sobre todo á pintura.

Pouco queda que dicir deste artista, xa recoñecido pola súa obra como un dos representantes da pintura galega contemporánea.

“ Gústame vivir en simbiose coa natureza, sentila e pertencer a ela coma se fora un lique nas árbores”

Morquecho é home inquieto, achegado e alegre. Engaiola co seu discurso intelixente e atinado sempre.

Naceu en Pontevedra nunha familia numerosa de once irmáns, e cunha bagaxe artística mesmo pola parte do seu pai que da súa nai.

Desde neno foi educado polo gusto pola actividade artística, e xa aos once anos presentou a súa primeira obra que expuxo no Carballiño.

Cóntanos que cando rematou o bacharelato decidiu dedicarse á pintura e compaxinala con diferentes traballos, entre eles como empregado de banca. Pero sempre soubo que a súa vida tería un obxectivo claro, a arte.

Viaxou, xunto coa súa dona por España e polo estranxeiro, nutríndose do que vía en museos e exposicións doutros artistas. Fálanos dunha fermosa viaxe por Finlandia, na que namorou desa luz do frío, que reflectiu na súa obra.

A obra de Morquecho é unha obra singular, propia, que se inventa e se reinventa, na pescuda dunha identidade propia e irrepetíbel.

Cóntanos que na súa primeira xuventude investigou sobre a figura humana, debuxando e pintando escenas de denuncia social como é propio das inquedanzas da xente nova. Viviu durante dous anos xunto coa súa muller, coa que ten un precioso e duradeiro proxecto de vida, en Berlín, onde pintou as paisaxes de neve e inverno desa cidade.

Morquecho é un namorado da natureza, das paisaxes do Courel, que ten representadas en numerosas obras. A mancha das súas pinturas emociona, transmite a simbiose co espazo natural que experimenta cando traballa cos pinceis.

Como mente inquieta que é, Morquecho tamén deseña obxectos artísticos: lámpadas, zapatos, mobles…, ademais de escribir poesia. Todo o que teña que ver coa arte forma parte do seu mundo particular.

Despois de moitos anos sorprende gratamente que siga traballando con paixón por atopar un dialogo persoal co que lle rodea, ser un lique das súas paisaxes, pertencer dalgún modo á contorna natural.

O seu último proxecto está en marcha, unha macero exposición que contará con máis dun centenar de obras e que se poderá contemplar no Pazo da Cultura de Pontevedra. Esta mostra vai estar comisariada pola súa filla e nela tamén expoñerá os seus obxectos de deseño e algúns dos seus poemas.

Poderíamos dicir moitas outras cousas da obra e do artista, pero como a súa pintura fala por si mesma, calquera palabra máis enmudece ao seu carón.

Pincha Revista de Gastronomía & Cultura

Pincha Revista de Gastronomía & Cultura

This article is from: