4 minute read
na Compostela da ‘Era Covid’ de bares con jessi O tardeo está de moda
from Revista Pincha 18
O tardeo está de moda!
Jéssica Pintor Por @jpintorybarran
Advertisement
Non o sabiades? Pois si, queridiños. O tardeo está de moda! Xa sei que moitos quereriamos permanecer estoicos e pardos como polas noites todos os gatos… Pero a realidade é que as complicacións da vida, a idade, formar una familia, os horarios, os traballos e esas dores nos cadrís, fan que algúns gatos decidamos pasar un bo rato de ocio e pasmar -tamén- á solana, pola tarde! Ou por que non… Facelo todo!
Compostela por iso ofrece alternativas para todos os gustos e para todos os perfís! Gústache a hora do vermú cos amigos? Pois en A Carrilana a terraza préstase para prolongala ata a hora do xantar ou máis. Gústache xantar en familia? Pois velaquí un recuncho tamén onde prolongar comida e a sobremesa cun preparado ata que case escureza! E é que a tarde ten una chea de horas e este bar un montón de opcións, precisamente para os que queremos compartir un tempiño de día e escoitar boa música, comer algo diferente, beber unha copa, conversar e gozar de bo ambiente.
Natalia Devesa que é picheleira de verdade, nacida na Troia, (canto me justa atoparme con esta especie que ás veces parece en perigo de extinción), comezou traballando na noite, para pagar os seus estudos universitarios, e botou 14 anos en total! Moitos a coñeceríades mentres estivo na Sónar. E de repente botouse á aventura de rexentar o seu propio bar! Aquí chegamos á Carrilana, ao que lle deu una volta de reloxo e a vestiu: tamén de tarde! E que xa cumpriu un aniño nas súas mans, o 27 de xuño pasado.
Entre as novidades deste local ben coñecido en Santiago hai un cambio de imaxe e unha renovada carta con un prato típico hawaiano! Unha delicia que tanto vale de brunch, coma de comida... Ben de merenda, ben de cea e ben recomendado! (Falo disto primeiro porque xa sabedes que me perdo pola panza).
O poke era un alimento típico dos pescadores en Hawai. Ao principio só tomaban o peixe mariñado con lima, pero despois coa influencia xaponesa foron engadindo ingredientes. Cortado en tacos, é un prato frío. E é o prato estrela de Natalia na Carrilana! O confinamento deulles para elaborar ata oito opcións. “Levan unha base de hidratos de carbono: quinoa, arroz, distintos brotes ou leituga; á parte de proteínas: salmón, atún, polbo ou polo e elixes ti os vexetais. Nós temos oito opcións fixas, pero logo podes facer ti o poke e combinalo como queiras. É súper saudable e ten todos os complementos para ser unha comida única e está tendo moito éxito!”, apunta. Porque oes, un poke ao teu gusto, acompañado dun preparadiño, un cóctel, unha copa, un vermú, uns xeíños logo!... Presta que nin Dios e pasas un ratiño da tarde aquí tan ajustiño!
Pero tamén ten almorzos elaborados “deses pensados para que te manteñan ben (ou sexa: dos meus! Risas). Potentes, vaia! Para que aguantes ben ata mediodía ou máis tarde. Un brunch que lle chaman agora, un almorzo tardío. Aquí podes facer o teu propio almorzo, elixindo con que. Temos zumes naturais, feitos no momento, por exemplo de arandos, mazá e xenxibre ou de remolacha, mazá, menta, xenxibre e limón; café ecolóxico; smothies, como o de amorodo e plátano; cuncas de granola, cereais ou froita, como unha de granola, iogur grego, mel e mango ou de cereais. E logo ven algo máis consistente, como as torradas e os ovos revoltos, neste apartado temos dende pan tostado con tomate, aceite ou marmelada, á famosa torrada de aguacate con ovos pochados ou a Benedict, que leva unha base no pan de falso guacamole (aguacate machucado con cebola picada) e ovos rustridos con salsa Benedict, que é unha salsa holandesa crúa que a facemos en sifón e está súper rica”.
A Carrilana tiña fama xa para o copeteo de noite, pero Natalia fíxose un oco nas axendas compostelás, para unha copa de mediodía ou a das cinco da tarde, mentres os teus meniños corren pola terraza ou mentres charlas coa túa parella ou compartes con amigos un xantar. “Temos unha carta pequena, con pratos perfectos para acompañar o vermú, centrámonos e produtos ecolóxicos, en comida saudable. Porque dende o principio pensamos que o local é un sitio perfecto para tomar unha copa de tarde. O tardeo é para o todo o mundo! Dá igual a idade! De 16 a 70”. Rimos.
Xa vos digo que o confinamento a Natalia serviulle para investir e jastala cabeciña para ter novas ideas, entre elas renovar a carta, poñer en marcha a web, o servizo a domicilio dos pokes, o servizo a domicilio dos brunchs, “que van nunhas caixiñas moi bonitas, preparadas, con cuncas de porcelana”. E para seguir traballando, para enfocar máis o bar no día. A Carrilana retomará a actividade cultural e musical que puxo en marcha dende que colleu o local. Recordade que ademais do musiqueo fóra co vermú, organizan concertiños, co seu “Música na lareira”, os xoves, cando traían actuacións en acústico de cantautores. E con “A ver que sae”, que se facía os luns cada 15 días, tiñan xa unha lista onde a xente se anotaba para tocar e recitar poesía. Todo isto e máis volverá ao tardeo, pero hai que ter paciencia. Mentres tanto podedes ir probar a combinar un poke cuns sorbiños “dun algo” con
xeo. Porque, xentiña, o que está de moda é o tardeo! E xa estamos tardando en tardear.
Pincha Revista de Gastronomía & Cultura