7 minute read
Oído, artesanía! | Lorenzo Design
from Revista Pincha 25
Foto cortesía da Fundación Pública Artesanía de Galicia.
Advertisement
Lorenzo Design é unha cooperativa dedicada a crear instrumentos personalizados en madeira para a alta cociña. Fernando Sangiovanni, un dos seus fundadores, cóntanos como chegaron a traballar con Estrelas Michelin e foron capaces de sortear a pandemia da covid-19.
Dinos, como naceu Lorenzo Design?
Somos unha cooperativa de seis persoas. Traballamos a madeira para a alta gastronomía e o interiorismo. Comezamos no ano 2015 con xoguetes e mobiliario nunha pequena tenda no casco vello de Santiago de Compostela. No 2017, a raíz do encontro ‘Artesanía no Prato’ que organizou a Fundación Pública Artesanía de Galicia, vimos a posibilidade de traballar para a gastronomía, especialmente para alta gastronomía. Foi entón cando coñecemos a grandes cociñeiros, como Javier Olleros do restaurante Culler de Pau. Desde entón traballamos para toda España e Europa.
Como é a vosa relación cos cociñeiros e cociñeiras?
Preocupámonos de colaborar con eles e elas en función do que necesitan. Tamén nos fixamos no tipo de material que utilizamos e no deseño. As nosas pezas son recoñecibles. A xente dáse conta de que son de Lorenzo Design. Adaptámonos en función da estética de cada restaurante, de cada prato e de cada necesidade. Sempre dicimos que noso traballo hai unha parte de arte, artesanía e deseño.
Ruth Ríos
Por
@ruthriosfernandez
Que tipo de materiais e técnicas empregades?
Empregamos madeira de nogueira, carballo, cerdeira ou freixo porque ao queimala resalta todas as veas. Aínda así, non estamos pechados a traballar coas madeiras que necesite cada restaurante. Iso si, todas teñen que ser certificadas. En canto ás técnicas, empregamos a talla, o torno ou o carbonizado. Traballamos en función das necesidades de cada peza.
Estamos vivindo tempos moi complicados para a hostalaría. Como sobrevivistes vós á pandemia da covid-19?
Durante a pandemia só deixamos de traballar durante unha semana. É certo que moitos pedidos pararon, pero outros seguiron porque traballamos a nivel global. Fomos axustando como puidemos. Seguimos traballando con restaurantes e particulares que querían pezas decorativas.
Que supón para vós contar coa marca de Artesanía de Galicia?
A certeza de que temos un respaldo institucional para o noso traballo. Somos artesáns, pero á vez pertencemos a un colectivo en que podemos colaborar e unidos nunha Fundación. Pincha Revista de Gastronomía & Cultura
Pincha
Revista de Gastronomía & Cultura
Pincha
Revista de Gastronomía & Cultura
Onde podemos adquirir os vosos produtos?
Na nosa tenda en Santiago (Rúa Ponte de San Lázaro, 7) ou na web lorenzodesign.es
Por @ImitoAquenSon
Écousa miña, que xa vou vello, ou comeza a facer frío? Parece que xa empeza apetecer un bo cocidiño, non si? Pero non un cocido calquera, senón un deses que preparan as velliñas nas aldeas con ese cheiro a cociña de leña e ese sabor a unto que o caracteriza. Mentres pelas unhas patacas a carón da lareira, escoitas a fermosa melodía que se produce ao arder a leña. Vas buscar unha xerra de viño da casa ao pipote, recolles o pan quentiño que deixou o panadeiro pendurado da porta e aprecias ese caloriño do alento das vacas e o cheiro a bosta. E xa está todo listo. Só queda poñer a mesa e sentarse a comer esa carne de porquiño, que sabes que non é un porco calquera. É ese porco que se criou no cortello no que ensaian os Ruxe Ruxe e, polo tanto, a súa carne é carne con carné, co carné do cuartel xeral dos Ruxe, que como ben sabes, vai adobado con Rock & Roll de primeira calidade, chupitos de licor café, augardente de herbas e un bo café de pota. Así que, bo proveito e a desfrutalo! Os Ruxe Ruxe fan 25 anos de vida e os seus colegas quixeron agradecerllo cun disco dobre homenaxe, que recolle nada menos que 32 bandas galegas, cada unha no seu estilo, recreando un vello clásico da banda de Aríns. Espiño e Samesugas, Pauliña, Factoría de Subsistencia, Pito de Pikasso, Rastreros, O Reverendo Can, A banda da Loba, Som do Galpom, Pakolas, Ukestra do Medio, Machina, e así até 16 artistas en cada disco, compoñen este ‘25 Anos Ruxindo’, producido por Mario César (Túzaros, Invivo, Deseqilibrio Mental, Urko), Bocixa (Zënzar), J.M. Piedra (Deseqilibrio Mental, Barbitúricos, Astarot) e Iago Pico. Masterizado por Iago Pico en Pouland Studios (Ames, Galiza), deseñado por Raio e con texto interior de Fernando Fernández Rego. Agradecidos a Ruxe Ruxe, a todos os seus membros que formaron e forman parte desta grande familia, por estes 25 anos de música, respecto e dignidade. O pasado 3 de xullo tivo lugar a presentación do disco, nun encontro celebrado no Fogar do Santiso (Teo), no que participaron unha boa parte das bandas implicadas, así como os excompoñentes da formación, produtoras e outros achegados ao Mundo Ruxe.
Pero a movida non remata aí, xa que durante os meses de agosto e setembro, a propia banda, quixo mostrar nunha exposición na Zona C de Compostela ‘25 Anos de Universo Gráfico’, a arte dos seus case 20 traballos discográficos, carteis de infinidade de concertos, as súas icónicas camisetas, ilustracións, deseños web, videoclips animados, chapas, revistas, esculturas, artesanía, adhesivos e ata tatuaxes recompilados ao longo de 25 anos.
Sei que andan preparando novo disco, o que aínda non se sabe é cando estará listo. Pero estou seguro de que os seus seguidores, do que máis gañas teñen é de desfrutar dun bo directo, e ides ter sorte, xa que o 9 de outubro estarán no Pub Gatos de Melide, así que, non esquecer reservar entrada. Longa vida a Ruxe Ruxe! E a por 25 anos máis! Rock da Terra, Rock do País. Pincha Revista de Gastronomía & Cultura
COGOMELO, CHOUPARRO, PAN DE COBRA...
Ai, que ricos están os cogomelos e cantas formas diferentes temos de chamalos en galego! A Real Academia Galega admite como sinónimos para denominar a estes fungos que teñen un pé ou talo rematado nunha especie de sombreiro e que poden ser comestibles ou non todos estes: chouparro, pan de cobra, pan de raposo ou pan de sapo. Ademais, segundo as diferentes especies, tamén poden denominarse choupín, roco, patamela, cerrote, cogordo... A listaxe é inmensa!
E non te equivoques, unha ‘seta’ non é o mesmo. No dicionario da lingua galega esta palabra só aparece co significado de arma consistente nunha barra fina rematada en punta, que ten unha peza feita xeralmente de plumas no outro extremo para manter a estabilidade e que se lanza mediante un arco. É dicir, unha frecha.
Curiosidades
En Galicia existen especies de cogomelos comestibles moi apreciadas na gastronomía, mais tamén hai outras que son tóxicas e mesmo poden chegar a resultar mortais, polo que saber distinguilos antes de comelos é fundamental.
A partir do outono, cada ano máis persoas buscan, recollen, cociñan e comen cogomelos silvestres.
Ante a dúbida á hora de identificar un cogomelo é mellor non recollelo. As persoas inexpertas deben apañalos acompañados dun experto ou consultar con algún antes de consumilos. Ademais hai que procurar non mesturar as especies no mesmo cesto; non recollelos despois de grandes choivas ou en días de moita auga, xa que isto pode modificar as súas características e dificultar a súa identificación; e non transportalos en recipientes pechados ou bolsas de plástico, para evitar que fermenten.
Na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www. sergas.es/Saude-publica/Cogomelos) ofréceselle información á cidadanía sobre como previr as intoxicacións.
ONDE PROBALO?
En novembro celébrase en Riós (Ourense) a Festa da Castaña e do Cogomelo co obxectivo de enxalzar estes dous produtos típicos do outono e da zona. Durante dous días organízanse actividades de tipo cultural e gastronómico; charlas informativas, concursos e casetas expositivas con produtos artesáns... A festa finaliza cun xantar-degustación popular, que conta con grande asistencia de comensais, tanto da veciñanza como de persoas foráneas. Por outra banda, O Porriño (Pontevedra) acolle todos os meses de abril unha feira anual dedicada aos cogomelos. A ela acoden profesionais do sector para a compra e venda destes produtos, posta en común de coñecementos e experiencias etc. En Santiago de Compostela recomendámosvos visitar o Bar Gamela, na rúa da Oliveira, no que a especialidade son as racións de cogomelos á prancha acompañadas de diversos xeitos.