7 minute read
DE BARES COAS CATRO CANDIDATURAS Á ALCALDÍA DE SANTIAGO
Aquí na Pincha somos moito de comer e descubrir, de tomar algo, de gozar das propostas culturais de todo tipo e de falar con vós de todo iso que nos apaixona. Non falamos tanto de política. E é que ás veces cando escoitamos ese termo pensamos nalgo demasiado abstracto, como se fora outro mundo que non vai con nós. Pero si, vai con todos e todas, vai coas persoas que vivimos e sentimos neste caso a nosa cidade, Santiago, porque do xeito de entendela e das xestións e decisións das persoas que se dedican á política dependen en boa medida as nosas vivencias e experiencias. Así que alá imos… marchando unha de política! Traemos un menú lixeiro, con eses pratos concretos que máis nos interesan aquí nas nosas páxinas, os que teñen que ver coa hostalería e a cultura. Vexamos que nos contan as persoas candidatas dos catros partidos que se presentan ás vindeiras elección municipais en Compostela e que contan actualmente con representación no Pazo de Raxoi. Iso si, xa sabedes que ás veces o máis curioso e saboroso está fóra da carta...
Declárase asiduo a pasear polo casco antigo cara a noitiña, así que sobre esas horas paramos con Xosé Sánchez Bugallo nun dos locais de moda da zona vella e, ademais, atrevéndonos a aproveitar a terraza en pleno inverno.
Advertisement
Que visión ten do sector da hostalería en Santiago?
A hostalería ten unha vinculación clara co turismo e o maior reto que temos como cidade é xestionar o éxito de maneira que non se acabe convertendo nun problema, tendo en conta a boa conectividade que temos agora mesmo unido á consolidación dos múltiples Camiños de Santiago. Hai que xestionar estas cuestións e seguir apostando polo turismo de congresos. A hostalería é un gran dinamizador. Falando de turismo, que nos pode dicir da taxa turística e os pisos turísticos?
A taxa é unha cuestión de equidade co conxunto dos cidadáns de Santiago e unha fórmula para que o turismo contribúa ao mantemento da propia cidade, onde os gastos e os beneficios non se reparten da mesma maneira. Non é xusto que recaían os custos de mantemento en persoas que non obteñen ningún beneficio do turismo. Funciona noutras cidades e con custo moi moderado. Con respecto aos pisos non estamos totalmente en contra deles, pero non podemos permitir a súa proliferación incontrolada porque supón unha alteración do modelo de cidade e expulsión da poboación tradicional. Ademais, supoñen competencia desleal para outro tipo de establecementos turísticos, polo que deben ser considerados unha actividade económica. Nós habilitamos a posibilidade de que os pisos de estudantes poidan dedicarse dous meses ao ano a aluguer turístico. Temos que defender un modelo de cidade para cidadáns. A hostalería tamén se ve afectada polo cambio no reparto de mercadorías na zona vella…
Temos a obrigación legal de articular todas as medidas para a posta en marcha de zonas de baixas emisións. O noso obxectivo é que o novo sistema empece a ser operativo a principios de 2025 e para isto hai certas cuestións a resolver, algunhas xa en marcha como son os mecanismos de control de acceso e medidores da calidade do aire.
O seguinte é a plataforma loxística, que nos gustaría que estivera máis cerca do casco antigo, pero non foi posible. De todas formas, as mercadorías chegarán en vehículos de menor tonelaxe e baixas emisións ao centro histórico.
As bases están postas, incluíndo o inicio do proceso para establecer a normativa necesaria que regule, entre outras cousas, a mobilidade. Xa comezamos a redacción dun documento que se prevé estea listo en 2023. A partir de aquí hai que facer un timing de actuación, é o reto para a nova corporación.
Cal é o seu balance no eido da cultura?
Temos claro o papel da cultura na construción do futuro da xuventude. A cultura podemos contemplala como consumidores e usuarios de servizos culturais ou, por outro lado, tendo en conta as facetas da creación, produción e emprendemento artístico. Preocupámonos moito nestes anos de pandemia de manter a programación neste eido, en condicións moi limitadas, procurando apoiar ás empresas de produción artística. Elaboramos programas extraordinarios e temos que seguir medrando dende esa posición na que soubemos manternos. O balance do noso apoio á cultura nestes anos é moi positivo.
Cales serían as ideas de chegar a un novo mandato?
A idea é seguir apostando pola cultura como unha referencia de Santiago e como un sinal de identidade. A cidadanía merece unha oferta cultural á altura do que é Santiago e ten que ser unha opción de futuro para a mocidade. Hai que pensar que a cultura ten un valor económico extraordinario cun peso importante no PIB da cidade e tamén moi grande no conxunto de Galicia, máis tendo en conta o noso peso demográfico.
Entón que propón en canto á cultura e mocidade?
É moi importante que as novas xeracións se acostumen tanto a producir cultura como a xestionala e comercializala, como valor de futuro. Pretendemos que non sexa unha actividade de supervivencia, senón que permita que as persoas se gañen moi dignamente a súa vida. Para conseguir isto hai que dar un salto. A prioridade nestes anos complicados foi aguantar a estrutura que tiñamos, pero agora hai que dar un salto e converter a cultura nunha referencia na cidade en nun importante motor económico.
F Ra De Carta
Chocolate. “Aínda que me gusta pedir unha cervexa fresca, como estamos na terraza e vai frío apeteceume mellor un chocolate quente. Iso si, eu normalmente son máis de café, longo de auga tipo americano e sen azucre”.
Xantar e ceas. “Coa familia quedo para comer e facer sobremesa con café. Coas amizades son máis de ir cear. Ademais, gústame pasear pola noite pola cidade, sobre todo na zona histórica, e tomar algo. Non sempre se pode porque me levanto moi cedo ata na fin de semana”.
Camiñar e ver deporte. “Andar é algo que me relaxa moito e que me permite gozar das paisaxes que ten Santiago, fago moitos quilómetros. Antes tamén me gustaba ir en bicicleta, pero xa me atrevo menos, téñolle respecto. Nas fins de semana tamén procuro ir ver algún partido, de fútbol, baloncesto…”
Quedamos con Borja Verea no Ensanche, nun local que, di, abrangue todas as etapas da súa vida, dende que tomaba un bocadillo despois de saír pola noite ata o actual café das mañás. E para etapas novidosas, a que lle agarda desta vez, ben no goberno ou na oposición, no Concello de Santiago.
Como analiza a situación do sector hostaleiro?
Temos unha hostalería forte e importante pero que aínda non esgotou as súas posibilidades. O gran problema que existe son estas políticas de prohibición, de burocracia e exceso de normativa que en moitas ocasións é innecesaria e afoga proxectos que están en marcha ou bota para atrás os novos. Queremos facilitarlles a vida aos profesionais deste sector que queiran apostar por Santiago, con redución de prazos e unha atención preferente dende o Concello. Hai mecanismos que están a funcionar noutras cidades que non supoñen atrancos.
Que opina sobre a taxa turística e as vivendas de uso turístico?
Nós cremos que o debate do actual alcalde equivócase tanto na forma como no fondo. Ninguén sabe a que se refire con esta taxa, hai que explicala. Hai que saber a quen lle quere cobrar, canto e a que se van dedicar eses fondos. Estamos dispostos a entrar neste debate porque cremos que é unha medida viable se a taxa está ben deseñada, é proporcional e hai conformidade con todos os axentes da cidade, entón si tería a súa utilidade. É dicir, apostamos por unha taxa seria, solvente e traballada.
No caso das vivendas turísticas propoñemos limitar e regular este tipo de pisos, pero non levar a cabo unha prohibición absoluta sen alternativa. No ecosistema turístico actual hai que ter en conta estas vivendas como un factor máis que traen riqueza á cidade, debidamente reguladas, iso si. Sería unha irresponsabilidade non aproveitar toda esta riqueza para a cidade, para reforzar o valor residencial tanto da zona vella como dos barrios. Propoñemos que haxa pisos turísticos controlados e aproveitar as fortalezas que poidan aportar ao tecido económico e comercial.
O que realmente fai falta en Santiago é unha verdadeira política de vivenda para evitar que unha nova xeración abandone a cidade. E a súa postura con respecto a un cambio no reparto de mercadorías da zona vella?
É un tema que non está dialogado coas partes implicadas como son os comercios e a hostalería do casco histórico, que non saben como vai funcionar, que horarios haberá, que provedores van participar, se vai estar en situación de monopolio ou cada un poderá seguir coas súas empresas tradicionais nesa nova regulación do reparto. O primeiro é que un cambio tal como é o sistema de subministro de mercadorías no casco histórico ten que contar cos seus protagonistas principais, os seus usuarios. Esa é a primeira premisa para empezar a falar dunha renovación no reparto.
Neste senso, en canto ao centro de loxística previsto no Polígono non imos continuar co proxecto actual se non hai acordo co tecido comercial do casco histórico e deseñaremos o modelo de reparto sostible e respectuoso co patrimonio que se require.
En que nivel cultural cre que está Santiago?
A vitalidade brutal neste aspecto que tiñamos en Santiago nos 90 perdeuse. O que teño claro é que Compostela ten que volver liderar os movementos culturais de vangarda, ser de novo epicentro cultural e sen pechar ningunha porta. Non penso na especialización nunha área concreta, senón en abrirnos a todo: industrias musicais, audiovisuais, artes escénicas, editoriais...
Por que apostaría entón no eido da cultura?
Penso que non se pode apostar pola cultura da aglomeración e macrofestivais e á vez querer desenvolver unha estratexia de calidade. O noso obxectivo é apostar por formatos medios, de vangarda, integrados no contexto urbano, que servirían ademais de apoio ao comercio e hostalería. Ademais, hai que falar do talento local en dúas vertentes: os axentes culturais e os creadores. Eu como responsable público deixaría o desenvolvemento da estratexia na man dos que máis saben disto, sendo eles os protagonistas. O que ten que facer un alcalde é proporcionar un contexto áxil e fluído, dar as ferramentas para conseguir unha industria local forte e competitiva. Hai exemplos importantes como Edimburgo, Braga… En definitiva, penso en crear o contexto para conseguir unha industria local forte.
F Ra De Carta
Cervexa 0’0. “Gústame moito a cervexa, pero cando estou traballando non adoito tomar alcohol, por sorte temos esta opción e moi boa cervexa en Galicia. Aínda que tamén me gusta moito tomar un viño”.
Tarde-noite. “Para quedar prefiro antes de cear, ou cear e despois tomar algo, pero que sexa así ao final do día, na tarde-noite, cando xa podes estar máis relaxado. Iso coas amizades, se é coa familia xa cando manden (risas)”.
Cine e natureza. “Dende moi novo sempre ando lendo, sempre teño a man dous ou tres libros, pero tamén son moi cinéfilo. A última peli que vin foi unha en Numax, Aftersun. Por outro lado, gústame estar ao aire libre en contacto coa natureza, sobre todo para facer deporte: andar, correr, nadar ou ir en bici”.