1 minute read
QUESADILLAS DE ROXÓNS CON QUEIXO NO TOÑITO
O Toñito abriu as súas portas dan man de Almudena Castro e Daria Alesi hai pouco máis dun ano na Avenida Rodríguez de Viguri, 45.
A el podes ir tanto a almorzar, como a beber un viño ou comer e cear. Atoparalo aberto pola semana desde as oito da mañá ata as once da noite, alongando o peche ata as doce os xoves e venres. Os sábados o horario é de 10:30 a 18:00 horas.
Advertisement
O ambiente é moi familiar e teñen unha interesante oferta cultural, organizando pinchadas, actuacións musicais e sesións vermú de xeito habitual.
Sempre ofrecen boas tapas coas súas consumicións e teñen diferentes opcións para picar algo, ademais de suxestións de tempada nas fins de semana. De luns a venres tamén podes pedir o seu prato do día, con bebida e sobremesa ou café por tan só 9 €.
Na súa visita ao Toñito o noso @JuanEAT_o degustou unha das últimas incorporacións na súa carta: unhas quesadillas de roxóns con queixo que lle resultaron do máis saborosas!! Podes ler a súa opinión a continuación.
Se buscas, sempre atopas! E, neste número de Pincha, quixen ensinarvos algo un pouco máis afastado das típicas zonas de hostalaría de Santiago. Así cheguei ata O Toñito, un bar sito preto dos edificios da Xunta de Galicia, na avenida de Rodríguez de Viguri.
O local conta cunha terraza traseira con zona de aparcamento, o que fai que sexa moi cómodo quedar alí a tomar unas cañas e picar algo. E disto quería eu falar neste artigo, xa que na miña visita ao Toñito puiden probar unhas quesadillas de queixo de ArzúaUlloa e roxóns da Carnicería Esteban, na Praza de Abastos, os cales teño que dicir que lle quedaron exquisitos a Pedro, coma sempre! Para min, os mellores de toda a cidade.
Lugar:
Avenida Rodríguez de Viguri, 45
Santiago de Compostela
Datos
@JuanEAT_o , no Toñito tomando as súas quesadillas de roxóns con queixo.
Foto: Iván Barreiro
O prato vai presentado en oito triángulos pensados para compartir, ou non! (hehehe) Para o meu gusto, estaban boísimos, así que podedes imaxinar que non deixei nin un na mesa.
As quesadillas ían acompañadas de dúas salsas, de aguacate e de pico de galo, de elaboración caseira. Contoume Almudena, unha das socias do Toñito, que están traballando tamén na creación dos seus propios nachos, unha proposta que estou desexando ir probar, porque de seguro nada terán que ver cos de bolsa.
En definitiva, esta versión galega deste típico prato mexicano resulta ideal cando queres saír a comer algo rápido, rico e botándolle unha parola cun bo amigo. Pincha
Prato:
Quesadillas de roxóns con queixo
Prezo: 9 €