2 minute read

Almudena Castro

A Avenida Rodríguez de Viguri agocha un deses bares nos que sentirse coma na casa: O Toñito. Un local que celebrou primeiro aniversario o 28 de xaneiro e para o que as súas promotoras recuperaron o nome orixinal co que abriu por vez primeira nos anos 70. Almudena Castro e Daria Alesi levan anos traballando na hostalería compostelá, coñecéronse cando o facían ambas no París, e buscaban nesta nova aventura crear un espazo acolledor no que coñecer ben a quen atenden. De conversa con Almudena, descubrimos que conseguiron iso e máis, a súa clientela é moi variada e totalmente interxeracional. O Toñito é de todo: cafetería con almorzos pola mañá, casa de xantar ao mediodía, taberna e centro social polas tardes, parada obrigatoria se andas de tapas e un estilo pub cando marcha o sol, sobre todo coas sesións musicais dos venres. Se a isto lle sumamos que ten aparcadoiro e dúas terrazas… non sei a que agardades se aínda non fostes dar alí.

A tortilla e o dominó Polas mañás, co café, pódese escoller entre acompañalo con doce ou con tortilla de patacas. Almudena cóntanos que isto vén de atrás “dos diferentes locais que albergou este espazo”. Que ela saiba, “todos seguiron facendo tortilla ao almorzo e nós tamén”. Non é a única herdanza que quixeron e queren manter. Tamén as partidas de dominó das primeiras horas da tarde: “Cando collemos o bar, preguntaron se podían seguir vindo a xogar”.

Advertisement

Cando dan as catro, Manolo, José Manuel e Antonio están xa sentados nunha das mesas interiores agardando por máis compañeiros para empezar a partida. Son veteranos do dominó. Aprendérono de seus avós, de seus pais, e xogárono por toda Compostela:

“No Monterrey, no Hotel San Lázaro, no Media Luna, no Camiño Francés, no Queimada, no Casimiro de Vidán…”. Van enumerando bares e tabernas das que non moitas quedan abertas e contan que no Toñito “os tratan moi ben” para, entre risas, apostilar que “hai outros locais nos que non somos tan ben recibidos… ás veces elevamos un pouco os decibelios”.

Para a panda do dominó, O Toñito é o seu centro social. Ás veces xogan ao tute ou á escoba pero o que máis lles quita o sono son as partidas con esas baldosas brancas e negras. Din que “activa a mente”, que “fai traballar a memoria”, que é “un xogo de pensar”. Eles non se xogan nada máis ou nada menos que “a honra” pero o resultado da partida inflúe en como pasan a noite: “O peor é cando perdes que despois das voltas na cama pensando… e se xogase a dúas/ branca e non a dúas/tres?”.

Pídechas o corpo

O ambiente da hora das tapas do Toñito é coma o dun pub de tarde: música, rondas e desenfado. A diario dan tres tapas diferentes, unha nova con cada consumición que vas pedindo, aínda que tamén podes picar algo da carta. Ademais, os venres organizan pinchadas con vinilos. Por alí xa pasaron Fragabuqui e Wanda Buluva, que chaman ás súas sesións “Pídechas o corpo”, ou os Dj’s Bluemause, Ghuin Pan Funk, MikeLaTrama, Abel Visión… No verán tamén fan concertos na terraza cuberta onde xa soaron algúns dos grupos que son banda sonora da cidade: Barbitúricos, Tato e Espiño, Mad Martin, Lou Reyes, Xulián Freire ou Javi e Carlos Pretty.

“Queremos ter programación propia pero tamén que a xente saiba que ofrecemos o espazo para realizar actividades culturais”, apunta Almudena. Esta cambadesa leva uns doce anos en Santiago: “Vin a estudar filoloxía e rematei na hostalería”, di rindo pola casualidade da rima.

E algo desa mestura hai tamén no Toñito, cando menos nas lonas da terraza. Nelas hai escritos con letras ben grandes anacos de poemas: “… e celebrarnos como festexos curativos epidémicos” de Diana Kurich; “A cama sen ti é un país en guerra” de Andrea Nunes ou “Eu non sei consolar vacas” de Olalla Linhares. Non é esta a única decoración curiosa do local que ten os seus baños totalmente empapelados con exemplares da desaparecida revista Compostelán, case que unha antecesora na cidade desta querida Pincha.

This article is from: