3 minute read

MARÍA ROZAS, candidata de Compostela Aberta

A un paso entre o casco antigo e a zona nova vémonos con María Rozas xusto onde deu a coñecer á cidadanía que daba un paso adiante e se poñía á cabeza da candidatura de CA para as vindeiras eleccións.

Como ve a situación actual no ámbito hostaleiro?

Advertisement

En Santiago temos un sector hostaleiro de gran calidade que fai que non teñamos nada que envexar a grandes capitais e cidades importantes. Pero tamén hai certas necesidades que solucionar canto antes, como é o tema das licenzas e calquera tipo de xestión e procedemento burocrático co Concello. Hai que ser áxiles na resposta e ter boa comunicación.

Axilizar trámites é entón unha das ideas de CA?

Si. Hai que ser áxiles nos procedementos, que sexan propios deste século. Á marxe disto temos outras iniciativas como é recuperar o ciclo Música ao Vivo que une dous sectores tan importantes como o hostaleiro e o cultural. É un sinal de identidade da cidade que recoñecemos a xente picheleira, que nos criamos podendo gozar nos locais de concertos de calidade e, sobre todo, de balde. É unha sorte que poucas cidades teñen e iso hai que recuperalo, ademais do ambiente nas rúas e prazas, con iniciativas que dinamicen a cidade para a veciñanza.

Ademais diso, hai certa problemática como é o reparto de mercadorías no casco histórico.

Penso que se perderon anos con este tema e non se avanzou nunha cuestión tan relevante para a hostalería e a boa convivencia na zona vella. Nós apostamos por un reparto sostible e traballaremos por unha maior eficacia en canto á loxística. Agora mesmo só hai a solicitude dunha subvención para facer unha plataforma loxística onde está Mercagalicia, que é unha localización moi afastada e perde a idea da última milla para o casco histórico. Hai que adoptar outro tipo de solución máis eficiente. Outros dous debates son a taxa turística e os pisos turísticos…

Dende CA fomos pioneiros en lanzar a proposta da taxa turística coa que todos parecen estar agora de acordo, pero durante o noso goberno fomos criticados duramente. Para nós é necesaria porque é inxusto que a veciñanza pague cos seus impostos un gasto que vén da presión turística, en seguridade, recollida do lixo, mantemento da cidade… Non lle vexo inconvenientes, só vantaxes, está posta en marcha en moitas cidades e a xente non deixa de visitalas por iso. Ademais, non son precisos grandes inventos para que sexa viable. No caso dos pisos turísticos defendemos a regularización, pero mellorando a actual que non ten en conta aspectos como as distintas zonas, por exemplo. Ademais, falta diálogo neste asunto. O debate tamén está en saber que cidade queremos. Queremos un Santiago diverso onde todos e todas teñamos cabida ou que a xente con menos poder adquisitivo se teña que ir a outras localidades? Porque a gravidade de Santiago co acceso á vivenda vai moito máis alá dos pisos turísticos.

Que valoración fai no eido cultural?

Temos a morriña do Santiago do pasado, o que vivimos hai uns anos. Pasei unha época en Madrid por traballo e mesmo alí as amizades quedaban abraiadas con que na miña cidade case a diario houbera algo que facer a nivel cultural, de boa calidade e accesible economicamente. Eramos capital da cultura e iso haino que recuperar. Como se pode recuperar ese nivel cultural entón?

Non falo só de grandes eventos, que tamén, pero comezando polo inmenso talento local que hai en Santiago e sobrevive polo seu propio esforzo e o traballo dos promotores culturais, non polo apoio institucional. Ademais, non pode ser ese certo desprezo por parte do Concello, que tarda anos en pagar subvencións ou facturas a pequenos autónomos da cultura. Con CA fixeramos un censo con artistas locais e en todas as festas de Santiago había un escenario de música que era integramente local.

A nivel eventos recordo hai anos cando veu Rosalía, que aínda comezaba a despuntar. Había entón unha aposta innovadora, pero nos últimos anos non se fixo nada. Entendo que houbo unha pandemia pero hai que recuperar xa o pulso dese Santiago cultural, que conta con festivais que están no seu ADN, como Cineuropa por exemplo, pero que ten que estar aberto a novas propostas en todas as facetas da cultura. Apostamos por unha cultura accesible.

F Ra De Carta

Mencía. “Normalmente cando saio tomar algo opto por un viño Mencía. Son máis de viño que de cervexa. Tamén son moi cafeteira, menos pola tarde, que despois non durmo ben”.

Hora vermú. “Eu para quedar a almorzar non dou saído da casa e a cea tamén descartada ao ter crianzas, ao día seguinte hai que atendelas. Aposto máis polo vermú coas amizades e se é coas crianzas tamén nese horario ou o da merenda”. Lectura e sendeirismo. “Teño pouco tempo de lecer, non teño vida (risas). Sentiranse identificadas moitas persoas co difícil que é a conciliación, máis se non tes quen che bote unha man. Gústame a lectura e facer deporte, sobre todo, andar pola montaña. As maratóns en Cineuropa remataron para min, gústame moito o cine pero agora xa vexo só pelis infantís”.

This article is from: