3 minute read
GORETTI SANMARTÍN, candidata do BNG
Facemos unha parada coa candidata do BNG pola rúa de San Pedro nun deses clásicos de Santiago onde, di Goretti Sanmartín, sempre atopas xente coñecida e é lugar de reunións nas que se teñen tomado decisións importantes. Nós por agora imos tomar un viño.
Como valora o estado actual da hostalería?
Advertisement
Recuperouse relativamente ben despois da pandemia, pero penso que hai que potenciar a hostalería como elemento socializador e ligado tamén á cultura e mesmo ao patrimonio. Pódense facer moitas cousas unindo estes sectores, por exemplo organizando rutas tanto polo centro como polos barrios que aproveiten a localización de certos locais. Para nós é fundamental a coordinación entre o mundo cultural e hostaleiro, a actividade de rúa e proximidade.
Por outra banda hai que combater a precariedade laboral para que a xente teña máis gañas de traballar no sector, cunha racionalización de horarios e mellores condicións.
Entón, como se pode materializar esa relación entre hostalería e cultura?
Aquí a cultura e a hostalería estiveron sempre vinculados con actividades como concertos, contacontos… Queremos recuperar esa tradición dos locais como espazos para facer cultura. E non falo só de cara ao turismo, senón para a veciñanza, porque é preciso que durante todo o ano os establecementos teñan vida e afluencia de xente de Compostela. Iso si, ten que existir un modelo turístico e saber que cidade queremos construír, onde prime a calidade e non a cantidade. O certo é que en Santiago sempre fomos moi de vernos todos os días, de facer moita vida nos bares, así que apostamos polos eventos con continuidade, non cousas dun día. Aquí inclúo tamén o rural.
Falando de turismo, que opina da taxa turística e dos pisos turísticos?
Si á taxa turística, pero o máis importante é saber para que. Eses beneficios teñen que ser para reverter en todo o que son consecuencias negativas do turismo, que fai que teñamos que pagar máis por limpeza, por exemplo. Ninguén vai deixar de vir por pagar unha taxa. Mesmo podería pensarse en aproveitar ese fondo para reducir en xeral a factura do lixo da veciñanza de Compostela.
Sobre as vivendas de uso turístico no BNG defendemos a súa regularización e iso non pasa por ese rexistro que puxo en marcha a Xunta. É evidente que non se pode expulsar á poboación e que diminúa o uso residencial da cidade, pero tamén cremos que non son as causantes principais do problema de Santiago, que ten moita vivenda baleira que hai que mobilizar. A falta de servizos na cidade histórica tamén é outro factor que bota á xente. Na zona vella hai que vivir como no século no que estamos.
Como afrontarían o reparto de mercadorías do casco histórico?
Hai que pactar coa hostalería uns horarios que fagan que a zona vella estea o máis humanizada posible e libre de vehículos, sobre todo da acumulación a determinadas horas. Apostamos por un transporte sustentable, ecolóxico e que se faga ao longo de calquera momento do día, pero a través dun medio adecuado en lugar de que entren grandes camións e todos á mesma hora. En todo caso, intentariamos consensuar con asociacións, xente propietaria e ver cal é a mellor fórmula. Hai que facilitarlle a vida a todos.
A que nivel cultural cre que está Santiago nestes momentos?
Moita xente tenme manifestado certa saudade daquel ciclo Sons da Diversidade que puxo en marcha o BNG e xuntaba voces galegas con músicas doutras partes do mundo. É dicir, non hai que apostar só polos circuítos que están funcionando no estado. A mesma idea se pode aplicar a todas as disciplinas. Hai que conseguir que a xente veña a Santiago a un evento cultural porque se atope cunha oferta que non ten noutras partes. Santiago perdeu o pulso do que foi noutro momento. Que liñas seguirían neste eido?
Apostamos por darlle cabida no día a día ás persoas creadoras a nivel local, que hai moitas. A cultura é tamén ter espazos para estas persoas, para que creen sinerxias e organicen eventos. Ademais, penso que hai que facer fincapé en oferta para a mocidade, que hai moita actividade infantil e para persoas adultas pero é difícil mover a certas idades. Cremos na idea ampla de cultura, ligada á recuperación da memoria histórica e ao patrimonio.
F Ra De Carta
Mencía. “Gústame o Mencía, especialmente este, o Monterrei. Busco sempre adegas galegas, que hai moitas pequenas e con moi boa calidade. En Santiago, ademais, agora xa hai moitos sitios onde o encontro. Eu cando digo que saio de viños, non é a curtos de cervexa”.
Hora dos viños. “Paréceme unha boa hora para quedar a sesión vermú, pero por semana é complicado, así que quédome coa hora dos viños, aí polas 8. Eu diso dos brunch non son, prefiro almorzar na casa”.
Música e lectura. “Encántame a música en directo, ir a concertos é un luxo. Tampouco concibo a vida sen os libros, para min a lectura é fundamental e son moi fan dos contos, para adultos e infantís. Por outro lado son moi de camiñadas, de percorridos longos”.