
2 minute read
Xornada
Despois dun par de anos valorando a posibilidade de facer un cambio na xornada horaria deste centro educativo, este curso, por fin, decidimos iniciar os trámites para ver a viabilidade da nosa proposta e facer despois a correspondente sondaxe a todos vós, ás familias, que sodes os que tedes a última palabra. Decidimos comezar este proceso pensando que sería o mellor para facilitar a conciliación familiar de moitas familias e mellorar o rendemento académico dos rapaces e rapazas que, todos sabemos, diminúe considerablemente nas horas da sobremesa, cando o noso organismo está a facer a dixestión, por iso consideramos que sería máis axeitado concentrar as sesións de docencia no tempo de mañá para facer o propio coas actividades escolares da tarde.
Aló polo mes de Novembro elaboramos un tríptico que se mandou aos fogares con esta proposta, coas vantaxes que viamos neste cambio e a oferta que iamos facer a transporte, que no senso administrativo, son os que teñen a última palabra neste tipo de negociación.
Advertisement
A nosa proposta era unha xornada lectiva que comezase ás 9.30 e rematase ás 14.30. A esta hora os nenos e nenas irían ao comedor e serían atendidos no centro ata as 16.00 en que o transporte os levaría ás súas casas ou momento no que se poderían unir ás actividades extraescolares.
Pese a todos as xestións que fixemos, entre as que temos que falar tamén das conversas mantidas co equipo directivo do IES de Viós que, xunto co claustro, en todo momento mostraron a súa vontade de axuda (incluso modificando o seu horario para facilitar o transporte dos estudantes, motivo polo que lles damos as nosas mais sinceras grazas) a nosa proposta non foi aceptada por transporte. Dende a consellería aceptaban o cambio de xornada sempre e cando a nosa hora de entrada ao centro fose a mesma que temos a día de hoxe, as 9.45. Este foi o motivo polo que decidimos non seguir adiante co proceso. Entrar no centro ás 9.45 suporía que algúns alumnos terían que entrar a comer ás 15.15 e isto non nos parecía axeitado para o noso alumnado. Aínda facendo dous recreos ao longo da mañá nos que poderían merendar, consideramos que entrar cada día a comer ás 15.15 e saír ás 15.45 non é a mellor proposta para nenos e nenas de primaria. Fixemos reunións para as familias na primeira semana de maio pero queriamos facervos chegar a todos e a todas esta información porque consideramos que sodes os primeiros que debedes de saber como se desenvolveron as xestións. Moitas grazas e veremos se noutra ocasión as cousas poden ou interesan doutro xeito.