Casa-Museo Trasalba
INTERCAMBIO EPISTOLAR IES Tomiño IES Cosme López Rodríguez O conxunto arqueolóxico de San Cibrao de Las, tamén coñecido como A Cidade ou Lansbrica -entre os concellos de San Amaro e Punxín- é un dos xacementos meirandes e mellor conservados do noroeste peninsular. Habitado desde o s. II aC ata o s. II dC, conta con dous recintos amurallados: a “croa” ou recinto superior e o recinto inferior, de maior superficie e onde se sitúa o espazo habitacional do xacemento. Unha única rúa empedrada cruza os recintos de leste a oeste. O poboado atópase rodeado dun forte sistema defensivo, formado por sólidas liñas de murallas, un foxo e parapetos. Este asentamento, na súa última etapa, sufriu unha forte romanización e, alén das típicas vivendas circulares, ten tamén vivendas rectangulares. Téñense atopado nel abondosos obxectos como puñais, colgantes ou moedas e conta cun centro de interpretación: o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa Lansbrica, que vos permitirá coñecer todos os misterios da cultura dos vosos antepasados da Idade de Ferro…
A Casa Grande de Cimadevila, no concello de Amoeiro, é un dos grandes espazos simbólicos da cultura galega contemporánea ao ser a residencia habitual do escritor Ramón Otero Pedrayo e clave da súa obra. Considerado o "Patriarca das letras galegas", pertenceu á Xeración Nós e cultivou ensaio, narrativa e poesía, Entre as súas novelas destacan Os camiños da vida e O mesón dos Ermos, descrición minuciosa dos costumes e da vida rural galega. Pero a máis coñecida é Arredor de si, que pode considerarse como a biografía do percorrido dos homes de Nós até o galeguismo. Consérvase nesta casa fidalga de Trasalba a biblioteca persoal do escritor, así como mobles, fotografías e pinturas que o acompañaron en vida. Destaca de xeito especial o Mapa de Galicia elaborado por Domingo Fontán ao que Otero deu sempre unha significación especial na súa obra.
Ourense, 29 abril 2015
Castro de Las