Antón Mascato DE COMPOSTELA AO EXILIO INTERIOR FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO
Esta obra publícase baixo unha coedición entre o Consorcio de Santiago e Alvarellos Editora. Forma parte da Biblioteca de Divulgación do Consorcio de Santiago e da Colección Ilustrada de Alvarellos Editora.
© Alvarellos Editora, 2023
Rúa de Sempre en Galiza, 4 15706 Santiago de Compostela www.alvarelloseditora.gal
© Consorcio de Santiago, 2023
Rúa do Vilar, 59 15705 Santiago de Compostela www.consorciodesantiago.org
© Texto: Xosé Antón Mascato García
© Imaxes: Arquivo-Biblioteca Francisco Fernández del Riego; Fundación Penzol; Editorial Galaxia; Fundación Xaime Illa; La Voz de Galicia; Faro de Vigo e autorías asinantes das fotografías e debuxos.
Deseño de capa: Xacobe Neto e Paula Cantero
Ilustración de capa: © Irene Fra Gálvez
Deseño e maquetación: Paula Cantero
Impresión: Sgraf
ISBN [Alvarellos Editora] 978-84-18567-41-4
ISBN [Consorcio de Santiago] 978-84-16753-83-3
Depósito legal C 523-2023
Calquera forma de reprodución, distribución, comunicación pública ou transformación desta obra só pode ser realizada coa autorización dos seus titulares, agás excepción prevista pola lei. Diríxase a CEDRO (Centro Español de Derechos Reprográficos, www.cedro.org) se precisa fotocopiar ou escanear algún fragmento desta obra.
Na memoria, aínda emocianada, dos meus Irmáns Moncho Meis e Luís Rei, que marcharon moi cedo para durmiren nun leito de estrelas vermellas. Por tantas horas roubadas, tamén para Noa, Cruz e Xiana.
AGRADECEMENTOS
Á familia de Francisco Fernández del Riego, polas autorizacións.
Á Fundación Penzol, polo acceso aos fondos e as cesións de imaxes.
Ao Concello de Vigo, pola xentileza nas súas autorizacións.
Ao Arquivo Fernández del Riego pola documentación bibliográfica e fotográfica.
Á Fundación Xaime Illa Couto polas autorizacións de reprodución dos seus fondos.
Aos fotógrafos mencionados, Xurxo Lobato, Benito, Anxo Iglesias, Cameselle, José Luiz Oubiña, Lalo Vilar, e aos que non puidemos identificar.
A Antón Pulido, Xosé Vizoso, Gogue, Siro, Pepe Carreiro, Irene Fra, Evaristo Pereira, Iván R., Zeus, Bofill, Electra Menéndez, Saavedra Pita, Xaime Asensi polas autorizacións para reproducir as súas obras.
Á editorial Galaxia, polo acceso á información e as cesións de permisos para reproducir cubertas.
Aos propietarios dos xornais La Noche, El Ideal Gallego, A Nosa Terra, Faro de Vigo, e La Voz de Galicia, pola xentileza das cesións e o acceso aos seus arquivos.
Ás revistas Industrias Pesqueras e Industria Conservera, polo acceso aos seus fondos e os permisos de reprodución.
Á Real Academia Galega, e ao seu presidente Víctor F. Freixanes, polo acceso ao seu arquivo.
A Carlos Méixome polo seu documentado cadro histórico.
Ao Instituto de Estudos Miñoráns, polo referido á Homenaxe do nomeamento de Fillo Adoptivo de Nigrán.
Ao Concello de Nigrán, e ao seu alcalde Juan González, pola solidaria participación no proxecto.
A Patricia Arias, polos seus artigos.
A Emilio Xosé Ínsua, polo acceso ao seu arquivo.
A María Cruz López Martínez, pola revisión ortográfica.
Ao editor Henrique Alvarellos, pola súa confianza.
Ao Consorcio da cidade de Santiago, pola implicación.
NO ADRO DA MEMORIA
Ninguén entre nós é tan mozo de esprito como il é; ninguén tan xeneroso, tan abnegado, tan disposto ao sacrificio calado e continuo pola Terra; ninguén tan entusiasta e tan incansable na defensa do noso pobo e do seu patrimonio espiritual e material; ninguén tan exemplar na súa lealdade integral –case relixiosa– á nobre causa de Galicia.
Ramón PiñeiroNos moitos anos que tratamos de preto a Francisco Fernández del Riego, tivemos a oportunidade de achegármonos a un ser humano excepcional. Cando xa é máis curto o tempo de futuro que o pasado, estamos en condicións de afirmar que ningunha outra personalidade de cantas naceron na Galicia do século xx nos merece un maior recoñecemento, sexa no ámbito da difusión cultural como no que se refire á restauración da política galeguista que se
vira truncada en xullo de 1936. Non foi Paco del Riego un grande autor de obra literaria propia, apenas unha magnífica novela, nin foi un excelso ensaísta marcado pola súa vontade divulgadora, si moi intensivo e prolífico, o que non significa minusvaloración das súas achegas neste campo do saber. Tamén non foi un tradutor de obra varia, nin sequera un profesor universitario ou conferenciante de gran prestixio alén de nós, e con todo iso… temos o inxente valor
das moitas cousas que nos deu a un país, o seu, tronzado pola violencia: esperanza no futuro; vontade de transformar a realidade e recuperar o pasado das crebas; exemplo de constancia na fe do militante político e cultural; miles de iniciativas de divulgación dos valores da lingua, a literatura, a cultura propia e o patrimonio, ora a xeito de artigos de prensa, conferencias e congresos, ora no medio cento de obras da súa autoría editadas; na eficiencia no labor editorial da Editorial Galaxia; na perseverancia no arquivo da Fundación Penzol, no compromiso fiel na codirección da revista Grial, no seu labor intenso na Real Academia Galega, da que foi o gran presidente da renovación; nas importantes doazóns de libros e cadros da súa propiedade aos concellos de Vilanova de Lourenzá e Vigo, na rede de afectos e amizades que foi tecendo vertebradoras dunha Galicia diversa máis cohesionada na irmandade nacionalista, galeguista, darredor del «capaz de organizar empresas e de maxinar proxectos para o futuro da nosa comunidade» en palabras de Luís Seoane.
Tivo Paco del Riego unha especial relación coa cidade de Santiago. En 1930, unha vez que xa coñecera Madrid e a súa Universidade, decide seguir os seus estudos universitarios en Compostela. Aquí, por
vontade propia, vai vivir tres etapas diferentes, a de estudante universitario e líder político na mocidade (1931-1934); a de profesor axudante na Facultade de Dereito, coas participacións no Seminario de Estudos Galegos, no Partido Galeguista e no desenvolvemento do Estatuto de Autonomía (1934-1936); e a derradeira que ten que ver coa sublevación militar de 1936, a guerra, a persecución e a saída da cidade ao seu exilio interior, noutros lugares de Galicia como Vigo e Nigrán (1936-1939). É a esta cidade, que estaba chamada a ser a terra na que desenvolvese a súa carreira profesional e a súa biografía política e cultural, a onde se traslada toda a súa familia de once irmás e irmáns, pai e nai incluídos. A urbe do campo estrelado deixará nel unha pegada imborrable, de iniciación e entusiasmmo, soños frustrados e dolor, mais tamén da dozura de amores e amizades. Santiago estivo presente, malia a dor das lembranzas dos Irmáns e Irmás que non sobreviven, nun lugar privilexiado do seu corazón, como veremos.
Dende o ano 1940, Del Riego establécese en Vigo, procurando non ser outra vítima da persecución aniquiladora, con posteriores estadías semestrais na limítrofe vila de Nigrán, no portiño mariñeiro de Panxón, lugares onde tivo as dúas vivendas da súa
SANTIAGO DE COMPOSTELA
1931-1939
Compostela veu ser, en adiante, o fogar amado. As súas pedras vencedoras da eternidade, convertéranse en referencia ilusionada. Non moi lonxe, no horizonte, oPico Sacro, sempre vixiante, aparecíaseme como compás guiador dun novo sol. Dentro do escenario urbano, a fachada do Obradoiro amosábame a xeito de paisaxe acesa, a donda e dourada arquitectura chea de meiguice.
Oseu pai adiantarase naquel verán de 1931 viaxando a Santiago para alugar unha vivenda na Virxe da Cerca, case na Porta do Camiño, que logo duns anos mudan por outra en propiedade radicada no número 12 da Rúa de Curros Enríquez, case empatando co Castrón Douro, unha nova construción habitacional á que a xente da cidade chamaba «casas baratas» cando en realidade eran promocións xestionadas polos seus
propietarios en réxime de mancomunidade. A chegada a Santiago vai ser determinante no seu futuro. Nestes anos Paco del Riego defínese «como un rebelde, propio dun tempo de mocidade, de alguén que quere cambios e abraza principios éticos». En chegando ao seu novo «fogar amado», o seu primeiro contacto amical vai ser Lois Tobío Fernández, daquela mozo profesor auxiliar na Cátedra de Historia
do Dereito, na Facultade que ambos compartían e activo militante no Seminario de Estudos Galegos, un centro de traballo e investigación dos alumnos e profesores universitarios que decidiran traballar dende a perspectiva da lingua e da cultura do país, inédita na universidade compostelá. Con Tobío, que iría ser peza fundamental no proxecto do Estatuto de Autonomía e o gran valedor da recuperación da figura do Conde de Gondomar, Del Riego tece unha fonda amizade sustentada na admiración
polo intelectual e na firmeza das crenzas galeguistas que irradiaba. En outubro do ano 1931, Tobío faino membro do Seminario, que tiña na vella sede universitaria de Fonseca o seu espazo de estudo e traballo, onde fora fundado en 1923, no que se interesa polos problemas culturais e económicos do país, ao que sempre lle será fiel.
Coñece alí á mellor xeración de intelectuais da Compostela do seu tempo. No Seminario de Estudos Galegos empata cos universitarios galeguistas activos da súa xeración, figuras principais da restauración cultural e política da Galicia do século xx Así Ricardo Carvalho Calero, Antón Fraguas, Xaquín Lourenzo, Xosé Filgueira Valverde, Fermín Bouza Brey, Rof Carballo, Ramón Otero Pedrayo, Florentino Cuevillas, Daniel
Castelao, Ramón Cabanillas, Vicente Risco, Lousada Diéguez, Ramón Martínez López...
Todos eles obrigados ao rigor intelectual e a ingresar presentando dous traballos –sobre calquera área do saber relacionado con Galicia– no primeiro ano e un, polo menos, en cada ano a seguir. Deste xeito foise facendo en moi pouco tempo un importantísimo fondo documental de Galicia con traballos individuais e colectivos das diversas áreas do coñecemento o que era absolutamente novidoso. Completaban a actividade mostras, saídas culturais,
conferencias, encontros, cursos, organización de arquivos, hemeroteca, museo, biblioteca...
A sublevación militar de 1936 arrasaría tamén aquel importantísimo corpus de saberes que tiñan en Fonseca a súa sede matricial.
Fernández del Riego é daquela un mozo cunha fonda crenza na necesidade de galeguizar o país, rebelde e idealista, impulsivo e teimudo, pero sobre todo é moi traballador. Abre o seu abano de vitalidade para influír nos medios de comunicación, de algúns será simple colaborador (El Pueblo Gallego); doutros tamén director (A
que terán o seu espazo na Casa da Cultura
Galega, o antigo Concello entre as prazas da Constitución e da Princesa. Recibe a Medalla Castelao. Por estes anos comeza unha lenta e serodia reivindicación da súa figura, recollendo premios, nomeamentos, mencións e homenaxes diversas. Placa de Homenaxe do concello de Vilanova de Lourenzá, na fachada da súa casa natal; membro do Consello da Cultura Galega; Premio Trasalba, da Fundación Otero Pedrayo; Pedrón de Ouro; Medalla Castelao; Doutor honoris causa da Universidade de Vigo; Premio de Creación
Cultural da Xunta de Galicia; Galego Egrexio, da Fundación dos Premios da Crítica; Insignia de Ouro da Asociación de empresarios de Artes Gráficas de Galicia; Premio Fernández
Latorre de xornalismo; homenaxe, no seu oitenta aniversario, organizado polos amigos Xulián Maure, Camiño Noia, Valentín Arias, Franco Grande, ou Pepe González; Premio Irmandade do Libro, da Federación de Libreiros de Galicia...
Son anos nos que dará a coñecer varias das súas obras, unhas veces vai ser nas Ediciós do Castro (en 1990 publica o Dicionario de escritores en lingua galega, cunhas tres mil fichas bibliográficas e O río do tempo. Unha historia vivida; obra fundamental das da súa autoría por tratarse dun libro
de memorias no que deixa testemuño do seu ciclo de vida e da súa experiencia nos eidos político, cultural e no labor editorial). Outras na editorial Ir Indo (Álvaro Cunqueiro e o seu mundo, en 1991; Blanco Amor. Emigrante e autodidacta. A súa vida literaria, en 1992; Mondoñedo, en 1992) e outras en Xerais (Álvaro Cunqueiro 1911-1981. Unha fotobiografía, en 1991; e Galicia, en 1994).
En 1992 publica a que será a súa única obra de creación literaria, O cego de Pumardedón en Ir Indo, novela de carácter autobiográfico, xeracional, na que cunha coidada precisión léxica, vai debuxando a vida dunha personaxe vítima da guerra, que se manifesta aquí co seu trasfondo de violencia múltiple, na crúa realidade das pegadas insuperables. Escolle para a localización deste seu trasunto, o lugar de Pumardedón do seu territorio laurentino tan evocador para Del Riego.
No ano 1993, que a rag lle dedica á figura de Blanco Amor, prepara e edita no selo das Publicacións da Real Academia Galega a obra Eduardo Blanco Amor.
Escolma de textos, unha nova obra de divulgación na que non evita referirse aos diferentes xéneros que cultivou o ourensán: novela, poesía, teatro, xornalismo, ensaio… nin tampouco se abstrae das partes biográficas deste que desagradaban fondamente ao de Vilanova de Lourenzá, que di entre outras cousas
[...] pesie ao fondo egolátrico que o distinguía, Blanco Amor sentíase dono dunha conversa inspirada, embebida en ocasións de ironía, de humor, mesmo de contido polémico. Continúa co seu labor de divulgación e de creación, asistindo coa puntualidade de sempre ao seu traballo eficacísimo na Fundación Penzol. Botando novas creacións de temática tan variada como cómpre a un saber enciclopedista, como é propio en quen asumiu o labor de ser el só a Editora Nacional que aínda nunca tivemos: San Andrés de Teixido, en 1993 na colección dos
Contos do Castromil, de gran difusión entre os viaxeiros daquela empresa de transportes; a tradución feita en colaboración co seu irmán Antonio da interesante obra Uvas e Granito. Unha viaxe por Galicia, de Nina Epton; Luís Seoane desde a memoria, en 1994, no que refire os moitos anos de relación entre ambos, dende a mocidade compostelá e a lembranza das primeiras exposicións do artista nunha tenda da praza do Toural, á mostra no local dos «amigos da arte» ou no Café Español, nos anos de 1929 e 1930; A xeración Galaxia, en 1996; A espera do amigo, en 1995; Antolín Faraldo. O gran soñador, en 1998; A pesca galega de mar a mar, no mesmo ano, froito da súa antiga experiencia nas
revistas Industrias Pesqueras e Industria Conservera, inspiradas por Paz Andrade. No ano 1996 recibe a Medalla de Ouro da Universidade de Santiago, da que foi alumno de Dereito e profesor asociado da Cátedra de Dereito Civil; publica un libro que dalgún xeito inicia a recuperación das relacións coa súa editora, e que asemade supoñen unha sentida homenaxe aos seus vellos camaradas de labor cultural: A xeración Galaxia.
No ano 1997 decide doarlle á súa vila natal mil libros da súa biblioteca persoal; obras que irán directamente á Biblioteca Juana de Ibarbourou, para se mesturar cos fondos xa pertencentes á mesma. Non quere que formen colección aparte, e así o expresa na doazón ao concello de Vilanova de Lourenzá. A escritora uruguaia, Juana (Fernández Morales) de Ibarbourou (18921979) era a filla do muiñeiro do Muíño dos Frades, un laurentino emigrado ao Uruguai, por iso leva a Biblioteca local o seu nome. Con ela carteouse Del Riego, cando ambos
eran adultos, manifestándolle esta o seu desexo de coñecer a terra do seu pai. Neste tempo é promovida unha homenaxe múltiple do Concello de Vigo pola doazón que lle fai á cidade da súa importantísima biblioteca, hemeroteca e arquivo, depositada na Casa Galega da Cultura co nome Francisco Fernández del Riego, instalada a carón da Penzol, na antiga sede do Concello vigués na praza da Princesa. Trátase dunha doazón de máis de trinta mil libros e cadros dos principais artistas plásticos do noso país, xunto con obxectos diversos e fotografías.
Unha moderna praza da cidade leva o seu nome xunto cun busto en metal que lembrará a súa figura ás vindeiras xeracións. As paredes sen cadros e os estantes sen libros do seu elevado andar sen ascensor da rúa Doutor Cadaval prodúcenlle unha tristura infinita e decide mudarse á praza de Compostela, para favorecer as saídas de paseo da súa compañeira Evelina, que comeza a ter dificultades de saúde.
En 1997 a Real Academia Galega nomea presidente a Francisco Fernández Del Riego. Vimos dunha época de conflito na Academia, pola renuncia forzada do seu predecesor, Domingo García Sabell e o ronsel de desacougo que deixara ao ocupar ao tempo a Delegación do Goberno en Galicia. Moitos non deron explicado a senrazón de ser a máxima autoridade en materia lingüística do país e ser o Delegado dun Goberno que presentou o recurso de inconstitucionalidade contra a Lei de Normalización Lingüística que aprobara, de xeito unánime, o Parlamento de Galicia. Aquela
bicefalia resultou incomprensible para a meirande parte dos galegos conscientes, chegando a producirse a ocupación simbólica da Academia por unha ducia de escritores que reclamaban a dimisión de García Sabell. Nese ambiente é procurado o máximo consenso na escolla do novo presidente, aínda que tamén para algúns resultaba ser unha especie de xubilación digna para unha vida de entrega e compromiso. Pero don Paco non sabe estar nos postos de responsabilidade e non actuar. Anunciou que a súa ía ser unha presidencia de moi pouco tempo, pero que lle ía dar o pulo necesario para rematar con asuntos como a entrada a algúns académicos que aínda non leran o discurso de ingreso, despois de vinte anos de seren elixidos.