2 minute read

Actas do “V Encontro Mundial de Confrarías do Apóstolo e Asociacións do Camiño de Santiago”. Limiar por Román Rodríguez González

ACTAS DO “V ENCONTRO MUNDIAL DE CONFRARÍAS DO APÓSTOLO E ASOCIACIÓNS DO CAMIÑO DE SANTIAGO”

LIMIAR

Advertisement

Rematado exitosamente o “V Encontro Mundial de Confrarías do Apóstolo e Asociacións do Camiño de Santiago”, realizado co patrocinio de O teu Xacobeo, cómpre testemuñar o acontecido nesta cita coas correspondentes actas, que deixan reflectido negro sobre branco o que alí se expuxo e debateu.

Estamos perante unha cita congresual que desde o Xacobeo de 1993 marca unha conta atrás para a celebración do Ano Santo. Un Encontro, polo tanto, que sinala o camiño a seguir nas dimensións espiritual, relixiosa e cristiá que definen este tempo xubilar, en conexión directa con outras tamén de plena importancia como a cultural ou a artística.

Unha cita que nos permitiu volver a amosar o carácter hospitalario do pobo galego. Tan positivamente influído polo Camiño e esa longa historia de concordia, encontro e verdadeiro europeísmo. Valores imprescindible nestes tempos que piden de todos nós xenerosidade e altura de miras para diferenciar o principal do importante e o subsidiario, amosando a nosa cara máis traballadora, solidaria e respectuosa.

Unha historia −a Xacobea−, que se pode ler nas propias paredes da que foi a sede deste Encontro: o Hostal dos Reis Católicos. Monumento creado ao abeiro dunha das virtudes teologais: a Caridade, como Hospital Real, e que serviu no seu tempo brindando acubillo e descanso aos peregrinos e atención aos enfermos. Bases da hospitalidade que hoxe caracteriza ao pobo galego, que nace ligada a esta institución, sede, como dixen, do Encontro.

Nas seguintes páxinas, prezado lector, poderá comprobar tanto a dimensión intelectual como a visión práctica do devandito Encontro no que abundaron as reflexións en clave de presente e futuro sobre as perspectivas do vindeiro Ano Santo ou do papel e labor das Confrarías e Asociacións no desenvolvemento deste. Unha ollada, polo tanto, positiva e construtiva, que mira cara ao futuro e busca o xeito de melloralo.

As últimas palabras deste saúda deben ser de agradecemento e convite a participar e sumarse á celebración do vindeiro Xacobeo 2021. Grazas á Arquidiocese de Santiago de Compostela e á Arquiconfraría Universal do Apóstolo, polo excelente labor realizado e a vostede, estimado lector, esperámolo na nosa terra galega para ese encontro co Apóstolo. Sen dúbida, sempre será benvido.

Román Rodríguez González Conselleiro de Cultura e Turismo

This article is from: