1 minute read

Andrea Mosquera Guerrero

IG: @seg.by.am

Unha táboa e dous cabaletes

Advertisement

Entre o cuarto e o o sexto atopei o mundo. Alí vivía unha mesa, unha mesa moi peculiar.A ela chegaban os primeiros raios de luz cada amencer, todas as tardes resoaban aplausos en cada poro da madeira da que estaba feita.

Cando se abría unha ventá, o vento movía as follas do xirasol que crecía por riba dela, naquel recuncho daquela galería.

Os días de choiva, a mesa sentía nostalxia e facía que o meu bolígrafo non parase de escribir; en cambio, cando eran días cheos de luz, pedíame que puxera jazz e invitábame a bailar mentres os raios entraban por todas aquelas ventás xigantescas.

A mesa, fixo que me deixase levar e rescatase todos aqueles recortes de madeira que fora gardando e que xa non lembraba que tiña, fíxome debuxar nos cristais ata que se acabou a tinta.

Aquela táboa e aqueles dous cabaletes parecía que tiñan vida propia.

A mesa tiña un desexo secreto, ela quería descubrir que había ao outro lado de todos aqueles inmensos cristais .Fíxome percorrer unha a unha todas as baldosas daquela galería, gastando un carrete tralo outro, ata que xa non quedou ningún.Todas aquelas ventás tiñan a súa historia particular, era como se un fío infinito conectase a aquela mesa co mundo exterior sen que ela o soubese.

This article is from: